Pantalla TFT

O mundo é plano

As pantallas planas de cristal líquido, por prezo e prestacións, xa son unha alternativa real
1 Febreiro de 2003
Img internet listado 122

O mundo é plano

/imgs/20030201/internet01.jpg
Se hai algún aparello tecnolóxico que non está case caduco (ou á metade de prezo) ó pouco de mercalo, ese é o monitor. Aínda que se engloba dentro da categoría de ‘periférico’ (coma a impresora ou o rato), o monitor é un compoñente que hai que estudiar con tanta ou máis atención cá memoria RAM, o disco duro, a tarxeta de vídeo ou calquera outro elemento ‘estrela’ da computadora. Diso depende a saúde dos teus ollos.

O monitor de toda a vida, ese que se asemella á tele, é de tubo de raios catódicos (CRT: catodic ray tube) e segue sendo aínda o rei dos PCs de escritorio. Pero a evolución dos monitores de pantalla plana e a rápida caída dos seus prezos están aplanando coma unha apisoadora os monitores, ata o punto de que moitos auguran que as siglas CRT serán o pasado en moi poucos anos. O 30% dos ordenadores que vemos hoxe en calquera escaparate veñen con pantalla plana e no 2005 algúns estudios afirman que serán a metade dos case 150 millóns de monitores que se prevé vender.

¿Para que plana?

É unha cuestión de tamaño… e prezo. Se o usuario pode gastar unhas tres veces máis no monitor dividirá por catro o espacio que ocupa este aparello na mesa, por dous o seu peso, gastará a metade de enerxía e os seus ollos agradeceranllo. Isto tampouco quere dicir que haxa que ir coma tolos a pola pantalla plana. Nin moito menos. Todo depende do uso que lle vaia dar á súa computadora.

As siglas LCD (liquid cristal display) non lle deben soar ó último berro en tecnoloxía. Desde comezos dos 70 as pantallas de cristal líquido fóronse estendendo ás calculadoras, reloxos, televisores, portátiles, cámaras dixitais… ata chegaren ós PCS. Os problemas iniciais do cristal líquido foron minguando a gran velocidade, gracias, fundamentalmente, á tecnoloxía TFT (Thin Film Transistor), que emprega semiconductores no canto de electrodos para cambia-lo estado (aceso ou apagado) de cada punto da pantalla, reducindo os problemas de resolución, ángulo de visión e pureza de cor (contraste). A maioría das pantallas planas actuais utilizan esta tecnoloxía.

Vantaxes e inconvenientes

  • As pantallas planas melloran claramente ós tubos catódicos convencionais en tamaño (especialmente de fondo), deseño, parpadeo, consumo (e xeración de calor) e emisión de radiacións. Os portátiles, onde o consumo e o tamaño son cruciais, hai anos que incorporan estes monitores. Ademais, a pantalla é totalmente plana, algo que as CRT só comezan a ofrecer agora, polo que toda a superficie é visible e se evita a distorsión nas esquinas. Algunhas mesmo se poden virar para ver un documento completo coma se fose unha páxina vertical.
  • As desvantaxes, superadas día a día, son o prezo, o ángulo de visión e a gama e pureza das cores. As pantallas TFT vense peor de lado (o seu ángulo de visión anda só arredor dos 140%), a gama de cores non é abonda para traballos fotográficos e o sistema de iluminación interna con fluorescentes fai que o monitor devolva unha menor precisión na cor (unha zona moi clara ou escura afecta ás áreas contiguas).
  • O sistema para crea-la imaxe dos TFT é menos nocivo para a vista, polo que son unha opción recomendable para os que teñen os ollos continuamente pegados a unha pantalla. Sen embargo, os que andan sempre con ‘xogos’ pódense sentir defraudados ó comprobaren que a súa TFT non alcanza as prestacións da súa tarxeta gráfica, debido ó intervalo entre o acendido e apagado dos puntos de luz (píxeles), que pode crear unha estela no obxecto que se move pola pantalla. Isto tamén se pode apreciar ó reproducir un DVD no ordenador.
  • Tamaño e prezo. O tamaño mídese en número de polgadas (1 polgada=2,54 cm) da diagonal do monitor. Canto máis grande sexa o monitor, máis programas se poden ver simultaneamente na pantalla, vese mellor a maior resolución e inclúe máis prestacións (controis de axuste). Un monitor de pantalla plana de 15 polgadas é semellante a un CRT de 17 polgadas, debido a que nun monitor plano toda a superficie se aproveita. Neses tamaños, óptimos para un uso ‘normal’ (mesmo habitual) e cómodo dun PC, os prezos dos monitores TFT oscilan de 300 a 500 euros (de 500 a 700 euros en 17 polgadas), mentres que os CRT se poden atopar a partir dos 130 euros (de 200 a 350 euros en 19 polgadas).
  • Resolución. É o número de puntos (píxeles) que debuxan a imaxe. Nos monitores tradicionais móvese nun rango que o usuario pode configurar ó seu gusto, pero nos planos a resolución representa o número máximo de celas de cristal líquido e coñécese como ‘resolución nativa’, o que implica que non se pode aumentar nin diminuír.
  • Non hai que perder de vista que a resolución depende tamén da tarxeta gráfica; as que se montan actualmente soportan sen problema resolucións de 1600×1280. O tipo de monitor, CRM ou LCD, non inflúe no consumo de memoria da tarxeta gráfica, nin fai máis lento o uso do ordenador. Isto depende da resolución e da profundidade de cor. Non se debe forza-lo monitor a alcanza-la resolución que atura a tarxeta de vídeo, porque pode chegar a distorsiona-la imaxe e incluso fundilo. O manual do monitor adoita indicar nun cadro qué resolucións admite.
  • Contraste. Irrelevante nos monitores tradicionais, é un factor moi importante nas pantallas de cristal líquido, xa que as sombras e as ‘luces altas’ afectan á calidade da imaxe LCD. Os fabricantes aseguran contrastes entre 200:1 e 400:1, cifras próximas ó CRT, aínda que os diferentes xeitos de medir fan moi difícil as comparacións.
  • Garantía. Tódolos puntos de imaxe dunha pantalla plana deben funcionar. Non é admisible que un número deles (por pequeno que sexa) non emita desde o primeiro día, por iso cómpre asegurarse de que a pantalla estea ben nada máis acendela por primeira vez.
Navegar á carta

Só para os seus ollos

Pasar varias horas ó día diante dunha pantalla pouco adecuada pode ter nefastas consecuencias para a visión. Sen deixar de ir ó oftalmólogo, esta web ofrece consellos de cómo coida-la vista.

Ónde mercar

www.ebay.es

As poxas virtuais como eBay son un bo lugar para desfacérmonos da pantalla vella antes de adquirirmos unha nova. Amais dun aforro no prezo do novo aparello, reutilizarase un electrodoméstico condenado, doutro xeito, ó caldeiro do lixo.

Decora a pantalla

www.screensaver.com

Un monitor LCD-TFT pode chegar a ser un signo de sofisticación e elegancia. Sen embargo, ¿por que conformármonos cunha escura pantalla? Na Rede hai páxinas coma esta desde a que descargar imaxes de fondo ou salvapantallas para que lle dean vida ó monitor cando permaneza inactivo.