GPS

Para non perderse

Os sistemas de navegación por satélite xa están ó alcance do peto
1 Marzo de 2004
Img listado nntt

Para non perderse

/imgs/20040301/nntt.01.gif
Desde sempre o ser humano mirou o ceo para orientarse. Agora, grazas á tecnoloxía, xa non cómpre buscar estrelas que nos sitúen o Norte, senón localizar satélites que orbitan a Terra e que nos indican a nosa posición exacta. Iso conséguese grazas ós receptores GPS (sistema de posicionamento global), un sistema de navegación por satélite que permite coñecer con gran precisión onde nos atopamos, á vez que localizar o punto de destino e trazar a ruta máis axeitada para alcanzalo. Nos últimos anos a tecnoloxía abaratouse ata o punto de que cun pequeno investimento (desde 200 euros) xa é posible adquirir un receptor GPS básico para axustar ó ordenador portátil, á PDA ou ó móbil.

¿Como funciona?

O sistema GPS funciona grazas á constelación NAVSTAR, formada por 24 satélites situados a uns 20.000 quilómetros de altura. Estes satélites levan a bordo un reloxo atómico de gran precisión e emiten sinais personalizados que indican a hora en que partiron. O receptor en terra, recoñece o satélite que emitiu o sinal, determina o tempo que tardou en chegar e así calcula a distancia que o separa del. Unha vez que o receptor GPS contactou con catro satélites -aínda que para unha información máis básica abonda con tres- é capaz de determinar a súa posición e altura.

Dado que a viaxe do sinal é tan rápida e o control do seu retardo debe ser tan preciso (un erro dun milisegundo xera desviacións de centos de quilómetros), é crucial unha sincronización perfecta entre satélite e receptor. Os receptores GPS non contan con reloxos atómicos, pero son capaces de axustar os desfases mediante unha medición adicional sobre outro satélite, que en definitiva os converte, ademais, en reloxos de precisión atómica.

Prodixioso, pero non perfecto

Os receptores GPS deben ver ben o ceo para recibir correctamente o débil sinal dos satélites, polo que están pensados para utilizarse no exterior e poden non funcionar correctamente no interior dun bosque tupido ou entre montañas ou edificios altos, algo que se pode corrixir empregando unha antena. A exactitude da medición depende do tipo de receptor, aínda que os actuais GPS conseguen unha precisión duns 10 metros grazas a que reciben o sinal de 12 satélites simultaneamente, e poden conectarse sen cables (mediante Bluetooth) a outros dispositivos. En maio do 2000 eliminouse a chamada ‘Dispoñibilidade Selectiva’: erros introducidos voluntariamente polo exército estadounidense nas transmisións GPS que limitaban a precisión dos receptores que non eran militares a 100 metros.

Pero aínda así o sinal GPS sofre diversos avatares. O satélite pode enviar pequenos erros de medición e o sinal sofre cambios de velocidade ó atravesar a atmosfera e despois rebota en distintos obstáculos ó chegar á terra. Así e todo, os receptores avanzados corrixen os erros mediante diversos sistemas e reducen a súa marxe de erro a un só metro.

Coas súas limitacións, o GPS supera de sobra os sistemas de localización móbiles, que teñen ó seu favor o prezo e en contra a súa menor precisión (cunha marxe de erro de 200 metros en cidade e de entre 5 e 20 quilómetros no campo) e a súa potencial ameaza á intimidade. O GPS só recibe, mentres que o teléfono móbil emite e así posibilita coñecer a posición do usuario.

Para o campo e cidade

O GPS deseñouse orixinalmente para proporcionarlles información sobre a navegación a barcos e avións, pero o baixo prezo dos receptores púxoos ó alcance dos usuarios, que, combinándoos con diversos programas, poden sacarlles un enorme partido. En xeral, o GPS é útil para a localización (determinar unha posición), a navegación (para ir dun lugar a outro), o rastrexo (seguir o movemento de persoas e cousas), a cartografía, e para controlar o tempo de maneira exacta. Na práctica iso tradúcese en aplicacións que van desde o transporte por calquera medio ata as relacionadas coa protección civil ou o apoio a persoas con discapacidade (un cego pode guiar o taxista), pasando pola enerxía, telecomunicacións, finanzas, agricultura, etc.
Os amantes do deporte ó aire libre (montañismo, sendeirismo, esquí fóra de pista, motociclismo, etc.), atopan no GPS a guía para coñecer o seu emprazamento en contornos descoñecidos, para localizar o lugar de destino e para trazar a ruta máis adecuada. No ámbito urbano, o GPS sitúa cunha marxe de erro de dez metros calquera farmacia, hotel, gasolineira, museo, estación, etc. Por iso se están convertendo no complemento ideal do automóbil, non só para os condutores do París-Dakar. Con sistemas de navegación propios, ou axustados a unha PDA ou portátil co software necesario, os GPS amosan con voz e imaxe o camiño correcto en calquera estrada, onde está unha rúa en cidades ou vilas (información que se pode combinar coa das obras, densidade do tráfico, etc.), así como velocidade, distancia, traxecto e outros datos en cada momento.

Hai que agradecerlle ó Ministerio de Defensa dos EEUU que en 1978 puxese en marcha o sistema gratuíto de navegación por satélite denominado NAVSTAR (NAVigational Satellite Timing And Ranging), que posteriormente daría lugar ó actual GPS. A URSS tamén desenvolveu o seu propio sistema semellante ó GPS, GLONASS, que segue en funcionamento (www.glonass-center.ru) aínda que os receptores para actividades recreativas non interpretan os sinais dos seus satélites.

Europa tamén puxo o ollo no ceo e está desenvolvendo o seu propio sistema de navegación pos satélite totalmente civil, de nome GALILEO. O primeiro satélite será lanzado de xeito experimental no 2005, e ó ano seguinte poranse en órbita outros catro xa totalmente operativos. O obxectivo é que sexan completamente operativos no 2008, momento en que haberá 30 satélites (27 operativos e tres de reserva) a 23.616 quilómetros sobre a terra.

O interesante desta iniciativa da Unión Europea e da Axencia Especial Europea é que promete a interoperabilidade con GPS e GLONASS, co que o mesmo receptor poderá utilizar calquera combinación entre todos os satélites. Ademais, a súa marxe de erro será de só un metro.

Galileo
/imgs/20040301/internet02.jpgwww.galileoju.com
Desde aquí accédese ás páxinas da UE e da Axencia Espacial Europea sobre o proxecto europeo de navegación por satélite Galileo.

Saber e mercar
/imgs/20040301/internet03.jpg www.mundogps.com
Actualidade, foros, preguntas frecuentes, asesor, comparativas, taboleiro de anuncios, descargas de programas gratuítos e firmware (para actualizar o receptor) e unha tenda onde adquirir receptores, software e accesorios.

Así funciona
/imgs/20040301/internet04.jpg www.trimble.com/gps
Un completo manual en inglés con gráficos sobre o funcionamento do GPS. Pódese atopar unha tradución do manual en http://gutovnik.com/como_func_sist_gps.htm.