Xampús de uso frecuente para cabelo normal

Os máis caros non son sempre mellores

As diferenzas técnicas de calidade non son importantes e aínda o foron menos na proba de uso
1 Febreiro de 2004
Img analisis2 listado

Os máis caros non son sempre mellores

Analizáronse oito xampús de uso frecuente para cabelo normal, que custan desde os 9 euros/litro de Sunsilk ata os 11,33 euros/litro de Elvive. Sunsilk, o máis barato, é a mellor relación calidade-prezo, pola súa boa composición e a súa satisfactoria valoración na proba de uso. Pantene Pro-V, máis caro (sae a 11 euros/litro) ofrece a maior calidade e é o único que se distingue positivamente do resto na proba de uso.

Un xampú debe lavar o cabelo, é dicir, eliminar o lixo formado polo po, a graxa e as células mortas. Ademais, convén que teña un aspecto agradable, que sexa soluble en augas duras e brandas, que protexa a graxa natural que preserva o cabelo, que deixe o pelo flexible, suave e doado de peitear, que forme abundante escuma, que sexa sinxelo de aclarar, que presente un pH neutro ou lixeiramente ácido, que a súa viscosidade sexa adecuada (se non escorregaría entre os dedos ou sería difícil de extraer do envase) e que, se por accidente entra en contacto cos ollos, non os irrite.

Os xampús son emulsións máis ou menos escumosas formadas por auga, axentes deterxentes (que compoñen entre un 10% e un 20% da súa formulación), espesantes (menos dun 4%), conservantes que impiden o desenvolvemento de bacterias, mofos e lévedos, perfume, axentes colorantes e reguladores do pH. Un dos efectos dos axentes deterxentes (tensioactivos aniónicos e anfóteros) é o seu efecto desengraxante, que os fabricantes controlan para que o xampú non reseque o pelo e o coiro cabeludo. Para iso, engaden suavizantes como os polímeros catiónicos, siliconas e algúns tensioactivos. Outros ingredientes, como as ceras naturais de froitas, as vitaminas, os minerais, as proteínas ou o leite hidratante engádense para distinguir cada mostra e conferirlles propiedades supostamente positivas.

Cuestión de pH

O coiro cabeludo san posúe un pH máis ben ácido, que rolda o 4, pero o pH do ollo é neutro (7,5). Os fabricantes de xampús adoitan sacrificar que o seu pH se aproxime ó do coiro cabeludo para minimizar as consecuencias dun eventual accidente no que o produto entra en contacto cos ollos. Sunsilk, Llongueras, Elvive e Fructis ofreceron os pH máis neutros (e, polo tanto, mellores) entre 6,3 e 6,7, mentres que Pantene Pro-V, Dove e Hair Tech se situaron entre o pH 6 e 6,1. Dove presentou o pH máis ácido (peor), con 5,2.

A viscosidade do xampú, doutra banda, non debe ser insuficiente, é dicir, menos de 2.500 centipoises ou cps (a auga destilada ten 1 cps.), para que o líquido non escorregue entre os dedos, pero tampouco debe ser excesiva (máis de 13.000 cps.), para que a súa dosificación sexa sinxela e non custe extraelo do envase. Elvive (16.000 cps.) e, sobre todo, Fructis (18.800 cps.) evidenciaron valores por riba do máximo determinado, o que obriga a apertar o bote varias veces para conseguir que saia o produto polo burato, sobre todo se o envase non está cheo.

A cantidade de materia orgánica indica a porcentaxe de substancias activas dentro de cada formulación. Calcúlase restando as substancias minerais do extracto seco, que é o que queda do xampú tras eliminar a auga e as substancias volátiles como o perfume. A maior porcentaxe de materia orgánica atópase en Elvive (24,8%) e Fructis (24,4%), e a menor en Wella Balsam (14%). Pantene Pro-V é o que ofrece máis substancias limpadoras propiamente ditas, cun 17% de tensioactivos aniónicos, mentres que Llongueras só ofrece un 9% destes elementos.

Aparencia externa

O aspecto do envase e do líquido interior é correcto nos oito xampús. No tocante á súa cor, é branca anacarada en Llongueras, Pantene Pro-V, Elvive e Fructis; branca en Wella Balsam e Dove; marfil en Hair Tech e verde anacarada en Sunsilk.

Tendo en conta estes parámetros técnicos, tres xampús, Hair Tech, Pantene Pro-V e Dove obteñen as mellores valoracións (“moi ben”). Sunsilk, Llongueras e Fructis quedan no ben, os dous primeiros pola súa baixa porcentaxe de materias orgánicas totais (substancias activas) e, Fructis, pola súa viscosidade excesiva, o que dificulta a súa correcta dosificación. E, os peores, aínda que aceptables, son Elvive e Wella Balsam, o primeiro por ser moi viscoso e polo seu baixo poder escumante, e o segundo polo seu pH ácido (peor) e por non contar con tanta cantidade de materias orgánicas coma os outros xampús.

Proba de uso

Un grupo de 54 voluntarios de ambos os sexos, de 18 a 65 anos, probaron os oito xampús e avaliaron diversos parámetros do 1 ó 9. A principal conclusión é que non existen diferencias importantes entre as oito mostras. Pantene Pro-V distinguiuse do resto con 7,7 puntos sobre 9, e resultou ser o mellor xampú en todos os apartados valorados. Pola súa banda, Hair Tech foi o peor con 6,4 puntos. O resto oscilou nunhas puntuacións moi homoxéneas: entre 6,9 e 7,1 puntos sobre 9. Dove foi o segundo mellor xampú en todos os parámetros.

A cor branca anacarada de Pantene (7,6 puntos) e de Fructis (7,2 puntos) foi a mellor valorada, mentres que os peores neste apartado foron o tamén branco anacarado de Elvive (6,8 puntos) e o marfil de Hair Tech (6,4 puntos). O cheiro do xampú que resultou máis agradable foi o de Dove (7,5 puntos), mentres que Elvive foi o menos aprezado polos usuarios (5,9 puntos) e, no tocante ó cheiro deixado no cabelo tralo seu uso, Dove volveu ser o mellor (7,6 puntos) e Fructis (6,4 puntos) e Hair Tech (6,5 puntos) os que obtiveron valoracións máis discretas. As texturas viscosas, espesas e densas (próximas ó máximo que admite o laboratorio como aceptable), como as de Pantene e Dove, foron as mellor valoradas. Pantene (8 puntos) e Dove (7,5 puntos) son tamén as mostras máis estables, mentres que a escuma de Hair Tech (6,6 puntos) é a que é máis inestable.

A escuma

O poder escumante é algo que o consumidor pode comprobar dunha simple ollada: é a cantidade, consistencia e estabilidade da escuma formada. O ideal é que o xampú cree abondosa escuma, que tarde en desfacerse e que se aclare doadamente. O laboratorio comprobou este parámetro vertendo unha mestura de produto e auga desde unha altura determinada sobre unha probeta que contiña un litro de auga quente e mediu a cantidade de escuma que quedaba ós trinta segundos, ós tres minutos e ós cinco minutos.

Ó cabo de trinta segundos, Pantene Pro-V e Dove (432 mililitros), seguidos de Fructis (431 ml) foron os xampús que máis escuma formaron. Elvive foi o peor nesta proba, con 373 ml.

Non só cómpre que se forme moita escuma, senón que esta debe ser o máis estable posible, o que se calcula comprobando a diferencia de volume que hai ós trinta segundos e ós cinco minutos de iniciar a proba. Os oito xampús superaron este test, pero Sunsilk e Elvive só acadaron un “ben”, no canto do “moi ben” dos outros seis.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 8 xampús de uso frecuente para cabelos normais, con prezos desde os 9 euros/litro de Sunsilk ata os 11,33 euros/litro de Elvive. O seu labor é eliminar a graxa, o po e as células mortas do pelo e o coiro cabeludo.
  • Na análise de laboratorio, Hair Tech, Pantene Pro-V e Dove acadaron un “moi ben”. Sunsilk, Llongueras e Fructis obtiveron un “ben”, e Elvive e Wella Balsam quedaron nun “aceptable”.
  • Wella Balsam é o único con pH lixeiramente ácido (peor). A viscosidade de Elvive e Fructis é excesiva, o que dificulta a súa dosificación. Pantene Pro-V e Dove son os que máis escuma crean. A escuma de Elvive é a menos abondosa e a menos estable.
  • Na proba de uso non se percibiron diferencias significativas. Pantene Pro-V foi o mellor valorado (7,7 puntos de 9) e o resto roldou os 7 puntos, agás Hair Tech, que quedou nos 6,4 puntos.
  • A mellor relación calidade-prezo é Sunsilk, o máis barato e con boas valoracións técnicas e na proba de uso. Outra opción é Pantene Pro-V, máis caro, pero o mellor valorado e o de maior calidade.
Marca Sunsilk Pantene PRO-V Dove Hair Tech
Prezo (euros / litro) 8,99 11,00 9,90 9,76
Aspecto visual producto
Aspecto do líquido Opaco viscoso Opaco viscoso Opaco viscoso Opaco viscoso
Cor Verde anacarada Branca anacarada Branca Marfil
Cheiro Perfumado Perfumado Perfumado Perfumado
Características técnicas
pH 6,3 6,1 6,1 6,0
Viscosidade 1 Satisfac
toria
Satisfac
toria
Satisfac
toria
Satisfac
toria
Extracto seco (%)2 17,8 21 20,9 17,6
Materia orgánica (%) 3 16 20,4 19,9 17,2
Anfóteros + non iónicos (%)4 5,2 3,6 7,4 3,4
Tensio
activos aniónicos (%) 5
10,8 16,8 12,5 13,8
Cloruros (%) 6 1,8 0,6 1,0 0,4
oder escumante
Volume de escuma 30 s (ml) 428 432 432 422
Estabilidade da escuma Ben Moi Ben Moi Ben Moi Ben
Calidade técnica Boa Moi Boa Moi Boa Moi Boa
Proba de uso (escala de 1 a 9) 7,0 7,7 7,1 6,4
Marca Llongueras Fructis Wella balsam Elvive
Prezo (euros / litro) 10,52 10,80 9,56 11,33
Aspecto visual producto
Aspecto do líquido Opaco viscoso Opaco viscoso Opaco viscoso Opaco viscoso
Cor Branca anacarada Branca anacarada Branca Branca anacarada
Cheiro Perfumado Perfumado Perfumado Perfumado
Características técnicas
pH 6,5 6,5 5,2 6,7
Viscosidade 1 Satisfac
toria
Moi elevada Satisfac
toria
Elevada
Extracto seco (%)2 17,1 25 16,2 25,3
Materia orgánica (%) 3 16,7 24,4 14 24,8
Anfóteros + non iónicos (%)4 7,5 10,9 3,9 10,7
Tensio
activos aniónicos (%) 5
9,2 13,5 10,1 14,1
Cloruros (%) 6 0,4 0,6 2,2 0,5
oder escumante
Volume de escuma 30 s (ml) 426 431 400 373
Estabilidade da escuma Moi Ben Moi Ben Moi Ben Ben
Calidade técnica Boa Boa Aceptable Aceptable
Proba de uso (escala de 1 a 9) 7,0 7,1 6.9 7.0

1 Viscosidade: valores entre 2.500 – 13.000 valoráronse correctos, 2.500 insuficientes e 13.000 elevados.

2 Extracto seco: cantidade de materia orgánica e minerais resultantes tras eliminar a auga.

3 Materia orgánica: substancias activas do produto.

4 Tensioactivos anfóteros e non iónicos: axentes deterxentes suaves, emulsificantes e estabilizadores da escuma.

5 Tensioactivos aniónicos: axentes deterxentes.

6 Cloruros: axentes espesantes para axustar a viscosidade.

Un per un

Un por un, 8 xampús de uso frecuente

SUNSILK

  • Sae a 8,99 euros/litro.
  • A mellor relación calidade-prezo. O máis barato. Cor verde anacarada. Boa calidade técnica. Só ofrece unha porcentaxe media de materias orgánicas (substancias activas): Escuma abondosa, pero a súa estabilidade só chega ó “ben”.
  • Proba de uso: 7 puntos de 9. Gusta pola cantidade de escuma, pero resulta difícil de aclarar.

PANTENE PRO-V

  • Sae a 11 euros/litro.
  • Unha boa opción. O segundo máis caro. Cor branca anacarada. Moi boa calidade técnica. Abundante escuma moi estable. O de máis axentes deterxentes.
  • Proba de uso: 7,7 puntos de 9. O mellor en todos os parámetros.

DOVE

  • Sae a 9,90 euros/litro.
  • Cor branca. Moi boa calidade técnica. Abondosa escuma moi estable.
  • Proba de uso: 7,1 puntos de 9. É a segunda mellor en todos os parámetros.

HAIR TECH

  • Sae a 9,76 euros/litro.
  • Cor marfil. Moi boa calidade técnica. A máis baixa porcentaxe de axentes deterxentes, emulsificantes e estabilizadores.
  • Proba de uso: 6,4 puntos de 9. Satisfactoria, pero recibe as puntuacións máis baixas en todos os parámetros.

LLONGUERAS

  • Sae a 10,52 euros/litro.
  • Cor branca anacarada. Boa calidade técnica. A máis baixa porcentaxe de axentes deterxentes.
  • Proba de uso: 7 puntos de 9. Destaca pola cantidade de escuma.

FRUCTIS

  • Sae a 10,80 euros/litro.
  • Cor branca anacarada. Boa calidade técnica. A súa viscosidade é superior á dos demais, o que dificulta a súa dosificación. A maior porcentaxe de axentes deterxentes emulsificantes e estabilizadores.
  • Proba de uso: 7,1 puntos de 9. O peor en cheiro do cabelo tralo seu uso.

WELLA BALSAM

  • Sae a 9,56 euros/litro.
  • O segundo máis barato. Cor branca. Aceptable calidade técnica. A porcentaxe de materia orgánica (substancias activas) máis baixa.
  • Proba de uso: 6,9 puntos de 9. As puntuacións máis mediocres no cheiro do xampú e na facilidade de peiteado.

ELVIVE

  • Sae a 11,33 euros/litro.
  • O máis caro. Cor branca anacarada. Aceptable calidade técnica. Gran viscosidade do xampú, o que dificulta a súa dosificación. O máis baixo poder escumante, e a escuma menos estable. A maior porcentaxe de materia orgánica.
  • Proba de uso: 7 puntos de 9. Obtén as puntuacións máis baixas en cor e cheiro do xampú, textura, cantidade de escuma e sensación de coidado do cabelo.