De vacacións coa mascota
Ante a proximidade do primeiro período de vacacións do ano, en moitos fogares xorde o problema de qué facer coa mascota da familia. Seguen sendo moitos, demasiados, os que optan por abandona-lo animal. Pero, na maioría dos casos, por sorte, gatos, cans, paxaros e o resto de animais de compañía permanecen, durante os días de descanso dos seus donos, ó coidado dalgún amigo ou familiar, nalgunha residencia especial ou ben comparten co seu amo as vacacións. Se vostede decidiu emprender unha viaxe acompañado da súa mascota, asegúrese de que o traslado sexa cómodo, tranquilo e seguro.
- Non esqueza leva-la cartilla de vacinación debidamente selada sempre que viaxe co seu animal de compañía.
- Se vai viaxar nun transporte público (avión, tren, autobús, barco), comprobe por adiantado as normas da empresa transportadora, así coma as condicións e tarifas de viaxe nacionais e internacionais aplicables ó traslado de animais.
- Instale o seu pequeno amigo nun contedor aprobado pola compañía de transportes, e indique na caixa a alimentación que precisa, amais do nome e enderezo do seu propietario.
- Se vai efectua-lo traslado en avión, non permita que coloquen o contedor da súa mascota na cabina de equipaxes. A presurización deste compartimento, aínda que estea garantida, non sempre responde ás esixencias mínimas para o transporte de animais.
- Cando o destino das súas vacacións sexa o estranxeiro, infórmese por adiantado sobre as condicións de admisión do país que vai visitar. É posible que, segundo cal sexa a súa mascota, deba permanecer illada varios meses a causa da corentena.
- Nos traslados en coche, non deixe nunca dentro un animal cando vaia calor, nin sequera á sombra ou coa ventá entreaberta. Se vai frío e ten a calefacción acesa, apáguea. Un vehículo demasiado quente é unha trampa mortal para eles.
Viaxar en coche con mascotas
- Leve a miúdo o seu can no coche para que se afaga a viaxar nel. Non o alimente antes dunha viaxe.
- Acomódelle un lugar confortable cunha manta ou unha toalla vella. Así, o can sentirase cómodo e vostede protexerá a tapicería.
- Se o seu can se marea nas viaxes -algo habitual entre os da súa raza-, pídalle ó veterinario que lle receite algún medicamento específico.
- Leve sempre un recipiente grande con auga e pare no camiño cada 2 ou 3 horas para que o can poida beber, face-las súas necesidades e correr un pouco.
- Os gatos non son bos viaxeiros, polo que se vai realizar un traxecto longo, pídalle ó veterinario que lle prescriba un tranquilizante suave.
- Xeralmente, os gatos non fan as súas necesidades durante o transporte, pero, por seguridade, cubra o fondo da caixa con xornais ou cun pano.
- Pode deixa-lo gato só na casa durante algúns días -non máis dunha semana-, se toma as debidas precaucións:
- En primeiro lugar, déixelle unha boa provisión de auga nun recipiente que non poida envorcar.
- Unhas cuncas de penso seco garantiranlle o alimento.
- Poña á súa disposición varias bandexas hixiénicas co leito limpo.
- Permita a entrada da luz natural e dalgunha corrente de aire.
- Se pensa leva-los peixes de vacacións, esquézao. Un acuario nunca se debe mover, agás en casos verdadeiramente excepcionais e por motivos inadiables.
- Deixe os peixes na casa, pero non descoide o seu coidado. Instale unha comedeira automática para asegurárlle-lo alimento. Se a viaxe se vai prolongar máis de 15 días, pídalle a unha persoa de confianza que se ocupe da limpeza da auga.
- Transpórteos nunha caixa de cartón. Se viaxan nunha gaiola, magoaranse de seguro nas plumas. Se se trata dun papagaio, a caixa ten que ser de madeira, xa que os seus costumes son máis destructivos.
- Asegúrese de proporcionarlles unha ventilación axeitada: chega con facer uns buratiños na caixa, pero procure que non sexan demasiado grandes, pois poderían utilizalos como punto de partida para abrir camiño e liscar.
- Introduza na caixa unhas sementes e un anaco de mazá cortada en dados. A súa necesidade de líquidos estará cuberta con esta froita.
- Nunca transporte o paxaro no maleteiro do coche. Os gases do tubo de escape poderían penetrar e concentrárense alí, con consecuencias fatais.