Unha proporción relevante de productos ecolóxicos contén residuos de pesticidas
Analizáronse 59 alimentos elaborados, deles 33 ecolóxicos e os outros 26 convencionais, non ecolóxicos. Unha vez adquiridos polo consumidor, o que máis distingue ós productos ecolóxicos é que a lexislación lles esixe a ausencia de residuos de pesticidas, aínda que se lles admite un nivel de residuos “insignificante” no caso de contaminacións ambientais. Os alimentos convencionais procesados non teñen que respectar límites de residuos fixados nunha normativa específica, aínda que se toman como referencia os límites dos diversos alimentos non procesados (hortalizas, froitas, cereais e algúns productos de orixe animal) que os compoñen. Estes límites son inferiores ós que se considera que poderían prexudica-la saúde do consumidor. De tódolos xeitos, o desexable é que a cantidade de residuos presente nos alimentos sexa cero.
CONSUMER realizoulles unha análise multiresidual a 33 productos ecolóxicos procesados para detecta-la presencia de substancias activas non autorizadas (fundamentalmente, pesticidas). E someteu á mesma análise a 26 productos semellantes non ecolóxicos, de marcas moi coñecidas. As 203 substancias activas estudiadas son as de maior incidencia nestes alimentos: insecticidas organoclorados e fosforados, piretroides, acaricidas, herbicidas e funguicidas. E os alimentos ecolóxicos analizados son leite e derivados (iogur e leite), graxas comestibles (margarina, manteiga e aceite), cereais para o almorzo (muesli, flocos de millo e flocos de avea), cereais (derivados do arroz), bebidas non lácteas (de soia e de arroz), fariñas e derivados (macarróns), conservas (marmelada) e preparados alimenticios (caldos vexetais). En xeral, os ecolóxicos saen máis caros debido a que os poucos praguicidas (naturais) autorizados son máis caros e menos eficientes, á maior necesidade de man de obra e ó menor rendemento obtido en cada colleita.
A principal conclusión da análise é que o control na producción de alimentos ecolóxicos transformados non é abondo, xa que non consegue a ausencia de residuos en tódolos casos.
O valor engadido esencial dos productos ecolóxicos é o respecto ó medio natural que comporta a producción ecolóxica e o seu compromiso co desenvolvemento sostible. Aínda que haxa unha corrente de opinión que defende que son máis nutritivos e saudables cós convencionais, isto é moi discutible se se toma como referencia o actual coñecemento científico. Pero ninguén discrepa das vantaxes que a producción ecolóxica representa para o noso contorno: non se utilizan substancias tóxicas, recórrese a sistemas máis axeitados de rotación dos cultivos, non se contamina o ambiente, non se desertizan os terreos, evítase que se dilapide enerxía e auga, e non se destrúen plantas ou animais necesarios para o desenvolvemento do ecosistema. Ademais, ó precisar máis man de obra, aumenta o emprego no sector agrícola.
Os resultados da análise
No 21% dos productos ecolóxicos analizados detectáronse pesticidas prohibidos pola norma. Pero o máis sorprendente é que só o 15% dos alimentos non ecolóxicos presentaron residuos: dous mueslis e dous aceites de oliva. Ademais, as cantidades de residuos atopadas nos alimentos non ecolóxicos non foron superiores ás detectadas nos ecolóxicos. Dos sete ecolóxicos nos que se detectaron residuos, tres eran cereais para o almorzo, dous aceites de oliva virxe, outro tratábase de macarróns de trigo integral e o último, unha bebida a base de arroz.
Por outra banda, só en dous productos (un ecolóxico -muesli- e outro convencional, un aceite de oliva virxe extra), a cantidade de residuo pode considerarse importante, xa que supera o LMR (límite máximo de residuos) admitido para algúns productos frescos. A cantidade de residuos detectada nos ecolóxicos foi tan pequena que (sen que se poida descarta-lo uso de pesticidas), o diagnóstico de CONSUMER é “contaminación” para seis das sete mostras que deron positivo. Só nunha, Bio muesli fibra Es Gir, que rexistrou un total de 0,46 mg/quilo na suma de tres pesticidas distintos, é máis probable que a presencia de residuos se deba a outras causas. É dicir, que esta presencia -agás a excepción citada- podería non se deber ó uso de pesticidas no cultivo, senón a circunstancias alleas á vontade do agricultor: unha, a contaminación cruzada, por vía aérea (procedente de cultivos non ecolóxicos tratados con productos fitosanitarios por non gardarse a separación obrigatoria entre ámbolos tipos de cultivo) ou na fábrica por unha deficiente limpeza do silo de almacenamento ou de liñas de producción que elaboran alimentos ecolóxicos e outros que non o son. A segunda causa non relacionada co emprego fraudulento de productos fitosanitarios é que o período de reconversión preciso para que un terreo de cultivo convencional se converta en apto para o cultivo ecolóxico sexa insuficiente. Os consellos reguladores de producción ecolóxica obrigan ós agricultores a someteren estas leiras de explotación convencional a un período de reconversión de cando menos dous anos antes da sementeira, no que o labrego abandona as técnicas tradicionais e emprega as ecolóxicas. Durante estes dous anos non pode comercializarse ese producto como ecolóxico. Pero non está claro que este período de reconversión sexa abondo para garanti-la desaparición de pesticidas do medio de cultivo: algúns fabricantes manteñen que, aínda que para certos pesticidas este período é incluso excesivo, para outros, como a simazina (detectada nos dous aceites ecolóxicos que deron positivo) pode resultar insuficiente.
Os residuos que contiñan os productos ecolóxicos
As substancias activas detectadas foron: Pirimifos metil, insecticida utilizado en cultivos de alfalfa, cereais de inverno, cítricos, froiteiras agrícolas e hortícolas. Tamén se emprega na desinfección de silos e almacéns baleiros. Detectouse en catro productos ecolóxicos. Exceptuando Bio muesli fibra Es Gir (0,11 mg/ kg), no resto detectáronse cantidades pequenas: 0,02 mg/kg nunha e 0,01 mg/kg nas outras dúas. Iprodiona, un funguicida (anti-fungos) para o control de Botrytis e outras enfermidades fúnguicas. Detectouse en Bio muesli fibra Es Gir (0,24 mg/kg), proporción demasiado elevada como para atribuíla a unha contaminación. Pirimetanil, funguicida para o control de Botrytis. Cuantificáronse 0,11 mg/quilo de priimetanil en Bio muesli fibra Es Gir, que deu positivo noutras dúas substancias prohibidas. O-fenil fenol, funguicida para a prevención de apodrecementos. Rexistrouse 0,01 mg/quilo nunha mostra. Clorpirifos etil, insecticida e acaricida para cereais. Detectáronse 0,03 mg/quilo nunha mostra. Simazina, herbicida para o control de malas herbas, que pode ser absorbido por plantas con moita raíz, coma as oliveiras. Deron positivo dous aceites de oliva virxe: 0,04 mg/kg e 0,03 mg/kg.
Máis sobre productos ecolóxicos
Empréganse técnicas respectuosas co contorno e prescíndese do emprego de fertilizantes e praguicidas químicos de síntese, apoiándose en alternativas coma o control biolóxico de pragas, as asociacións e rotacións de cultivos, o cultivo de fertilizantes verdes ou o aumento da biodiversidade mediante a utilización de sebes e permanencia de malezas.
Os alimentos ecolóxicos procesados son productos ecolóxicos primarios sometidos a transformación, conservación e envasado, elaborados cono métodos que respectan o medio natural. Os principios da agricultura ecolóxica son mante-la diversidade dos cultivos respectando o sistema adecuado de rotación, empregar fertilización orgánica (esterco, fertilizantes orgánicos e minerais), utiliza-las sementes e razas autóctonas máis adaptadas ás condicións locais do cultivo, substituí-los productos químicos de síntese por outros de orixe natural de baixa solubilidade, rapidamente biodegradables e de baixo impacto e empregar materiais e substancias biodegradables ou que poidan ser recicladas, por exemplo na embalaxe e etiquetaxe.
A lexislación aplicable a estes productos é o Regulamento C.E.C. 2092/91 de 24 de xuño. Establécese unha listaxe de productos autorizados e limítase o emprego de ingredientes de orixe non agraria e de auxiliares tecnolóxicos, amais de se prohibi-lo emprego de organismos modificados xeneticamente e os tratamentos ionizantes. A responsabilidade de controla-lo cumprimento desta norma recae nos Consellos ou Comités de Agricultura Ecolóxica (CAE), que deben realizar controis sobre os libros de rexistro dos productores, os tratamentos efectuados, as materias primas e as empresas envasadoras.
Os productos ecolóxicos portan un distintivo ou etiqueta de garantía numerada que certifica o seu cultivo ecolóxico. Este distintivo é emitido, en cada comunidade autónoma, polo correspondente CAE. Algúns teñen deseños diferentes, o que dificulta a súa identificación, pero todos teñen a lenda “Agricultura ecolóxica”.
Agricultura convencional, producción integrada e producción ecolóxica
Na producción ecolóxica está prohibido o uso de productos químicos de síntese (acéptanse os de orixe orgánica) no cultivo e, polo tanto, a presencia dos seus residuos no producto, aínda que, non sen certa ambigüidade, se admite “un nivel de residuos insignificantes no caso de contaminacións ambientais”. A producción integrada utiliza métodos respectuosos co medio natural mantendo a rendibilidade da explotación. Debe facer un uso racional dos productos fitosanitarios, dando prioridade ós de orixe biolóxica; só se poderán empregar productos químicos de síntese cando sexan imprescindibles. Na agricultura convencional pódense usa-los productos fitosanitarios dun xeito menos restrictivo, pero a cantidade de residuos presentes nos alimentos non ecolóxicos non pode supera-lo “Límite máximo de residuos” (LMR), ou cantidade máxima de residuos admitidos para cada producto non elaborado (vexetais, froitas, etc.). Este límite non é un límite toxicolóxico a partir do cal se produzan danos na saúde do consumidor, senón que fai referencia ás boas prácticas fitosanitarias dos fabricantes. A Inxestión Diaria Admisible (IDA) si é un parámetro de seguridade e defínese como a cantidade máxima dun producto fitosanitario que as persoas poden consumir a cotío durante toda a súa vida sen risco para a súa saúde. O valor do LMR é sempre inferior ó da IDA.
Para distingui-los alimentos elaborados mediante estes tres tipos de producción, basta con olla-la etiqueta: os convencionais non incorporan distinción ningunha mentres que os outros locen as lendas “Producción integrada” e “Agricultura ecolóxica”.
A UE regula desde 1991 as indicacións das etiquetas dos productos ecolóxicos. Admite certos vocábulos para identificalos: “ecolóxico” en España, “biolóxico” en Italia e Portugal, e “orgánico” en Inglaterra.
En 1999 a UE introduciu unha modificación no Regulamento, de xeito que “Bio” e “Eco” tamén se consideraban indicacións válidas para productos ecolóxicos. O Goberno español adoptou a norma UE de 1991 nun Real Decreto de 1993, que establecía que para identificar estes productos se podían emprega-las expresións “ecolóxico”, “obtido sen o emprego de productos químicos de síntese”, “biolóxico”, “orgánico”, “biodinámico”, “eco” e “bio”.
Algúns productores do sector lácteo comercializan os seus productos coa denominación “Bio” aínda que non sexan alimentos ecolóxicos. En maio do 2001, o Ministerio de Agricultura publicou un Real Decreto que restrinxía as expresións a un único termo, “ecolóxico”, e ó seu prefixo “eco”. Os productores ecolóxicos presentaron un recurso ante o Tribunal Superior e interpuxeron denuncias ante a Comisión Europea e o Valedor do Pobo español e o seu homónimo europeo. Pola súa banda, a Comisión europea emprazou ó goberno español a que anule esta norma, “incompatible co ordenamento xurídico europeo” porque admite chamar “bio” a productos non ecolóxicos.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse 59 productos alimenticios procesados, dos que 33 eran ecolóxicos, mentres que 26 eran non ecolóxicos e de marcas moi coñecidas.
- A norma de productos ecolóxicos esixe ausencia de residuos de productos químicos de síntese (pesticidas e fertilizantes), aínda que admite un nivel de residuos “insignificante” no caso de contaminacións ambientais.
- Os non ecolóxicos poden conter estes residuos sempre que respecten uns límites que, partindo de estudios toxicolóxicos, se consideran seguros.
- Mentres que dos 26 alimentos non ecolóxicos só 4 presentaron residuos de pesticidas (dous mueslis e dous aceites de oliva), dos 33 ecolóxicos fixérono un total de sete: tres de cereais e derivados, un de fariñas e derivados, unha bebida non láctea e dous aceites de oliva.
- As pequenas cantidades de residuos detectadas en seis destes sete alimentos ecolóxicos poderíanse deber a causas involuntarias: contaminacións cruzadas no cultivo ou no proceso de elaboración, ou ben períodos insuficientes de reconversión do cultivo convencional ó ecolóxico.
- Os alimentos ecolóxicos resultan máis caros debido a que os sistemas de producción son máis lentos e as necesidades de man de obra maiores.
- O principal valor engadido dos productos ecolóxicos é o seu respecto ó medio natural e o seu compromiso co desenvolvemento sostible. A tese de que son máis nutritivos e saudables é, atendendo ó coñecemento científico actual, moi discutible.
PRODUCTOS ECOLÓXICOS | MARCA | RESULTADOS ANALÍTICOS (mg/kg)Pistas | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Iprodiona | Piri- metanil | Pirimifos metil | o-fenil fenol | Clorpirifos etil | Simazina | ||
Bio Muesli fibra | ES GIR | 0,24 | 0,11 | 0,11 | Ausencia | Ausencia | Ausencia |
Flocos de avea integral agricultura ecolóxica | BIOCOP | Ausencia | Ausencia | Ausencia | 0,01 | Ausencia | Ausencia |
Flocos de avea ecolóxicos | ES GIR | Ausencia | Ausencia | 0,01 | Ausencia | Ausencia | Ausencia |
Pasta de trigo integral cultivo ecolóxico | BIOCOP | Ausencia | Ausencia | 0,02 | Ausencia | 0,03 | Ausencia |
Bebida a base de arroz | VITARIZ LINEA RISO | Ausencia | Ausencia | 0,01 | Ausencia | Ausencia | Ausencia |
Aceite de oliva Virxe Extra ecolóxico | CARBO- NELL | Ausencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia | 0,04 |
Aceite de oliva Virxe Extra ecolóxico | ROMÁNICO | Ausencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia | 0,03 |
PRODUCTOS ECOLÓXICOS | MARCA | Interpretacióntécnica (2) |
---|---|---|
Bio Muesli fibra | ES GIR | Cantidades elevadas.Supera o límite de residuos de productos non procesados como avea, pasas e figos secos, aínda que non o faga nos límites doutros productos, como o trigo ou o centeo. |
Flocos de avea integral agricultura ecolóxica | BIOCOP | A cantidade detectada é moi baixa. Posible contaminación. |
Flocos de avea ecolóxicos | ES GIR | A cantidade detectada é moi baixa. Posible contaminación. |
Pasta de trigo integral cultivo ecolóxico | BIOCOP | As cantidades detectadas son baixas. Posible contaminación. |
Bebida a base de arroz | VITARIZ LINEA RISO | A cantidade detectada é moi baixa. Posible contaminación. |
Aceite de oliva Virxe Extra ecolóxico | CARBO- NELL | Posible contaminación, debida a un período de reconversión insuficiente do terreo de cultivo. |
Aceite de oliva Virxe Extra ecolóxico | ROMÁNICO | Posible contaminación, debida a un período de reconversión insuficiente do terreo de cultivo. |
(1) Analizouse en 33 alimentos ecolóxicos procesados a posible presencia de 203 substancias activas (fundamentalmente, pesticidas) prohibidas na normativa de productos ecolóxicos. Rexistráronse 7 positivos, os que figuran no cadro.
(2) A presencia destes residuos pódese deber a diversas razóns, incluído o uso de productos fitosanitarios non autorizados. De tódolos xeitos, os técnicos de CONSUMER, en cada producto no que se detectaron residuos, valoraron as posibles causas da presencia destes residuos.
En negra, os sete con residuos de pesticidas non autorizados
GRUPO DE ALIMENTO | Producto ecolóxico analizado | Marca |
---|---|---|
Leite e derivados | Iogur natural ecolóxico | Demeter |
Leite Pascual Ecolóxico semidesnatado | Pascual | |
Leite Ecolóxico enteiro | President | |
Graxas comestibles | Margarina biolóxica | Land Krone |
Manteiga biolóxica | Bio | |
Aceite de oliva Virxe Extra Ecolóxico | Carbonell | |
Aceite de oliva Virgen Extra Ecológico |
Románico | |
Cereais para o almorzoe derivados | Flocos de Avea ecolóxicos |
Esair |
Flocos de millo Bio | Bjorg | |
Muesli Ecolóxico | Biocop | |
Muesli biolóxico | Le Goût de la Vie | |
Muesli biolóxico | Perlinger | |
Bio Muesli fibra | Es Gir | |
Bio Muesli froitas | Es Gir | |
Flocos de avea integral agricultura ecolóxica | Biocop | |
Flocos de millo Bio de cultivo ecolóxico | Es Gir | |
Tortas de arroz ecolóxicas | Biocop | |
Biscotes de arroz de cultivo biolóxico | Nomen | |
Arroz integral agricultura ecolóxica | Calasparra | |
Arroz integral ecolóxico | La Cigala | |
Arroz de cultivo ecolóxico | Nomen | |
Bebidas non lácteas | Bebida de soia ecolóxica | Hijas de Sol Sojasol |
Bebida de soia ecolóxica | Grano Vita | |
Bebida a base di Riso da Agricultura Biolóxica |
Vitariz Linea Riso | |
Bebida de arroz ecolóxico | Veglip | |
Bebida de arroz ecolóxico | Diet Rádison | |
Bebida de arroz orixinal ecolóxica | Lima | |
Bebida de soia cultivo ecolóxico | Gerblé | |
Fariñas e derivados | Pasta de trigo integral cultivo ecolóxico |
Biocop |
Conservas | Marmelada amorodo ecolóxica | Le Goût de la Vie |
Preparados alimenticios | Caldo vexetal biolóxico | Perlinger |
Caldo vexetal ecolóxico | Grano Vita | |
Caldo de verduras ecolóxico | Bjorg |