Vivir a vellez sen saír da casa
O modelo tradicional de atención ós anciáns parece estar en situación de creba. O paulatino e sostido aumento da esperanza de vida que leva a que medre o número e a proporción de anciáns na nosa sociedade, as transformacións que sufriu o concepto de familia e a definitiva incorporación da muller ó mundo laboral cambiaron moito o escenario social no tocante ó coidado das persoas maiores. Todo sinala que o papel das mulleres como resignadas coidadoras dos anciáns da familia precisa unha fonda revisión, se é que non está irremisiblemente destinado a desaparecer.
Os datos sociolóxicos falan por si sós: se en 1975 había cinco mulleres potenciais coidadoras por cada maior de 65 anos, hoxe só hai dúas, e prevese que no 2040 os maiores de 80 anos superen en número as mulleres de entre 45 e 60 anos, as convencionalmente máis asociadas ó coidado dos seus maiores.
O noso é un país de anciáns: non en van ocupamos o noveno posto mundial na lista de avellentamento, e, se a tendencia se mantén, segundo a OMS a mediados de século seremos o país máis vello do mundo. En España viven máis de 8 millóns de persoas maiores de 65 anos, e máis de dous millóns sofren algunha discapacidade. Nesta liña, o 15% dos anciáns non pode realizar tarefas do fogar, e dous de cada tres maiores de 85 anos non poden limpar ou manter a súa casa debido a algún tipo de minusvalía. Malia todo, o 97% dos anciáns prefiren seguir vivindo na súa casa, mesmo en edificios que non axuntan as condicións de habitabilidade que eles precisan (ascensor, calefacción, etc.).
Así as cousas, a asistencia a domicilio é unha opción para os maiores que non teñen discapacidade psíquica ou física grave e que non queren renunciar a vivir na súa casa. A rede de Servizos de Atención a Domicilio está integrada polo Servizo de Axuda a Domicilio (público e privado), o Servizo de Teleasistencia (público e privado) e outros servizos con diversos graos de implantación en todo o país: prestación económica para axuda a domicilio, servizo de comidas a domicilio, prestación económica para adecuación da vivenda e prestación económica para familias coidadoras.
A asistencia a maiores en cifras
Segundo o último informe do IMSERSO sobre Servizos sociais para persoas maiores en España, do conxunto de servizos públicos de atención a domicilio, os máis utilizados son o Servizo Público de Axuda a Domicilio (SAD) e o Servizo Público de Teleasistencia. En xaneiro do 2002, e segundo o devandito informe, o número total de usuarios destes dous servizos ascendeu a 301.609 (197.306 usuarios do SAD e 104.313 de Teleasistencia). A evolución destes servizos entre xaneiro de 1999 e xaneiro do 2002 amosa un crecemento de case o 75% para o SAD e do 115% para a Teleasistencia, e mais un aumento dos respectivos índices de cobertura. Polo tanto, case tres de cada cen persoas de 65 ou máis anos son beneficiarias do SAD e 1,5 son beneficiarias da Teleasistencia. As comunidades autónomas con maior cobertura en SAD son Castela-A Mancha (5,22%), Estremadura (4,58%), o País Vasco (4,76%) e Navarra (3,67%).
Segundo este informe, o custo medio por hora do SAD a nivel nacional é de 9,5 euros, e Melilla (18 euros), Navarra (15,3%), Canarias (13,2 euros) e o País Vasco (12 euros) son as comunidades autónomas cun servizo máis caro.
Na Teleasistencia, o custo anual por usuario varía espectacularmente dunhas comunidades autónomas a outras, entre os 85 euros de Andalucía e os 403 euros da Rioxa.
Axudas públicas
Ante o cuantioso desembolso que supón para un ancián ou para a súa familia contratar un coidador, as administracións públicas poñen á disposición de quen o precise diversas canles de axuda económica. Para optar a estas axudas hai que se dirixir ós departamentos de benestar social ou de asistencia a maiores dos concellos, ou ós centros de barrio ou de distrito de cada cidade. Desde estes organismos canalízanse e xestiónanse as axudas recibidas polo IMSERSO (dependente do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais), as comunidades autónomas e os municipios.
No Plan de Acción para as Persoas Maiores 2003-2007 do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais tamén se contempla a posibilidade dun programa de axudas ás familias que teñen ó seu cargo o coidado de persoas maiores de 75 anos.
Para acceder ás axudas teñen prioridade os maiores que precisan un coidador por enfermidade, por mobilidade reducida ou por soidade. Tamén se valora a súa situación económica. Doutra banda, púxose en marcha recentemente en Madrid e Cataluña unha medida mixta para sufragar o gasto do coidador ou coidadora, o cheque-servizo. Este cheque, que ofrecen os concellos, paga unha parte do servizo e o resto corre a cargo do solicitante da axuda.
Recursos privados
Se non queda máis opción ca contratar os servizos dun coidador privado, convén recorrer a unha empresa de selección que garanta a profesionalidade do coidador que envían ó domicilio, así como a súa preparación específica (auxiliares de clínica, de xeriatría ou con titulación de axuda a domicilio). Se se opta por elixir un coidador particular, convén reflexionar sobre os aspectos do seu currículo que se deben valorar. Unha das calidades máis importantes é a motivación. Cómpre asegurármonos de que se trata dunha persoa á que lle gusta o seu traballo, que ten paciencia, empatía e capacidade de escoitar; sen esquecermos a súa traxectoria e cualificación profesional; como mínimo debe ser auxiliar de enfermería. No tocante ás tarifas, os prezos de coidadores de anciáns a domicilio contratados a través dunha empresa oscilan (segundo unha sondaxe realizada por CONSUMER) entre os 4,40 euros por hora en Santander e os 9,61 euros de Madrid. Logo de consultar a varias empresas de asistencia domiciliaria de Bilbao, San Sebastián, Valencia, Málaga, Zaragoza e A Coruña, entre outras cidades, pódese dicir que a media aproximada é de 7,2 euros por hora.
As axudas, unha a unha
- Teleasistencia. Servizo de asistencia a domicilio que a través de liña telefónica permite que persoas maiores ou con discapacidade, con só premer un botón (que levan constantemente enriba e que non lles causa molestias) poidan conseguir ser atendidas na casa. Funciona 24 horas ó día os 365 días do ano, e está atendido por profesionais especializados que ofrecen seguridade e compañía.
- Axuda a domicilio. Aténdese a persoas que polas súas circunstancias sociais ou de saúde precisan axuda asistencial para cubriren as súas necesidades básicas de alimentación, hixiene persoal, labores domésticos, relación social ou acompañamento dentro e fóra do domicilio.
- Adaptación funcional do fogar. Axudas que facilitan a maior autonomía posible dentro do contorno familiar dos maiores con problemas de mobilidade, mediante o financiamento das obras de adaptación necesarias cando no seu contorno inmediato existan obstáculos que impidan ou dificulten o seu normal desenvolvemento.
- Servizo de comidas a domicilio. Proporciónaselles a cotío -ós vellos que o precisan e que non poden ser atendidos pola súa familia ou desprazarse a un comedor- unha comida diaria quente, suficiente e equilibrada.
- Limpeza a domicilio. Profesionais especializados procuran unha limpeza de choque ou periódica no interior da vivenda de persoas maiores con discapacidades.
- Axuda ás familias. Dan apoio económico para o coidado de anciáns ou anciás desde o ámbito da familia, co obxecto de acadar a súa permanencia no seu núcleo de convivencia de orixe e evitar o seu internamento nunha residencia.
- Aloxamento compartido con mozos universitarios. Pon en contacto a estudiantes que precisan un aloxamento na cidade onde cursan os seus estudos con persoas maiores que ofrecen a posibilidade de os aloxaren nas súas casas. As persoas maiores beneficiarias, amais de gozaren de compañía, reciben unha contraprestación de carácter económico, e outras como un seguro ou equipamento para a vivenda que realiza o aloxamento.
*Estas axudas non son comúns a todas as poboacións. Consulte no concello do seu lugar de residencia.
- Residir no concello no que se solicita a axuda e demostrar máis dun ano de antigüidade no empadroamento.
- Non superar o máximo de ingresos establecido en cada Comunidade Autónoma, que adoita determinarse en función do Salario Mínimo Interprofesional.
- Non recibir outra prestación ou axuda semellante doutra entidade pública ou privada.
- Ter 60 anos cumpridos.
- Non poderlle facer fronte cos propios recursos ó custo desta axuda domiciliaria.
- Non renunciar á posibilidade de ser ingresado nunha residencia pública.
- Para solicitalo cómpre acudir ós asistentes sociais de cada concello ou ó Centro de Asistencia Social de cada barrio onde se canalizan todas as axudas.
- En comunidades rurais, os servizos están mancomunados e cómpre solicitarlles a axuda ós servizos de cada Mancomunidade.
A axuda domiciliaria é unha prestación dos departamentos de servizos sociais dos concellos. Ata eles chegan os recursos económicos procedentes do Estado, das Comunidades Autónomas e do propio concello, polo que as persoas que precisen este servizo débenllelo solicitar ós departamentos de servizos sociais dos concellos. En localidades grandes (cidades ou vilas de gran tamaño) cómpre cursar as peticións a través das oficinas municipais repartidas polos barrios. Nos municipios pequenos e de poucos residentes que están mancomunados, as solicitudes deben pasar por esta institución que aglutina os servizos sociais de varios concellos.
En todas as comunidades autónomas os requisitos esixidos para poder acceder á axuda domiciliaria teñen dúas compoñentes: a mobilidade do ancián e os seus recursos económicos. Con estes dous factores abórdanse todos os casos, e canto maior sexa a necesidade económica e a dependencia, maiores posibilidades hai de obter esta axuda. Así e todo, en casos de absoluta dependencia, a axuda domiciliaria é un trámite para poder enviar o ancián a unha residencia. De feito, nalgunhas comunidades autónomas a concesión da axuda domiciliaria ten como condición a aceptación dunha praza nunha residencia pública se a persoa atendida é extremadamente dependente. O factor económico é o segundo requisito que se ten en conta para ofrecer a asistencia domiciliaria. Neste caso, os problemas xorden cando un ancián excede por unha pequena cantidade o máximo esixido e tampouco pode acceder cos seus propios recursos a este servizo de xeito privado.