A gota fría

Cando o ceo se abre

Os danos que poden ocasionar estas chuvias torrenciais non dependen só da súa intensidade, senón tamén do estado do chan
1 Setembro de 2003

Cando o ceo se abre

/imgs/20030901/medioambiente01.jpg
En setembro e en outubro algunhas das zonas da Península Ibérica ven o seu ceo cuberto de chuvieiras e treboadas de extraordinaria violencia e de pouca duración. Trátase da gota fría, resultado da suma de tres factores habituais nesta época do ano, especialmente na zona mediterránea: mar quente, atmosfera inestable na superficie e aire frío na altura. Catástrofes como as inundacións de Bilbao a finais de agosto de 1983 ou a rotura do Encoro de Tous (Valencia) en outubro de 1982 pasaron á memoria colectiva dun país que, tanto polas condicións climatolóxicas coma orográficas, está destinado a convivir coa estacional gota fría.

Cómo se xera a gota fría

  • O mar atópase a temperaturas altas. O Mediterráneo, por exemplo, pode alcanzar ó remate do verán trinta graos en zonas próximas á costa.
  • Despréndese moito vapor de auga, como a auga quente dun baño ou dunha ducha.
  • Se nestas condicións climáticas chega unha borrasca ou unha fronte fría e hai unha bolsa de aire frío en altura, prodúcese unha situación de inestabilidade.
  • O vapor de auga, que o mar libera en grandes cantidades, ascende arrastrado pola inestabilidade e condénsase ó atoparse coa zona fría, formándose unha nube.
  • Esta nube pode irse agrandando a gran velocidade porque o vapor ascendente atopa moita facilidade para subir ó atoparse con zonas máis frías, e con este frío vaise condensando cada vez máis auga.

/imgs/20030901/medioambiente02.jpg
Así, en moi poucas horas pódense formar grandes nubes tormentosas que aínda que non teñan unha grande extensión horizontal poden medir máis de dez quilómetros de altura. Estas nubes descargan unha forte chuvia, normalmente acompañada dun grande aparato eléctrico e de sarabia. Sen embargo, algúns meteorólogos afirman que a gota fría non sempre vai asociada a chuvias intensas ou catastróficas.

Danos e importancia do solo

Algúns especialistas prefiren utiliza-lo termo DINA (‘Depresión Illada de Niveis Altos’) para se referiren a este fenómeno meteorolóxico, xa que o de gota fría o consideran impreciso. O certo é que á marxe da denominación que se empregue, os danos que pode ocasionar este tipo de chuvias torrenciais non dependen unicamente da súa intensidade, senón tamén do estado do solo.

En ladeiras con moita pendente e desprovistas de vexetación, a auga corre moi rapidamente e arrastra con forza o solo, provocando unha grande erosión. Se, ademais, as ladeiras rematan nun val encaixonado, pódese formar unha gran riada que empurre con forza todo o que atopa. Na zona mediterránea española os leitos dos ríos a miúdo permanecen secos moitos meses ó ano e ocúpanse con cultivos ou con edificacións. Isto motiva que nas grandes enchentes os danos sexan maiores: por unha banda, porque se destrúe o que estaba alí construído; por outra, porque se impide a libre saída da auga e faise maior a enchente.

Pola contra, en ladeiras suaves e cubertas de vexetación, a auga que cae é freada polas plantas e absorbida máis doadamente polo chan, co que baixa pola ladeira menos auga e a menor velocidade. A erosión resulta así moito menor. De aí a importancia de mante-los bosques e a cuberta vexetal do terreo para previ-los danos que os fenómenos climatolóxicos violentos producen.

Qué facer se nos sorprende na estrada

  • Hai que atende-las informacións das emisoras de radio locais ou informarse da situación meteorolóxica nas zonas ás que nos imos desprazar.
  • Evitaremos viaxar de noite, e se nos vemos obrigados a facelo, conduciremos con prudencia comprobando o funcionamento dos freos periodicamente.
  • Non debemos cruzar en automóbil, aínda que coñezamos perfectamente o trazado, as estradas inundadas ou as pontes ocultas polas augas.
  • Se temos que conducir por unha zona inundada, farémolo moi de vagariño e en primeira marcha, para evitar que o motor se molle e chegue a pararse. Teremos en conta que os freos funcionan mal coas rodas aínda empapadas despois de atravesar un terreo inundado.
  • Cando a auga alcanza o eixe do vehículo ou chega máis arriba dos xeonllos, hai que saír del e dirixirse a zonas máis altas. Se atopamos dificultades para abrírmo-las portas, cómpre evacualo polas ventaíñas sen perda de tempo.
  • Repararemos nos corrementos de terra, fochancas, cables de conducción eléctrica e, en xeral, a tódolos obxectos caídos.
  • Se o motor se parou e non é posible volvelo arrincar, hai que acende-las luces de emerxencia (dobre intermitente) e empurra-lo coche cara á gabia da marxe da estrada, se as condicións o permiten, para tratar de saca-lo vehículo todo o posible da calzada. Os lampos de luz longa poden servir tamén para pedir auxilio de noite. Non esqueza o código Morse de socorro: tres lampos curtos, tres longos e tres curtos (SOS). Pode que alguén entenda o que estes lampos significan.
Consellos para minimiza-los danos da gota fría
  • Convén revisa-lo tellado e as baixantes de auga, así como a gabia ou quenlla próxima á vivenda, evitando toda acumulación de entullo, follas, terra, etc.
  • Hai que estar provisto dunha lanterna con pilas de reposto, unha radio de pilas, unha pequena botica de primeiros auxilios e os medicamentos que se usen habitualmente, sen esquecer alimentos e roupa de abrigo.
  • Débense retirar do exterior da casa mobles e obxectos que poidan ser arrastrados polas augas e colocar tódolos productos tóxicos (herbicidas, insecticidas, etc.) fóra do alcance da auga.
  • É importante sintoniza-las emisoras de radio locais para estar informado e segui-las normas sanitarias de hixiene (sobre limpeza, alimentación…) dictadas polas autoridades.
  • Se se observa algunha posibilidade de inundación de súpeto na zona, hai que acudir axiña a un lugar máis seguro, non agardar instruccións e notificárlle-lo perigo ás autoridades.
  • Débense localiza-los puntos máis altos da zona na que nos atopemos, para subírmonos a eles en caso de riada.
  • Desconectaranse os aparellos ou equipos eléctricos, pero só os tocaremos se non estamos mollados ou pisando auga.
  • – Pasado o perigo e antes de volver definitivamente á vivenda, hai que efectuar unha inspección por se existise risco de derrubamento ou por se aparecesen fendas, deformacións nos muros, etc.