Os caprichos na mesa das festas de Nadal e como se ha actuar cos nenos

A clave para a súa boa educación alimentaria é que os pais prediquen co exemplo e que sexan conscientes das posibles consecuencias de ceder ante alimentos superfluos
1 Decembro de 2013
Img alimentacion listado 931

Os caprichos na mesa das festas de Nadal e como se ha actuar cos nenos

Subir o volume duns altofalantes que xa están moi altos non é unha boa idea. E empeorar no Nadal unha alimentación que de forma habitual xa é desequilibrada -como é o caso da alimentación infantil dos nenos españois- tampouco. España sofre unha epidemia de obesidade infantil, xa que case tres de cada dez nenos sofren exceso de peso. E a alta inxestión calorífica habitual, sumada ao típico despregamento do Nadal de produtos cuxo consumo debería ser excepcional, contribúe sen dúbida a aumentar o risco de obesidade infantil. Aperitivos fritos, barquillos, biscoitos, bombóns, xeados, flans, polvoróns e turróns (por non falar das típicas bolsas cheas de lambetadas) teñen en común o seu alto contido en enerxía (que provén dos azucres e das graxas, ou dos dous á vez) e, en moitas ocasións, a súa alta achega de sal.

Os pais como exemplo

Os comités de nutrición danlle cada vez máis importancia ao papel dos pais ou dos coidadores non tanto como educadores, senón sobre todo como modelos de conduta. Os nenos imitan os adultos, e non só nos xestos ou nas expresións, tamén noutros patróns de conduta, coma as bocaladas ou os berros. O patrón de alimentación dos adultos a cargo dun menor resulta dunha importancia capital como determinante do que seguirá o neno, o mesmo que acontece co tabaquismo: os fillos de pais fumadores mostran unha actitude moito menos negativa ca o resto dos nenos ante este hábito e ademais son máis proclives a fumar de maiores. Predicar co exemplo (e non con reprimendas, castigos ou sermóns) dá moi bos resultados tanto a curto coma a longo prazo en case todos os ámbitos da saúde infantil. Ademais, nos fogares dos pais que non consomen de forma habitual alimentos superfluos adoita haber menos cantidade de tales alimentos, polo que o seu consumo será menor. Á maioría dos adultos gústalles calquera capricho do nadal, sexa doce ou salgado, pero é preciso saber que, en proporción, os alimentos superfluos son peores nos nenos ca nos adultos.

Corpos pequenos, riscos grandes

Un típico xeado de chocolate achegará o 13 % da enerxía que ten que tomar un adulto en todo o día, mentres que no caso dun neno de tres anos a cifra será xusto o dobre: o 26 % (a cuarta parte das calorías que se aconsella que tome en todo un día mediante un único alimento). No caso das graxas é peor, xa que ao adulto achegaralle o 23 % da graxa que se aconsella que tome, mentres que ao neno lle achegará un 45 % (case a metade das graxas que debería tomar en todo o día). O mesmo sucederá con calquera alimento con moitas calorías. Non se debe esquecer que tales alimentos son moi apetitosos e agradables ao padal, polo que a un neno lle custará resistirse a consumilos se os ten diante. Xa que logo, o ideal é telos na casa só de forma esporádica.

O poder da ración

O Nadal é un bo momento para gozar de alimentos reservados para un consumo ocasional, coma os antes citados (turróns, polvoróns etc.), pero mesmo así paga a pena ter en conta que a cantidade que chega á mesa debe ser limitada. Unha gran bandexa chea de madalenas ou de galletas salgadas fará que o neno (ou o adulto) coma máis cantidade que se a ración que se serve é menor. Numerosos estudos demostran que canto maior é a cantidade de alimento que contén un prato maior é a súa inxestión. Á hora de comprar estes alimentos, débese ter presente que máis vale quedar de menos ca de máis: se alguén queda con fame na sobremesa, sempre se está a tempo de elaborar nun santiamén unha deliciosa macedonia de froitas frescas.

Refrescos: mellor evitalos

Algúns alimentos que decoran as mesas no Nadal poden contribuír a desequilibrar a alimentación. Deles, os que presentan un maior número de probas científicas sobre os seus efectos negativos son as bebidas azucradas, coñecidas como “refrescos”. A palabra “refresco” non lles adoita gustar aos expertos en nutrición ou saúde pública, xa que ten unha connotación positiva, moi lonxe da realidade. Un estudo recente demostrou que unha típica lata de bebida azucrada incrementa o risco de padecer diabetes ata nun 22 %. Unha das investigadoras, ao ser entrevistada con respecto aos resultados do seu estudo, declarou que, de acordo co aumento rexistrado no consumo de bebidas azucradas en Europa, se lle debían enviar á poboación mensaxes claras sobre o efecto contra a saúde destes refrescos. O papel das bebidas azucradas na ganancia de peso e nas patoloxías asociadas á obesidade (diabetes, hipercolesterolemia, hipertensión etc.) é, hoxe por hoxe, indiscutible, e por iso as asociacións sanitarias de referencia recomendan evitalas. Se ademais conteñen cafeína, como é o caso das bebidas azucradas “de cola”, o motivo para evitalas é aínda maior, xa que os síntomas da cafeína nos nenos ou nos adolescentes non son desexables: axitación, excitabilidade, ansiedade, cambios no patrón de comportamento, alteracións do sono, taquicardia ou mesmo dor de peito.