Artefactos cotiáns chegados do espacio
O 4 de outubro de 1957, Moscova sorprende o mundo enteiro coa posta en órbita do Spútnik 1. Esa data histórica significou o comezo da era espacial, un período no que a investigación e o desenvolvemento nas súas máis altas cotas de perfección e aplicación práctica son o eixe da acción. Resulta sorprendente descubrir que moitos elementos que utilizamos na nosa vida cotiá proceden dos laboratorios ultramodernos da NASA ou da Axencia Espacial Rusa. Amais da súa eficacia e do seu alto grao de tecnoloxía ata no máis sinxelo, coma no velcro, estes inventos contan cunha gran vantaxe: en moitas ocasións trátase de descubrimentos paralelos ó obxectivo final, polo que carecen de patentes e toda a humanidade se beneficia do seu uso.
Pode parecer unha lista de anécdotas, pero ferramentas e tecidos que hoxe nos parecen tan domésticos e cotiáns débense ó enxeño de investigadores espaciais.
A máis alta tecnoloxía… cotiá
- Para vivir no espacio houbo que inventar os cueiros desbotables, con xelatina absorbente que acadaba un balance térmico dos traxes espaciais.
- O sistema de aforro de fluxo de enerxía, utilizado nos refrixeradores, ordenadores e noutros aparellos eléctricos domésticos, foi desenvolvido para os satélites.
- Algunhas técnicas de desinfección usadas nos principais centros hospitalarios do mundo foron pensadas para os voos ó espazo.
- As ferramentas sen cable, como o trade sen fíos, foron deseñadas para que os navegantes do Apolo puidesen tradear as rochas lunares.
- Os traxes dos astronautas elabóranse en teas e fibras como a maylar, creadas a partir dun material illante e flexible feito dunha combinación de metais e cerámica. Illantes do frío e da calor, hoxe utilízanas os corredores de Fórmula 1, os bombeiros e os mergulladores… e calquera persoa que vista un forro polar, calcetíns térmicos ou un plumífero, ou que use luvas e botas térmicas para a neve. Tamén se inventou o kevlar, un material plástico moi resistente co que hoxe se fabrican os pneumáticos e os chalecos antibala. Os tenis con sistema de aire a presión, que amortecen o impacto e que lle dan estabilidade e flexibilidade ó atleta, proceden dos zapatos inventados para permitir o movemento do astronauta.
- O láser utilizouse ó primeiro no espazo para realizar tests
- O tubo dental, tal e como o coñecemos agora, desenvolveuse para o seu uso no espazo.
- O peche de velcro desenvolveuse para innumerables aplicacións espaciais, desde traxes ata peches herméticos dentro das chaves.
- Os monitores cardíacos, que se utilizaron para controlar en tempo real a saúde dos astronautas, agora son de uso cotián en todos os centros hospitalarios do mundo.
- O termómetro dixital sen mercurio, que detecta a enerxía infravermella que emite o oído, deseñouse para medir a temperatura dos astronautas en cuestión de segundos.
- A pintura anticorrosión desenvolveuse para reducir as custas de manutención das instalacións espaciais.
- O tratamento da auga, o mesmo sistema que se emprega para purificar e reciclar auga no espazo, emprégase nos sistemas urbanos e domésticos de purificación.
- As termografías multicolor, que permiten facer unha representación do corpo humano en cores segundo a súa temperatura, nacen a partir da era espacial.
- A tecnoloxía actual do marcapasos utilizouse para manexar as comunicacións entre a Terra e os satélites.
- Os lentes de contacto con película antirraiado desenvolvéronse para protexer das radiacións, entre elas a ultravioleta, os espellos e cámaras dos telescopios utilizados no espazo.
- O policarbonato, material illante e resistente co que están feitos os discos compactos, inventouse para fabricar os cascos dos astronautas.
- O teflón, tan presente nas tixolas e na tapicería, que repele a auga, inventouse para cubrir a nave Saturno V.
- Os alimentos deshidratados e liofilizados, como algunhas papas ou o café soluble, ideáronse para alimentar o home do espazo, e o microondas para que quentase os seus alimentos.
- Os detectores de fume que actualmente se atopan en calquera lugar público utilizáronse por primeira ocasión na estación espacial Skylab para percibir calquera vapor tóxico. E os tecidos resistentes ó lume xorden das investigacións para protexer os circuítos eléctricos dos foguetes.
- O código de barras, presente ata no máis pequeno obxecto de consumo, desenvolveuno orixinalmente a NASA para controlar os millóns de pezas espaciais que fabricaban.
- O Global Positioning System (GPS) ou Sistema de Posicionamento Global (SPG) é un conxunto de 24 satélites que se empregan para coñecer unha posición exacta no planeta. Orixinalmente utilizábano soamente os militares. Na actualidade, un peregrino que se perde camiño de Santiago e leva consigo un dispositivo GPS pode ser localizado en cuestión de minutos se chama ó 112.
Os avances médicos e farmacolóxicos están cada vez máis ligados á carreira espacial. Algúns experimentos non se poden realizar na Terra e, por iso, cando o transbordador espacial Columbia despegou en 1981, levou ó espazo máis de 80 experimentos científicos de física fundamental, bioloxía e seguridade contra o lume. Tamén na Estación Espacial Internacional poderán xurdir tratamentos ou programas de prevención para patoloxías cardiovasculares, a osteoporose, a retinopatía asociada á diabetes e os cálculos renais.
Pero a novidade na carreira espacial radica no programa denominado Desenvolvemento de Produtos do Espazo, concibido para estimular as compañías privadas a empregar as misións dos transbordadores e as instalacións da Estación como centros de investigación de novos produtos.
Entre os experimentos financiados polo sector privado atópanse o deseño dunha nova xeración de sistemas de control de incendios, o cultivo de plantas no espazo e a manipulación xenética de especies vexetais. Tamén a biociencia e os seus potenciais usos en medicina forman parte das misións, que inclúen estudos de proteínas para a súa aplicación no tratamento de diversos tipos de cancro e o desenvolvemento dun sistema de microencapsulación para as terapias oncolóxicas. Aínda que isto é aínda futuro, xa hai numerosas compañías de moi distintos sectores que tiveron a oportunidade de se beneficiaren do programa, mesmo unha empresa cosmética… e é que no espazo, nin as flores cheiran igual.