Guía de Compra: turróns

Turróns á carta: diversidade de sabores, prezos e calorías

Hai propostas para todos os gustos; anticiparse e planificar a compra segundo as necesidades son claves para poder aforrar máis dun 50% na súa compra
1 Decembro de 2012
Img alimentacion 3 listado

Turróns á carta: diversidade de sabores, prezos e calorías

Non só sabe a améndoa ou a mel. O turrón sabe a Nadal e ule a tradición e familia. No noso país é un dos doces de Nadal máis queridos e un dos que máis evolucionou nos últimos anos. Ata hai pouco, a maior dificultade á hora de elixir un turrón tiña que ver coa consistencia: o dilema pasaba por decantarse entre un brando e un duro. Non obstante, iso cambiou, porque a evolución chegou tamén á repostaría do nadal. Na actualidade, hai cada vez máis variedades de turróns dispoñibles no mercado: de chocolate, con froitas, sen azucre, con licor… Este paso cara á diversidade debuxa múltiples posibilidades sobre o mantel, xa que ofrece sabores e texturas novas para levar á nosa mesa. Pero, tamén, xera numerosas dúbidas no momento de decidirse por un ou outro. O obxectivo desta Guía de Compra é dar resposta a esas preguntas e coñecer en profundidade as características dun dos produtos máis tradicionais e apreciados da repostaría do noso país.

Moito máis que améndoa e mel

A tradición e o aprecio popular demostraron ser máis fortes que a crise. Nun contexto de recesión e aforro doméstico levado ao extremo, o sector do turrón é un dos poucos que conseguiu manterse estable. Aínda que algunhas consultoras independentes rexistran un lixeiro descenso nas vendas de turróns, segundo datos da Asociación de Fabricantes de Turrones y Mazapanes (TUMA), a venda deste produto aumentou un 3,7% no último ano. O segredo? As exportacións. Ademais de Latinoamérica -que herdou a tradición turroneira de España-, países como Estados Unidos, Francia, Italia e Alemaña encabezan a lista de importadores de turrón cunha vantaxe moi importante: neles véndese e consómese durante todo o ano. De aí que, no último exercicio, se exportaran máis de 3.500 toneladas.

No noso país, non obstante, o consumo é aínda moi estacional: está ligado a estas datas e celebracións especiais. Isto explica que a competencia entre marcas e fabricantes sexa cada vez maior; e non só no prezo (que tamén pois apenas aumentou un 1% no último ano), senón na diversidade. Abonda con percorrer os lineais do supermercado para aprecialo. Nestes momentos calquera cidadán pode comprobar que se elaboran e se venden turróns para todos os petos e todos os gustos. Pero, como evitar confundirse entre tantas propostas? A primeira distinción que debemos facer é entre o turrón tradicional, “o de toda a vida”, e as novas propostas, máis variadas e innovadoras, que inclúen outros ingredientes e, mesmo, poden prescindir dos compoñentes típicos do turrón orixinal, isto é, azucre, froitos secos e mel.

Así, a variedade crecente pódese agrupar en tres categorías: o turrón duro, o brando e os variados. Mención á parte merecen os turróns de chocolate -os máis apreciados polos nenos e os máis vendidos entre os adultos-, o grao de sofisticación e cuxa diversidade aumentou co paso dos anos. Nalgúns casos, de feito, aseméllanse en formato e consistencia ás libras de chocolate que se poden atopar noutros momentos do ano.

  • Turrón duro. Os seus ingredientes principais son os froitos secos tostados, mesturados con clara de ovo, azucre e mel. Entre os froitos secos máis utilizados para a súa elaboración atópanse as améndoas, as abelás, os piñóns e as noces, aínda que o protagonismo o levan as améndoas. Os embaixadores do turrón duro son dous: o de Alacante e o de Agramunt, ambos os dous con denominación de orixe.
  • Turrón brando. O máis coñecido -o de Xixona- tamén está composto por froitos secos, clara de ovo, azucre e mel. A diferenza está na textura e nunha preparación máis laboriosa, que esixe movementos compensados para a mestura e moita dedicación. Pero tamén entra nesta categoría o turrón de xema tostada que, segundo conta a lenda gastronómica, se inventou para aproveitar as xemas que non se utilizaban na elaboración dos demais turróns.
  • Turróns variados. Conforman o grupo máis variado e innovador, e os seus nomes cambian segundo o resto de ingredientes que conteñan á parte do azucre, o mel, as améndoas ou o ovo. En xeral, son brandos, aínda que algúns -os de chocolate, sobre todo- poden ser duros ou, polo menos, crocantes. Estes turróns substitúen ás améndoas por outros froitos secos ou azucres, ou outros ingredientes, como arroz inflado, coco, lácteos, licores ou froitas. Ademais, poden encherse ou cubrirse con produtos de pastelaría, de modo que hai tantas opcións como o experto imaxine.

Á hora de elixir, pois, a primeira gran pregunta que debemos responder é se queremos un turrón duro ou un brando. A composición, como se dixo, é moi similar, pero varía notablemente a textura. Hainos xenéricos (máis económicos) e con denominación de orixe. Se ben a preferencia por uns ou outros é moi persoal, convén ter en conta algunhas cuestións prácticas.

  • O turrón duro pode supoñer un inconveniente para as persoas maiores polas dentaduras postizas ou problemas dentais e para os mozos que usen ortodoncia. A cambio, tárdase máis tempo en rematar un bocado, cómese menos, inxírense menos calorías e rende máis.
  • Os turróns brandos: a súa consistencia permite comelos con rapidez e é máis doado, polo tanto, excederse coas calorías. En contrapartida, son os máis innovadores e ademais do tradicional, hai unha enorme gama de opcións e sabores.

O turrón, gramo a gramo

A base do turrón componse de azucre, améndoas e mel, aínda que tamén hai múltiples versións que inclúen o chocolate entre os seus principais ingredientes. Non é de estrañar, xa que o turrón de chocolate irrompeu con forza nos fogares españois e, hoxe en día, é o máis vendido (esta variedade supón o 43% das vendas globais). O turrón -tradicional ou innovador- é un doce; un alimento cuxa achega calorífica é moi elevada, mesmo nas súas versións light ou sen azucres engadidos. Os valores oscilan entre as 500 e as 590 kcal por cada 100 g. É dicir, unha barra de turrón típico (300 g) contén de media unhas 1.700 kcal. Os hidratos de carbono ocupan a metade da súa composición nutricional, aínda que tamén é importante destacar a presenza de graxas vexetais procedentes das améndoas ou dalgún outro froito seco. Este é un tipo de graxa saudable que achega beneficios ao organismo. Agora ben, non hai que esquecer que o turrón tamén contén graxas saturadas (ao redor dun 8%), o que fai que este doce non sexa apto para un consumo diario excesivo.

Non obstante, non hai por que asustarse, xa que o turrón se adoita comer en pequenas cantidades, co que a achega de final de calorías non é tan elevada cando se goza con mesura. É dicir, o turrón pódese comer sempre e cando se faga con moderación. Para non cometer excesos, convén ter presentes as seguintes recomendacións:

  • É conveniente non comer turrón entre horas.
  • Aconséllase tomar algo de froita despois da comida ou da cea e antes das sobremesas nas que predomina o turrón, xa que así comeremos menos cantidade.
  • É conveniente evitar os turróns que conteñan numerosos ingredientes (chocolate, coco, xema etc.), xa que achegan moitas máis calorías.
  • Hai tamén unha grande variedade de turróns sen azucre que conteñen, no seu defecto, edulcorantes artificiais. Son máis light e achegan menos calorías, pero son menos naturais.
  • O turrón tradicional menos calorífico é o brando, de Xixona.

Resulta máis laborioso elaborar turrón brando ca a duro, ainda que ambos os dous están compostos de froitos secos

Para facerse unha idea das calorías que contén o turrón -30 g é a cantidade recomendada como porción- resulta moi útil coñecer as seguintes equivalencias:

  • 100 g de turrón achegan unhas 500 kcal e 30 g achegan 150 kcal
  • A mesma cantidade (100 g) de:

    • hamburguesa con queixo, 540 kcal
    • touciño entrefebrado frito, 300 kcal
    • espaguetes con manteiga, 210 kcal
    • marmelada light, 120 kcal
    • brócoli, 30 kcal
    • espárragos frescos, 20 kcal

Noutras palabras, media barra de turrón equivale a dous quilos e medio de brócoli. Non obstante, isto non significa que debamos privarnos deste manxar; tan só que é importante comelo con moderación e gozalo ao máximo.

O mellor turrón para...

A variedade, en ocasións, desconcerta. E cando se trata de gastar diñeiro pode ter repercusións negativas. Pode levarnos a comprar de máis -“polas dúbidas”-, de menos – “para non dar tantas voltas”-, ou simplemente a equivocarnos na elección. Por iso, antes de coller o carriño ou a cesta de compra, é conveniente pensar sobre algunhas cuestións. Por exemplo, cantas persoas van comer turrón, cales son as súas necesidades e os seus gustos, se se trata dun regalo ou se o importante é aforrar. A seguinte lista confeccionouse a xeito de orientación con ese propósito.

Para larpeiros

Os turróns son doces por natureza, pero algunhas variedades sono máis aínda. Os que non teñen temor a empacharse poden probar o turrón de tres chocolates (EROSKI) ou o Praliné de brownie (Lacasa). A presentación habitual é de 300 g, aínda que os hai máis pequenos (de 200 g).

  • Prezo por barra: entre 2 e 5 euros.
  • Prezo por quilo: entre 6,70 e 16,70 euros.
  • Prezo por porción: entre 0,20 e 0,50 euros.

Para nenos

Os nenos son os que máis gustan do chocolate. E, tamén, das galletas. Proba diso é que distintas marcas apostaron este ano por incluír galletas recoñecidas (Oreo, María, Chiquilín) entre os ingredientes dos seus turróns… sen abandonar o chocolate! Entre as innovacións, destaca o Turrón de Lacasitos (Lacasa que inclúe á parte unha bolsiña con doce destes doces para seguir as badaladas de Noitevella. Non obstante, os menos caloríficos son os máis sinxelos: o Turrón Basic con chocolate crocante (EROSKI), que ten 181 kcal cada 100 g, e o Suchard clásico (Kraft), que ten 184 kcal cada 100 gr. A barra deste último é algo máis pequena (285 g) e non é recomendable para nenos con intolerancia ao glute, xa que pode conter trazas de trigo.

  • Os prezos: entre 1,50 e 3 euros.

Para os máis atrevidos

Aínda que o turrón é un doce tradicional, faille chiscadelas á repostaría e admite certa innovación de texturas como milfollas, e de sabores como piña. Os que gustan da creatividade, poden probar os praliné de piña, de milfollas e de nata (Lacasa) e o Turrón de doce de leite (Nestlè). Hainos en barras de 200 g e de 300 g.

  • Prezo por barra: entre 3 e 5 euros.
  • Prezo por quilo: entre 10 e 16,70 euros.
  • Prezo por porción: entre 0,30 e 0,50 euros.

Para quedar como o mellor anfitrión

Os turróns son un excelente regalo para estas datas de Nadal, e moitas veces obséquiase como un detalle laboral ou empresarial. A dificultade é que non sempre se coñecen os gustos do agasallado. Por iso, o mellor é apostar polos clásicos de calidade, é dicir por turróns duros e brandos de confección artesá cun 67% ou máis de améndoas marcona na súa composición. Estas améndoas están consideradas como a mellor variedade polo seu sabor, a súa calidade e porque requiren uns coidados e un clima moi específico para desenvolverse en plenitude. Algunhas suxestións: turrón de Xixona e de Alacante de 1880 (marca que presume de ser a máis cara do mundo) e SeleQtia EROSKI duro e brando, que cumpre con estes parámetros de calidade, pero é máis alcanzable.

  • Prezo por barra: entre 4 e 10 euros.
  • Prezo por quilo: entre 13,40 e 33,40 euros.
  • Prezo por porción: entre 0,40 e 1 euro.

Para gozar sen gastar moito

Se o importante é aforrar sen renunciar por iso á variedade e ao bo gusto, as mellores alternativas son os turróns Basic brando e duro (EROSKI), que contan cun 64% e cun 60% de améndoas, respectivamente, e o turrón de froitas, de calidade suprema (EROSKI).

  • Prezo por barra: entre 1,50 e 2,50 euros.
  • Prezo por quilo: entre 5 e 8,40 euros.
  • Prezo por porción: entre 0,15 e 0,25 euros.

Turróns especiais para persoas especiais

Existen diversos turróns sen glute, aptos para o consumo de celíacos. Todos eles locen unha etiqueta que o indica con claridade nos seus envoltorios. En cambio, non hai tantos turróns que sexan aptos para o consumo de persoas diabéticas, e é importante destacar que todos conteñen algo de azucre, se non agregada, procedente dos seus propios ingredientes. Os máis recomendados son, polo tanto, aqueles que non levan azucres engadidos: o Turrón Imperial Sannia (EROSKI), que apenas contén 0,4 g de azucre en 200 g de produto, e os turróns de xema tostada (EROSKI e Delaviuda), que teñen unha proporción similar (0,5 g/200 g). Entre os máis desaconsellados: o turrón de crema de améndoa, cuxa proporción de azucre dispárase a 2,6 g cada 200 de turrón.

  • Prezo por barra: entre 2,50 e 4,50 euros.
  • Prezo por quilo: entre 12,50 e 22,50 euros.
  • Prezo por porción: entre 0,40 e 0,70 euros.

Para compracer todos os gustos

En ocasións, custa elixir. Pode acontecer que na casa haxa tantas preferencias como membros da familia, ou que un mesmo queira gozar de varios sabores e texturas. En calquera caso resultará excesivo comprar turróns enteiros de cada tipo porque sobrarán. Para estas situacións, existe un formato ideal: o da selección, ou degustación, que combina porcións individuais de distintos tipos de turróns (brandos, duros, de xema, de froitas, de chocolate…) nun único paquete. Algúns exemplos: El Almendro Variedad e Sannia Selección (EROSKI), este último, sen azucres engadidos.

  • Prezo por paquete: entre 4 e 4,50 euros.
  • Prezo por quilo: entre 13,40 e 15 euros.
  • Prezo por porción: entre 0,40 e 0,45 euros.

Como aforrar máis dun 50% na compra de turróns

Facer as compras do nadal con antelación supón un aforro importante por varias razóns. A máis evidente é que se evitan as subidas de prezos dos últimos días do ano. Pero hai outras. Anticiparse ao vórtice comercial permite planificar con calma que produtos se van adquirir, comparar os prezos e os artigos con tranquilidade, evitar as compras impulsivas, graduar o gasto e, ata, deseñar unha lista e un orzamento acorde coas nosas posibilidades. Este razoamento, que se repite unha e outra vez cando se achega fin de ano, tamén é válido para a compra de turróns.

Para comprobalo (e cuantificalo), EROSKI CONSUMER realizou un exercicio comparativo entre dúas familias tipo e tres clases de cestas. A familia A está composta por unha parella e un neno. A familia B está representada por unha parella, tres nenos e un avó. Para determinar as cantidades de turrón de cada cesta (equivalentes en todos os casos) hanse ter en conta as recomendacións de consumo (30 g por persoa), a tempada en que os turróns se consomen a diario (dúas semanas: do 22 de decembro ao 6 de xaneiro) e as ocasións en que se serve este doce en maior cantidade (cinco: Noiteboa, Nadal, Noitevella, Aninovo e Reis). Para estes días sinalados, calculouse o dobre de consumo por persoa (é dicir, dous bocadiños en lugar dun). Así mesmo, ao confeccionar as cestas do nadal, incluír “turrón de máis” (en concreto, dúas barras por familia) para ter en conta situacións habituais (invitados a cear, unha visita inesperada, un consumo algo maior que a cantidade recomendada etc.).

En función destes parámetros, a Familia A comprará unhas 8 barras de turrón (catro para os adultos, dúas para os nenos e dúas para as visitas), mentres que a familia B -máis numerosa-, comprará 14 (seis para os adultos, seis para os nenos e dúas para as visitas). O interesante é que, sen variar esas cantidades, é posible modificar o gasto de xeito significativo e lograr un aforro de ata un 59%; isto é, uns 40 euros menos. Como? Elixindo as marcas brancas ou combinándoas con outras máis recoñecidas. Para ilustralo, a continuación, ofrécense varios exemplos de cestas co seu custo estimado e o aforro que supón.

Familia A: Dous adultos e un neno, 8 turróns

  • Cesta 1 (38 euros)

    • Adultos e visitas: un turrón de Alacante 1880, un turrón de Xixona, un praliné de crema catalá Delaviuda, un praliné de brownie Lacasa, un turrón EROSKI Sannia de xema tostada, un turrón de froitas EROSKI calidade suprema.
    • Neno: un turrón de Lacasitos e un turrón Suchard con galletas Oreo.
  • Cesta 2 (27 euros)

    • Adultos e visitas: un turrón SeleQtia duro, un turrón SeleQtia brando, un praliné de crema catalá Delaviuda, un praliné de trufa Lacasa, un turrón tres chocolates EROSKI calidade suprema, un turrón de xema EROSKI calidade suprema.
    • Neno: un turrón Suchard clásico e un turrón EROSKI de chocolate con galleta. Comparado coa cesta 1, o aforro é de 11 euros (un 29% menos).
  • Cesta 3 (18 euros)

    • Adultos e visitas: un turrón EROSKI Basic duro, un turrón EROSKI Basic brando, un praliné de crema catalá EROSKI calidade suprema, un praliné de nata e amorodo Delaviuda, un turrón de xema EROSKI calidade suprema, un turrón de froitas EROSKI calidade suprema.
    • Neno: un turrón EROSKI Basic con chocolate crocante, un turrón EROSKI de chocolate con galleta. Comparado coa cesta 1, o aforro é de 20 euros (un 53% menos).

Familia B: Tres adultos e tres nenos, 14 turróns

  • Cesta 1 (68 euros)

    • Adultos e visitas: dous turróns de Alacante 1880, dous turróns de Xixona 1880, un praliné de crema catalá Delaviuda, un praliné de brownie Lacasa, un turrón EROSKI Sannia de xema tostada, un turrón de froitas EROSKI calidade suprema.
    • Nenos: dous turróns de Lacasitos, dous turróns Suchard con galletas Oreo, dous turróns Suchard clásico.
  • Cesta 2 (46 euros)

    • Adultos e visitas: dous turróns SeleQtia duro, dous turróns SeleQtia brando, un praliné de crema catalá Delaviuda, un praliné de trufa Lacasa, un turrón tres chocolates EROSKI calidade suprema, un turrón de xema EROSKI calidade suprema.
    • Nenos: dous turróns Suchard clásico, dous turróns EROSKI de chocolate con galleta, dous turróns de Lacasitos. Comparado coa cesta 1, o aforro é de 22 euros (un 32% menos).
  • Cesta 3 (28 euros)

    • Adultos e visitas: dous turróns EROSKI Basic duro, dous turróns EROSKI Basic brando, un praliné de crema catalá EROSKI calidade suprema, un praliné de nata e amorodo Delaviuda, un turrón de xema EROSKI calidade suprema, un turrón de froitas EROSKI calidade suprema.
    • Nenos: dous turróns Suchard clásico, dous turróns EROSKI Basic con chocolate crocante, dous turróns EROSKI de chocolate con galleta. Comparado coa cesta 1, o aforro é de 40 euros (un 59% menos).

A selección de turróns incide no prezo final e o aforro. Por esa razón, é tan importante facer as compras con tempo. É interesante recordar que, a diferenza doutros produtos -como o marisco, por exemplo-, o prezo dos turróns non se dispara ata o punto de ser prohibitivo en moitos fogares cando chega a fin de mes. E, aínda que son produtos de consumo estacional, a súa prolongada vida útil favorece que estean dispoñibles durante máis tempo: case sempre son os primeiros en aparecer e os últimos en marchar da tenda.

Á hora de comprar, isto significa que é posible adquirir os turróns con antelación, elixir uns ou outros sen présas, atopar os que máis gustan (e conveñen) e conservalos na casa sen necesidade de ocupar espazo na neveira. De feito, quen gustan do doce poden considerar a posibilidade de comprar algún turrón de máis para gozalo noutros momentos do ano. A gran vantaxe deste tipo de produtos é que se manteñen en perfecto estado durante longos períodos de tempo.

Por outra banda, cando comezan as campañas de vendas é habitual atopar ofertas, descontos e promocións que desaparecen ao achegarse o Nadal. Así, con algo máis de tempo pódense ler mellor as etiquetas e ponderar diferentes parámetros: calidade, prezo, ingredientes, métodos de elaboración, denominacións de orixe… E, por suposto, a cantidade real de turrón que se vai necesitar.