Hai poucos días entregáronse os Goya, o galardón por antonomasia do cine español e a cerimonia de entrega supón a clausura da tempada cinematográfica. Vendo a última colleita, é razoable seguir falando de crise na produción nacional?
A nosa industria cinematográfica foi sempre moi débil. Estivo, e segue estando, condenada a utilizar a picaresca, esa faceta tan nosa de buscarnos a vida botando man da improvisación e da oportunidade. De calquera xeito, chéganse a estrear 120 películas españolas ó ano, das que só 20 son interesantes e outras 10, francamente boas. O cómputo, lonxe de ser excelente, non é desesperanzador. Mi vida sin mí, de Isabel Coixet, por exemplo, é unha película de autor que foi rodada en Canadá con actores descoñecidos nas nosas salas, e, ademais, narra a historia dunha moza que vai morrer; pois ben, malia a que ninguén dese un peso por ela, foi vista, antes dos Goya, por máis de medio millón de espectadores.
Vivimos entón un bo momento?
Este é o ano de Te doy mis ojos, Las horas del día e En la ciudad. Para min, o balance artístico é moi bo, e o económico, cando todos temiamos que fose un mal ano, entre Mortadelo y Filemón, La fiesta, Días de fútbol e o resto de películas españolas, ímonos facer cun 17% de cota de pantalla, que non está mal. Vivimos unha fase que se caracteriza por un cine moi heteroxéneo, pero eu non salientaría isto do momento actual, senón o feito de que se produciu a confirmación do relevo xeracional dentro da industria española.
Un 17% de cota de pantalla para o cine español e un abafante 70% para o cine estadounidense. Que lle din estas cifras?
Que estamos colonizados culturalmente. Sentímonos máis a gusto, e mesmo máis identificados, cunha película que sucede nunha High School de Míchigan que vendo o que pasa nun barrio de Madrid.
Se cadra porque tratan temas universais e cunha linguaxe máis doada cá do cine europeo, onde as narracións son máis subxectivas, máis vinculadas ó que se coñece como cine de autor.
O que acontece é que o cine comercial de Hollywood está moi ligado ó espectáculo. A súa industria conta con grandes medios e utiliza, en xeral, unha linguaxe moi actual baseada nunha dialéctica rápida que non fai nin permite pensar. Ó rematar a proxección, decátaste de que non te enriqueceu nada, pero entretívote, e iso é o que ó final, e non se debe desprezar, busca a maioría do público.
E por que o cine español non fai ese tipo de películas?
Tamén se roda cine de entretemento. Aí está o exemplo de Días de fútbol e de 800 balas, pero non se producen na cantidade con que o fai o cine norteamericano.
Teñen cabida no seu programa as películas máis comerciais?
O primeiro obxectivo de “Versión española” é contribuír a promover o cine español, pero sempre tiven claro que non se podía converter nun gueto, que debiamos fuxir de programar películas que ninguén viu e que non tiveron éxito nas salas aínda que un reduto de críticos as consideren magníficas. Pero tampouco é a nosa misión estrear Los otros, de Amenábar, porque este tipo de películas están dirixidas a unha maior audiencia. Este tipo de películas non as programamos no seu primeiro pase por televisión, pero non descartamos repoñelas. Sucedeunos con El Bola: demos un segundo pase e acadamos a maior audiencia da nosa historia.
Outra característica de “Versión Española” é o uso que fai de Internet.
Sempre quixemos ser algo máis ca un programa de televisión. Queriámonos converter nunha marca de difusión do cine español, para o que abrimos diferentes frontes. A nosa páxina web está entendida como un lugar máis de servizo e apoiamos a quen quere facer cine. Están indicadas, por exemplo, as escolas de cine do mundo enteiro; habilitamos un foro de discusión sobre o cine español, e imos introducindo a memoria do programa, co que contribuímos a crear bibliografía do cine.
Dentro desa heteroxeneidade de fórmulas, podería contemplarse o concurso de curtametraxes?
O concurso é de ámbito iberoamericano. Ampliamos o de cine español, ou, mellor dito, ampliámolo ós países onde o noso idioma é oficial, e conseguimos unha resposta moi importante. Nesta edición contamos co apoio da SGAE.
Houbo un tempo en que as salas de cine proxectaban curtametraxes antes das películas. Avogaría por volver a esa práctica?
Non se pode obrigar a ninguén a nada, aínda que o que se persiga sexa loable. Ó final, se os medios non son os axeitados, non se acada nada. A iniciativa de obrigar a proxectar curtametraxes levou a que algunhas produtoras, baixo o formato da curtametraxe, introducisen anuncios longos, o que loxicamente puxo o público en contra das curtametraxes. Lembro que eran reportaxes promocionais e rancias, que nada tiñan que ver coa linguaxe cinematográfica.
Ata que punto coida que o cine, o teatro, a música, a danza e outras manifestacións artísticas deben estar subvencionadas polos cartos públicos?
A cultura non é un negocio, polo que se non favoreces a súa promoción, ninguén, agás mecenas excéntricos que xa non sei se quedan, se involucraría na súa creación, nin ninguén podería vivir dela, e a xente non pode comer do aire nin vestir de soños. Pero esta idea está enfrontada á da tutela política. O gobernante debe ter claro que a cultura é a expresión libre dun pobo nun momento concreto da súa historia, que se manifesta a través de dialécticas dispares co único obxectivo de comunicar arte.
Ve razoable que actores e xentes do mundo do cine en xeral se convertan en voceiros da sociedade?
Se os actores, en colectivo ou de xeito individual, queren tomar partido e entenden que poden utilizar a súa sona e o seu recoñecemento social para expresar unha postura, son moi libres de facelo, como o é calquera profesional de calquera ámbito.
A min paréceme estupendo que expoñan a súa postura e que se expresen, sen erixirse en voz da cultura nin nada parecido. Ademais, se cadra, moitos coincidimos coa súa postura e agradecemos que sexa expresada.
Insiste en afirmarse como xornalista, pero traballou como guionista para cineastas consolidados como Saura, Calparsoro e Herrero. Podería definir o traballo de escribir un guión?
É o máis semellante a unha xestación. Existe unha semente que fertiliza e vai engordando, e cómpre que a alimentes e que a coides para que non lle pase nada; e obsesiónate, e só pensas niso e en que todo saia ben. E, á fin dun período, para min polo menos, próximo ós nove meses, sae á luz o guión.
Pero cédelle o seu traballo a outra persoa para que lle dea vida.
Así é, pero esa ruptura, aínda que poida resultar moi frustrante, está na propia esencia do traballo de guionista. Rafael Azcona, por exemplo, teno asumido, pero outros guionistas acaban dirixindo as películas que escribiron.
Por iso se lanzou a dirixir a historia que creou?
Atopeime coa oportunidade e niso estou. O guión está rematado, atopámonos na fase de cásting, despois de localizarmos uns exteriores que nos permitisen contar a historia dun neno que, en vésperas da morte de Franco, tenta busca o seu lugar no mundo.
Lanzarase, daquela, a dirixir cine e abandonará o seu tan celebrado coma necesario programa?
Polo momento, eu sigo sendo xornalista.