Portas blindadas, acoirazadas ou de seguridade

Para todas as necesidades e petos

1 Marzo de 2004
Img listado ecodomestica

Para todas as necesidades e petos

Cada dous minutos prodúcese un roubo en España. Máis de 258.000 vivendas foron roubadas no 2002 en España, segundo un informe da Unión Europea de Entidades Aseguradoras. A alarma cidadá que estes roubos provocaron entre a poboación levou a que as familias investisen en medidas de seguridade. E para iso comezan por cambiaren a porta exterior da súa vivenda por unha máis segura. Os expertos aseguran que as portas máis demandadas para facerlles fronte ós intrusos son tres: as de seguridade, as blindadas e as acoirazadas. Cada unha ten características e prezos diferentes. A máis sinxela e barata é a porta de seguridade. O elemento que diferencia unha porta blindada e unha acoirazada é a prancha de aceiro que se coloca entre a madeira a xeito de recheo. Nunha porta acoirazada a cantidade de aceiro é maior cá que contén unha blindada, polo que o prezo final da porta tamén será máis elevado.

Portas blindadas

Son as máis utilizadas como porta principal de acceso a oficinas e comercios, aínda que a súa colocación en domicilios particulares vai en aumento. O seu prezo, preto de 400 euros a máis sinxela, ocupa un lugar intermedio entre os tres modelos. As follas de que se compón -placas que serven para abrir e pechar as portas- poden estar fabricadas con madeira, aliaxes e metal. Están recubertas cunha chapa de aceiro de dous milímetros de grosor nas dúas caras que conforman a porta.

Principais características:

  • Pechadura: normalmente posúen un cilindro que impide a súa extracción a través de ganzúas ou trades, e aturan un peso de ata 500 quilogramos, aínda que dependerá do modelo elixido e do tamaño da porta. Os expertos aconsellan instalar unha pechadura con dobre escudo de seguridade.
  • Chaves: adoitan ser computadas, é dicir, fabricadas a medida para unha porta concreta. Resulta moi difícil facer copias das chaves. Por iso, unha vez instalada a porta, fáiselle entrega de cinco chaves ó dono da vivenda para que as reparta como desexe. É recomendable deixar un xogo fóra do domicilio, baixo a responsabilidade dunha persoa de confianza. Se non, ante o esquecemento ou perda da chave, quen realizou a instalación da porta tardará unha media de entre catro e cinco horas para abrila. E só se pode abrir se se rompen a pechadura e parte da placa de aceiro.
  • Perfís: pranchas de aceiro do interior da porta. Evitan o emprego de pancas para forzar a súa apertura.
  • Mira ou visor panorámico de 180 graos.
  • Materiais incombustibles: fabricadas con materiais que impiden o paso do lume, fume, gases e calor. Tamén é un bo illante acústico.
  • Bloqueo polos catro costados: unha vez que se acciona a chave, a porta queda bloqueada por catro lados. Isto significa que as barras de aceiro previamente colocadas se moven ó unísono. Unha barra faino cara ó marco do teito, a segunda cara a abaixo, a terceira vaise cara ó lado das bisagras e a cuarta móvese do lado da pechadura. No mercado tamén hai portas blindadas que non teñen a particularidade de se bloquearen polos catro lados. A diferencia destas, teñen varas roscadas cun capuchón de chumbo na punta. Así e todo, os expertos recomendan a primeira opción.

Inconveniente
Malia constar de barras de aceiro, a madeira do seu interior permite que alguén poida entrar introducindo pancas entre os ocos compostos por madeira.

Portas acoirazadas

Actualmente, e ante o auxe e o abaratamento das portas blindadas, as acoirazadas utilízanse case de maneira exclusiva para cámaras que conteñen obxectos de gran valor como mobles antigos, obras de arte, etc. Ademais, utilízanse como sistema de protección en museos e pazos de congresos onde se celebran eventos especiais.

As portas acoirazadas, menos vulnerables cás blindadas, están formadas por tubos de aceiro e formigóns especiais, así como de diversas aliaxes e os chamados rixidizadores, elementos que se insiren na superficie da porta para manter a solidez das chapas de aceiro colocadas nos planos interior e exterior. Sobre as chapas de aceiro colócanse os taboleiros coa madeira que se desexe. O máis barato é o sapeli; a nogueira, o carballo e piñeiro son os máis caros. A súa principal calidade é a súa alta resistencia a calquera ataque.

Principais características:

  • Mecanismos de peche. Encáixanse na estrutura do marco. A pechadura que se adoita instalar neste tipo de portas considérase como unha das máis seguras do mercado. O seu éxito radica en que os pechos adoitan ser oblongos ou redondeados e rectangulares. Unha vez que se pecha a porta, a pechadura actívase na parte frontal, inferior, superior e lateral.
  • Pechadura. Outra alternativa é a instalación dunha pechadura de combinación. Son aquelas que serven para bloquear a caixa e poden ser mecánicas, retardadas, electrónicas, dixitais, etc. Estas son as máis comúns:
    • Pechadura de combinación de discos. A súa vantaxe é que permite numerosas combinacións.
    • Pechadura electrónica. Permite unha conexión nun momento dado e a súa desconexión inmediata, amais da súa programación de bloqueo e retardo mediante un código.
  • Bisagras: dotadas de reforzos que impiden a acción de serras ou pancas.
  • Cerco e ancoraxes: son de ferro macizo e como o interior da porta está formado completamente por aceiro non hai puntos vulnerables.

Inconveniente
O prezo: custan unha media de 1.200 euros.

Portas de seguridade

É a máis utilizada en vivendas particulares. A súa instalación non se limita á porta exterior dunha vivenda, tamén se usa en espacios e recintos interiores.

Principais características:

  • Non teñen por que estar formadas por placas de aceiro.
  • Prezo: o custo é moito menor ca unha porta blindada ou acoirazada. A máis sinxela, sempre dependendo da madeira ou material utilizado, oscila arredor dos 300 euros.
  • Esta materia base, xa sexa madeira, metal ou PVC, refórzase con perfís horizontais e verticais resistentes ó lume e ó gas.
  • Pechadura: dispón de bombos de seguridade que impiden a súa extracción utilizando ganzúas.

Inconveniente
É menos segura cás outras dúas. Non todas presentan perfís que evitan a utilización de pancas para forzar a súa apertura.