Análises de sangue: como as descifrar
Conteñen máis de 1.500 palabras e, con todo, o cidadán do “montón” só coñece o significado dunhas poucas, como glicosa e colesterol. As análises de sangue inclúen numerosos termos que resultan complexos entender e interpretar. A este inconveniente cómpre engadir, ademais, que os valores de normalidade se poden reflectir de distintas formas de acordo ao criterio do laboratorio que analice a mostra. No entanto, o mellor é confiar no criterio do médico antes de alarmarse ante un resultado que non se entende. A continuación detállase cada apartado.
Análise das células do sangue: o hemograma
Os tres grupos de células presentes no sangue son: os glóbulos vermellos, os glóbulos brancos e as plaquetas.
Os glóbulos vermellos, tamén chamados hemacias ou eritrocitos, son os corpúsculos (elementos) encargados de transportar o osíxeno desde os pulmóns ata todas as células do organismo. No seu interior áchase a hemoglobina, que leva o osíxeno e é a responsable da característica cor vermella do sangue. As analíticas reflicten varios valores dos glóbulos vermellos. En primeiro lugar, é frecuente que conste o número de hemacias, expresado en millóns por milímetro cúbico, cuxos valores normais oscilan entre 4.300.000 e 5.900.000/mL. No hemograma tamén se cuantifica a hemoglobina (entre 12,5 e 17g/L) que a miúdo é proporcional ás hemacias; é dicir, cando hai anemia, tanto o número de hemacias como a cifra de hemoglobina son baixos. O hematócrito é o tanto por cento de hemacias no volume total do sangue e tamén é un bo indicador para as anemias. Os resultados aceptables son distintos en homes, dun 40,7% a un 50,3 %, que en mulleres, do 36,1% ao 44,3%.
No hemograma constan outros datos que resultan útiles: VCM (volume corpuscular medio, con valores entre 78 e 100 femtolitros, fL), que reflicte o tamaño das hemacias; HCM (hemoglobina corpuscular media, que oscila entre 27 e 32 picogramos por célula, pg/cél.), referido á cantidade de hemoglobina de cada hemacia; e CHCM (concentración de hemoglobina corpuscular media, de 32 a 36 gm/dL), que relaciona a cantidade de hemoglobina que leva a hemacia co seu volume.
Respecto dos glóbulos brancos ou leucocitos, o hemograma reflicte a súa cifra total (consta coa palabra “reconto”, con valores normais entre 3.500 e 11.000/mL) e as diferentes clases de leucocitos (recóllese como “fórmula leucocitaria”). Os leucocitos son o alicerce básico de defensa fronte aos microorganismos. O número de leucocitos aumenta nas infeccións e predomina un tipo ou outro, segundo o tipo de microorganismos (nas infeccións bacterianas aumentan os neutrófilos e nas provocadas por virus os linfocitos e os monocitos). Poden diminuír en infeccións moi graves, ante enfermidades da medula ósea ou como efecto secundario dalgún fármaco.
O hemograma estuda as plaquetas (130.000 e 450.000/mL), que interveñen na formación de coágulos sanguíneos. As enfermidades hematolóxicas e os trastornos hepáticos son as causas máis frecuentes que alteran o seu número.
Estudo da función do fígado e do ril: bioquímica
- Creatinina: as determinacións relacionadas co ril son a urea (valor normal: 10 e 40 mg/dl), a creatinina (entre 0.6 e 1.2 mg/dl) e o monograma. A creatinina é unha proteína muscular que circula polo sangue e que se elimina a través da ouriña. Os seus niveis son un dos indicadores máis precisos do funcionamento do ril. A urea mide tamén a función renal e o grao de hidratación. Aumenta na insuficiencia renal, en estados de deshidratación e en individuos con moita masa muscular.
- Ionograma: dado que unha das funcións primordiais do ril é a eliminación de auga e de electrólitos, o estudo da función renal compleméntase co ionograma, que determina os niveis de sodio, potasio e cloro. Estes últimos, en ocasións, identifícanse coas siglas da táboa periódica de elementos: Na (135-146 mEq/l), K (3,5-5,0 mEq/l) e Cl (98-106 mEq/l), respectivamente.
- Transaminases: no apartado da bioquímica tamén se estuda a función do fígado. Os valores que se mostran como GOT/ALT (valor normal entre 0 e 37 U/L ), GPT/AST (entre 0 e 41 U/L) e GGT (entre 11 e 50 U/L) corresponden ao que de forma xenérica se coñece como transaminases. Son enzimas que se achan no interior das células hepáticas. Valores por enriba dos normais denotan que hai un proceso que provoca unha inflamación. Estes procesos poden ser de índole tan variada como unha hepatite (aguda ou crónica) ou os efectos tóxicos do alcohol ou de certos fármacos.
Estudo do metabolismo: a glicosa e o colesterol
A glicosa é un azucre (hidrato de carbono) considerado como a principal fonte de enerxía para as células. Os seus niveis varían durante o día e son máximos nas dúas horas que seguen á inxestión e mínimos tras xaxúns prolongados. Os niveis normais oscilan entre setenta e cento dez miligramos por decilitro de sangue (70 mg/dL e 110 mg/dL). O diagnóstico de diabetes establécese cando hai dúas determinacións en xaxún por riba de 126 mg/dL ou unha por riba de 200 mg/dL, aínda que sexa logo dunha comida.
No caso de que os valores de glicemia estean por riba de 100mg/dL, pero por debaixo de 126mg/dL, fálase de intolerancia á glicosa, que pode indicar un estado previo de diabetes. Nestes casos, recoméndase facer un estudo de sobrecarga de glicosa que consiste en administrar un preparado con 75 g de glicosa e determinar a glicemia ás dúas horas. Se se obteñen valores entre 140 e 199 tamén se establécese o diagnóstico de diabetes.
Para o estudo das graxas ou lípidos, as analíticas determinan os valores do colesterol e os triglicéridos. Do colesterol estúdanse os seus niveis totais e algunhas das súas fraccións, que se coñecen como colesterol “bo” (HDL) e colesterol “malo” (LDL). O colesterol é un elemento imprescindible para a vida, xa que é o precursor dalgunhas hormonas e dos ácidos biliares. Dado que é unha sustancia graxa, non é soluble no auga do sangue e necesita unha lipoproteína que a transporte. As lipoproteínas máis coñecidas son a LDL e a HDL. A LDL é a responsable do transporte do colesterol aos tecidos, polo que se é elevada, contribúe a que se deposite máis colesterol nas paredes das arterias. Pola contra, a HDL retira o colesterol dos tecidos e, por ese motivo, coñécese de xeito popular como colesterol “bo”.