Fitoterapia

Outra rama da medicina

A fitoterapia, ó igual que acontece cos medicamentos sintéticos, debe indicala o médico
1 Marzo de 2004
Img listado miscelanea

Outra rama da medicina

Este mes de marzo apróbase na Unión Europea a directiva pola que os Estados membros deberán lexislar, en menos de ano e medio, unha lei para normalizar o uso e control das plantas medicinais, que se inspeccionarán baixo as leis de medicamentos. Deste xeito, conséguese normalizar a comercialización cada vez máis frecuente das plantas ou partes de plantas en estado natural para o seu uso terapéutico directo sen o procesamento químico ó que están sometidos os fármacos, o que en Medicina se denomina Fitoterapia. Recoñecida como rama médica pola Organización Mundial da Saúde en 1978, en Alemaña, Francia e Suíza, a fitoterapia está incluída na lexislación que regula o resto das prácticas médicas e farmacolóxicas.

Historicamente, a Fitoterapia tivo un papel fundamental na ciencia da saúde occidental, aínda que o avance da química -que permitiu sintetizar os principios activos e inventar novos-, a relegou a un discreto segundo plano. Con todo, o 25% dos fármacos modernos ten a súa orixe nalgunha planta, e é aínda maior a porcentaxe das que teñen un principio activo vexetal: o Taxol, o fármaco antioncolóxico máis vendido do mundo, extráese da casca do teixo do Pacífico; a aspirina vén da casca do salgueiro e a morfina das papoulas.

Xa que logo, o retorno da confianza no uso de produtos de orixe natural parece explicarse non só polo valor en alza do medio natural, da ecoloxía, da vida sa e do natural en xeral, senón tamén porque os avances químicos, farmacolóxicos e clínicos avalaron con estudos e aplicacións remedios que parecían caseiros. A isto súmase o maior control de calidade das materias primas e unha actitude máis activa do paciente, que non se limita a seguir as indicacións do médico, e quere participar na súa cura con mellor coñecemento de causa.

Cómpre saber que nisto das plantas medicinais a improvisación e o autoabastecemento son pouco recomendables. Consumámolas só cando sexa preciso e baixo a supervisión dun especialista: algunhas pódennos causar problemas.

Corren risco de desaparición

A popularidade das herbas medicinais e a cada vez máis estendida documentación sobre elas supuxo unha ameaza para a conservación de máis de 10.000 especies de plantas das 50.000 que se coñecen con propiedades medicinais. A industria non tivo en conta a conservación destas plantas, polo que moitas, sobre todo as que se cultivan en países pobres, corren o risco de desaparecer. Para evitalo, recoméndase investir no cultivo das plantas que se consomen e introducir un distintivo que permita identificar os produtos elaborados con plantas cultivadas de xeito sostible.

Nocións básicas sobre a fitoterapia

  • Non se trata de substituír os medicamentos prescritos por un doutor, senón todo o contrario. A fitoterapia convive coa medicina facultativa, que adoita facer uso dela como primeira opción para sandar e aliviar algunhas patoloxías antes de pasar a outros medicamentos máis agresivos e reservados para sintomatoloxías máis graves.
  • As plantas medicinais, ó igual cós medicamentos, non son inocuas. Do mesmo xeito que melloran o estado de saúde, o seu uso incorrecto ou unha combinación pouco axeitada das mesmas pode facer dano. Demostrouse que moitas plantas posúen principios activos moi potentes. Isto significa que, ó igual cós medicamentos sintéticos, deben administrarse seguindo o consello dun especialista e en doses recomendadas, xa que teñen interaccións cos nutrientes dos alimentos ou con outros medicamentos. Ademais, tamén poden provocar efectos secundarios.
  • A maioría das plantas medicinais atópanse en farmacias, herboristerías e grandes superficies. Pero as que veñen acompañadas por un prospecto con indicacións terapéuticas (foron autorizadas polo Ministerio de Sanidade e supervisadas pola Axencia do Medicamento) só se poden adquirir en farmacias.
  • Nas máis das ocasións, e así queda sinalado nas guías botánicas, o uso de plantas medicinais, ó igual ca dos outros fármacos, está contraindicado para a muller embarazada ou que dá o peito. Os lactantes, nenos e anciáns son especialmente delicados, polo que cumprirá ser especialmente cauteloso cos tratamentos para estes tres colectivos.
Plantas medicinais: non só infusións

As plantas medicinais sométense a procesos de preparación que fan que o seu potencial curativo se concrete na realidade. Pero sexamos precavidos e consultemos co médico.

Infusións: o xeito máis sinxelo de preparar as follas e as flores, pero non as raíces. Adóitanse beber quentes, aínda que algunhas tamén conservan as súas propiedades estando frías.

Cocemento: para as partes máis duras da planta, como raíces, cascas, pólas e baias. Hainas que cortar en cachos, somerxelas en auga fría e despois quentalas ata que o preparado comece a ferver. Pódese beber en frío ou en quente, tras filtrar o líquido.

Maceración: a miúdo a calor elimina os principios activos, e para evitalo recórrese á maceración en frío. O procedemento consiste en botar a planta nun cazo, engadir auga fría e depositalo toda a noite nun lugar fresco. O día seguinte cóase.

Aceites: os ingredientes solubles en graxas pódense extraer cunha infusión en aceite, ó que se lle engaden as herbas e que se pon ó baño maría. Cóbrese e déixase cocer a lume lento durante 3 horas. Déixase arrefriar e cóase cunha bolsa de muselina.

Cápsulas e pos: tamén se poden tomar en pos esparexidos sobre alimentos, ou mesturados con tinturas para os emplastos.

Xaropes: prepáranse combinando infusións ou cocementos con mel ou azucre, para disimular o mal sabor dalgunhas plantas. Para aproveitar o seu maior potencial, se se vai utilizar esta fórmula convén elaborar a infusión durante máis tempo.

Locións: as plantas tamén permiten un uso tópico.

Tinturas: consiste en deixar a herba en alcohol, nunca industrial, para disolver os compoñentes activos. A súa acción é máis potente cás infusións e cós cocementos.

Cremas ou pomadas: resulta da mestura de auga con aceites ó baño María.

Cataplasmas: é unha mestura de herbas frescas ou secas fervidas.