Pagar máis non equivale a mercar mellor calidade
O afeitado cotián reseca a pel e provoca microcortes no rostro. Por iso, tralo rasurado convén aplicar un produto que hidrate e refresque a pel, que calme a irritación e que facilite a cicatrización das feridas. Os ‘after shaves’ preséntanse como loción, xel ou bálsamo. Este último, pola súa maior viscosidade, é máis doado de dosificar.
Os after shaves son emulsións do tipo “aceite en auga” con axentes hidratantes, suavizantes, rexeneradores ou emolientes (que suavizan). A gran cantidade de auga que conteñen, no canto de hidratar a pel, provoca un desecamento cutáneo, polo que se inclúen entre os seus principios activos substancias humectantes capaces de reter a auga, como glicerol, sorbitol ou propileno glicol. E esa cantidade de auga convérteos en caldo de cultivo idóneo para microorganismos (bacterias e fungos), polo que se torna esencial que incorporen tamén substancias conservadoras, como fenoxietanol, paraben ou clorfenesin.
Os oito after shaves incorporan substancias concentradoras ou xelificantes para darlle consistencia e aumentar a viscosidade do bálsamo. Tamén é común que utilicen perfumantes, calmantes, antiinflamatorios, antiengurras, reparadores e ás veces filtros ultravioleta para protexer do sol.
Salvo Nivea, Sanex e Gillette, utilizan alcohol (que actúa como desinfectante), aínda que un after shave non é mellor nin peor por conter alcohol: algúns usuarios buscan a sensación de frescor que proporciona, mentres que outros toleran peor o alcohol sobre a pel. Estes bálsamos son de cor branca, salvo Williams, que é azul.
A película natural de suor, restos celulares e sebo que recobren a pel da cara fai que o seu pH sexa lixeiramente ácido (5,5). Unha loción para despois do afeitado será mellor canto máis se achegue o seu pH ó do rostro. Definíronse como aceptables valores entre 4,8 e 5,9. Fóra deste rango estaban Nivea (6,4), Williams (6,3) e Kinesia (6,1), máis básicos có resto, pero que non chegan a ser agresivos coa pel.
A viscosidade tamén se mediu, e non só porque un bálsamo demasiado líquido sexa máis difícil de dosificar (escorregaría entre os dedos), senón porque de ser moi espeso, resultaría incómodo. Valoráronse correctos os valores entre 3.000 cps e 8.000 cps, e bos os que superan esa última cifra. Nivea fallou por pouco denso, con 2.535 cps, mentres que Gillette (8.548 cps), Lea (11.175 cps), Floid (23.375 cps) e, sobre todo, Williams (38.075 cps) son máis adecuados. A gran viscosidade de Floid e Williams compénsase cuns envases moi flexibles e, ademais, a posición natural do frasco é invertida, o que facilita a dosificación.
O extracto seco son as substancias orgánicas e minerais que quedan tras eliminar a auga e substancias volátiles como o perfume. A súa cantidade non está relacionada directamente coa calidade, aínda que lle permite ó usuario saber cánto hai de auga no produto. Lea é o que menos extracto seco ofrece (2,2%) e Floid é o de máis, cun 8,6%. La Toja indica que contén urea, pero no laboratorio non se detectou, polo que, de incluíla, faino nunha proporción tan pequena que non sería eficaz.
Nivea For Men foi a loción con máis substancias activas, ó conter cinco das seis analizadas (glicerol, bisabol, acetato de vitamina E, pantenol e alantoína). Gillette Series e Lea foron os peor valorados, ó incluíren só glicerol, e en menor cantidade có resto.
Neste estudio deixáronse á marxe certas substancias hidratantes compostas por varios ingredientes, non todos coñecidos nin separables no laboratorio pero que poden incidir na calidade final. Ademais, a formulación pode influír na capacidade hidratante: algúns ingredientes base (como os emolientes, encargados de suavizar) forman unha capa protectora que limita a evaporación da auga mantendo a pel hidratada durante máis tempo.
Para medir a capacidade irritante comprobouse a tolerancia cutánea dos bálsamos e non a ocular, por ser este un produto que se aplica na parte inferior do rostro (aínda que algúns expertos recomendan estendelo por toda a cara para aproveitar a súa capacidade hidratante de xeito uniforme). Aplícanse sobre as costas de dez voluntarios sans 0,02 mililitros de cada produto. Tras permanecer en contacto coa pel baixo un parche semioclusivo durante dous días (ó lado doutro parche sen produto para poder comparar), un dermatólogo observa se na zona onde se aplicou o produto apareceron eritemas, edemas, sequidade ou bochas. Ningún é irritante e todos son moi ben tolerados pola pel.
Todos os bálsamos para despois do afeitado afirman hidratar a pel. Para comprobalo, utilizouse unha mostra de 45 homes adultos sobre os que se aplicaron as mostras e utilizouse un corneómetro, instrumento que mide o grao de hidratación nas capas superiores da pel. A hidratación comprobouse tres veces: a primeira antes da aplicación do ‘after-shave’, a segunda trinta minutos despois e a terceira cando xa transcorreran dúas horas.
Nivea, Kinesia, Lea, Floid, Sanex e Williams demostraron un claro efecto hidratante nas dúas medicións posteriores á aplicación. Gillette e La Toja, pola súa banda, non hidrataron a pel, aínda que na etiqueta afirman que si o fan. Tendo en conta estes parámetros, Nivea é o único que alcanza a valoración de “moi bo”. Gillette Series e La Toja só obteñen a de “correcto” polo seu inferior poder hidratante, mentres que o resto quedou nun “ben”.
CONSUMER someteu os oito bálsamos a unha proba de uso por parte de 56 consumidores de entre 18 e 65 anos. Os usuarios cualificaron de 1 a 9 puntos cada apartado, pero nin na valoración global nin en ningún dos aspectos se atoparon diferenzas significativas: todas as puntuacións foron semellantes. La Toja (con 7,1 puntos sobre 9) e Gillette (7 puntos) foron lixeiramente mellores, e Nivea (6,2 puntos sobre 9) e Lea (6,3 puntos) os que demostraron un peor comportamento, aínda que bo.
A maioría dos after shaves utilizan unha mesma serie de substancias para cumpriren o seu cometido de hidratar, reparar e tonificar a pel.
Glicerol ou glicerina: é o hidratante máis coñecido, e a súa proporción dentro da fórmula da loción acostumada é maior cá do resto de substancias activas. Atopouse en Nivea, Lea, Sanex e Gillette.
Urea: tamén achega virtudes hidratantes, pero só se atopou en Sanex.
Bisabol: de efecto antiinflamatorio, emprégano Nivea, Kinesia, Floid, Sanex e Williams.
O acetato de vitamina E: antiengurras, calmante, cicatrizante e hidratante. Atopouse en Nivea, Kinesia e Williams.
Pantenol (provitamina B5): con virtudes reparadoras, nutritivas e hidratantes, está en Nivea e La Toja.
Alantoína: cicatriza os microcortes, e atópase na formulación de Nivea, Sanex, Kinesia, Williams, Floid e La Toja.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse oito after-shave tipo bálsamo. Os prezos variaron moito, desde 16,76 euros/litro de Lea ata 65,04 euros/litro de Gillette Series.
- Son brancos e perfumados, menos Williams que é azul. Os pH son próximos ós da pel, salvo en Nivea, Kinesia e Williams, lixeiramente superiores (e, polo tanto, peores).
- En viscosidade, Nivea é demasiado líquido e Lea, Floid e Williams son os máis espesos, pero con recipientes adecuados para a súa dosificación. Nivea é o que máis substancias activas contén e Gillette e Lea os que menos.
- Son ben tolerados pola pel e ningún provocou irritacións. Todos hidratan, salvo Gillette e La Toja, que, aínda que o indican nas súas etiquetas, non o fan. Na proba de uso non se atoparon diferenzas significativas.
- Nivea é o único que alcanza o “moi ben” en calidade global. Lea, Floid, Kinesia, Sanex e Williams obtiveron un “ben”, mentres que Gillette e La Toja foron os únicos que acadaron un simple “correcto”.
- A mellor relación calidade-prezo é Sanex Men, pola súa boa calidade, o seu satisfactorio poder hidratante (despois de dúas horas) e o seu prezo inferior á media. Outra boa opción é Nivea, o segundo máis caro pero o de maior calidade global.
Marca Denomi- nación | SANEX MEN “After shave bálsamo” |
NIVEA FOR MEN “After shave bálsamo sensitive” |
KINESIA ARTIC “After shave balm” |
LEA “After shave bálsam” |
---|---|---|---|---|
Prezo (euros / litro) | 36,54 | 55,38 | 24,52 | 16,76 |
Formato (ml) | 100 | 100 | 150 | 125 |
Aspecto visual do produto | ||||
Aspecto | Emulsión | Emulsión | Emulsión | Emulsión |
Cor | Branca | Branca | Branca | Branca |
Cheiro | Perfumada | Perfumada | Perfumada | Perfumada |
Características físico-químicas | ||||
pH | 5,7 | 6,4 | 6,1 | 5,9 |
Viscosidade 1 | 4.332 | 2.535 | 5.520 | 11.175 |
Extracto seco (%) 2 | 7,5 | 6,4 | 4,9 | 2,2 |
Alcohol (%) 3 | Non | Non | 14,1 | 10,3 |
Contido substancias activas | ||||
Glicerol 4 | 0,9 | 2,1 | Non | 0,64 |
Bisabol (%) 5 | 0,04 | 0,2 | 0,1 | Non |
Acetato vitamina E (%) 6 | Non | 0,48 | 0,19 | Non |
PanteNonl (%)7 | Non | 1,1 | Non | Non |
Alantoína (%) 8 | 0,22 | 0,08 | 0,14 | Non |
Urea (%) 9 | 0,02 | Non | Non | Non |
Tolerancia cutánea | Non irritante | Non irritante | Non irritante | Non irritante |
Poder hidratante | Máis hidratante | Máis hidratante | MeNons hidratante | Hidratante |
Calidade global | Ben | Moi ben | Ben | Ben |
Proba de uso (de 1 a 9) ns |
6,4 | 6,2 | 6,6 | 6,3 |
Marca Denomi- nación | WILLIAMS “After shave bálsamo fresco” |
FLOID (REVLON) “After shave bálsamo protector” |
LA TOJA “After shave bálsamo” |
GILLETTE SERIES “After shave bálsamo piel sensible” |
---|---|---|---|---|
Prezo (euros / litro) | 24,97 | 37,87 | 36,90 | 65,04 |
Formato (ml) | 150 | 125 | 100 | 75 |
Aspecto visual do produto | ||||
Aspecto | Emulsión | Emulsión | Emulsión | Emulsión |
Cor | Azul | Branca | Branca | Branca |
Cheiro | Perfumada | Perfumada | Perfumada | Perfumada |
Características físico-químicas | ||||
pH | 6,3 | 5,9 | 4,8 | 5,9 |
Viscosidade 1 | 38.075 | 23.375 | 4.191 | 5.548 |
Extracto seco (%) 2 | 4,2 | 8,6 | 7,9 | 8,1 |
Alcohol (%) 3 | 9,9 | 13,3 | 13,9 | Non |
Contido substancias activas | ||||
Glicerol 4 | Non | Non | Non | 0,5 |
Bisabol (%) 5 | 0,05 | 0,1 | Non | – |
Acetato vitamina E (%) 6 | 0,05 | Non | Non | – |
PanteNonl (%)7 | Non | Non | 0,38 | – |
Alantoína (%) 8 | 0,2 | 0,2 | 0,2 | – |
Urea (%) 9 | Non | Non | N.D | – |
Tolerancia cutánea | Non irritante | Non irritante | Non irritante | Non irritante |
Poder hidratante | Hidratante | Hidratante | Non hidratante | Non hidratante |
Calidade global | Ben | Ben | Correcta | Correcta |
Proba de uso (de 1 a 9) ns |
6,5 | 6,5 | 7,1 | 7,0 |
N.D.: Non detectado
1 Viscosidade: será valorada de mellor a peor cos seguintes rangos: < 3000 (peor), 3000-8000, >8000 (mellor).
2 Extracto seco: cantidade de materias orgánicas e minerais resultantes tras eliminar a auga.
3 Alcohol: con virtudes refrescantes e tónicas.
4 Glicerol: substancia hidratante.
5 Bisabol: substancia con virtudes antiinflamatorias.
6 Acetato de vitamina E: con virtudes antiengurras, calmantes, cicatrizantes e hidratantes.
7 Pantenol: con virtudes reparadoras, nutritivas e hidratantes.
8 Alantoína: con virtudes cicatrizantes.
9 Urea: con virtudes hidratantes. ns Proba de uso: Non existen diferencias significativas en ningún dos aspectos valorados.
Un a un
Un a un, oito bálsamos para despois do afeitado
SANEX MEN "After shave bálsamo"
- Sae a 36,54 euros/litro.
- Calidade global: Ben.
- A mellor relación calidade-prezo. Tanto o pH coma a viscosidade da emulsión son satisfactorios. O seu contido en substancias activas é dos máis completos. Sen alcohol. Un dos bálsamos máis hidratantes dúas horas despois de aplicalo.
- Na proba de uso: 6,4 puntos de 9 posibles.
NIVEA FOR MEN "After shave bálsamo sensitive"
- Sae a 55,38 euros/litro, o segundo máis caro.
- Calidade global: Moi ben.
- Outra boa opción. A súa emulsión é a máis líquida. O pH é lixeiramente superior ó da pel, pero o seu contido en substancias activas é o máis completo. Sen alcohol. O máis hidratante tanto ós 30 minutos coma ás dúas horas de aplicalo no rostro.
- Na proba de uso: 6,2 puntos.
KINESIA ARTIC "After shave balm"
- Sae a 24,521 euros/litro, o segundo máis barato.
- Calidade global: Ben.
- A súa viscosidade é correcta, aínda que o pH é superior ó da pel. O maior contido alcohólico (14,1%). Con filtros de raios UVA que protexen a pel dos raios solares. Poder hidratante baixo, aínda que significativo.
- Na proba de uso: 6,6 puntos.
LEA "After shave bálsam"
Sae a 16,76 euros/litro, o máis barato.- Calidade global: Ben.
- pH e viscosidade satisfactorios, pero o seu contido en substancias activas é dos máis pobres. A menor porcentaxe de extracto seco e o seu contido en etanol (alcohol) é o segundo menor. Poder hidratante significativo.
- Na proba de uso: 6,3 puntos.
WILLIAMS "After shave bálsamo fresco"
- Sae a 24,97 euros/litro.
- Calidade global: Ben.
- O único bálsamo de cor azul. Viscosidade satisfactoria, aínda que o pH é lixeiramente superior ó da pel. Baixo contido alcohólico. Poder hidratante significativo.
- Na proba de uso: 6,5 puntos.
FLOID (REVLON) "After shave bálsamo protector"
- Sae a 37,87 euros/litro.
- Calidade global: Ben.
- pH e viscosidade satisfactorios. O de máis extracto seco. Poder hidratante significativo. Dos que teñen máis alcohol.
- Na proba de uso: 6,5 puntos de 9.
LA TOJA "After shave bálsamo"
- Sae a 36,90 euros/litro.
- Calidade global: Correcta.
- pH e viscosidade correctos. Dos de menos alcohol. Non hidrata.
- Na proba de uso: 7,1 puntos.
GILLETTE SERIES "After shave bálsamo pel sensible"
- Sae a 65,04 euros/litro, o máis caro.
- Calidade global: Correcta.
- pH e viscosidade satisfactorias, pero o seu contido en substancias activas é dos máis pobres. Sen alcohol. Con filtros de raios UVA para protexer a pel dos raios solares. Non hidrata.
- Na proba de uso: acada 7 puntos de 9.