Nadal en pé de guerra: como evitar os conflitos familiares?

Estímase que máis do 80 % da poboación percibe síntomas de estrés, ansiedade, melancolía ou depresión no Nadal
1 Decembro de 2013
Img salud listado 952

Nadal en pé de guerra: como evitar os conflitos familiares?

“Noite de paz, noite de amor…”. A letra desta popular panxoliña reflicte que o sentido do Nadal se esfuma en moitos fogares, onde sucede precisamente o contrario: os conflitos familiares latentes durante todo o ano xorden de forma incontrolable, coma o tapón dunha botella que sae disparada cara ao teito, e poden converterse no detonante dunha ruptura familiar. Do mesmo xeito que máis dun 80 % das separacións e dos divorcios se producen despois do verán, son moitas as parellas que rompen ou os familiares que deixan de falarse despois das festas de Nadal. Pero, quen son os principais protagonistas destes desencontros e por que?

Familiares a piques de estalar

Un conflito xorde ante a falta de acordo, sobre todo cando hai algo que negociar. Este desacordo pódese vivir en calquera núcleo familiar, en familias que en aparencia non teñen ningún problema e que parecen parece levarse ben e en familias desestruturadas, onde existen máis conflitos de intereses e onde se ten que negociar acerca das visitas dos fillos aos pais etc. Por outro lado, as avoas ou as nais de familia que adoitan organizar os banquetes de Nadal encaixan peor que os seus descendentes pasen algún dos días sinalados na casa da familia política. Pero os conflitos non dependen tanto do parentesco ou da posición que se ocupe na familia coma de que os seus membros teñan unha personalidade caracterizada pola inflexibilidade e a rixidez á hora de cumprir as tradicións e as normas establecidas.

Os motivos do conflito

Os conflitos familiares que se disparan no Nadal adoitan estar latentes e adormecidos todo o ano e é nas festas cando se destapan, son máis profundos cando falla a comunicación e teñen que ver coa toma de decisións que implican. Entre as situacións que actúan como detonante, hai que sinalar as seguintes:

  • A falta de comunicación na familia, ben por omisión, ou ben porque a comunicación é inadecuada. As familias que se rexen por un patrón de conduta “cala e coce” e que gardan os pequenos conflitos son máis vulnerables a sufrir un estalido emocional incontrolable. Para evitalo, recoméndase probar a comunicación asertiva -é dicir, unha comunicación eficaz na que non se agride o outro-, e non unha comunicación agresiva na que se exerza o papel de verdugo, nin tampouco unha comunicación submisa na que asumamos o rol de vítimas e na que nos sintamos culpables.
  • Unha mala planificación do tempo e da economía do Nadal; é dicir, tomar decisións sobre o calendario das festas, sobre as compras, sobre os pratos que se van preparar… e compaxinalo co traballo é unha fonte indiscutible de estrés. Estímase que máis do 80 % da poboación percibe síntomas de estrés, ansiedade, melancolía ou depresión no Nadal. Para evitar estas tensións engadidas, aconséllase planificar as festas coa suficiente antelación.
  • Ter expectativas demasiado altas ou irreais sobre como deben ser as festas, como poder ofrecer unha cea de luxo cando non se ten diñeiro, ou esperar que toque a lotería de Nadal, pode abocar á frustración e a actitudes reactivas negativas cando non se cumpren estas expectativas. Para evitalo, tanto no Nadal coma na vida, o recomendable é marcarse metas e obxectivos difíciles, para que motiven, pero reais e alcanzables, para que non xeren frustración.

Afrontar os conflitos: antes, durante e despois

O Nadal debería servir para reforzar os lazos familiares e non para intentar resolver os conflitos familiares durante estes días, senón antes. Para iso, pódese acudir a un mediador, unha figura profesional en auxe que pode provir de diferentes campos (psicoloxía, coaching ou servizos sociais), e que esta dialogue co familiar máis obxectivo, comprensivo e ecuánime da familia para atopar unha solución á discordia familiar que exista antes das festas.

Cando non é posible, e cando algún familiar perde os papeis no Nadal, os expertos recomendan non esconderlles esta realidade aos nenos, sempre e cando a discusión se produza dentro duns límites razoables, posto que tamén son membros da familia, e só se deben afastar do escenario se se produce unha agresión física ou verbal. Así mesmo, cando se eleva demasiado o ton de voz, aconséllaselles aos pais que lles digan aos seus fillos que non é o correcto e que a mamá ou o papá se equivocaron. E isto ha de facerse así porque os nenos aprenden a comportarse mediante a observación e, polo tanto, acaban por adoptar os modelos de comportamento dos seus adultos.

Despois dun conflito en Nadal, como se ha afrontar a seguinte? Segundo os expertos, a fuxida non é o camiño para a resolución dos conflitos, senón o afrontamento, posto que aquilo do que se foxe, por vergoña ou por medo, persegue durante toda a vida e o que se consegue é que problema se vaia agravando. Para evitalo, recoméndase aproveitar o resto do ano para falalo, cando as emocións xa se arrefríen. Aínda así, se o enfrontamento é moi drástico, algúns expertos desaconsellan reunirse o seguinte Nadal, ata que se solucione.

Consellos para gozar do Nadal en familia
  1. Negociar ata alcanzar un acordo sobre onde, como e con quen pasar as festas.
  2. Unha vez alcanzado o acordo, non lle dar voltas á decisión tomada e gozar das festas.
  3. Resolver os conflitos familiares antes do Nadal, se é preciso con axuda profesional.
  4. Planificar con tempo onde se vai celebrar cada día festivo e con que familiares.
  5. Facer unha orzamento axustado, sen pretender gastar máis do que se ten, senón pensando en que o importante é reunirse.
  6. Gardar as formas, aínda que se deba compartir mesa cun familiar que non agrade.
  7. Evitar abusar da bebida, posto que esta desinhibe e pode levar a perder o control do comportamento.

Fontes: Amaya Terrón, directora do Centro de Psicoloxía Amaya Terrón, de Madrid; Elena Borges, psicóloga do Centro de Psicoloxía Elena Borges, de Fuenlabrada (Madrid) e Colexio Oficial de Psicólogos de Madrid