Sempre destacou o seu compromiso coa cooperación para o desenvolvemento. Son tempos difíciles para mantelo?
O compromiso de todos coa cooperación para o desenvolvemento é hoxe máis necesario ca nunca. Ante unha situación económica nacional difícil, é fundamental lembrar que o desenvolvemento é un traballo de todos e para todos que non se pode abandonar nos momentos complicados. As circunstancias, non só as económicas, obrigan a adaptarse a un novo ámbito e a novas modalidades de cooperación, que non requiren forzosamente uns recursos avultados, senón unhas capacidades técnicas coas que contamos.
Cales son esas circunstancias?
O mundo de hoxe non é o mundo de hai 25 anos, cando naceu a AECID. Existen novos obxectivos, como a loita contra o cambio climático, un novo mapa da pobreza e un incremento da desigualdade. Algúns dos nosos países socios atinxiron un nivel de rendas medias que non require a mesma cooperación. Debemos adaptarnos a este ámbito e aproveitar a experiencia adquirida en cooperación técnica.
Fíxase nalgún modelo de cooperación?
Teño unha excelente relación cos meus compañeiros doutros países doadores. Todos compartimos retos similares, con maior ou menor intensidade, e adoptamos solucións para afrontalos. De todos eles saco ideas para seguir mellorando.
Que lle custou máis sacrificar nesta conxuntura económica?
Esta conxuntura económica é un sacrificio, pero tamén un reto. É un momento de adaptación e de mellora, que senta as bases dun futuro mellor.
O Plan director da cooperación española 2013-2016 limita a 23 os países onde cooperará España. Que criterios seguiu?
O plan director pide concentrar esforzos naqueles lugares onde España pode ser máis útil. Seguindo este criterio, que recomendaban organismos internacionais coma o Comité de Axuda ao Desenvolvemento da OCDE, concentraremos a nosa presenza en América Latina, no norte de África e en África Occidental.
Considera as empresas “actores de desenvolvemento”, pero isto depende das súas prácticas.
Non contar coas empresas é omitir un actor importante. Xeran tecido produtivo e empregos que sustentan os logros do desenvolvemento. Hai excelentes exemplos de contribucións importantes, dende a súa responsabilidade social corporativa ou dende o seu nicho de negocio.
Tamén alude a posibles alianzas con think-tanks e universidades, en que consistirán?
Os think-tanks e as universidades elaboran o pensamento en cooperación e son suxeitos activos a través das súas redes internacionais. A alianza co mundo académico é fundamental para definir as nosas estratexias, crecer en coñecemento e en rigor e avanzar en coalicións de actores nas que todos acheguen algo.
Propón que a AECID pase de financiadora a facilitadora, que implica este cambio de rol?
A AECID deixaría de ser un ente que só financia e pasaría, no seu papel de facilitadora, a desempeñar un rol moito máis activo. As ONGD son un socio imprescindible no desenvolvemento.
Algúns cidadáns xustifican os recortes en cooperación para incrementar as axudas aos españois. Realmente hai conexión?
A cooperación para o desenvolvemento representa unha partida moito menor que as políticas sociais básicas en España. Non obstante, o impacto nos países socios da cooperación española é notorio, xa que se parte de bases inferiores de desenvolvemento e de situacións sociais moito máis dramáticas que as nosas. Isto non quita que a AECID, consciente do esforzo que fan os españois, vixíe cada euro destinado ao investimento en desenvolvemento para garantir o seu impacto.
Por que se debe apostar pola cooperación para o desenvolvemento?
A cooperación é un investimento. Nun mundo compartido, os retos son globais. O desenvolvemento, os dereitos humanos, a seguridade internacional, o terrorismo, a saúde e o medio afectan a humanidade e deben afrontarse de forma conxunta. España, como socio responsable da sociedade internacional, non se pode abstraer deles. E os españois, como sociedade xenerosa, non o fan.