Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Cirurxía estética: aspectos legais : A información sobre inconvenientes e riscos, fundamental

Se se vai someter a unha operación de cirurxía estética, empregue o tempo preciso en elixir quen o vai operar

Desde que deixou de ser un tabú e un luxo, a cirurxía estética converteuse nun dos campos médicos que máis se desenvolveron nos últimos anos, pero tamén nun dos máis conflitivos. O impacto social que xeran os presuntos erros médicos en persoas sas converteuse nun lastre para a imaxe da profesión, que non se pon de acordo sobre a habilitación mínima que se lle debe esixir a un facultativo para exercer neste campo. Os médicos que practican intervencións de cirurxía estética deben estar en posesión do título de Especialista en Cirurxía Plástica, Reparadora e Estética, que se obtén tras licenciarse en Medicina e Cirurxía e tras realizar cinco anos de Médico Interno Residente nun hospital acreditado (un ano en Cirurxía Xeral, outro en especialidades cirúrxicas afíns e tres anos específicos de Cirurxía Plástica).

Preto de 300.000 persoas sometéronse o pasado ano a algún tipo de operación de cirurxía estética, o que sitúa a España á cabeza de Europa e no terceiro lugar da clasificación mundial de gasto en medicina estética, cunha cifra equivalente a un terzo do orzamento do Ministerio de Sanidade e Consumo. Non en van este sector move seiscentos millóns de euros anuais nas súas dúas vertentes: a cirurxía estética, é dicir, aquela que busca un cambio do aspecto físico por medio dunha operación, e a medicina estética, que tamén persegue unha mellora estética pero sen intervención cirúrxica, aplicando tratamentos que non requiren o emprego do bisturí.

Amais de distinguir entre cirurxía e medicina estética, convén aclarar a diferencia entre a cirurxía estética e a reparadora ou reconstrutiva. Ambas as dúas engloban dentro a cirurxía plástica, especialidade que en España se coñece como Cirurxía Plástica, Reparadora e Estética. Pero mentres que a plástica e reparadora atende a queimados, malformacións conxénitas ou adquiridas e se practica nos hospitais do Sistema Nacional de Saúde, a estética realízase para mellorar as estruturas normais do corpo con intención de aumentar o atractivo do paciente e a súa autoestima, e non está incluída no catálogo de prestacións da Seguridade Social.

Contrato de resultados, pero con matices

Cando unha persoa libre e voluntariamente se somete a unha intervención cirúrxica coa única intención de mellorar a súa estética, atopámonos ante un contrato híbrido, a cabalo entre o contrato de arrendamento de servizos, con obriga de medios, e o contrato de obra, con obriga de resultados. En calquera intervención médica, sexa de cirurxía estética ou non, incide o que se denomina azar irredutible. É dicir, pode acontecer que, malia unha actuación médica correcta, o resultado favorable non se dea acadado. Na medicina curativa a obriga médica é de medios: utilizar todos os medios dispoñibles con dilixencia para acadar a curación. Na medicina voluntaria a esta obriga médica xeral engádeselle un plus cara ó resultado, como a consecución dun tamaño de peito concreto, determinado nariz… Pero se o resultado non se acada pode haber ou non responsabilidade médica. Dependerá de se se acredita que houbo ou non culpa, impericia ou descoñecemento do saber médico, xa que é posible que a non consecución do resultado apetecido se deba non á neglixencia médica, senón ó azar irredutible. Por iso, o paciente debe ser informado exhaustivamente destas cuestións, é dicir, non só dos riscos, senón tamén da porcentaxe de posibilidades de que o resultado non se acade e de cantos factores poden impedilo. Outra cuestión ben distinta é que non só non se acade o resultado, senón que ademais se afee ou se lle cause algún tipo de dano ó cliente. Neste caso, a culpa médica presúmese, non hai que probala. Polo tanto, obriga de medios que se achega moito á de resultados.

Paginación dentro de este contenido

  •  No hay ninguna página anterior
  • Estás en la página: [Pág. 1 de 4]
  • Ir a la página siguiente Antes de operarse... »

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións