Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Residencias de anciáns : Segue habendo moi poucas e cada vez son máis caras

Tres de cada catro teñen listas de espera, unha de cada sete suspende en calidade e, en xeral, as públicas seguen a ser mellores e máis baratas

Como se fixo

Técnicos de CONSUMER EROSKI, identificándose como tales, solicitáronlles telefonicamente unha ampla serie de datos ós directores e xerentes de cada residencia. Deseguido visitaron, esta vez como clientes ficticios (alegaban que querían ingresar a un familiar), cada unha das residencias para comprobar sobre o terreo o estado das instalacións e a súa conservación, luminosidade, espazo hábil dispoñible para os anciáns e mais a hixiene e limpeza do establecemento. En total, o informe cotexou 80 características e prestacións de 104 residencias. No tocante á titularidade das residencias, 30 eran públicas, 43 privadas e o resto (31) concertadas (é dicir, privadas pero con prazas para residentes concertadas coa Administración). As públicas son as máis concorridas (aloxan a 120 anciáns de media), seguidas polas concertadas (45) e polas privadas (34). Cada residencia acolle de media a 83 anciáns, aínda que as diferenzas entre unhas e outras son enormes: hainas, neste informe, que atenden a máis de 300 anciáns, e outras que, pola contra, non chegan á vintena. Esta revista estableceu, xunto cos xeriatras e especialistas consultados, un sistema propio de valoración e puntuación para cada unha das características e prestacións das residencias. E, como complemento, entrevistou a 150 familiares de anciáns aloxados nestes centros analizados.

Para se sentir coma na casa

As residencias asumiron o seu papel de fogar (temporal ou permanente) dos seus moradores e esfórzanse por permitir que leven unha vida o máis semellante posible á que levaban nas súas propias casas. A calquera de nós gústalle recibir visitas na casa e atendelas axeitadamente. É moi habitual (acontece no 86% das residencias) que as residencias permitan que os aloxados reciban visitas nas súas habitacións, para así manter certo grao de intimidade, e que lles poidan ofrecer algunha bebida ou aperitivo, aínda que a proporción de residencias que dispoñen de cafetería ou máquinas expendedoras é menor. Son as residencias privadas as que máis descoidan este aspecto (o 28% carecía de infraestruturas, como cafetería ou máquinas expendedoras).

/imgs/20050601/ancianos.jpg
O traslado a unha residencia supón deixar atrás moitas das pertenzas e lembranzas que acompañaron ós anciáns durante anos. Por iso, agradecen poder levar canda eles parte delas, moitas de gran valor sentimental, e gardalas baixo chave, nun armario ou caixón. Isto é posible no 84% das residencias. Ademais, a maioría das residencias facilitan que os seus usuarios continúen nelas cos seus costumes relixiosos: nalgunhas (63%) hai capelas ou salas acondicionadas como tales, e case todas reciben a visita dun sacerdote cando menos unha vez á semana.

Estado das residencias

Aínda que en xeral se atopan en bo estado de limpeza e conservación, algunhas (o 15%) ofrecían un aspecto mellorable, tiñan problemas de conservación e de estancias pequenas e pouco luminosas. Estas carencias son máis habituais nas privadas e concertadas. A falta de hixiene non é habitual, pero nun 11% das residencias apreciáronse cheiros moi desagradables (nos máis dos casos, por insuficiente ventilación das estancias), de novo máis nas privadas e nas concertadas ca nas públicas. As condicións de conservación das residencias son óptimas: só no 2% o seu estado de mantemento se pode cualificar de deficiente, de xeito que cumpriría realizar reformas que mellorasen o seu aspecto (renovación de pintura ou doutros elementos).

No tocante á seguridade, observáronse avances respecto ó informe realizado no 2000 por esta revista. Diminuíu notablemente a proporción de residencias que non aproban neste esencial apartado: os plans de emerxencia documentados son máis habituais ca daquela e hai máis residencias con persoal formado para actuar adecuadamente en caso de incendio ou emerxencia. A parte negativa é a referente ós simulacros: admiten que efectuaron algún no último ano menos residencias ca no anterior estudo.

Servizos das residencias

É nos servizos tradicionais que ofrecen as residencias onde se perciben máis as diferenzas entre unhas e outras. Estas prestacións, entre as que salientan as de peiteado, podoloxía, farmacia, masaxes ou mesmo a asesoría xurídica, pódense entender como aspectos de valor engadido que inflúen decisivamente na percepción dos usuarios (e dos seus familiares e achegados) sobre a calidade de vida que lles proporciona a residencia. Certo é que estes centros comezaron ofrecendo só coberturas básicas (aloxamento, comida e atención sanitaria), pero así que se xeneralizaron en todas elas, e dentro da evolución lóxica de calquera sector, tenden a aumentar as prestacións que ofrecen, ata o punto de que se establecen diferenzas notorias entre uns e outros centros.

Este contexto explica que os servizos de peiteado e podoloxía sexan xa comúns nas residencias (aínda que a miúdo cómpre pagalos á parte), que cada vez haxa máis centros nos que os residentes poden elixir entre varios menús, que a asistencia psicolóxica e xurídica sexa cada día menos insólita, ou que as masaxes para persoas maiores constitúan unha opción máis no catálogo de servizos específicos das residencias.

Así e todo, malia o ritmo de vida actual, o servizo das residencias como centro de día segue sen se consolidar: tan só ofrece este tipo de prazas o 31% das residencias (no 2000 era o 29%).

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións