Dous de cada tres colexios e escolas suspenden en seguridade
Se resulta importante que calquera recinto ou edificio que acolle a persoas resulte seguro e cumpra estrictamente coas medidas e normativas de seguridade que lle son aplicables, a especial vulnerabilidade dos nenos converte as escolas nun tipo de centro en que a seguridade se torna indispensable. Cada ano, sempre en máis ocasións das desexables, difúndense noticias de accidentes en centros docentes con resultados máis ou menos graves. E aínda que os sucesos dramáticos son pouco frecuentes, menos alleos resultan para moitos pais os pequenos contratempos que os fillos sofren cada ano na escola: golpes e contusións, caídas, escordaduras.
Pero, ¿son sempre estes accidentes debidos ás trasnadas dos nenos e ó carácter pouco prevido dos máis cativos? Ou, dito doutro xeito, ¿adoptan os centros escolares as precaucións necesarias para minimizar no posible o risco de accidente dos nenos? En definitiva, preguntámonos, ó igual ca moitos pais, se as escolas que reciben a cotío os nosos fillos son seguras abondo?
Para responder esta cuestión, CONSUMER elaborou un informe que analizou a seguridade de 208 centros escolares de infantil, primaria e secundaria (120 públicos, 73 privados concertados e 15 privados) nas cidades e localidades próximas de Madrid, Barcelona, Málaga, Valencia, A Coruña, Bilbao, Alacante, San Sebastián, Vitoria, Almería, Pamplona, Oviedo e Murcia, mediante unha visita in situ e cubrindo un cuestionario individualizado. Como paso previo, estudiouse a lexislación vixente en materia de seguridade (Real Decreto 2177/1996, de 4 de outubro, referente ás “Condicións de protección contra os incendios nos edificios” e outras normativas), de aplicación ós centros escolares, e establecéronse, co asesoramento de expertos en seguridade, as variables que se ían estudiar. As visitas realizáronas a comezos de xullo técnicos de CONSUMER, identificados como tales, acompañados por un empregado -proposto por cada centro- que lles facilitou o acceso a tódalas zonas do centro: patio, cociña, comedor, ximnasio, aulas…
O informe divídese en dous apartados: por unha banda, a situación das instalacións (patios exteriores e zonas de lecer e deporte, clases, aseos, ximnasios, comedores, cociñas, etc.) do centro e, por outra, a prevención: sistemas de prevención, simulacros de incendio ou catástrofe, procedementos e protocolos de actuación en caso de sinistro, plans de formación de alumnos, profesores e persoal non docente, etc. Durante a visita, os técnicos desta revista fixaron a atención especialmente na seguridade fronte a unha hipotética evacuación do edificio e os perigos para a integridade física dos alumnos dentro do edificio e no contorno pertencente ó centro escolar.
Conclusións desalentadoras
O informe revela, ó igual ca outros estudios publicados por esta revista, que en España a seguridade segue sen se consolidar como elemento social prioritario, malia a que o grao de desenvolvemento económico e de benestar social dunha comunidade en gran parte se mide precisamente polo que inviste en seguridade, que non é outra cousa ca un garante da calidade de vida.
Vexámo-los datos: o 68% dos máis de douscentos centros escolares estudiados presentan deficiencias de seguridade de importancia abonda como para suspenderen o exame de CONSUMER. E se ben os centros privados concertados quedan algo mellor cós públicos, as diferencias en función da titularidade do centro e doutras variables (tamaño, niveis educativos, capital-outras localidades) son pouco relevantes.
A nota media dos bloques de seguridade dentro (aulas, aseos, ximnasio, cociña…) e fóra dos recintos docentes (estado do patio, de canastras e porterías…) non superou de media o “regular”. O 31% dos centros suspenden o apartado da seguridade dentro dos recintos docentes, mentres que o 21% fan o mesmo coa seguridade das instalacións de fóra. E os outros dous bloques -relacionados con plans de emerxencia e sistemas de seguridade- obtiveron un “moi mal”, o que non abraia a ninguén: tanto no adestramento e na formación das persoas que traballan e que estudian no centro coma no tocante á precaución contra incendios, suspenden máis da metade dos centros visitados. As principais materias pendentes dos centros escolares españois son a inexistencia de sistemas de detección de incendios (suspende o 72% das escolas) e de protocolos escritos de actuación coñecidos polos alumnos para saberen cómo actuar en caso de emerxencia (suspende o 64%) e o escaso hábito de realización de simulacros de evacuación do centro por unha emerxencia (suspenden o 43% dos centros do informe).
Outra constatación relevante é que en tódolos apartados estudiados hai moitas escolas (nalgúns casos as analizadas en toda unha provincia) que cumpren polo miúdo o que a norma esixe e tódalas esixencias do estudio de CONSUMER, do que se pode deducir que é perfectamente viable ofrecerlles ós alumnos un alto grao de seguridade nos centros escolares. Sempre quedarán fendas polas que se poida “colar” un accidente, na medida en que estes son ás veces imprevisibles ou dificilmente atallables, pero considérase imprescindible a implicación dos xestores do centro escolar e de todo o cadro profesional, así como a boa disposición do alumnado.
Un de cada cinco, sen plans de emerxencia
Outras cuestións manifestamente mellorables son as ventás con reixas das aulas, que se deben poder abrir desde dentro para poder saír (suspende o 73% das escolas); as saídas das aulas, que para facilita-las evacuacións non se deben atopar unhas enfronte das outras (suspende o 28%); as tomas de auga para casos de incendio (suspende o 56% dos centros, por dispor de poucas ou ningunha) e os indicadores de dirección das saídas de emerxencia nos recintos pechados (suspende o 38%). Pero o máis abraiante é que unha de cada cinco escolas (o 21%) recoñeza ó cubri-lo cuestionario de CONSUMER que non conta nin sequera cun plan de seguridade, evacuación ou emerxencia. E causa desconcerto porque a normativa vixente di: “cómpre en tódolos centros escolares elaborar un Plan de Emerxencia e Evacuación. Este Plan consiste nun conxunto de accións preparadas de antemán, nas que se estableza claramente cándo, cómo, ónde, quén e qué se debe facer ante unha situación de alarma, en relación coa gravidade da emerxencia e cos medios con que se conta”. Nas escolas estudiadas en Alacante, o 57% non redactaran este plan de emerxencia e na Coruña e en Navarra eran o 43%. Sen embargo, tódolos centros estudiados en Guipúscoa tíñano elaborado. E en Barcelona, Biscaia e Almería os que non contaban con el eran menos do 10% dos analizados.
Tamén chama a atención que, dentro dos recintos pechados dos centros escolares, as maiores deficiencia se rexistren nas instalacións da cociña: a nota media é “moi mal” e suspende o 37% das escolas que dispuñan de cociña. O 12%, incumprindo a normativa de protección contra incendios, non a ten instalada no piso baixo do edificio. En Valencia, Álava e Almería eran arredor do 20%, pero en Oviedo, Barcelona, A Coruña, Navarra e Murcia, ningún centro visitado incumpría este precepto básico de seguridade.
Ademais, en case o 30% dos centros que contan con cociña, esta non posúe dúas saídas, e unha delas -como mínimo- ó exterior, ó que tamén obriga a lexislación de prevención de incendios. A peor situación ó respecto detectouse nas escolas visitadas en Biscaia (67% de incumprimento), Murcia (50%) e Madrid (39%) e a mellor (con tódalas cociñas coas dúas saídas obrigatorias) en Alacante, Navarra, Oviedo e Almería.
O mellor
Aínda que en ningún apartado o aprobado é xeral, os resultados do informe falan ben da situación e das medidas adoptadas polos centros nalgunhas cuestións. Por exemplo, o apartado referente á existencia de zonas e obxectos perigosos tanto no patio coma noutros espacios onde non se imparten materias, e mais no interior das aulas e, en xeral, nos recintos escolares pechados (como aseos, ximnasios e comedores) acadou unha boa cualificación. No lado oposto sitúase o resultado dun dos motivos máis frecuentes de accidentes graves en centros escolares: a mala suxeición ó chan de porterías, canastras e outros equipamentos deportivos. O informe de CONSUMER revelou que aínda no 14% das escolas esta suxeición non era seguro abondo.
No tocante á prevención, unha variable con boa nota é a da existencia de botica de primeiros auxilios ou dunha sala de enfermería (tívose en conta a presencia dun profesional titulado en primeiros auxilios, enfermería ou medicina); só suspendeu este apartado o 15% dos centros escolares estudiados. Tamén foron bos os resultados na porcentaxe de traballadores do centro escolar involucrados no plan de emerxencia, xa que só o 12% das escolas suspenden o exame de CONSUMER. Para rematar, é cando menos aceptable a situación relativa ó despregamento de extintores de incendios e ó seu estado de uso: só suspende o 11% dos centros visitados
Poucas diferencias por tipos de centro escolar
Os privados concertados, segundo este informe, resultan algo máis seguros cós públicos, se ben as diferencias non son moi significativas. Mentres que o 26% dos públicos tiñan portas de aulas enfrontadas, nos privados concertados só eran o 16% e cando no 16% dos centros de titularidade pública se atoparon zonas perigosas no patio escolar, só se fixo o propio no 7% dos centros concertados. Ademais, en xeral, aínda que por pouco, os riscos detectados nos centros públicos revisten unha gravidade algo maior ca nos concertados. E malia a ser similar a porcentaxe de centros que teñen extintores (un 87% dos públicos téñenos en perfecto estado e un 93% dos concertados), só o 78% dos públicos elaborou un plan de evacuación mentres que nos concertados a proporción chega ata o 87%.
Por outra banda, se se cotexan os datos xurdidos nos centros escolares situados na capital cos que están noutras localidades, as diferencias distan moito de seren significativas, e o mesmo acontece se se comparan os centros preferentemente dedicados ós diversos niveis educativos incluídos neste informe: infantil, primaria e secundaria.
Case sete de cada dez escolas logran supera-lo bloque de seguridade fóra dos recintos pechados da escola (destacan positivamente Murcia, Alacante, A Coruña e Almería, onde a nota media é de sobresaliente) e a proporción achégase a oito de cada dez na seguridade dentro do recinto, aínda que a enorme disparidade de cualificacións entre unhas e outras escolas orixine que ámbolos bloques non pasen do “regular”. Os resultados dos outros dous bloques, ambos relacionados cos sistemas de prevención, foron significativamente peores, porque máis da metade dos centros estudiados suspenden. Por iso, aínda que nos primeiros dous bloques os resultados de moitos centros foron positivos, non manteren a mesma liña nos dous restantes orixinou que tan só unha porcentaxe lixeiramente superior ó 30% lograse supera-lo exame global de CONSUMER.
20 datos preocupantes sobre seguridade nos centros escolares e táboa comparativa
- No 15% das escolas estudiadas observáronse no patio obxectos que entrañaban perigo (quenllas en mal estado, bancos de madeira rotos ou con lascas, randeeiras rotas ou oxidadas con perigo de corte, ladrillos e cristais rotos, sumidoiros sen reixa e dunha profundidade superior a un palmo) para os nenos. A mellor situación: nos visitados na Coruña.
- No 16%, zonas perigosas (alturas sen protección, escaleiras sen varanda) no exterior das instalacións docentes. A mellor situación, nos visitados na Coruña, Alacante e Murcia.
- Grao de suxeición ó chan de porterías, canastras e doutros equipamentos deportivos: suspende (contrapesos insuficientes ou en mal estado que non impiden o posible vencemento da estructura, ferros de suxeición rotos) o 14% das escolas. A mellor situación, nos de Alacante, Murcia e Madrid.
- Obxectos perigosos (enchufes deteriorados, cables soltos, teitos levantados, colgadoiros metálicos dobrados e rotos polos seus extremos con forma de punta, cristais das portas rotos) nas aulas: suspende o 5% dos centros. A mellor situación, nos de Madrid, Málaga, Barcelona, Guipúscoa, Murcia e Alacante.
- Máis do 70% dos centros que tiñan reixas nas fiestras non contaban con dispositivo para abrilas desde dentro. A mellor situación, nos visitados en Murcia.
- Portas de aulas enfrontadas con portas doutras aulas: detectáronse no 21% dos centros escolares. A mellor situación, nos de Málaga.
- Zonas perigosas (chanzos non fixos, escaleiras sen varanda, zonas de acceso libre a tellados sen protección, zonas de acceso esvaradías) dentro do recinto escolar, víronse no 11% dos centros. A mellor situación, nos visitados en Málaga, Álava, Almería, Oviedo, A Coruña e Alacante.
- Obxectos perigosos nos aseos (caldeiras eléctricas deterioradas facilmente accesibles, baldosas rotas no chan, portarrolos metálicos rotos, teitos levantados e colgadoiros metálicos en punta) no 6% dos centros escolares. A mellor situación, nos visitados en Álava, Almería, Navarra, A Coruña, Murcia, Alacante.
- Obxectos perigosos (espaleiras rotas, portas de acceso de só un metro de altura, espellos rotos e columnas non acolchadas en zonas de exercicio deportivo) no ximnasio, no 12% dos centros escolares. A mellor situación, nos visitados en Almería, Oviedo, Málaga, A Coruña, Madrid, Murcia.
- Cociñas non situadas na planta baixa do edificio: o 12% dos centros escolares. A mellor situación, nos visitados en Murcia, Navarra, A Coruña, Barcelona e Oviedo.
- Cociñas que non contan con dúas saídas, e polo menos unha delas ó exterior: o 29% dos centros que dispoñen de cociña. A mellor situación, nos de Alacante, Navarra, Oviedo e Almería.
- Plan de Seguridade, evacuación ou emerxencia: o 21% dos centros escolares non o redactaron. A mellor situación, nos visitados en Guipúscoa.
- O 10% dos centros non teñen involucrada no plan de emerxencia á práctica totalidade das persoas que traballan nel. A mellor situación, nos visitados en Málaga, Oviedo, Barcelona, A Coruña e Alacante.
- Simulacros de incendio ou outras situacións de emerxencia: o 37% dos centros non os realizan. A mellor situación, nos visitados en Guipúscoa.
- O 65% dos centros non pon á disposición dos alumnos información escrita sobre cómo actuar en conxuntura de emerxencia. A mellor situación, nos visitados en Alacante.
- Inexistencia ou número escaso de extintores, no 8% dos centros escolares. A mellor situación, en Álava e Barcelona. E nalgúns centros os extintores atopábanse en mal estado de mantemento (deben te-lo correspondente precinto, estar revisados e manter unha presión adecuada para o seu correcto funcionamento).
- Tomas de auga para combater un posible incendio: non as había visibles no 56% dos centros escolares. A mellor situación, nos visitados en Málaga.
- Faltan sistemas de luces de emerxencia no 17% das escolas. A mellor situación, nos visitados na Coruña, Oviedo, Álava e Navarra.
- Non está dotado de sistemas de detección de incendios o 62% dos centros escolares. A mellor situación, en Álava (carece deles só o 33% dos visitados).
- Non hai carteis indicadores de saídas de emerxencia no 33% dos centros escolares. A mellor situación, en Guipúscoa (carece deles só o 13% dos visitados).
Seguridade fóra dos recintos pechados 1 | Seguridade dentro dos recintos pechados 2 | Persoal e seguridade da escola 3 | Precaución contra incendios 4 | |
---|---|---|---|---|
Excelente | 58% | 25% | 12% | 16% |
Moi ben | 1% | 48% | 20% | 2% |
Ben | 10% | 6% | 4% | 22% |
Aceptable | 0% | 0% | 12% | 3% |
Regular | 9% | 11% | 17% | 17% |
Mal | 2% | 1% | 4% | 7% |
Moi Mal | 20% | 9% | 31% | 33% |
% Suspensos | 31% | 21% | 52% | 57% |
1. Analizouse a presencia de obxectos perigosos no patio, de zonas perigosas nas zonas exteriores dos centros; se porterías, canastras ou outros elementos supuñan algún tipo de perigo; se pasa algunha liña de alta tensión pola escola ou polos arredores, amais de se as porterías, canastras ou outros estaban ben suxeitos ó chan.
2. studiouse se había obxectos que puidesen entrañar perigos, se as clases estaban enfrontadas nos corredores (non é o máis conveniente para as evacuacións), amais de se as fiestras que dispoñen de reixas son practicables desde dentro para facilita-la evacuación por elas. Ademais, estudiouse a presencia de perigos nos recintos pechados da escola en xeral e, en particular, nos aseos, no ximnasio, no comedor e na cociña. Nos centros con cociña observouse se está situada no baixo e se conta con dúas portas (unha delas ó exterior) cunha anchura mínima de 1,20 metros, requisitos que son obrigatorios.
3. Comprobouse se a escola dispón dun plan de seguridade, de evacuación ou de emerxencia, qué traballadores están involucrados nese plan; se se fan simulacros e a súa periodicidade; se os alumnos teñen información escrita sobre o protocolo de actuación en caso de emerxencia e se o centro conta con botica de primeiros auxilios ou sala de enfermería atendido por unha persoa coa titulación axeitada.
4. Reparouse na presencia de extintores e no seu estado; se había tomas de auga e en número abondo; a presencia de luces de emerxencia en recintos pechados, de sistemas de detección de incendios e de carteis indicadores da dirección das saídas de emerxencia nos recintos pechados.