Baixo o título de ‘Axenda 21’, aprobouse un programa de acción para crea-las condicións dun desenvolvemento duradeiro e respectuoso co ambiente.
Lavar sen dana-lo ambiente
O propósito desta campaña consiste en acadar que, no ano 2001, se reduza nun 5% a cantidade de enerxía gastada en cada lavado en Europa con respecto ás cifras do ano 1996. Tamén se persigue diminuír nun 10% o peso de deterxente e de material empregado nos envases, e noutro 10% a cantidade de compoñentes orgánicos difíciles de eliminar do ambiente. Estes obxectivos foron asumidos voluntariamente pola Asociación Internacional de Xabóns, Deterxentes e Productos Afíns (AISE), que incluirán nos paquetes consellos para acadar ese aforro. A campaña afecta a 18 países europeos, entre os que se atopa España, e inclúe 150 fabricantes e empresas de toda Europa que acordaron dirixirse a 144 millóns de fogares europeos (384 millóns de consumidores) para solicita-la súa colaboración no proxecto.
Aforrar coa lavadora, o obxectivo
Os 11 millóns de fogares españois realizan actualmente ó redor de 2.960 millóns de lavados cada ano, cun custo total superior ós 205.000 millóns de pesetas (70 pesetas por lavado), segundo cálculos realizados por técnicos. Aplicar estas medidas de racionalidade podería reduci-lo gasto en lavado dos fogares ó redor dun 7%. O aforro total para os fogares españois podería situarse ó redor dos quince mil millóns de pesetas anuais (algo máis de 5 pesetas por lavado). Os cálculos indican que, se en España se seguise estrictamente a campaña, no ano 2001 seriamos quen de aforrar máis de 50.000 toneladas de deterxente, suficientes para encher 40 piscinas olímpicas. Polo que se refire á enerxía eléctrica, o aforro acadaría os 87 millóns de quilovatios hora, equivalente ó consumo de iluminación pública dunha cidade coma Madrid durante un ano.
Consellos para un lavado máis ecolóxico
- Reutilice os envases permanentes ou reenchibles e merque recipientes de recambio na medida do posible. O producto é idéntico pero emprega menos cartón ou plástico, unha vantaxe para o seu caldeiro de lixo e para o ambiente. Tamén pode recicla-los envases.
- Antes de lavar clasifique a roupa da bogada por cores, tipos de tecidos e nivel de sucidade, e asegúrese de que se fan coadas co mesmo tipo de roupa. Deste xeito, empréganse as mellores condicións de lavado (programa, temperatura e doses de deterxente). As prendas de cor, as sintéticas e as pouco lixadas, por exemplo, pódense lavar a menor temperatura cás prendas brancas, as de algodón e as moi porcas.
- Non empregue a lavadora con pouca roupa. A todos nos acontece en ocasións: queremos levar esa blusa ou eses pantalóns, pero están lixados e lavámolos sós. O problema é que algunhas lavadoras consomen a mesma cantidade de electricidade e auga, sexa cal sexa a súa carga.
- Dosifique en función da sucidade e da dureza da auga. A cantidade de deterxente que vostede debe empregar depende da dureza da auga na súa localidade e do grao de sucidade da roupa. Seguindo as instruccións do envase, obterá os mellores resultados e protexerá o ambiente. Convén lelas periodicamente, mesmo se emprega sempre a mesma marca, xa que os comerciantes varían as características do producto.
- Evite empregar deterxentes que inclúan fosfato entre os seus ingredientes. O fosfato é o compoñente máis controvertido dos xabóns para lavadora. A súa función consiste en abranda-la auga para mellorar deste xeito o poder limpador. Pero actúa coma un poderoso contaminante: unha vez nos ríos, provoca o crecemento das algas, o que impide que o osíxeno lles chegue ós peixes e ó resto da vida acuática (eutrofización). Hoxe en día existen moitos xabóns (por exemplo, a maioría dos deterxentes líquidos) que non o empregan.
- Lave coa temperatura recomendada máis baixa. Hoxe en día a maioría dos deterxentes lava correctamente a baixas temperaturas. Ademais, con temperaturas elevadas gástase máis enerxía da precisa. Pode aforrar ata un 40% e diminuí-la factura da electricidade e a súa roupa quedará tan limpa coma sempre con auga fría. O 90 % da enerxía eléctrica que precisa a lavadora consómese no quecemento da auga (un programa a 90 graos gasta catro veces máis electricidade que a 40 graos) e só o 10% restante en move-lo motor que acciona o tambor.
- Empregue a lavadora a plena capacidade, xa que este electrodoméstico emprega practicamente a mesma cantidade de auga e electricidade se traballa cheo ou semibaleiro. Existen programas económicos ou de media carga que evitan dispendios cando a lavadora non está chea, pero aínda que gastan menos ca un programa completo, dous lavados de media carga consomen sempre máis electricidade e auga ca un co tambor cheo.
- O sol é a mellor enxugadora da roupa. Convén aproveita-la acción directa do sol e do aire para seca-la roupa. As prendas consérvanse mellor e afórrase enerxía, sobre todo considerando que as secadoras consomen máis electricidade cás lavadoras traballando co mesmo volume de roupa. Se non se pode ou non se quere prescindir da secadora, son preferibles as de circulación con saída exterior do aire ás de condensación, xa que para un rendemento igual as primeiras gastan ata un 15% menos de enerxía eléctrica.
- As cargas parciais das secadoras empregan máis electricidade por quilo de roupa cás lavadoras. Ó adquirir unha secadora nova é imprescindible que dispoña da mesma capacidade de roupa cá lavadora. Se é menor, haberá que repeti-la operación de secado, e se a secadora conta con máis cabida, funcionará sen aproveita-la carga completa.
- Para elimina-las manchas difíciles sen deixar pegadas, pódese recorrer a algúns remedios caseiros. As manchas de tinta e bolígrafo desaparecen se se tratan localmente con zume de limón, sal ou iogur e posteriormente se lava a prenda con auga morna. Se son recentes, chegará con remolla-la zona lixada en leite morno e despois lavar toda a prenda.
- A vella peza de xabón ou o xabón de escamas comezaron a ser valorados de novo debido ás súas posibilidades de uso, inocuidade e eficacia. As pezas de xabón verde, por exemplo, son ideais para a limpeza de fornos, potas e demais utensilios de cociña. Para superficies lacadas nada mellor có xabón duro: amais de quedaren impecables, recuperan o seu brillo orixinal.
A eutrofización é unha contaminación mediante fosfatos, pesticidas, etc. que se produce nos ríos e pantanos. Estes axentes químicos provocan o crecemento das algas, e estas impiden que o osíxeno lles chegue ós peixes e ó resto da vida acuática. Esta contaminación está ligada ós fosfatos dos deterxentes e, sobre todo, á crecente aplicación de fertilizantes e praguicidas na agricultura española. Nestes últimos anos, produciuse unha degradación xeral e acelerada da calidade da auga nos encoros. Os estudios realizados en diversos encoros repartidos por todo o país amosan que, en máis da metade, o grao de eutrofización aumentou. A calidade da auga depende dunha serie de normas de obrigado cumprimento. Existe un gran número de Directivas comunitarias, traspostas á ordenación xurídica española, que impoñen uns requisitos esixentes e concisos en relación coa calidade que as augas deben posuír en función do seu uso. Actualmente, a calidade xeral das augas superficiais españolas non é totalmente satisfactoria, segundo o Libro Branco da Auga, á vista da lexislación vixente e das aspiracións existentes no seo da sociedade. Aínda que o estado da cabeceira da maioría dos ríos da metade norte peninsular presenta un grao óptimo de conservación, a medida que van discorrendo por núcleos urbanos e industriais o grao de contaminación das augas aumenta, e chega, nalgúns casos, a un estado moi degradado nos seus tramos medios e finais. Na metade sur, aínda que os problemas son semellantes ós da metade norte, a calidade da auga nas cabeceiras empeora como consecuencia dos menores caudais presentes, o que orixina unha menor dilución dos vertidos contaminantes. Todo isto vese incrementado este ano pola cíclica seca.