As aplicacións máis do Nadal

Dende crebacabezas a panxoliñas ou SMS con frases dedicadas, son numerosos os programas deseñados especificamente para enriquecer os dispositivos móbiles durante estas festas
1 Decembro de 2013
Img internet listado 849

As aplicacións máis do Nadal

O Nadal está á volta da esquina, non cabe ningunha dúbida. Abonda con observar os estantes dos comercios engalanados cos seus mellores lazos e con doces e con gozar da iluminación do Nadal. Pero, dende hai varios anos, hai outro sentido que nos advirte da chegada destas festas e é que a través das diferentes aplicacións podemos escoitar o son do móbil en forma de cánticos do Nadal, de campás e mesmo de contos e xogos de crebacabezas para os nenos. A continuación, descríbense algunhas destas aplicacións.

Para móbiles e tablets con iOS 7

  • SMS Nadal 2013. Trátase dunha aplicación para lles felicitar o Nadal e o Aninovo aos nosos amigos, aos coñecidos e aos familiares mediante mensaxes curtas de texto SMS. Contén frases enxeñosas, divertidas ou entrañables para que o noso SMS cale no seu destinatario. A aplicación básica é gratuíta, pero ofrece un número limitado de mensaxes. Se se desexa comprar máis, hai que pagar 0,89 euros polo paquete de mensaxes de humor ou polo de mensaxes tenras, e outros 0,89 euros por eliminar a publicidade.
  • Panxoliñas de Nadal. Non son poucas as aplicacións que ofrecen tons do Nadal e mesmo karaokes para cantar as panxoliñas máis sonadas, tanto en castelán coma en inglés. Neste caso, trátase dun programa para distraer e estimular os nenos que ofrece os tons das principais panxoliñas, con ilustracións coloristas de época e coas letras das cancións para que os máis pequenos poidan aprendelas. O seu prezo é de 0,99 euros.
  • Conto de Nadal. É outra aplicación para menores que converte o móbil nun libro electrónico e interactivo para lles mostrar aos máis pequenos un conto do Nadal con ilustracións e funcións interactivas, como facer a conta atrás sobre a chegada do Nadal ou decorar a árbore con distintos elementos mediante a pantalla táctil. É gratis, pero ofrece unha versión máis completa por 1,79 euros.
  • Música de Nadal. Contén 80 cancións tanto tradicionais coma de éxito comercial relacionadas co Nadal. O programa ofréceas en audio integrado, pero tamén permite reproducir en Youtube as súas interpretacións ou mesmo facer con elas unha lista de reprodución para diversos servizos. O seu prezo é de 3,59 euros, aínda que ten unha versión limitada gratuíta.
  • Crebacabezas de Santa Claus. Trátase dunha das diversas aplicacións dedicadas a facer crebacabezas para sistema operativos móbiles. Neste caso, as temáticas dos crebacabezas están pensadas para os nenos e teñen a Santa Clauss como protagonista. Ofrece 18 crebacabezas, que van dende os máis sinxelos de nove pezas ata os máis complexos de vinte. O seu prezo é de 1,79 euros.
  • Árbore de Nadal musical. É unha aplicación que nos ofrece capturas de pantalla con diferentes deseños de árbores do Nadal e sintonías de panxoliñas, para que cada vez que activemos o iPhone vexamos a estampa e escoitemos a melodía. É unha aplicación gratuíta.

Para móbiles e tablets con Android:

  • Fondo de pantalla do Nadal. É unha das mellor valoradas da tenda de Google, sobre todo na súa versión gratuíta, xa que é moi completa. Presenta un calendario para notificar os días que quedan ata a chegada do 25 de decembro e aparece unha árbore iluminada. Na versión de pagamento, o seu prezo é de 1,49 euros.
  • Postais de Nadal. É unha sinxela aplicación que, non obstante, pode resultar moi divertida. A aplicación permítenos tomar unha foto dunha persoa para logo encadrala na fotomontaxe dunha postal chistosa con motivos do Nadal e compartila a través de SMS, whatsapp ou outros medios. A súa principal virtude é a súa sinxeleza de uso e a seguridade de que lles gustará tanto aos maiores como aos pequenos. É gratuíta.
  • Cancións de Nadal. Contén quince cancións do Nadal -non necesariamente panxoliñas- en formato de son Midi que poden descargarse ao móbil sen maior custo, pois o seu peso é moi baixo. Ademais, enlaza -hai que ter wifi para non gastar a tarifa de datos- con outras cancións dispoñibles en Youtube. É gratuíta.
  • Calendario do Nadal 2013. Consiste nun fondo de pantalla coa ilustración dunha árbore de Nadal que se pode instalar de fondo de pantalla bloqueada no teléfono ou no tablet. Ademais, mostra un cronómetro inverso que conta os días, as horas, os minutos e os segundos que quedan para a chegada do Nadal. É gratuíta.
  • Crebacabezas do Nadal. Os crebacabezas interactivos teñen cada vez maior aceptación nas pantallas táctiles. Neste caso, trátase dun compendio de temas do Nadal dos que hai que axustar as pezas sobre a pantalla, cun nivel crecente de dificultade. É unha das aplicacións do Nadal mellor valoradas en Google Play.
  • Panxoliñas de Nadal. É unha das poucas aplicacións do Nadal especificamente españolas da tenda de Android. A súa función consiste en conectar con Youtube e en mostrar a panxoliña que desexemos oír. É gratuíta, pero convén usala só con redes wifi.