Os lugares públicos "libres de tabaco" seguen sen se respectar
Unha das medidas legais máis emblemáticas na protección do dereito á saúde do non fumador é a prohibición, que rexe no noso país desde 1988, de fumar en lugares públicos como centros educativos, hospitais, aeroportos, estacións de tren e bus, edificios da Administración, gasolineiras, bibliotecas, museos, medios de transporte…
CONSUMER publicou en xuño de 1998 un informe que desvelaba un amplo incumprimento da norma. Hoxe, case cinco anos despois e cando o Goberno anuncia o despregue de todo un arsenal lexislativo para regula-lo consumo e a publicidade desta substancia adictiva que tantos problemas causa na saúde dos cidadáns, un novo estudio desta revista demostra que todo segue igual, se non peor.
O respecto ó dereito do non fumador, a concienciación social sobre os danos que causa o tabaco nos fumadores pasivos e o rigor da Administración para facer cumprir esta norma, seguen brillando pola súa ausencia no noso país. Os datos dificilmente poden ser máis elocuentes: se en 1998 fumaba polo menos algún usuario no 44% dos lugares en que estaba prohibido, hoxe consúmese tabaco no 46% destes espacios teoricamente libres de fume nicotínico. E se daquela só no 3% destes ámbitos protexidos se lles brindaba os fumadores a posibilidade de fumar nunha sala específica para eles -co que se favorece que o non fumador non se vexa obrigado a respirar aire contaminado- hoxe a proporción segue nun máis ca exiguo 4%. E se hai catro anos e medio a actuación dos empregados ó seren interpelados polos técnicos desta revista cando vían que a xente fumaba onde estaba prohibido facelo podía considerarse incorrecta nun 82%, na actualidade a proporción alcanza o 95%. O único dato esperanzador deste informe é que se no anterior estudio no 33% destes espacios libres de tabaco fumaban os empregados (polo menos, algún deles) hoxe a proporción queda no 24%.
En tódalas universidades e en case a metade dos institutos de ensino medio
Fumábase en tódalas universidades públicas visitadas (un total de 12 noutras tantas cidades), en tódalas estacións de autobuses e en case tódalas de tren, en tódolos aeroportos, na metade dos concellos, deputacións ou gobernos autonómicos, no 42% dos institutos públicos de ensino medio, e o que é aínda peor, nun de cada tres hospitais (grandes e pequenos por igual) e gasolineiras (engádese neste caso o problema de seguridade). Os únicos espacios libres de tabaco en que se respectaba a prohibición de fumar son os museos e os autobuses urbanos. Nas Oficinas de Turismo e do INEM estudiadas o incumprimento foi pequeno: só no 17% se viu xente fumando.
O tabaquismo pasivo (sufrido por quen convive habitualmente en espacios onde se fuma) foi relacionado co aumento do risco de cancro de pulmón, o asma e enfermidades respiratorias. Polo tanto, quen deixa de fumar ou evita facelo onde hai ou vai haber outras persoas, non só beneficia a súa saúde senón tamén a de quen o arrodea.
Non se predica co exemplo
Para que esta norma a cumpran tódolos usuarios, semella imprescindible que o fagan tamén sen excepción os empregados que traballan nos espacios legalmente libres de tabaco. Pero o real afástase moito do ideal e, neste caso, do lóxico: en catro de cada dez universidades, estacións de buses e trens, algúns empregados fuman. e fano en tres de cada dez gasolineiras e concellos, e en dous de cada dez aeroportos, institutos, deputacións ou gobernos, e oficinas de turismo. E nun de cada dez hospitais e oficinas do INEM. Os únicos espacios públicos nos que os seus traballadores non fumaban foron as bibliotecas, os museos e os buses urbanos. Por outra banda, para que a xente non fume onde a lei o prohibe, convén que (tal e como indica a normativa) estes espacios libres de tabaco estean sinalizados como tales. Pois nin sequera este elemental principio se cumpre: na metade das universidades e oficinas de turismo, no 42% das estacións de bus e no 25% dos institutos, autobuses urbanos, deputacións ou gobernos, e estacións de trens, non hai sinalización de que non se pode fumar. E outro tanto acontece no 17% dos concellos e bibliotecas; e no 8% dos hospitais, aeroportos e gasolineiras. Outra iniciativa (aínda non contemplada na normativa) que pode reduci-lo consumo de tabaco en espacios protexidos é que non se venda este producto nas súas instalacións. Parece lóxico que, non tratándose dun artigo de primeira necesidade e sendo o tabaco de moi doada adquisición noutros lugares, non se venda nos espacios libres de tabaco. Pero en tódalas estacións de tren e de bus visitadas, en tódolos aeroportos e en nove de cada dez gasolineiras e universidades se pode mercar tabaco. E mesmo no 13% dos pequenos hospitais e museos e no 7% dos institutos.
Cómo se fixo o informe
O obxectivo deste estudio é comproba-lo grao de cumprimento do Real Decreto 192/1988, de 4 de marzo, modificado á súa vez polo RD 1293/1999, de 23 de xullo, que restrinxen o consumo de tabaco en espacios públicos. Visitáronse 228 lugares nos que non está permitido fumar en Barcelona, Madrid, Málaga, Bilbao, Valencia, Alacante, Santander, Vitoria, San Sebastián, Oviedo, Pamplona e A Coruña. En cada cidade visitáronse instalacións abertas ó público do Concello, Goberno ou Deputación, un aeroporto, unha estación de autobuses e outra de trens, unha universidade pública, un instituto de ensino medio, unha oficina de Turismo e outra do INEM, un museo provincial, un hospital grande e outro pequeno, unha biblioteca pública, catro gasolineiras e dúas liñas de autobuses urbanos. Todos estes lugares foron visitados entre o 8 e o 15 de xaneiro, en hora de máxima afluencia e en dúas ocasións, excepto en gasolineiras e buses, que se visitaron unha vez. En cada un dos sitios, o técnico de CONSUMER permaneceu durante 45 minutos sen desvela-lo motivo da súa presencia. Visitou zonas de acceso público como corredores, salas de espera, salas de exposición e vestíbulos. En cada lugar observou se fumaban traballadores e usuarios e se se vían sinalizacións de prohibido fumar. Ademais, anotouse a reacción dos empregados cando CONSUMER os interpelaba referíndose ó incumprimento da norma.
Os datos, segundo as cidades
Aínda que a situación sexa moi mellorable nas 12 cidades, algunhas destacan polo grao de incumprimento da norma. Os datos (polo exiguo da mostra: 19 espacios libres de tabaco en cada cidade) non se poden interpretar como reflexo preciso da situación en cada cidade, pero mostran diferencias significativas. En Santander, Alacante e Madrid fumábase cando menos no 60% dos espacios libres de tabaco, mentres que en Pamplona o incumprimento era de só o 27% e en Bilbao e Valencia do 33%. Co 40% figuran Vitoria, A Coruña, Oviedo e Barcelona. En San Sebastián fumábase no 53% dos espacios e en Málaga, no 47%. Tamén interesa cotexar en qué medida fuman os traballadores destes espacios: lidera a clasificación Santander, onde o facían no 67% dos lugares, e van detrás Barcelona (47%) e San Sebastián (40%). Tamén mal, Alacante (33%), Málaga (20%) e Valencia (20%). Só na Coruña e Pamplona, cun 7% de espacios nos que algún dos empregados fumaba, a situación era aceptable, se ben en Vitoria, Bilbao, Madrid e Oviedo, cun 13%, a proporción non é tan lamentable coma noutras cidades. Santander e Alacante, por outra banda, son as cidades que en maior medida (case na metade destes lugares) carecen da sinalización que prohibe fumar. E a indiferencia dos empregados destes espacios públicos sen tabaco ante o incumprimento da norma foi moito menor en Madrid (o 33% deron respostas apropiadas) ca na maioría das demais: en dez das doce cidades, ningún dos empregados lle indicou a quen fumaba que a norma prohibe facelo; algo, por outra banda, ben sinxelo de facer. Porque non se trata de coarta-la liberdade dos demais nin de impor nada, senón de defende-lo dereito dos non fumadores lembrándolle -a quen a descoñeza ou transgrida- a existencia dunha normativa legal.
Razóns para deixar de fumar e de prexudicar ós demais.
Deixar de fumar é a decisión máis saudable que se pode tomar: que unha persoa de 20 anos deixe de fumar aumenta a súa esperanza de vida tres veces máis que se controla adecuadamente a súa hipertensión, e dez veces máis que se fai o propio co colesterol (CNPT, comité nacional de prevención do tabaquismo, 1998).
- En 1999, en España había 9.572.691 fumadores, o 61% homes.
- De media, os fumadores consumen entre 6 e 12 cigarros ó día, 2.000-4.000 ó ano.
- O tabaco xera durante súa combustión algo máis de 3.000 substancias. As máis coñecidas son monóxido de carbono, alcatrán e nicotina. Pero hai outras, que causan cancro, como nitrosaminas, benzopirenos e aminas aromáticas.
- Fumar é sempre malo, non hai nivel mínimo de seguridade. O número de cigarros define o grao de adicción, pero todos, desde o primeiro, son prexudiciais.
- O tabaco é un veleno: mata no mundo a 560 persoas cada hora, 13.400 ó día e case 5 millóns de seres humanos cada ano (datos da OMS, 2002). e na UE causa medio millón de mortes ó ano (Consello Europeo, 1996).
- Unha de cada dez mortes en varóns españois está directamente relacionada co consumo de tabaco (CNPT, 2000).
- O 85% das persoas afectadas por cancro de pulmón foron fumadoras.
- O tabaco provoca cancro de: farinxe, larinxe, esófago, estómago, páncreas e vexiga.
- E, ademais: bronquite crónica, enfermidades cardiovasculares e enfisema.
- No tabaco, a droga que crea a adicción (dependencia física) é a nicotina.
- Ós 50 anos de idade, un fumador ten a mesma capacidade pulmonar que terá un non fumador cando cumpra 75 anos (CNPT, 1998).
- O tabaquismo pasivo (inhalar a miúdo o fume do tabaco consumido por outras persoas) relaciónase co aumento do risco do cancro de pulmón, do asma e doutras enfermidades respiratorias.
- A OMS estima que na UE morren polo tabaco cada ano entre 50.000 e 94.000 persoas que non fuman pero conviven en espacios onde se fuma.
- O fume dun cigarro emana o dobre de alcatrán e nicotina do inhalado polo fumador.
- Os nenos fumadores pasivos están máis expostos a bronquites, pneumonía, asma e enfermidades do oído que causan xordeira.
- Os nenos son moi vulnerables ó fume do tabaco: os seus pulmóns son máis pequenos e o seu sistema inmunitario está menos desenvolvido.
O Real Decreto 192/1988, de 4 de marzo, sobre limitacións na venda e uso do tabaco para protección da saúde da poboación, modificado en catro dos seus artigos polo Real Decreto 1293/1999, de 23 de xullo, establece no seu primeiro artigo o seguinte:
De acordo co establecido no artigo 25.2 da Lei Xeral de Sanidade declárase o tabaco substancia nociva para a saúde da persoa. En caso de conflicto prevalecerá sempre o dereito á saúde dos non fumadores sobre o dereito dos fumadores a consumir labores do tabaco en todos aqueles lugares ou circunstancias en que se poida afecta-lo dereito á saúde dos primeiros, conforme ós termos do Real Decreto.
Tamén establece:
- Prohíbese a venda a menores de 16 anos.
- Prohibición absoluta de fumar en tódolos vehículos ou medios de transporte colectivo urbano e interurbano. Terán a consideración de vehículos de transporte colectivo os funiculares e teleféricos.
- Non está permitido fumar en ningunha área laboral onde traballen embarazadas.
- Nin en centros docentes.
- Nin en centros de atención sanitaria.
- Nin en zonas de oficinas da Administración pública destinadas á atención directa ó público.
- Nin en salas de uso público xeral, lectura e exposición.
- Nin en locais pechados con frecuente afluencia de xente.
Pola súa banda, o novo Plan de Prevención do Tabaquismo presentado polo Ministerio e que pretende desenvolverse no período 2003-2007, propón;
- Prohibi-la publicidade directa e indirecta, así como o patrocinio de productos do tabaco.
- Excluír do IPC o tabaco.
- Aumenta-los impostos sobre o tabaco.
- Prohibi-la venda a menores de idade.
- Suprimi-las máquinas expendedoras de cigarros.
- Prohibi-la venda de cigarros soltos.
- Declara-lo tabaco enfermidade crónica.
- Incluír tratamentos antitabaco nas prestacións sanitarias.
- Facer referencia ó consumo de tabaco na historia clínica das persoas.
- Limita-las prazas hoteleiras para fumadores.
Establecéronse unha serie de metas: para o 2003, converter en espacios libres de fume o 95% das escolas, centros sanitarios e da Administración; para o 2004, desenvolver normas que regulen o consumo de tabaco en tódolos lugares públicos; para o 2005, estimular ó 70% das empresas para crear espacios libres de fume; e para o 2007, reduci-lo número de fumadores nun 30% con respecto ós datos do 2003.
De maior a menor incumprimento da norma, cidade por cidade
- Santander
A peor situación, con diferencia. Tanto usuarios coma empregados (algún ou varios deles, en ámbolos caso) fuman nun 67% dos lugares. Ademais no 100% dos casos a reacción dos empregados foi incorrecta cando, á vista de que se fumaba, se lles preguntou se se podía fumar. E no 47% dos lugares non existe sinalización que prohibe fumar (moito peor cá media). Nun 7% dos espacios había zonas de fumadores (é unha das mellores cidades neste apartado) e vendíase tabaco nun 50% dos lugares (unha das peores cidades).
- Barcelona
Moi mal. Os usuarios fumaban no 40% (menos cá media) das zonas, pero facíano os empregados no 47% dos espacios (a segunda peor cidade). Sen sinalización no 13% dos lugares (dato relativamente bo). Nun 7% había zonas de fumadores (unha das mellores cidades). Ningún empregado actuou correctamente cando, á vista de que se fumaba, se lle interpelou sobre a prohibición de fumar. Vendíase tabaco nun 42% dos lugares (por riba da media).
- Alacante
Moi mal. Os usuarios fumaban no 67% dos lugares (onde máis, xunto con Santander), mentres que os empregados fumaban no 33% (a cuarta peor cidade). Non existía sinalización no 47% dos lugares (moito peor cá media) e en ningún existía zona de fumadores. A reacción dos empregados foi incorrecta no 89% dos lugares nos que se lles preguntou (paradoxicamente, é unha proporción mellor cá media). Cun 33% é, xunto con San Sebastián, onde menos venda de tabaco se detectou.
- San Sebastián
Moi mal. Os usuarios fumaban nun 53% dos espacios libres de tabaco (a cuarta peor cidade), mentres que o facían os empregados nun 40% dos espacios públicos (a terceira peor cidade). Carecen de sinalización axeitada o 33% dos lugares (máis cá media) e en ningún existía zona de fumadores. O 100% dos empregados interpelados amosou unha reacción incorrecta ó seren preguntados sobre se se podía fumar. Cun 33% é, xunto con Alacante, onde menos se vende tabaco nestes espacios protexidos.
- Málaga
Mal. Os empregados fuman nun 20% dos lugares (pouco menos cá media), pero facíano os usuarios nun 47% (a media). Nun 20% dos lugares non hai sinalización (algo mellor cá media), non se viu zona ningunha para fumadores e nun 100% dos casos a resposta dos empregados interpelados foi incorrecta. A venda de tabaco tiña lugar nun 42% dos lugares, por riba da media.
- Madrid
Mal. Fuman os usuarios no 60% dos lugares (a terceira peor cidade) pero os empregados facíano en só o 13% dos casos (por debaixo da media). Non había sinalización nun 27% dos lugares (un pouco peor cá media). Zonas para fumadores, no 7% dos sitios (mellor cá media). Onde menos empregados (o 67%) deron respostas incorrectas. Vendíase tabaco no 50% dos espacios visitados, por riba da media.
- Valencia
Mal, pero algo mellor cá media. Os usuarios fumaban nun 33% dos casos e o persoal nun 20%. Non existía sinalización de prohibido fumar no 13% dos espacios (mellor cá media). Ningunha zona para fumadores. O 100% dos empregados preguntados amosaron unha reacción incorrecta. No 50% dos sitios podíase adquirir tabaco (peor cá media).
- Vitoria
Mal, pero algo mellor cá media. Os usuarios fumaban nun 40% dos casos e o persoal nun 13% (por debaixo da media). A ausencia de sinalización anotouse nun 20% dos espacios (un pouco mellor cá media). Nun 7% dos espacios había zona de fumadores. O 100% dos empregados preguntados amosaron unha reacción incorrecta. No 50% dos sitios podíase adquirir tabaco (peor cá media).
- Oviedo
Mal, pero algo mellor cá media. Os usuarios fumaban nun 40% dos casos e o persoal nun 13%. Só un 7% de espacios carecía de sinalización de prohibido fumar. Nun 7% dos espacios había zona de fumadores. O 100% dos empregados preguntados amosaron unha reacción incorrecta. No 42% dos sitios podíase adquirir tabaco (peor cá media).
- Bilbao
Mal, pero algo mellor cá media. Os usuarios fumaban nun 33% dos casos mentres que os empregados o facían nun 13%. Carecen de sinalización o 13% dos lugares e en ningún hai zona de fumadores. O 100% dos empregados preguntados amosaron unha reacción incorrecta. No 50% dos sitios podíase adquirir tabaco (peor cá media).
- A Coruña
Mal, pero mellor cá media. Os usuarios fumaban nun 40% dos casos pero os empregados facíano só nun 7% (onde menos, xunto con Pamplona). Carecía de sinalización só o 7% dos lugares visitados. O 100% dos empregados preguntados amosaron unha reacción incorrecta. No 42% dos sitios podíase adquirir tabaco (peor cá media).
- Pamplona
Mal, pero moito mellor cá media. Os usuarios fumaban nun 27% dos lugares (onde menos) mentres que os empregados o facían en só un 7% (onde menos, xunto coa Coruña). Carecía de sinalización o 27% dos lugares (máis cá media) e no 7% había zona de fumadores. A reacción dos empregados preguntados foi incorrecta nun 100% dos casos e detectouse a venda de tabaco no 42% das visitas.
Agora ou nunca e táboa comparativa
Malia a que todo o mundo sabe que os fumadores presentan un exceso de mortalidade precoz debido basicamente a enfermidades cardiovasculares, respiratorias e cancro; malia a que cada ano se producen máis de 50.000 mortes no noso país debido ó tabaco e que desde 1978 ata hoxe se achega ó millón o número de mortos por esta causa, en España continúase fumando e moito.
¿Significa iso que o español medio é masoquista, desinformado ou parvo? Rotundamente, non. Acontece que polo menos un tercio da sociedade española está sometido a unha droga culturalmente arraigada para a que existe unha enorme tolerancia social; é verdade que o período de tempo que transcorre entre o comezo do tabaquismo e os seus efectos sobre a saúde é dilatado, o que dificulta a percepción da relación causa-efecto cando se produce a enfermidade, e non é menos certo que as administracións públicas se resisten a perde-los inxentes beneficios que vía impostos o tabaco lles produce e a recoñecer que é imposible a coexistencia, en materia de tabaquismo, do binomio negocio e saúde. Acontece, para rematar, que as tabaqueiras saben manter á perfección un clima social no que o debate público sobre o tabaquismo se centre no superficial ou anecdótico, evitando abordar sistematicamente a análise de fondo sobre os condicionantes do consumo.
As tabaqueiras teñen que captar a cotío 8.000 novos fumadores -que son os que perden diariamente por enfermidade, morte ou abandono do hábito- e para iso non reparan nin en gastos nin en estratexias. Nada no negocio do tabaco queda ó chou. Se observan movementos reivindicativos de colectivos que non desexan enfermar por fumes alleos, lanzan as súas hostes de escritores, humoristas, tertulianos radiofonistas, sempre baixo a influencia de substanciosos estipendios que non se deben deixar notar, a ergue-la famosa bandeira da intolerancia cara ós fumadores. Se se lles prohibe a publicidade directa invisten na indirecta, como aconteceu nos EE:UU. cando non se podía publicita-lo tabaco nos medios de comunicación e se incrementou o consumo de cigarros en protagonistas de películas nun 92%, sobre todo se eran de sexo feminino, guapas e triunfadoras na vida, segundo un estudio da Smoking Free Movies Association. ¿Cren vostedes que o tabaquismo intenso que impregna gran número das nosas series televisivas con mozos fumando como posesos é pura casualidade ou se debe a imperativos do guión? No 2000, a media de aparicións de fumadores no cine foi de 10,8 por hora mentres que en 1990 era de 5,9, máis ou menos a metade. Nada queda ó chou.
A presión dos magnates do tabaco sobre os políticos de cada país é impresionante e difícil de superar en moitas ocasións. Pensen que o negocio do tabaco está entre os tres máis rendibles do mundo. Cando a sociedade civilizada adopta algunha medida contra o consumo de tabaco, os fabricantes de tabaco loitan ata a extenuación contra ela e se van perder, polo menos pactan para que as modificacións se demoren e neses anos de carencia, de tregua, poden seguir convertendo en millóns de euros as súas vendas e planificar novas accións.
En España tivemos importantes leis contra o consumo indiscriminado de tabaco, ás que se lles esqueceu o pequeno detalle da obriga do seu cumprimento, ata que agora chega o Plan Nacional sobre a Prevención do Tabaquismo que pretende, cun amplo consenso autonómico, tomar en serio a primeira causa pola que de xeito precoz enferman e falecen os españois. Se entre todos acadamos que se implemente levaremos un sopro de aire fresco ás vindeiras xeracións e faremos do noso país, privilexiado xa de por si, un dos máis sans de Occidente.
Víctor López García-Aranda
Presidente do Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo (CNPT).