Como facer máis satisfactorio o xogo sexual

Evitar o autocontrol

1 Abril de 2004
Img psicologia listado 170

Evitar o autocontrol

De que falamos exactamente cando nos referimos ó xogo sexual? Ó igual ca en calquera acto voluntario que busca a diversión, cada paso do xogo sexual é un xogo en si, desde que comeza ata que remata. Cada etapa ten o seu sentido, e vívese e gózase sen que ningunha parte sexa considerada máis ou menos importante. Así é como entendemos o xogo sexual. Un bico, unha aperta, un coito, unhas caricias, unha masturbación… e tantos xeitos de atopar o pracer son en si xogos sexuais. De maneira errada as prácticas sexuais dividíronse en completas e preliminares. A importancia das primeiras fronte á desvalorización das segundas o que fai é que perdamos o goce do xogo a prol dunha meta que pode chegar ou non, e pode buscarse ou non.

Chamámolo xogo sexual porque implica certa relación lúdica. O adulto decide cederlle terreo á parte máis sincera e menos condicionada pola súa madurez, á súa parte máis infantil. Trátase de desbotar os prexuízos, de afastarse dos tabús e mitos encorsetadores e prohibitivos, e chegar ó xogo polo pracer de xogar, dándolle paso á curiosidade, á exploración, á fantasía e á paixón. Trátase de aprender dun mesmo, de coñecerse máis e de desenvolver as potencialidades dun encontro sexual onde se fan presentes a cooperación e o gozo. Abandónase a condición de persoa aprendida e a máscara que obriga a aparentar, a controlar e, en definitiva, a saber, e déixase arribar a personalidade máis nena. O poder e a prepotencia aquí non serven, pois o pracer implica liberdade, concederlla a un mesmo e procurarlla ó outro, propiciar risa e fuxir da seriedade. Trátase de xogar, sabendo que a satisfacción do xogo non dependerá do amor nin da habilidade, senón de permitirnos un código que nos afaste do autocontrol.

Que nos impide gozar do xogo sexual?

Ser un bo xogador dependerá da nosa actitude ante a vida. Devén do código de comunicación co que nos desenvolvemos nas relacións e ante as situacións. Unha actitude positiva ó pracer e unha comunicación aberta, serena e de encontro afastaranos de competir e fará ridículas as comparacións. A seguridade e a autoestima son os resortes seguros que abren a porta do desexo. Admitir o desexo e querer aprender a gozar é unha opción consciente e educable a calquera idade, só se precisa liberdade para desenvolvela.

A satisfacción sexual non vén, xa que logo, da man dun manual de posturas, roces ou caricias máis ou menos habilidosas. Todo isto é materia de aprendizaxe que vén despois e que non tería ningún efecto se non temos ben claro que a nosa capacidade de pracer, é dicir, a nosa sexualidade, é un proxecto que comeza por aceptarnos, respectarnos e amarnos, e segue por querer e aprender a gozar e a facer gozar. Sen présas, sen retos e ó noso ritmo.

Tres conceptos importantes que cómpre ter en conta

  • Necesidade de coñecemento corporal
  • Que e como quere o noso corpo
  • Que e como sente
  • Poñerlles nome ás súas distintas partes e falar delas ó igual que o facemos doutras
  • Revisión da nosa actitude cara ó pracer
  • Non é sucio
  • Non hai nada prohibido entre dúas persoas que responsablemente queren compartir
  • Merecémolo e é o código no que queremos movernos para vivir
  • Revisión do noso concepto do pracer
  • O pracer require o corpo enteiro
  • Querer descubrir a nosa máxima capacidade de pracer
  • Querer gozar de cada situación e momento
  • A comunicación positiva e aberta como vehículo ó pracer
  • Apaixonarnos coa nosa vida
Factores que inhiben ou bloquean o desexo
  • Sentimentos de culpa.

    Xéranse cando se quere experimentar co pracer pero xorden contradicións cos valores interiorizados e polos que nos movemos. O pracer está asociado ó egoísmo, á falta de principios morais e á frivolidade. No noso código moral moitas veces aparece contraposto ó deber e á rectitude coa que temos que funcionar na vida. Este deber esíxelles ás mulleres a necesidade de mesturar o amor co pracer, manterse nun papel pasivo e ser o “obxecto de desexo”, e ós homes un papel activo, desexante e responsable de que a muller goce na relación. Nel aséntanse tamén os pudores e vergonzas que coartan e frean necesidades e desexos no encontro sexual.

  • Baixa autoestima.

    Cando hai un escaso coñecemento persoal, tanto corporal coma dos valores polos que movernos; cando sabemos pouco sobre como senten as nosas diferentes partes do corpo e como este quere sentir en cada intre, camiñamos cara á baixa autoestima. O escaso autocoñecemento afectará o noso autoconcepto, e este incidirá directamente sobre a nosa confianza e seguridade, crebándoas de tal xeito que nos fai ser dependentes de quen nos diga que nos quere. Pásase entón a primar e a priorizar as súas necesidades e desexos, aínda a costa de non atender os nosos propios. Unha relación baseada na dependencia está lonxe dun principio tan básico como é compartir as experiencias, e é desde este desde onde se fundamenta o pracer.

  • Diferentes tabús e prexuízos.

    O pracer non é sucio nin pecaminoso. Non hai nada prohibido entre persoas que responsablemente queiran compartilo.

  • Medos interiorizados.

    Ó buscar o pracer aparecen como pantasmas os xenitais femininos, a posibilidade de embarazo ou as enfermidades de transmisión sexual. A estes únense tamén o medo a non estar á altura e, polo tanto, a exporse ó rexeitamento.

  • Falta de tempo.

    Amar, mimar, compartir, non é posible se non dispomos e se non lle dedicamos tempo a iso, e facémolo como unha máis das prioridades que nos marcamos na vida.

  • Anoxos e conflitos.

    Neses momentos pechámonos ó contacto físico, en ocasións como castigo á outra persoa. Isto é consecuencia de que manexamos mal os anoxos. Os conflitos resólvense cunha comunicación aberta, positiva e empática. Unha caricia, un xesto físico de achegamento axudan e propician a fluidez desa comunicación.

  • Estrés.

    Hai que ser conscientes de que é un dos grandes inimigos do pracer, que nos fai desembocar na inapetencia e na apatía sexual.

  • Algúns medicamentos.

    Determinados ansiolíticos, antidepresivos ou fármacos para tratamentos de hipertensión arterial poden incidir na falta de desexo, se ben non se coñecen totalmente os seus efectos secundarios pola falta de contrastadas experimentacións.

  • Falta de comunicación.

    Cando falamos de comunicación non falamos de transmitir moita ou pouca información, senón de dicirnos, de comunicar o que queremos, o que nos gusta, o que nos molesta ou doe, o que nos fai felices. Dicirnos é compartir intimidade, participarnos a nosa vulnerabilidade.