José María Mella, Catedrático da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade Autónoma de Madrid

"A parte máis importante do crecemento está no consumo"

1 septiembre de 2013
Img entrevista listado 901

“Temos que incentivar o consumo para que a economía volva crecer”, esta é unha das frases máis manidas dende que empezou a crise…, é certo isto?

Non teño ningunha dúbida de que hai que incentivar o consumo para crecer. Non é ningún erro, todo o contrario. A parte máis importante do crecemento está no consumo; polo tanto, é imposible crecer sen un consumo prudente. O consumidor non é responsable da crise, porque nin antes nin agora chega a fin de mes. Por iso as caixas e os bancos andaban tras el ofrecéndolle irresponsablemente créditos que agora non pode devolver.

Hai familias que “tiran” dos seus aforros para sobrevivir. Incentivar o consumo para reactivar a economía, aínda a custa de ter que aparcar o aforro, que consecuencias pode ter?

A formulación da súa pregunta ten un fallo: supón que non hai aforro cando se consome. Parece paradoxal, pero non o é. O paradoxal é que nunha crise, canto máis se aforra, ao final remata aforrándose menos, porque se crece menos. E esa é a consecuencia do que está a pasar: baixa o aforro porque baixa a renda dispoñible dos fogares, polas caídas dos salarios, pola destrución do emprego e polas subas de impostos sobre os estratos de poboación de menores ingresos.

Para que unha economía creza é necesario tamén o investimento, pero quen pode facelo nestes momentos?

Certo. Sen investimento non hai crecemento. O investimento hoxe poden facelo os países europeos centrais (Alemaña e outros) que son os que poden tirar das economías periféricas (España e os demais países do sur, e tamén Irlanda). Como facelo é complexo, pero sería nos sectores de maiores perspectivas futuras e que permitan diversificar a economía española: tecnoloxías da información e da comunicación, agro-alimentación, biotecnoloxía, aeroespacial, enerxías renovables, transportes, turismo de calidade…

Parece que cos recortes se pretende frear a crise, é esta a fórmula idónea?

Os recortes nos servizos públicos son un suicidio colectivo. Non frean a crise, agrávana e non crean as condicións para saír dela. As palabras son diabólicas: chámanlle “gasto público” cando é “investimento público”. O manido “gasto” en educación, sanidade e servizos sociais é investimento en capital humano, o factor fundamental para saír da crise e para responder positivamente ao tan castigado benestar dos cidadáns.

As subas de impostos presentáronse como un “mal necesario”, é peor o remedio que a enfermidade?

Nin é un mal nin é necesario. Non é un mal porque as subas de impostos non sempre son un mal, depende de a quen graven. Din que é necesario, porque neste país só pagan impostos os asalariados e as pemes. As grandes empresas e as grandes fortunas son consumadas evasoras de impostos. Sen dúbida, o remedio é peor que a enfermidade, xa que sen unha reforma fiscal que faga que os que máis teñen máis paguen, non haberá un Estado cun orzamento á altura das necesidades.

Como pode convivir o optimismo que tanto se demanda dende as institucións cando en moitas familias españolas todos os seus membros están sen traballo?

Ese optimismo é ficticio e un sarcasmo ás familias. Ficticio porque se esquece que en España o número de fogares pobres alcanza xa un nivel inaceptable. E un sarcasmo, cando se sabe que case dous millóns de familias teñen todos os seus membros no paro.

Ata cando cre vostede que é sostible esta situación?

Actualmente, esta situación xa é insostible: para os máis de seis millóns de parados, para a maior parte das familias traballadoras, para as pemes sen crédito e sen clientes… É só sostible para as grandes empresas financeiras e fondos de investimento, que se están a beneficiar da crise, rendibilizando os seus capitais…

Como se podería saír da crise?

Non hai unha vara máxica. Porque a crise non é só da economía, é de todo o sistema. É unha crise económica, si, pero tamén é social, política, ecolóxica, ideolóxica e cultural. Non teño receitas. Só podo dicir modestamente que hai que cambiar o sistema, porque é obvio que o actual non funciona. Un novo sistema que responda a unha economía ao servizo dos máis e non dos menos, a unha política democrática e participativa, respectuosa cos limitados e escasos recursos ambientais, con ideas de cooperación e autoxestión, e cunha cultura baseada nos dereitos de todos os cidadáns e nos valores de liberdade e solidariedade.