Un uso correcto evita problemas
Obstruccións, malos cheiros e fugas de auga son os principais problemas do entubado das nosas casas, que polo mal uso que facemos del e polo propio paso do tempo acaba deteriorándose. Amais de utilizalas correctamente -lembrando que non son unha vía para nos desfacermos de refugallos-, cómpre mantelas limpas e en perfecto estado. Malia ó molesto que poida resultar, unha revisión e posta a punto mensual é o que os expertos recomendan.
Coidados cos refugallos
- Non guinde refugallos polos desaugadoiros. Os restos de comestibles, pelos, unllas cortadas, alfinetes e outros obxectos, mesturados cos sedimentos que arrastra a auga e que se acumulan imperceptiblemente (como sal ou cal), axudan a producir atascos.
- Extreme as precaucións se emprega desatascadores químicos. Están elaborados con substancias tóxicas, polo que debe evitar que entren en contacto coa pel. Se usa auga fervendo para disolver e axudar a penetra-lo producto, protéxase dos gases que orixina a mestura. Resulta fundamental le-las instruccións de uso destes productos, xa que é moi habitual utilizalos incorrectamente: moitos deles cómpre diluílos en auga antes de vertelos polos tubos e por descoñecemento non sempre se fai.
- Revise a boca visible do desaugadoiro para comprobar que non haxa ningún obxecto ó alcance da man que obstrúa o paso da auga.
- Para desatasca-lo inodoro probe a atar unha toalla vella ó redor da vasoiriña. Despois, mova a vasoiriña cara a arriba e cara a abaixo facendo presión.
- Se se atoa o vertedoiro e non ten un desatascador de goma, tape o sumidoiro e encha o recipiente ata un tercio da súa capacidade. Cunha man tape o respiradoiro da parte superior e, coa outra, quite o tapón e exerza unha acción de ventosa.
- Desatasque o entubado botándolle cristais de sosa con auga fervendo. Cunha cunquiña de sosa por cada dous litros de auga abondará.
Adeus ós malos cheiros
- Os sifóns son os encargados de dete-los malos cheiros que soben desde os desaugadoiros. Sen embargo, ás veces os malos cheiros poden proceder do propio sifón. Para limpalo, quite o tapón de limpeza, situado nunha das súas curvas, e saque os restos acumulados.
- Unha vez ó mes limpe os sifóns que se atopen accesibles. Evitará a acumulación de refugallos, a súa descomposición e, xa que logo, os cheiros desagradables.
- Se antes de marchar de vacacións cortou o paso xeral da auga, daquela é probable que o nivel de auga-barreira dos sifóns se evapore deixando paso ós gases do desaugadoiro. Non bote lixivia nin outros productos químicos para intentar elimina-los malos cheiros, abondará con abrir de novo o paso da auga para que os sifóns se volvan encher ata o seu nivel e cumpran novamente a súa función.
- Elimine os cheiros persistentes vertendo unha mestura de media cunca de bicarbonato sódico, unha de vinagre e dúas de auga quente. De seguido, bote polo desaugadoiro auga fervendo.
Solucións ás fugas
- Comprobe se o entubado ten fugas aplicándolle unha solución espesa de deterxente líquido. Formaranse burbullas no lugar do escape.
- Se o tubo perde auga, corte o paso da auga e baleire o conducto. Se o burato é pequeno, non é preciso recorrer axiña a un profesional. Amañará provisionalmente colocando un cacho de goma de borrar sobre el e manténdoo apertado cunha abrazadeira.
Tubos sen aire
- Se algún tubo da súa casa fai ruídos, especialmente ó abrir ou pecha-la billa, o máis probable é que se deba ás burbullas de aire que ten no interior. A solución é purga-lo aire atrapado, aumentando a presión sobre a auga da mesma billa para despraza-la burbulla.
- Colla un anaco de mangueira e conecte a billa do vertedoiro coa billa con aire. Abra as dúas billas un par de minutos para que a maior presión da auga arrastre o aire; quite a mangueira e comprobe se desapareceu o aire. Se permanece no tubo, repita a operación tantas veces como cumpra ata que o dea eliminado.