Coidados do parqué

O mantemento debe ser constante

1 Abril de 2004
Img consejos listado 151

O mantemento debe ser constante

O parqué é o chan de madeira por excelencia e, coma outros chans deste tipo, require coidados, sinxelos pero constantes, para manterse sempre en condicións óptimas. Ademais, se o chan ten que aturar o paso de moita xente, convirá raspillalo e vernizalo polo menos cada dez anos. Pero o gran cabalo de batalla son as marcas ou raias, que poden deslucilo se non se tratan a tempo e correctamente.

Conservación e mantemento

  • Evite pisar o parqué co calzado da rúa (especialmente se está mollado ou se contén restos de grava, terra, lama, etc., principais inimigos do parqué). Procure colocar un felpudo tanto antes coma despois da porta de entrada para reter a arxila e as pedriñas. Teña coidado co calzado: os zapatos de tacón fino, por exemplo, poden marcar o chan.
  • Cando se derrame algún líquido sobre o pavimento, límpeo e séqueo axiña, xa que se filtra rapidamente entre a madeira e o chan. Utilice un secador de pelo, aínda que con coidado para non queimar a madeira, se cre que puido penetrar entre as aberturas ou ocos das tarimas.
  • Evite dar golpes e roces con obxectos duros.
  • Poña tapas ou feltros esvaradíos baixo as patas dos mobles, sobre todo se son pesados, para evitar raialo. Sexa especialmente precavido ó cambiar de sitio os mobles: non os arrastre, estragará o parqué.
  • Os cambios na humidade ambiental producen a contracción e expansión da madeira. Preveña ou reduza eses cambios empregando un humidificador durante os períodos secos, e ventilación e calefacción en períodos húmidos. Recoméndase manter a humidade ambiental de entre o 35% e o 65%.
  • Evite que os raios do sol incidan durante moito tempo sobre o pavimento: aclaran a madeira prematuramente e estrágana máis.

Rabuñadas e raspillados

  • Tape as rabuñadas do parqué aplicando coidadosamente no raiazo cun pano ben limpo unha pasta para madeira que pode facer previamente mesturando betume (dunha cor semellante á do parqué) e cera. Deixe secar a pasta durante 20 minutos e fregue cun cepillo ata que non se vexa o raiazo.
  • Se o seu parqué renxe, bótelle nas regañas pos de talco, facéndoos penetrar cun cepillo. Deseguido, choute enriba, ata que se introduzan no último recuncho.
  • É recomendable raspillar a madeira cada dez anos, ou antes se o considera preciso e pasa moita xente por riba, para que o seu avellentamento sexa menos notable e o raspillado sexa duns milímetros. Canto máis tempo pase entre un raspillado e outro, máis cumprirá pulir a madeira posteriormente. Ademais, cómpren polo menos dúas capas de verniz para que o raspillado sexa duradeiro e teña boa presencia.

Limpeza

  • Límpeo a miúdo eliminando o po cunha mopa ou cun pano seco. Para esta tarefa tamén pode utilizar un cepillo de sedas naturais destinado só a chans de parqué. Se hai partículas de lixo empregue un aspirador: recolleraas sen arrastralas, evitando o efecto lixa que pode producir raións no chan.
  • Non lle engada á auga produtos con alto compoñente ácido ou que conteñan ceras ou siliconas. O seu uso repercute no posterior revernizado. O peor inimigo dos chans de madeira son algúns produtos de madeira, moi abrasivos, que co tempo lle quitan o brillo e resultan corrosivos.
  • Fregue periodicamente o seu chan de madeira. Para realizar esta tarefa, procure utilizar produtos especialmente fabricados para o uso en parqués ou chans de madeira. Use sempre a dose mínima recomendada. Se non ten un produto específico, pódelle engadir á auga de fregar o chan unha pinga de vinagre.
  • Se o seu parqué perdeu brillo ou sofre algún outro tipo de estrago, sexa precavido e consulte cun especialista. Cada tipo de desgaste ou alteración requirirá coidados específicos.
  • Non deixe secar as manchas sobre o parqué. Canto máis recente sexa a mancha, máis doada será a súa limpeza. Use un pano húmido inicialmente, e se a mancha non se quita (algunhas, como as de graxa, poden resultar especialmente difíciles de eliminar) consulte cun especialista.
  • Actualmente a maioría dos chans de madeira veñen vernizados ou protexidos e non cómpre enceralos como se facía antigamente.