Cómo le-las etiquetas dos alimentos

Información moi útil

As etiquetas dos alimentos envasados proporcionan unha información moi útil para o consumidor, xa que lle permite, amais de coñece-las principais características dos productos que toma, facerse unha idea aproximada da relación entre o prezo e a calidade dos alimentos
1 Abril de 2000
Img informe listado 142

Información moi útil

Se o consumidor busca preferentemente unha alimentación económica, primará o factor prezo. Pero se o que quere é alimentarse seguindo as normas dunha dieta equilibrada e saudable, e facelo sen pagar por riba do preciso, será fundamental que lea detidamente as etiquetas. Asemade, tamén é interesante probar persoalmente os productos e informarse, mediante revistas de consumo, de características e prestacións non perceptibles polo consumidor e que non aparecen nas etiquetas.

De tódolos xeitos, hai que apreciar no que vale (moito) a información que nos proporcionan as etiquetas e cómpre fixármonos ben nelas, xa que constitúen o compromiso do fabricante diante do consumidor de que un artigo reúne as condicións que esixe a normativa vixente para esa familia de productos. A regra xeral é que a etiquetaxe debe ser clara e concisa e que nunca debe induci-lo consumidor a erro no que se refire a características, composición, natureza, calidades, cantidade, orixe ou modo de fabricación.

Nos productos alimenticios envasados hai dúas clases de información: a xeral (común a todos e obrigatoria) e a nutricional, opcional e que ofrecen só algúns deles. A xeral serve para coñece-las características esenciais do que un merca. A nutricional, que non é obrigatoria pero si moi conveniente, pon ó dispor do consumidor información sobre as características nutritivas do alimento: calorías que proporciona, os nutrientes que contén, a cantidade de fibra, vitaminas, sales minerais, etc.

¿Que datos deben figurar na etiqueta dos alimentos envasados?
  • Nome do producto, tal e como se denomina en España: non ten que ver coa presentación ou marca comercial, senón coa denominación. Por exemplo, non é o mesmo un iogur ca un preparado lácteo, ou un zume de froitas ca un néctar de froitas. Algúns alimentos teñen que incluír na etiqueta a calidade específica, variedade, categoría comercial (extra, primeira, segunda…) e o calibre. Nas froitas, verduras e hortalizas frescas, deberase indica-la súa orixe.
  • Lista de ingredientes: preséntanse por orde de importancia; o de máis peso é o que primeiro aparece. Aí sabémo-lo que mercamos. Poderase comprobar, por exemplo, que algúns queixos de leite de ovella usan tamén leite de vaca ou de cabra.
  • O grao alcohólico, para as bebidas cun grao superior ó 1,2%.
  • A cantidade neta nos productos envasados exprésase en peso para os alimentos sólidos e en volume para os líquidos.
    Data de caducidade, indica o día e o mes nos productos moi perecedoiros.
  • Data de consumo preferente, cunha das dúas seguintes lendas segundo cal sexa a duración do producto: “Consumir preferentemente antes de…”, seguida do día e o mes se a duración do producto é entre 3 e 18 meses, ou “Consumir preferentemente antes de fin de…”, seguida do ano para productos con duración superior ós 18 meses.

Á parte destes datos, que son os máis interesantes, na maioría dos casos tamén deben figurar outros, coma condicións especiais de conservación e de emprego, modo de emprego, identificación da empresa (nome, razón social, etc.), lote de fabricación ó que pertence o producto, e a súa orixe, se procede de países non membros da Unión Europea.

Etiqueta nutricional

Moi útil para coñecer qué nutrientes, e en qué cantidade, contén un determinado producto. A normativa que regula no noso país a etiquetaxe nutricional, que non se aplica ás augas minerais nin ós complementos dietéticos, establece que esta etiqueta non é obrigatoria. Só o é nos productos que fan referencia a características nutricionais coma, por exemplo, “rico en calcio”, “baixo en colesterol” ou “con vitamina A e E”. Coexisten dous formatos principais de etiqueta nutricional. O máis esquemático só indica, por esta orde, o valor enerxético, a cantidade de proteínas, os hidratos de carbono e as graxas. O outro, máis amplo, informa sobre os azucres, ácidos graxos saturados, a fibra e o sodio. Agora ben, calquera destas dúas etiquetas pode incluír datos sobre outros compoñentes (colesterol, vitaminas, sales minerais, amidón…). Así mesmo, poden mencionarse as cantidades de determinadas vitaminas e sales minerais, en función da porcentaxe que supoñan da cantidade diaria recomendada (CDR) dese nutriente para unha alimentación saudable e equilibrada.

Alimentos sen envasar

  • Tanto os productos que se presentan sen envasar nos establecementos comerciais coma os que se envasan a pedimento do consumidor, deben incorporar datos obrigatorios mediante etiqueta ou cartel no lugar de venda:
  • Denominación do producto, o estado físico ou tratamento ó que foi sometido e a súa categoría, calidade, variedade e orixe.
  • Na carne, debe especificarse a clase ou tipo de canle de procedencia (por exemplo, vitela de Navarra) e a denominación comercial da peza da que se trate (tapa, croca, etc.).
  • Nos peixes, debe consta-la forma de presentación comercial. Nos productos que envasa o establecemento comercial deben indicarse estes datos:
  • Denominación, estado físico, categoría de calidade, variedade e orixe.
  • Lista de ingredientes, no seu caso.
  • Cantidade neta.
  • Data de caducidade ou data de duración mínima.
  • Identificación da empresa.
  • Condicións especiais de conservación, no seu caso.

O que non debe aparecer nas etiquetas

Atribuírlles ós alimentos calquera propiedade preventiva, terapéutica ou curadora dunha enfermidade está prohibido e vulnera a normativa. Non hai que se fiar, polo tanto, de lendas coma “fortalece os ósos” ou “axuda a regula-lo colesterol” en productos coma o leite. Tamén é inaceptable a afirmación de que un alimento ten propiedades particulares cando as posúen tódolos da súa mesma natureza. Deste xeito, unha lenda do tipo “sen colorantes nin conservantes” nun alimento que por lei non pode usar estes aditivos infrinxe a norma.