Os nenos e o cole

A fobia escolar existe

O medo fundamental non é o de ir á escola, senón o de deixa-lo fogar e separarse da familia
1 Setembro de 2003

A fobia escolar existe

Desde moi axiña na vida dun neno a escola convértese no seu segundo fogar. E nese ambiente experiméntanse vivencias de relación que marcan a personalidade infantil e que van influír de xeito decisivo na súa vida futura. O neno que aterra por primeira vez na escola vese afastado dun medio familiar que lle supón unha protección total e, de súpeto, atópase con que ten que convivir nun novo ambiente no que se reparten o tempo de atención, os materiais e os xogos, os afectos…

O neno vive as primeiras experiencias escolares como se dun xogo se tratase, pero atópase con nenos transformados en rivais, que lle producirán os seus primeiros desgustos e ansiedades como ser humano en sociedade. Axiña vai descubrir (particularmente, os fillos únicos) con tristura, resignación ou rebeldía, que o mundo non é só para el e pasará boa parte do tempo reclamando a atención dos adultos, rivalizando cos demais nenos. Estas sensacións son en ocasións tan fortes que aparecen síntomas de fobia escolar: pranto de repetición, insomnio, trastornos da alimentación, descontrol de esfínteres e outros.

Qué é a fobia escolar

Este síndrome caracterízase por un manifesto rexeitamento á asistencia ó cole e implica un temor irracional por algunha situación particular. Os síntomas inclúen: dor abdominal, náusea, vómito, diarrea, dor de cabeza, palidez e debilidade, que aparecen pola mañá antes de ir á escola e polo xeral desaparecen antes de remataren as clases, e non aparecen as fins de semana nin días festivos. As fobias son un xeito de medo que responde a estas características: son desproporcionadas á situación que desencadea a resposta de medo e están relacionadas con estímulos que non son obxectivamente perigosos, non poden eliminarse racionalmente porque están máis alá do control voluntario, teñen longa duración, interfiren considerablemente na vida cotiá do neno en función das respostas de evitación, e adoitan aparecer con máis frecuencia entre os 4 e os 8 anos.

Na infancia, as fobias clasifícanse en trastornos fóbicos (fobias específicas e fobia escolar), trastornos de ansiedade sen evitación fóbica (ansiedade de separación e ansiedade excesiva) e outros trastornos de ansiedade (trastorno obsesivo-compulsivo e trastorno mixto de ansiedade e depresión).

A fobia escolar é o rexeitamento prolongado que un neno experimenta ó acudir á escola por algún medo relacionado con ela. É pouco común e tende a darse máis a miúdo entre os 3 e 4 anos, ou entre os 11 e 12 anos, e afecta máis ós nenos ca ás nenas. O seu comezo nos máis cativos é repentino, mentres que en maiores e adolescentes é máis gradual, de carácter máis intenso e grave e con peor prognóstico. A fobia á escola vén precedida ou acompañada de síntomas físicos de ansiedade (taquicardia, trastornos do sono, perda de apetito, palidez, náuseas, vómitos, dor de cabeza) e unha anticipación de consecuencias negativas asociadas á escola, así como dunha relación moi dependente coa nai e da proliferación de temores inespecíficos (escuridade, ruídos). O resultado é a conducta de evitación. A fobia escolar está asociada a outros trastornos clínicos, como a depresión e unha baixa autoestima.

O que predispón á fobia escolar

Son os trastornos de ansiedade ou depresión dos pais algúns factores relacionados coa escolaridade (como o temor a un profesor ou a un ou varios nenos) ou sucesos vitais negativos, como unha enfermidade prolongada ou a separación dos pais. A fobia escolar pode denota-la existencia dunha fobia específica (temor a ser ferido nos xogos do recreo), social (temor a ser ridiculizado), dun trastorno obsesivo-compulsivo (medo a ser ensuciado) ou dunha ansiedade de separación. O máis recomendable é o tratamento do psicólogo mediante terapia. Os nenos cun temor irrazoable a asistir á escola poden sentirse inseguros se quedan sos na súa habitación, demostrar un apego excesivo ós pais, unha preocupación ou temor acerca dos pais ou de que lle poidan facer dano, poden ter dificultade para adormecer, sufrir pesadelos, amosar un temor esaxerado ós animais, monstros e ladróns, medo a quedar sos na escuridade, ou manifestar rabietas cando se lles obriga a ir á escola. O medo fundamental non é o de ir á escola, senón o de deixa-lo fogar e separarse da familia. Cursa de xeito leve, a miúdo con dor abdominal, cando os nenos van por primeira vez a un día completo de clases. Co apoio dos pais, desaparecen en poucos días aínda que poden reaparecer durante os primeiros anos, despois de vacacións ou da convalecencia por enfermidades.

Crise de angustia

Algúns nenos sófrenas ó seren separados dos pais. O cadro clásico acontece en ansiosos, tímidos e dependentes en exceso, con nais autoritarias ou moi compracentes e pais pasivos. Estas nais a miúdo senten temor a que o seu fillo se afaste delas e transmítenlle a súa ansiedade. A medida que o neno se angustia máis por ir á escola, máis se preocupa a nai polo seu medo e así xérase un círculo vicioso, onde a ansiedade da nai afecta o fillo e viceversa, empeorando os síntomas de separación. /imgs/20030901/miscelanea01.jpg En ocasións, existe unha circunstancia que o precipita, como as experiencias desagradables na escola, enfermidades, un novo irmán na casa ou discusións conxugais. O temor á separación e o resentimento polo dominio dos pais proxectaranse na escola, facéndoa semellar un lugar perigoso, onde o neno sente que pode ser castigado ou atacado.

Cómo actuar ante a fobia escolar
  • Ante síntomas gastrointestinais ou outros, consultemos co seu pediatra para descartar unha enfermidade orgánica.
  • Os pais deben recoñecer, de se-lo caso, que mantiveron o neno demasiado atado a eles e facelo volver canto antes á escola.
  • Un dos pais pódeo acompañar ata a clase, e mesmo permanecer alí un breve período de tempo.
  • En certos casos, cumprirá modifica-lo horario de chegada á escola, cambiar de mestre ou, se cadra, de escola.
  • Se o neno pide marchar á casa por dor abdominal ou por outros síntomas, deberá ser atendido polos servicios médicos, que determinarán se as súas molestias son reais ou ficticias.
  • Pero os medos irracionais e as fobias poden estar causados por problemas máis fondos có rexeitamento escolar. Por iso debe ser un especialista quen valore a oportunidade de trata-la situación cuns consellos axeitados ou cun proceso terapéutico máis intenso.