Reforza-los músculos e concentra-la mente
Durante a Primeira Guerra Mundial o fisioterapeuta alemán Joseph Pilates ideou unha serie de exercicios lentos e controlados para rehabilitar a soldados lesionados. Cando o fixeron prisioneiro, el mesmo confiou no seu método ximnástico, que ó longo do tempo completou con 500 exercicios que combinaban forza, resistencia e flexibilidade amais de control mental. Pasados os anos, as súas táboas ximnásticas, acompañadas de pautas psíquicas, aplicáronse no adestramento de atletas, especialmente no daqueles con lesións nas costas e que tiñan que cura-la moral ó tempo cás vértebras. E a finais do século XX o método Pilates saltou á fama entre modelos, actrices e cantantes. Malia ó seu halo de glamour, revistas científicas de primeira orde aválano como unha opción aconsellable para quen busca alternativas no exercicio preventivo, e nos Estados Unidos e no Reino Unido forma parte das terapias de rehabilitación.
Traballa-la musculatura profunda
Aínda que os máis puristas aconsellan realiza-los 500 exercicios -coñecidos como o Caderno Mat- nun banco multifuncional equipado con pesas e pisos esvaradíos, igual de correcto é valerse só dunha colchoneta. O principal neste método, que para algúns alcanza a categoría de disciplina, é deixarse guiar por expertos especialmente preparados, pois aínda que non se trate dun procedemento médico é unha técnica delicada e complexa que debe ensinarse e aprenderse.
Ó conter elementos de kinesioloxía (avaliación de cada músculo para coñece-lo nivel de tensión que almacena) convén ser prudente e evitar unha práctica indiscriminada ou mal guiada que pode causar lesións. O adestramento require unha fonda concentración que axuda a tomar conciencia do propio corpo, do seu funcionamento e debilidades, para aumenta-lo autocontrol e o coidado do físico. Son tamén indispensables os exercicios respiratorios, pois con eles se equilibra o esforzo e a relaxación. Pilates mantiña que en dez sesións se sente a diferencia, que en vinte sesións se ve a diferencia e que en trinta sesións se cambia o corpo. Sexa como sexa, no fondo agacha unha educación corporal que non só persegue traballa-los músculos superficiais, senón que aspira a alcanza-la musculatura profunda.
Control da mente e do corpo
Os movementos están baseados en seis principios: concentración, control, centralización, fluidez de movemento, precisión e respiración. Todo iso busca activa-lo sistema sanguíneo e o linfático, estirando cada músculo e tendón para lubrica-lo corpo obedecendo a unha táboa de exercicios mentres se controla a respiración. A súa práctica aumenta o control, a forza e a flexibilidade do corpo, respectando as articulacións e as costas.
Buscando a perfección
O método Pilates é esixente e perfeccionista. Antes de comezar, o instructor debe analiza-la condición física do deportista, os seus desequilibrios, debilidades, problemas e necesidades. Iranse superando ós poucos distintas fases, sendo o control da respiración indispensable para activar cada músculo cun propósito específico. Trabállase polo miúdo cada engrenaxe do corpo para devolverlle funcionalidade e tirarlle o máximo rendemento. Os movementos son lentos e suaves; precisan unha concentración semellante á do ioga, o que serve tamén para liberar tensións e problemas.
Tamén terapia postular
Outra característica deste adestramento é a súa utilidade para corrixir malas posturas. Boa parte da súa función consiste en acadar unha correcta aliñación do corpo, fortalecendo os músculos abdominais, os oblicuos e a base das costas e os glúteos; isto é, os puntos fundamentais de apoio das persoas. Quen o practica gaña mobilidade e flexibilidade, e ata aumenta a calidade no sono, pois este método relaxa corpo e mente.
¿Quen o pode practicar?
Está aconsellado para mozos de vida sedentaria e persoas maiores que deben combate-la rixidez do seu corpo, pero calquera que non teña unha contraindicación médica pode practicalo. En Inglaterra é habitual que o sigan pacientes inmersos en procesos de rehabilitación ou que sufriron un accidente, en especial se a súa lesión se localiza na columna, xeonllo ou clavícula. Tamén axuda a superar lesións deportivas e a combate-la osteoporose.
Non é a panacea
Os beneficios do método Pilates son evidentes e foron referendados por especialistas médicos e fisioterapeutas; sen embargo, non hai que ver nestes movementos o milagre escultor do corpo. En ocasións véndese como un sistema que combate a celulite ou que moldea os corpos ata facer deles esveltos espellos do modelo de beleza actual, cando ese non é o seu obxectivo. Serve para osixena-los músculos e lograr que a persoa tome conciencia das súas articulacións. É unha práctica que relaxa e fortalece corpo e mente, pero como todo o relacionado coa saúde, cómpre contemplalo como un método que require seriedade, profesionalidade e compromiso do paciente.
Hai que acudir a un especialista que introducirá o alumno no método e tutelará o seu desenvolvemento. Aínda que os exercicios parecen moi sinxelos e indoloros, a supervisión dun profesional tórnase fundamental. Non se trata de movementos de forza nin de resistencia, senón de exercicios de tensión e de estiramento de extremidades, nos que a forza parte do abdome e do torso. Cada movemento ten unha función específica e realízase cun estilo: a parsimonia muscular do tai chi, o ioga… Exercítase sempre a flexibilidade, pero unida ó control. As sesións realízanse en posición inclinada, sentada, de xeonllos ou deitada, para evitar lesións ou presións sobre os músculos e as articulacións. Os seus resultados compróbanse a curto prazo sen necesidade de se someter a sesións esgotadoras de exercicios. Tonifícanse os músculos, alóngase a espiña dorsal, mellora a postura, a circulación e créase unha figura máis compacta e estilizada.