Hainos baratos e de moi boa calidade
Nos anos 50, co fin de substituír total ou parcialmente o leite materno, xorden os coñecidos como leites humanizados ou maternizados, denominación hoxe substituída pola de preparados para lactantes (desde o nacemento ata os primeiros 4 ou 6 meses do bebé) e preparados de continuación (a partir dos 4 meses de idade). A súa gran difusión durante os anos 60 e 70 causou unha crise da lactación materna, xa que se consideraba o artificial o xeito máis moderno e eficaz de alimenta-lo lactante. Cos anos, constatouse cientificamente que o leite humano é o alimento ideal para os lactantes, debido ós beneficios que reporta para a saúde do neno e da nai. O leite humano inclúe un cento de elementos que non se atopan nas fórmulas adaptadas, aínda que estas sexan correctas na súa composición e proporcionen unha nutrición segura e abonda.
Os preparados de continuación, obxecto desta análise, destínanse á alimentación do lactante de máis de 4 meses, momento no que se inicia o paso a unha alimentación diversificada. Deben proporciona-lo 40%-50% dos requirimentos cotiáns de enerxía do lactante, e asegura-la achega de calcio precisa para o crecemento, que se cobre con medio litro de leite ó día. O resto da enerxía provirá de alimentos complementarios (papas de froita, purés de verduras, cereais, etc.).
Estes preparados pódense elaborar a partir de dúas fontes proteicas: só proteínas de soia, só proteínas de leite de vaca ou unha mestura das dúas. A maioría utilizan o leite de vaca como ingrediente base, sobre o que se realizan modificacións para acadar unha composición semellante ó leite materno. Establecéronse unhas recomendacións para a composición destas fórmulas baseándose na composición do leite humano. Cando se elaboran exclusivamente con proteínas de leite de vaca, denomínanse leite de continuación. Os principais cambios consisten en diminuí-la concentración de proteínas, substituír parte de graxa láctea por graxa vexetal, engadir lactosa (azucre), vitaminas, sales minerais, certos aminoácidos e outras substancias nitroxenadas. Desde 1990, a OMS recomenda o consumo de preparados de continuación (ou leite materno), no canto de leite de vaca en lactantes (ente 4 e 12 meses) e nenos moi cativos (de 1 a 3 anos).
Etiquetaxe
Amais dos datos que debe incluír calquera alimento, estes leites cómpre que inclúan a composición nutricional, modo de conservación e preparación do producto, e unha advertencia sobre os riscos para a saúde en caso dunha preparación non axeitada. Tampouco poden dar a entender que son mellores có leite materno, e está prohibido o emprego de termos “humanizado”, “maternizado” ou doutros semellantes. Por outra banda, deben indicar que son axeitados só para a alimentación de nenos a partir dos catro meses e que non se deben utilizar como substitutivo do leite materno durante os primeiros catro meses do neno. Amais da información numérica, no caso de informar sobre vitaminas e minerais, estas deben aparecer en cantidades iguais ou superiores ó 15% dos valores de referencia indicados na norma.
Comprobouse que as oito mostras indican a información obrigatoria, pero cómpre salientar certas observacións. En tódolos casos a denominación é “Leite de continuación”, xa que a fonte proteica provén unicamente do leite de vaca. O estado físico no que se comercializan é en po, pero só Enfalac2 e Nutribén Continuación indican xunto á denominación a palabra “po”, cando a normativa xeral indica que a denominación de venda debe ir acompañada do estado físico no que se comercializa (po, liofilizado, conxelado, etc.) cando a ausencia desta información induza a confusión. Neste caso, a denominación “Leite de continuación” é a consagrada ó uso para estes productos (sempre foi en po) e, xa que logo, non incumpre a norma. Pero, xa que existen no mercado leites líquidos para bebés, é recomendable a indicación do estado físico.
Almiron2 é o único que incumpre a norma ó non presentar no mesmo campo visual denominación de venda, cantidade neta e data de consumo preferente. No tocante ó modo de conservación, todas indican que se debe gardar nun lugar seco e fresco e que unha vez aberto o envase cómpre consumilo como máximo nun mes. Tamén recomendan non volver utiliza-lo líquido sobrante do biberón. Nutribén Continuación e Enfalac2 suxiren que se conserven no frigorífico non máis de 24 horas.
As instruccións para a preparación do producto son esenciais, xa que se merca en po e tense que reconstituír (cómpre engadir auga) para o seu consumo. En tódolos casos, esta información é clara e precisa e vén acompañada de gráficos. No tocante ós riscos para a saúde que pode orixinar unha preparación non adecuada, información obrigatoria, non se detectaron insuficiencias.
Bos resultados na análise
Un producto envasado en Atmosfera protectora é aquel no que se substituíu o aire que arrodea o producto no envasado por un gas ou mestura de gases. Este sistema mantén a calidade do producto durante máis tempo e incrementa a súa vida útil con respecto a outros alimentos envasados de xeito tradicional, coa vantaxe de non precisar aditivos ou conservantes. Os gases máis empregados son osíxeno, nitróxeno e dióxido de carbono, tamén presentes na atmosfera aínda que noutras proporcións.
Para a súa valoración nutricional, CONSUMER fixouse nos parámetros regulados pola normativa específica para este producto. As cantidades fixadas para cada nutriente baséanse nas necesidades requiridas por un lactante a partir dos catro meses de idade, unha vez reconstituído o producto (adición de auga).
Os oito leites de continuación presentan composicións semellantes en proteínas, carbohidratos e graxas, e as diferencias xorden en vitaminas e ácido laúrico, mirístico e ácidos graxos trans, que por seren saturados resultan menos saudables. Aptamil2, Nidina2, Enfalac2 e Conformil2 presentaron unha composición nutricional conforme á norma, e as irregularidades do resto (contido en vitamina D de Nativa2, en vitamina A de Hero Baby2, en proteínas e vitamina D de Nutribén Continuación e en ácido linoleico de Almiron2) non foron significativas.
O contido en proteínas pode variar entre 2,25 g/100 Kcal e 4,5 g/100 Kcal. A maior achega correspondeulle a Nativa2, con 3,5 g/100 Kcal. Está prohibido o emprego de ingredientes con glute, parte proteica dos grans dos cereais de trigo, cebada, centeo e avea, xa que pode desenvolver nos nenos a enfermidade celíaca (trastorno de tipo alérxico), difícil de diagnosticar durante os primeiros 4-6 meses de vida do bebé. Ningún leite tiña glute.
No tocante ós hidratos de carbono, nutriente maioritario, a maior cantidade presentouna Aptamil2, con 13,3 g/100 Kcal, cando a franxa vai desde 7 g/100 Kcal ata os 14 g/100 Kcal. Para a lactosa, azucre do leite e o maioritario da fórmula, fíxase un mínimo de 1,8 g/100 Kcal, mentres que a sacarosa e a fructosa non poden superar, por xunto ou por separado, o 20% dos hidratos de carbono. As oito presentaron un contido en lactosa moi superior ó mínimo. Nativa2 utiliza como único hidrato a lactosa.
O contido en graxa total debe estar entre 3,3 e 6,5 g/100 Kcal de producto reconstituído e pode ser de orixe vexetal, animal ou unha mestura de ambas. Tamén regula o mínimo en linoleico (ácido graxo poliinsaturado esencial), para os productos con aceites vexetais (o noso caso), o máximo en laúrico e mirístico, ácidos graxos saturados; e o máximo en ácidos graxos trans, con efecto semellante ás graxas saturadas. As oito teñen valores similares de graxa, pero Hero Baby2 destacou polo seu baixo contido en ácidos graxos trans (0,4% da graxa) fronte ó resto (media de 2,7%). Almiron2 foi o único leite cunha irregularidade: non respectou o mínimo para o ácido linoleico.
Minerais e vitaminas son nutrientes esenciais. A norma regula, para estes leites de continuación, a cantidade de ferro, iodo, cinc e a relación calcio/fósforo. No resto de minerais, as súas concentracións deberán ser como mínimo equivalentes ás do leite de vaca. O laboratorio comprobou que estes valores de minerais se atopaban dentro da norma. Engaden tamén cobre, sodio, potasio e magnesio, non regulados pola normativa.
En vitaminas, están fixadas as cantidades de vitamina A, a D a xeito de colecalciferol, a C e a E. Os leites cumpriron a norma, non sendo Hero Baby2, que supera o máximo para a vitamina A, e Nutribén Continuación e Nativa2 que superan o de vitamina D. As cantidades de vitamina C son moi superiores ó mínimo, o que non supón risco ningún para o bebé, xa que ó se tratar dunha vitamina hidrosoluble as cantidades que non aproveita o corpo se eliminan. Tamén se detectaron outras vitaminas: niacina, tiamina, riboflavina, ácido fólico, vitamina B5, B6 e B12.
O valor calórico fíxao a norma entre 60 e 80 Kcal/100 mililitros de producto reconstituído. Todas cumprían, Nidina2 era o menos calórico (67 Kcal/100 ml) e Conformil2 o máis enerxético (76).
Para rematar, a análise microbiolóxica demostrou que as oito mostras se atopaban en perfecto estado hixiénico-sanitario.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse oito leites de continuación, de 900 e 800 gramos, envasados en atmosfera protectora.
- Os prezos van desde menos de 11 euros o quilo (Aptamil2 e Hero Baby2) ata case 19 euros (Enfalac2).
- Están destinados á alimentación de lactantes a partir dos catro meses e deben formar parte dunha dieta diversificada, na que son un alimento máis para o bebé.
- Comercialízanse en po: para o seu consumo reconstitúense mediante adición de auga.
- A normativa regula a súa composición nutricional, partindo das necesidades dietéticas do bebé para o seu crecemento. En catro mostras detectáronse incumprimentos pouco significativos.
- Os oito son semellantes en hidratos, proteínas e graxas. As diferencias máis salientables déronse en vitaminas e ácidos graxos saturados (laúrico e mirístico) e nos ácidos graxos trans.
- O estado hixiénico-sanitario foi satisfactorio. E en ningunha mostra se detectaron restos de praguicidas.
- Non se realizou cata, pola imposibilidade de interpreta-la satisfacción dos bebés ó consumilos.
- A mellor relación calidade-prezo é Aptamil2, o segundo máis barato e cunha composición nutricional en todo conforme á norma.
Marca | VALORES LEXISLADOS | APTAMIL2 | NIDINA2 | CONFORMIL2 | NATIVA2 | ||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros/ quilo) | – | 10,86 | 12,58 | 14,89 | 12,28 | ||||
Etiquetaxe | – | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | ||||
Proteína (g/100 Kcal) | 2,25 – 4,5 | 2,39 | 2,98 | 2,25 | 3,51 | ||||
Glute (%) 1 | Non permitido | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | ||||
Hidratos de carbono (g/ 100 Kcal) | 7 – 14 | 13,3 | 12,6 | 12,9 | 12,4 | ||||
Lactosa (g/100 Kcal) 2 | Mín. 1,8 | 9,3 | 5,1 | 4,7 | 12,4 | ||||
Sacarosa (%) | Máx. 20 | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | ||||
Fructosa (%) | Máx. 20 | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | ||||
Graxa total (g/100 Kcal) | 3,3 – 6,5 | 4,2 | 4,2 | 4,4 | 4,2 | ||||
Ác. linoleico (mg/100 Kcal)3 | Mín. 300 | 316,8 | 328,7 | 370,6 | 307,5 | ||||
Ác. laúrico (% materia graxa)4 | Máx. 15 | 10,7 | 7,4 | 11,0 | 7,4 | ||||
Ác. mirístico (% materia graxa) 4 | Máx. 15 | 4,6 | 3,4 | 4,3 | 3,5 | ||||
Ács. graxos trans (% materia graxa)5 | Máx. 4 | 2,3 | 3,1 | 3,1 | 2,7 | ||||
Valor calórico (Kcal/100 ml) | 60 – 80 | 75,0 | 67,3 | 75,7 | 67,4 | ||||
Minerais | |||||||||
Ferro (mg/100 Kcal) | 1 – 2 | 1,4 | 1,6 | 1,4 | 1,7 | ||||
Iodo (mg/100 Kcal) | Mín. 5 | 16,8 | 20,5 | 16,9 | 20,5 | ||||
Zinc (mg/100 Kcal) | Mín. 0,5 | 1,2 | 1,2 | 1,1 | 1,3 | ||||
Relación Calcio / Fósforo | Máx. 2,0 | 1,5 | 1,4 | 1,5 | 1,4 | ||||
Vitaminas | |||||||||
Vitamina A (mg/100 Kcal) | 60 – 180 | 75 | 124 | 142 | 139 | ||||
Vitamina D (mg/100 Kcal) | 1 – 3 | 2 | 2,2 | 2 | 3,1 | ||||
Vitamina C (mg/100 Kcal) | Mín. 8 | 73,0 | 102,7 | 88,1 | 73,0 | ||||
Vitamina E (mg/100 Kcal) | 0,5/g ac. linoleico | 0,9 | 1,5 | 1,3 | 0,7 | ||||
Praguicidas 6 | Non permitido | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | ||||
Estado micro- biológico | – | Satisfactorio | Satisfactorio | Satisfactorio | Satisfactorio |
Marca | ENFALAC2 | HERO BABY2 | NUTRIBÉN CONTINUACIÓN | ALMIRON2 | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Prezo (euros/ quilo) | 18,85 | 10,46 | 11,79 | 13,64 | |||||
Etiquetaxe | Correcto | Correcto | Correcto | Incorrecto | |||||
Proteína (g/100 Kcal) | 2,61 | 3,13 | 2,14 | 2,57 | |||||
Glute (%) 1 | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | |||||
Hidratos de carbono (g/ 100 Kcal) | 11,9 | 10,8 | 13,1 | 12,3 | |||||
Lactosa (g/100 Kcal) 2 | 6.2 | 5,5 | 9,1 | 11,2 | |||||
Sacarosa (%) | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | |||||
Fructosa (%) | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | |||||
Graxa total (g/100 Kcal) | 4,7 | 5,0 | 4,3 | 4,5 | |||||
Ác. linoleico (mg/100 Kcal)3 | 419,8 | 395,4 | 305,6 | 289,9 | |||||
Ác. laúrico (% materia graxa)4 | 8,8 | 11,2 | 6,0 | 10,9 | |||||
Ác. mirístico (% materia graxa) 4 | 4,2 | 4,9 | 2,7 | 4,8 | |||||
Ács. graxos trans (% materia graxa)5 | 3,2 | 0,4 | 2,5 | 2,5 | |||||
Valor calórico (Kcal/100 ml) | 69,2 | 70,7 | 72,9 | 70,1 | |||||
Minerais | |||||||||
Ferro (mg/100 Kcal) | 1,6 | 1,5 | 1,3 | 1,1 | |||||
Iodo (mg/100 Kcal) | 16,7 | 16,4 | 10,1 | 17,4 | |||||
Zinc (mg/100 Kcal) | 1,3 | 0,8 | 0,9 | 1,0 | |||||
Relación Calcio / Fósforo | 1,5 | 1,3 | 1,4 | 1,5 | |||||
Vitaminas | |||||||||
Vitamina A (mg/100 Kcal) | 130 | 194 | 150 | 118 | |||||
Vitamina D (mg/100 Kcal) | 2 | 1,5 | 3,7 | 1,5 | |||||
Vitamina C (mg/100 Kcal) | 143,6 | 73,0 | 82,7 | 50,5 | |||||
Vitamina E (mg/100 Kcal) | 2,3 | 2,4 | 2,2 | 1,8 | |||||
Praguicidas 6 | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | |||||
Estado micro- biológico | Satisfactorio | Satisfactorio | Satisfactorio | Satisfactorio |
1) Glute: Parte proteica dos grans dos cereais de trigo, avea, centeo e cebada, causante de enfermidades alérxicas.
2) Lactosa: Azucre característico do leite.
3 Ácido linoleico: Ácido graxo poliinsaturado, esencial para a dieta e beneficioso para a saúde.
4) Ácido laúrico e ácido mirístico: Ácidos graxos saturados. Pouco saudables.
5) Ácidos graxos trans: Producen, no noso organismo, efectos semellantes ás graxas saturadas.
6) Praguicidas: Compostos químicos para combate-las pragas; a presencia de residuos de pesticidas nos alimentos é indesexable.
Unha a unha
Un a un, OITO leites de continuación
APTAMIL2
- Sae a 10,86 euros/quilo, o segundo máis barato.
- A mellor relación calidade-prezo.
- Axústase a tódalas especificacións que sobre composición nutricional establece a normativa.
NIDINA2
- Sae a 12,58 euros/quilo. Outra boa opción.
- Axústase a tódalas especificacións que sobre composición nutricional establece a normativa. É o menos enerxético (67 calorías/100 ml) e o de máis vitamina D.
CONFORMIL2
- Sae a 14,89 euros/quilo, o segundo máis caro.
- O único en formato de 800 gramos (os demais teñen 900 gramos). Axústase a tódalas especificacións que sobre composición nutricional establece a normativa. O máis calórico (76 cal/100 ml): a súa achega proteica é a máis baixa, no límite mínimo da norma (2,25 g/100 Kcal). A cantidade de lactosa, azucre característico do leite, é a máis baixa (4,7 g/100 Kcal).
NATIVA2
- Sae a 12,28 euros/quilo.
- É o único con carbohidratos procedentes exclusivamente da lactosa, azucre do leite, e é ademais o de maior contido. Achega a maior cantidade de ferro (1,7 mg/100 Kcal) e cinc, pero a menor de vitamina E.
ENFALAC2
- Sae a 18,85 euros/quilo, o máis caro.
- A maior cantidade en linoleico, ácido graxo poliinsaturado esencial, e en vitamina C, aínda que tamén presenta o maior contido (3,2% da materia graxa) en ácidos graxos trans, saturados e menos saudables.
HERO BABY2
- Sae a 10,46 euros/quilo, é o máis barato.
- Proporciona a maior cantidade de laúrico e mirístico, ácidos graxos saturados, e por iso pouco saudables se se consomen en exceso. Pero é a de menos ácidos graxos trans, tamén saturados. E ten o menor contido en cinc e vitamina D. Pero o seu contido en vitamina E é o maior. Supera lixeiramente o máximo para a vitamina A.
NUTRIBÉN CONTINUACIÓN
- Sae a 11,79 euros/quilo.
- Os contidos máis baixos en laúrico (6% da materia graxa) e mirístico (2,7%), ámbolos dous ácidos graxos saturados, pouco saudables se se consomen en exceso. A maior cantidade de vitamina A. Non chega, por pouco, á cantidade establecida pola norma para as proteínas (2,25 g/100 Kcal) e supera o máximo para a vitamina D.
ALMIRON2
- Sae a 13,64 euros/quilo.
- Etiquetaxe incorrecta: non presenta no mesmo campo visual a denominación de venda, a cantidade neta e a data de consumo preferente. A menor cantidade de ferro (1,1 mg/100 Kcal), vitamina C e vitamina D. É o único que (por pouco) non alcanza o mínimo para ácido linoleico, ácido graxo esencial e saudable.