Obxectivo: unha boca sa
A nosa dentadura é, amais dunha importante tarxeta de presentación, a primeira parte do aparello dixestivo. Unha correcta mastigación dos alimentos, por exemplo, evita determinados problemas de estómago, e só se pode realizar se os nosos molares se atopan en bo estado. Outros problemas que pode ocasionar unha incorrecta hixiene da boca son caries, xenxivite ou infeccións, as patoloxías máis frecuentes da boca. Para que sexa efectiva, cómpre realiza-la limpeza bucal da maneira e coas ferramentas axeitadas. Uns minutos de dedicación ó día aseguran unha dentadura sa e bonita para toda a vida.
- Cómpre que as visitas ó dentista se realicen de xeito rutineiro desde os 3 anos, xa que a esa idade xa se completou a erupción primaria dos dentes. A partir desta idade os controis rutineiros son necesarios cada 6 meses ou, cando menos, unha vez ó ano, e sempre que detecte algún tipo de problema como úlceras, caries, mal alento, sangrado de enxivas, mobilidade dentaria, alteracións da saliva…
- A alimentación é de grande importancia para a boca; os azucres carioxénicos (presentes en lambetadas e doces) dánana, mentres que as verduras limpan e fortalecen a saúde bucodental. O leite e os derivados lácteos proporcionan o calcio necesario para os dentes na fase de formación destes.
- Non force a súa dentadura partindo froitos secos, e evite tomar bebidas ou alimentos excesivamente fríos ou quentes.
- O tabaco prexudica a saúde da boca, xa que contribúe a empeora-la enfermidade das enxivas.
A arte de se cepillar
- Procure cepilla-los dentes despois de cada comida (almorzo, xantar e cea). Non deixe pasar máis de quince minutos entre o remate da comida e o cepillado.
- En caso de que só poida limpalos unha vez ó día, fágao antes de se deitar, xa que durante o sono a producción de saliva e os movementos linguais diminúen, o que favorece a formación de placa bacteriana se non se realizou unha boa hixiene dental.
- Elixa un cepillo de dentes con cabezal de punta redondeada e pequeno para chegar doadamente a tódolos dentes. Os seus filamentos deben ser suaves e de puntas redondeadas para evitar lesións nas enxivas. Cambie de cepillo cada dous meses.
- Use dentífricos con fluor. Reforzan a estructura do esmalte e reducen entre un 20% e 40% a posibilidade de que se formen caries.
- Cepille as pezas en grupos de dúas ou tres. Asegúrese de que o cepillo chegue a tódalas superficies dentarias. Fágao, xa que logo, ós poucos e seguindo unha orde: comece polos dentes da mandíbula superior, e siga cos da inferior. O tempo calculado para realiza-la limpeza de maneira óptima é de tres a catro minutos.
- Lave os dentes suavemente, e sempre partindo da enxiva, para non arrastra-lo lixo cara a ela. Lembre que un cepillado demasiado vigoroso pode dana-los seus dentes e enxivas, e provocar hipersensibilidade dental.
- Non esqueza a limpeza da lingua. Nela acumúlase unha gran cantidade de bacterias, polo que o seu coidado é necesario para mante-la saúde bucal. Para limpala, frétea con suavidade cara a adiante usando o cepillo de dentes ou un limpador lingual.
O bo uso da seda dental
- Coide os espacios interdentais. Se case non ten espacio entre os dentes, use a seda dental. Se entre os seus dentes ten espacio dabondo (por perdas ou por movementos dentarios), utilice un cepillo especial chamado cepillo interproximal.
- O uso da seda dental é só aconsellable nos nenos a partir dos doce anos, xa que a esta idade xa alcanzaron o desenvolvemento neuromuscular axeitado para un control efectivo da técnica.
- Mova a seda de arriba abaixo sobre a cara lateral do dente. Non esqueza pasa-la seda sobre as caras laterais das últimas moas. Tralo uso da seda, enxaugue a boca para elimina-los restos de alimentos ou de placa desprendida.