Estrinximento

Coidado cos laxantes

Diagnostica-lo estrinximento resulta doado, o complexo é determina-las súas causas
1 Setembro de 2003

Coidado cos laxantes

Ser muller, maior de 65 anos, xantar a miúdo fóra da casa, non practicar exercicio, resistirse ante a necesidade de evacuar e non te-lo costume de ir ó baño a unha hora concreta conforman o perfil da persoa estrinxida, aínda que esta patoloxía afecta a tódolos grupos de idade. Segundo os últimos estudios epidemiolóxicos efectuados ó respecto, preto do 20% da poboación sofre estrinximento en España, é dicir, uns 7 millóns de persoas, das que o 35% son crónicos. O 75% das persoas estrinxidas son mulleres e o 40% ten máis de 65 anos. Pero tamén padecen este problema os nenos: o estrinximento provoca o 5% das consultas de pediatría, e un de cada catro nenos atendidos en gastroenteroloxía pediátrica vai por este motivo. Entre os anciáns a súa frecuencia é aínda máis alta: afecta a máis do 70% dos anciáns que permanecen ingresados en centros de longa estancia. Trátase, xa que logo, dun problema de saúde moi espallado.

Pasaxeiro ou habitual

Pódese defini-lo estrinximento como a emisión infrecuente ou dificultosa das feces. O habitual é evacuar a cotío, pero hai persoas que o fan menos a miúdo. Cando se defeca menos de tres veces por semana pódese falar de estrinximento, que ademais adoita ir acompañado de feces excesivamente duras, secas e decote difíciles de expulsar. O estrinximento pode ser pasaxeiro e daquela non ten maior importancia, pero cando se torna habitual convén adoptar medidas para normaliza-la frecuencia da evacuación.

Factores desencadeantes

Aínda que non hai evidencia suficiente sobre o papel dos factores sociodemográficos, psicolóxicos ou estilos de vida na aparición deste problema, os expertos admiten a importancia dos hábitos e estilo de vida na xénese do estrinximento.

Posibles causas do estrinximento:

  • Hábitos incorrectos. A defecación prodúcese por un reflexo cando as feces enchen a última parte do intestino, pero é un reflexo que podemos controlar á nosa vontade. Sentímo-la necesidade e as máis das veces reprimímola, aguantamos porque estamos fóra da casa, no traballo, non temos tempo… Tampouco hai hábito de ir ó baño a unha hora concreta do día. Non temos educado o organismo.
  • Unha dieta pobre en froitas, legumes, verduras e hortalizas que proporcionan fibra e líquidos é a causa máis común. Unha alimentación escasa -como acontece coa dalgúns anciáns- e a anorexia fan que as feces teñan escaso volume e consistencia dura.
  • Inxestión insuficiente de líquidos, que impide que as feces adquiran a consistencia óptima para seren evacuadas con facilidade.
  • Sedentarismo, falta de exercicio físico e debilidade da musculatura abdominal, que non pode face-la prensa abdominal necesaria para facilita-la evacuación. Nas mulleres que acaban de dar á luz esta é unha causa frecuente de estrinximento. Durante o embarazo os movementos intestinais pódense ver interferidos tanto pola presión que exerce o feto coma polos cambios hormonais.
  • Factores psicolóxicos, como tensión e ansiedade, ou un estilo de vida moderno con cambios nos costumes, na alimentación e nos horarios debido a viaxes tamén teñen a súa importancia. Comprobouse que a metade das persoas que padecen estrinximento sofren cadros de ansiedade e depresión.
  • Molestias ou dores ó defecar producidos por rectite, fisuras anais ou hemorroides, que fai que os afectados tendan a rete-las feces para evita-la dor. Isto provoca un círculo vicioso, xa que as feces retidas perden auga, tórnanse máis duras e as deposicións vólvense aínda máis dolorosas.
  • A toma de fármacos, especialmente entre as persoas maiores, como antidepresivos, sedantes, ansiolíticos, diuréticos, suplementos de ferro ou calcio, antiparkinsonianos ou antiinflamatorios, favorecen a aparición de estrinximento.
  • Ás veces o estrinximento é un síntoma doutras enfermidades metabólicas, endócrinas, dixestivas…

Visita ó médico

O estrinximento é sumamente molesto, provoca dores abdominais, sensación de malestar xeral, de plenitude abdominal, meteorismo por acumulación de gases e ata dores de cabeza. Nos casos máis severos pode formarse un fecaloma, unha masa de feces que se desecaron en exceso, dura, ríxida e difícil de expulsar que pode orixinar un cadro de obstrucción intestinal. O estrinximento crónico hai que tratalo co médico, que nos orientará sobre as medidas que debemos adoptar. Nalgúns casos esa visita ó médico non se pode demorar:

  • Se o estrinximento aparece de súpeto nunha persoa con evacuación normal, acompañado de dores fortes intestinais e de incapacidade para pasar feces ou gases.
  • Se se presenta nun bebé menor de dous meses.
  • Se as feces son moi delgadas e con aspecto de lapis.
  • Se se acompaña dunha perda de peso inexplicable.
  • Se as feces son sanguinolentas.

Laxantes, ¿si ou non?

O uso de laxantes é un tema moi debatido. É frecuente que as persoas que padecen estrinximento crónico se automediquen e os tomen, posiblemente porque descoñecen que é o peor xeito de enfoca-lo problema: ó final caen nunha espiral na que se vai aumentando a dose de laxantes e agravando o estrinximento. Polo momento, os estudios realizados sobre estes fármacos e a dieta non atoparon evidencias abondas que recomenden o uso de laxantes contra o estrinximento.

Hai numerosos grupos de laxantes: formadores de masa, emolientes, osmóticos, estimulantes da mobilidade intestinal, derivados de azucres, laxantes por vía rectal… Os seus efectos secundarios son salientables. Algúns producen tolerancia e dependencia, agravando o estrinximento; outras veces provocan dor abdominal, náuseas, proído anal, flatulencia, feces líquidas, trastornos electrolíticos…

No estrinximento por embarazo os suplementos con fibra poden axudar, pero están totalmente contraindicados os laxantes que conteñen aceite de rícino, os aceites minerais orais e os laxantes salinos. Pódense utilizar, sempre baixo control médico e de xeito esporádico, laxantes emolientes ou azucres osmóticos.

Resumindo, convén non tomar laxantes e en caso de severa necesidade, será sempre baixo estricta prescrición facultativa. O médico decidirá qué tipo de laxante é o máis axeitado para cada persoa.

Cómo combate-lo estrinximento

Diagnostica-lo estrinximento resulta doado, o complexo é determina-las súas causas. Ó primeiro hai que excluír que o orixine outra enfermidade. Se se descobre que o estrinximento se produce por algunha patoloxía, hai que tratar esta. Sandada a doenza, desaparecerá a dificultade para evacuar. Pola contra, cando o estrinximento é primario, é dicir, non se detecta ningunha enfermidade que o provoque, pódense segui-las seguintes recomendacións para o combater:

  • Coma a modo, mastigue ben os alimentos e sexa regular cos horarios das comidas
  • Beba moito líquido, polo menos 1,5 litros ó día.
  • Eduque o intestino, non o reprima cando sinta a necesidade. Afágao a evacuar sempre á mesma hora.
  • Faga exercicio regularmente: andar, correr, nadar, ximnasia, bicicleta… E fortaleza a musculatura abdominal.

Alimentos aconsellados:

  • Leite e lácteos: leite duro, semi ou desnatado, en especial iogures e derivados lácteos pouco graxos.
  • Carnes, peixe, ovos e derivados: limita-los productos de chacinería, vísceras e afumados.
  • Cereais e patacas: pastas alimenticias e cereais integrais (pan, cereais e galletas integrais, muesli) máis ca refinados. O arroz (astrinxente), mellor unha ou dúas veces por semana e preferiblemente combinado con legumes e verduras (arroz con chícharos, paella de verduras, etc.).
  • Legumes: lentellas, garavanzos, fabas, feixóns e chícharos, cociñados sen chourizo, morcilla, touciño, etc.
  • Verduras e hortalizas: todo, agás as flatulentas (alcachofas, col, coliflor, brócoli, coles de Bruxelas, pemento, cogombro, ravos, cebola, porros…), preferiblemente unha ración cotiá en cru (ensalada).
  • Froitas: todas, agás as astrinxentes (marmelo, pomelo, plátano, mazá raiada, limón…). Mellor frescas e con pel.
  • Bebidas: auga, caldos, infusións e zumes naturais normais ou integrais (con polpa e polo tanto con fibra, a diferencia dos normais) que non leven limón, licuados de froitas…
  • Graxas: aceite de oliva e sementes (xirasol, millo, soia), manteiga, margarinas vexetais, mellor en cru, e froitos secos.