Almacenar datos en Internet

A información está "nas nubes"

A crecente tendencia a gardar a información dixital en páxinas web reporta numerosas vantaxes pero esixe tomar precaucións para garantir a privacidade
1 Abril de 2009
Img internet listado 499

A información está "nas nubes"

/imgs/20090401/internet2.jpg
Antes de que a revolución eléctrica iluminase os fogares con tan só premer no interruptor, sen que importase onde se xeraba esa electricidade nin como chegaba ata os distintos lares, os domicilios dispuñan de cadanseu xerador eléctrico. Actualmente, a informática vive unha evolución semellante. Cada vez é máis habitual que os usuarios teñan documentos, vídeos, fotos ou mesmo os seus programas informáticos, como procesadores de texto ou editores de imaxes, non no seu ordenador doméstico, senón en servidores externos aos que poden acceder con facilidade só con teclearen un enderezo electrónico en calquera navegador. O sistema ‘nube de computación’ (‘cloud computing’) está a facer que a liña entre o noso ordenador e Internet sexa cada vez máis difusa.

Ata fai poucos anos toda a información utilizada polo usuario se almacenaba no disco duro do ordenador e, como excepción, utilizábase Internet para enviar arquivos dun ordenador a outro. Pero nestes momentos, cancións, películas ou arquivos poden subir aos servidores de servizos como Youtube ou Flickr, de maneira que o disco duro se baleira con rapidez. Deste xeito, o ordenador deixa de ser o centro da actividade dixital do internauta para converterse no vehículo de acceso aos distintos sitios web onde se garda e compártese a información con outros usuarios.

Principais vantaxes

/imgs/20090401/internet1.jpg
Subir fotos e vídeos a servizos como Flickr (que serve para crear e compartir álbums de fotos en liña) e Youtube (que ten idéntica finalidade pero con vídeos) ou a unha rede social como Facebook ten moitas vantaxes. Por unha banda, descarga o disco duro do ordenador, de xeito que permite destinar este espazo a outros arquivos que poidan ser máis importantes como os relacionados co traballo. O disco duro ten un espazo limitado, mentres que os servizos web ofrecen no seu conxunto unha capacidade de almacenamento case infinita. Esta práctica garante á súa vez que sempre que o ordenador sufra algún dano ou destrución parcial a información non se vexa afectada porque se garda noutro lugar. Exercen, en moitos casos, de copia de seguridade. Por outra banda, os servizos de correo web como Gmail, Hotmail ou Yahoo! Mail, que destacan porque gardan todos os correos enviados e recibidos cos arquivos achegados neles, ou Zyb, que tamén almacena todos os contactos de teléfono e direccións de correo electrónico, aseguran que boa parte da información sensible do usuario non se perda. O mesmo acontece con Flickr e Photobucket para as fotografías, ou con suites ofimáticas como Google Docs ou Zoho, onde se pode gardar e traballar sobre toda clase de documentos escritos con só premer un botón.

Outra vantaxe que comporta gardar a información nas plataformas da Rede é que é máis accesible, con independencia do lugar no que se atope o usuario e sen necesidade de cargar co ordenador doméstico. Abonda con utilizar o equipo informático dun amigo, o dun cibercafé ou mesmo o dun móbil e chegar á información gardada en liña. Os datos almacenados no ordenador só se poden consultar dende o propio ordenador, pero á ‘nube’ pódese chegar dende calquera aparello con conexión a Internet.

Para rematar, este sistema tamén proporciona a posibilidade de compartir os arquivos con outros usuarios. Abonda con enviar unha clave de acceso ao servizo aos nosos contactos para que eles entren e gocen dos vídeos, se deleiten coas fotografías ou escoiten cancións. Os internautas poden buscar o que lles interesa e evítase así sobrecargar o ancho de banda con pesados arquivos que tornan lenta a navegación. No canto de lles enviar por email as fotos das vacacións a todos os amigos e familiares, o usuario pode limitarse a indicarlles onde atopalas. Iso si, protexidas cunha clave para que só eles poidan velas.

Coidar a privacidade

Aínda que as súas vantaxes son indiscutibles, estes servizos que facilitan o acceso á información non están exentos de riscos e convén tomar precaucións, sobre todo no ámbito da privacidade. Non hai que esquecer que cando se utilizan as chamadas plataformas da Internet Social para gardar e compartir información se lle está a confiar esta mesma información a terceiras empresas. Son elas as que deben garantir mediante contrato que non farán uso ilícito dos datos e da información privada que se lles confiu, nin que a venderán para fins publicitarios (spam) ou doutra índole. Antes de publicar algún dato nestes servizos, convén ler con detemento as condicións de uso.

Baixo a premisa de que toda precaución é pouca, a mellor medida de seguridade que se pode aplicar é o sentido común. Hai que ser conscientes de que a información gardada nun determinado servizo pode pór en perigo a nosa privacidade, así como violar os dereitos doutras persoas. Por norma, recoméndase non subir sen pedir permiso dos afectados ou protagonistas arquivos que non sexan propiedade do usuario, que afecten á imaxe doutras persoas ou que estean suxeitos a licenzas de uso restritivas.

Servizos especiais

Existen determinadas plataformas deseñadas coa función específica de facer copias de seguridade do disco duro do usuario. Amais de ofreceren os seus servidores para subir arquivos permiten sincronizalos de xeito automático coa información que se atopa no ordenador, de xeito que calquera cambio queda reflectido na copia de seguridade. Son servizos moi seguros e a probabilidade de que os datos sexan roubados é mínima. A maioría dispoñen dunha versión gratuíta básica, con límite mensual de suba e almacenamento, e outra versión de pagamento que ofrece almacenamento ilimitado e a posibilidade de subir un maior número de arquivos ao mes. Os máis destacados son Drop Box, Wuala, Mozy e Windows Live Mesh, integrado dentro do servizo Windows Live de Microsoft.