E o 60% afirmou que no seu centro se rexistraron agresións entre alumnos nos tres últimos anos. Un informe semellante de 1992 en Holanda revelou que o 25% dos nenos sufriran actos intimidatorios graves (violencia sistemática, física, sexual ou psicolóxica) por parte doutros alumnos.
O rebelde sen causa non existe
Agora ben, entre os mozos rexe tamén unha violencia menos visible, que xera igualmente coacción, medo e sufrimento. E reforza un estilo de relación baseado no dominio, a forza e a agresividade, valores moi pouco edificantes para persoas que se atopan en pleno proceso de formación e de crecemento como seres humanos, como entes sociais. O máis doado é atribuírlle a culpa destes comportamentos inexplicables (“pero se non lles falta nada”) á influencia de TV, cómic, certa música, o cine… pola maneira tan trivial, cando non exaltación, coa que en ocasións abordan a agresividade e a violencia. Pero non podemos conformarnos con esta simplista reducción do problema.
Por qué a violencia
A agresividade é un instinto consubstancial ó ser humano, e a violencia (psicolóxica ou física) aparece como o medio máis rápido para acada-lo que nos propoñemos. A persuasión entraña dificultades e esixe habilidades dialécticas que non abundan entre a xente nova. De tódolos xeitos, ninguén está libre de reaccións primitivas, do carácter agresivo, para defende-lo territorio propio. Pero cando estas se producen reiteradamente, acaban formando unha conducta. Os humanos sómo-la única especie animal que creou unha cultura da violencia e os medios para destruí-lo opoñente fanse cada vez máis específicos e complexos. Así pois, nenos e mozos nacen e medran nun mundo violento. E non falamos só de guerras, nin sequera de agresións físicas. A violencia que máis cala nos nenos procede dun estilo de vida (que empapa a familia, a escola e a rúa) na que un dos valores supremos é o control e a seguridade. Que se manifesta na defensa da individualidade e na colocación de arames de espiño no noso territorio individual. As actitudes violentas, en resumo, prenden moi ben nunha sociedade competitiva que predica solucións individualistas e que esquece promove-la dimensión social das persoas. Daquela, resulta hipócrita que nos espantemos dalgúns nenos que produce a sociedade que creamos. Desde un punto de vista sociolóxico, polo tanto, as conductas violentas de nenos e mozos poderían interpretarse como a consecuencia da preponderancia do individual ante o interese común. Pero, desde unha perspectiva psicolóxica, explícanse as conductas violentas independentemente do momento social no que se producen, recorrendo ó máis íntimo do ser humano. Xeralmente, as trasnadas cométense xunto a un grupo de amigos e actúase espontaneamente. Quen infrinxe a norma séntese importante e admirado polos seus amigos. E o acto mesmo resulta estimulante: sabe o neno ou mozo que os seus pais non o aprobarán, pero iso só engade un pouco de emoción. O que importa é a aprobación dos amigos, esa é a recompensa e paga a pena asumi-lo risco do castigo. Os casos leves de vandalismo e violencia forman parte do desenvolvemento normal de nenos e mozos, proceden da súa necesidade de se sentiren independentes, rebeldes, ou parte dun grupo, o dos seus amigos. Entendámolo: os sentimentos que impulsan estes actos incívicos son universais. Os nenos buscan identificarse como individuos e reafirmarse como membros dun grupo. Noutras ocasións, buscan desquitarse de accións que consideran inxustas, protagonizadas polas figuras de autoridade: pais, mestres, policía… Unha das vividas coma máis inxusta é a que converte o neno en “invisible”, feito que el ou ela interpreta como que non é tido en conta ou non se lle recoñecen os seus logros. Moitos nenos medran en ambientes nos que senten que non valen moito, e poden (pola excesiva tolerancia familiar) facer case calquera cousa que lle pida o seu grupo. A necesidade de seren aceptados polo grupo pode inducir a un comportamento antisocial, especialmente na adolescencia: en medio da desorientación, sentirse parte do grupo (que, ás veces, é o único que elixen) é o máis importante.
A violencia, ¿só un sinal?
Os actos agresivos son o colmo; o problema case sempre é previo. Ás veces, o neno emite “os seus sinais” con grande intensidade (un roubo, unha pelexa con feridos, unha agresión ós pais, a un compañeiro ou profesor) e xorde o problema, xa ineludible. A “mensaxe” require respostas. A dos pais, aínda que só sexa o castigo, é imprescindible. É mellor ca nada. Para un adolescente en plena etapa de rebeldía, que se comunica mediante conductas reprobables, as súas accións son palabras non ditas, a súa opinión ante o estado das cousas. Por iso, o peor é o silencio ou a vista gorda. O rebelde sen causa non existe, detrás do seu comportamento agáchase a necesidade de expresar sentimentos: está incómodo, bátese cunha vida que para outros resulta aturable se non feliz. E emite, desesperadamente, sinais para que o axuden ou, cando menos, o atendan. Diferenciemos estas conductas dos comportamentos dun neno sociopático, que sempre tivo dificultades para distinguir entre o bo e o malo, o correcto e o inaceptable. Cronicamente antisocial, non aprende das consecuencias dos seus actos. Son casos raros, pero poden acontecer en calquera familia.
E, ¿que facer?
Tanto a familia coma a escola, as autoridades e a sociedade mesma, deben aborda-lo tema coa seriedade e responsabilidade que require. As liñas que deberían inspira-la pedagoxía da tolerancia, a convivencia pacífica e o respecto, parten dunha ética de convivencia, de educar para a socialización, mediante a cooperación, o xuízo intelectual (conductas reflexivas) e a educación para a frustración. Desde que un neno ten 2 ou 3 anos, debe sentir, e saber, que hai pautas ó seu redor, que non é posible cumprir tódolos seus caprichos e que mesmo algunhas necesidades terán que esperar un tempo para seren satisfeitas. Hai que ensinarlle que os bens se reparten cos outros nenos, e asumir que iso lle causará unha decepción, para a que hai que educalo. A educación familiar e escolar debe ser ríxida: todo non pode ser. Debe saber acepta-lo non, e pregunta-los porqués. E non se debe tolera-la mofa ou a falta de respecto ó diferente (outras razas, físicos peculiares ou moi pouco agraciados; tímidos, con gafas ou próteses, “chapóns”, mal vestidos…). Deben cultivarse, na familia e na escola, valores socializadores baseados en comparti-las cousas, no respecto á diversidade das persoas e no aprazamento na satisfacción de necesidades e desexos de nenos e mozos. Por iso resulta imprescindible que a escola conte co apoio case incondicional dos pais, que en primeiro lugar deberán non desautoriza-los ensinantes diante dos fillos; por moito que non se compartan algunhas das súas decisións ou estilos pedagóxicos. Ninguén aprobaría, e menos aínda asumiría, un sistema de valores proposto por unha entidade desprestixiada e sen credibilidade. E, ós docentes, conviríalles contar co amparo institucional preciso para que as súas decisións ante as actitudes antisociais fosen apoiadas polos pais e pola autoridade educativa.
Claves coas que familia e escola poden traballar con nenos e mozos:
- A responsabilidade persoal. É unha calidade que hai que potenciar, e supón que cada un responde enteiramente dos seus actos, sen escusas, nin “eles tiveron a culpa”.
- As relacións sociais. Deben facilita-la percepción de que somos entes sociables; non estamos sós neste mundo e precisamos entendérmonos cos demais.
- As normas hai que respectalas. Deben asumirse coma un acoutamento preciso da liberdade individual, para que esta poida expresarse de verdade. Son coñecidas, compartidas e respectadas por tódolos membros da familia. E pola comunidade escolar e de amigos.
- A comunicación. Baseada na expresión persoal e na escoita, frea a aparición das actitudes violentas. Saberen comunicarse axúdaos a expresárense, a que sexan entendidos, e mellora a súa autoestima. Quen sabe comunica-lo que sente é difícil que recorra a opcións violentas para reivindicarse, darse a coñecer ou manifesta-lo seu rexeitamento ante calquera situación.
Entre a familia e a escola debe implantarse un panorama educativo baseado en:
- A responsabilidade persoal: a calidade que supón que cada un responde suficientemente dos seus actos, sen botárlle-la culpa sistematicamente ós demais.
- As relacións sociais: que faciliten a percepción práctica de que non estamos sós neste mundo.
- O imperio da lei: o respecto ás normas establecidas, coñecidas e aceptadas por tódolos que decidiron convivir.
- A comunicación, baseada no exercicio sensato da expresión persoal e a escoita: para facilita-la comprensión dos demais, ó poder expresa-los problemas con palabras e retarda-la acción e as reaccións.