Audiófonos, o prezo de perder oído
Micrófono, amplificador, auricular, mando a distancia e conexión a teléfonos móbiles mediante Bluetooth. Aínda que estean relacionados co son non son os compoñentes dun aparello musical, nin dun televisor, senón dos audiófonos, pequenos ordenadores que se colocan no pavillón auditivo e que precisan de axustes constantes e dun determinando mantemento durante os primeiros catro anos de vida do aparello, período tras o cal convén substituílos. Este recambio periódico e mais o material necesario para o seu mantemento implican un elevado desembolso económico para moitas familias. E é que, segundo as últimas enquisas do Instituto Nacional de Estatística, preto dun millón de persoas padecen xordeira e o 10% da poboación española sofre algún tipo de problema auditivo. De cada 1.000 nenos, 2,5 nacen xordos e a presbiacusia, a xordeira que antes aparecía a partir dos 75 anos, afecta cada vez máis a persoas de entre 45 e 50 anos. Para axudar a todas estas persoas que sofren unha perda auditiva ou hipoacusia cada ano adáptanse en España unhas 150.000 unidades de audiófonos.
A audición mídese con probas cualitativas e cuantitativas. De todas, a exploración estrela é a audiometría, que permite saber que cantidade de sons faltan ou deixou de oír unha persoa e cal é a calidade dos sons que escoita: se son graves, medios ou agudos. Ademais, achega un dato determinante: a cantidade de son que un individuo pode aturar. Esta cantidade varía dunhas persoas a outras: ao nacermos todos temos a capacidade de aturar sons de ata 130 decibelios (dB) de potencia pero así que imos avellentando redúcese esa capacidade. O ruído dun avión a reacción superaría ese nivel soleira; o das ambulancias está por riba dos 120 dB (o límite a partir do cal se senten molestias ou dor auditiva); o son dun secador de pelo ou alguén que fala a berros sitúase entre 90 e 100 dB, mentres que o dunha conversa normal a un metro de distancia é duns 60 dB e o murmurio dunha voz, duns 30 dB.
No momento en que unha persoa experimenta unha perda auditiva de 30 dB, o seu interlocutor debe alzar a voz para que o escoite. E é a partir desta deficiencia cando, en xeral, se recomenda a utilización do audiófono. Non obstante, esta necesidade non depende dun determinado valor de capacidade auditiva. É máis importante o concepto de xordeira social referido a certas persoas que, pola súa ocupación profesional ou estilo de vida, poden precisar audiófonos para evitar o illamento social, aínda que non perderan tanta audición.
Como funcionan?
Os audiófonos son aparellos electroacústicos que captan os sons do contorno, que os amplifican e que potencian os da fala por riba dos ambientais. Todos os audiófonos constan de tres compoñentes principais: o micrófono, o amplificador e o auricular. Outros, os máis sofisticados, contan ademais con mando a distancia e con conexión a teléfonos móbiles mediante Bluetooth.
O micrófono recolle os sons do aire e transfórmaos en sinais eléctricos. O amplificador aumenta a intensidade dos sinais do micrófono e, grazas a uns filtros, só amplifica os sons que son importantes para os usuarios. E o auricular, receptor ou altofalante, converte os sinais eléctricos en acústicos. Pero, ademais, nos modelos dixitais é posible programar un microordenador para manipular os sinais e adaptalos á perda auditiva de cada usuario, labor que se pode realizar mediante o mando a distancia.
As pilas, pola súa banda, son específicas para cada aparello. De aí que tanto o tamaño como a súa capacidade sexan diferentes. A duración media varía entre 5 e 14 días en función do tipo de pila, de audiófono e do tempo durante o que se use.
Variedade de modelos
A sorpresa ante a variedade de modelos que se comercializan é a primeira sensación que experimenta unha persoa que sofre unha perda de audición e se decide a mercar un audiófono. En xeral, clasifícanse pola súa forma e tecnoloxía.
Os audiófonos poden ser retroauriculares, aqueles que se colocan detrás do pavillón auricular ou da orella, ou aplicarse á medida, dentro da canle auditiva.
Dos retroauriculares clásicos aos AP3: ata hai pouco tempo, os retroauriculares eran aparellos que non convencían polo seu deseño, xa que se vían demasiado e precisaban dun molde para acomodalos no oído. Non obstante, nos últimos anos creáronse novos modelos, coñecidos como AP3 (acrónimo de Amplificador de Procesos Tridimensionais), ben diferentes na forma e na cor dos audiófonos retroauriculares clásicos, aínda que tamén se coloquen detrás da orella. Son discretos e aseméllanse aos MP3.
Dentro do oído: os audiófonos que se levan dentro do oído sempre se fabrican á medida e con tres variantes:
- Os que ocupan a cuncha completa da orella: son os máis potentes pero os menos estéticos. A diferenza do que acontece en España, son os máis aceptados e os que maiores vendas rexistran nos EE.UU.
- Os audiófonos intracanal: ocupan a canle auditiva e son os máis solicitados en España, aínda que os AP3 gañan terreo.
- Os que se colocan completamente dentro do oído ou CIC (Completely In Canal): estas próteses auditivas sitúanse a dous milímetros do tímpano, de xeito que só se ve a punta do dispositivo. Malia a súa grande aceptación, non todas as persoas os poden levar porque o seu uso se determina en función das necesidades de audición.
Dende 1996 a tecnoloxía dos audiófonos sufriu un cambio determinante. Con anterioridade a esta data, eran meros amplificadores do son, pero a partir deste ano sofisticáronse ata se tornaren pequenos ordenadores. Nestes momentos os audiófonos que se comercializan están provistos dun chip que capta o son e que o transforma exactamente de acordo ás necesidades de cada usuario, de xeito que lle subministrará os sons agudos a quen só escoite os graves e viceversa. Ademais, ao procesaren o son, os actuais audiófonos dixitais detectan o ruído ou son indesexado e suprímeno para que as persoas que o levan só escoiten as voces. A elaboración dos audiófonos avanza ao mesmo ritmo que o fai o coñecemento en informática, electrónica e psicoloxía.
En nenos e en adultos
Os nenos só poden utilizar audiófonos retroauriculares, os que se levan detrás das orellas, xa que de se optar polos que se colocan dentro do oído cumpriría renovalos seguido, de acordo coas distintas etapas de crecemento. O proceso de adquisición e de axuste dos audiófonos varía tamén entre nenos e adultos, xa que as persoas adultas poden responder as preguntas que lles formula o audioprotesista. No caso dos nenos, en cambio, este profesional debe deducir que sons oen e de que calidade.
Xordeira dun oído ou dos dous
Unha das probas que realizan os audioprotesistas é a logoaudiometría, de grande utilidade para avaliar non só canto oe un paciente, senón canto é capaz de comprender, o que se coñece como recrutamento (recruitment). As persoas con pouca capacidade para comprender teñen máis dificultades para adaptarse a estes aparellos. Por outra banda, ante a perda auditiva bilateral convén adquirir os dous audiófonos á vez, xa que utilizar un só audiófono non garante unha boa audición, do mesmo xeito que ninguén utiliza un só cristal nos lentes. A xordeira dun só oído é pouco común, o que acontece máis a miúdo é que a perda dun é máis acusada ca a do outro, pero a persoa afectada oe mal cos dous. E do mesmo xeito que o óptico gradúa os dous cristais dos lentes, o audioprotesista debe axustar a audición de ambos os dous oídos.
Por esta razón, dispoñer de dous audiófonos ante un caso de xordeira bilateral é fundamental para gozar do efecto de estereofonía, xa que permite manter o equilibrio, coñecer a orixe do son e localizar os sinais acústicos. Aínda así, hai persoas que aínda que precisan dous audiófonos, só utilizan un por razóns estéticas, por parecer menos xordas ou por aforrar os cartos. O balance desta decisión é negativo, xa que a ausencia do efecto estereofónico fai que nun ambiente ruidoso ou nunha reunión familiar os afectados se desorienten, non entendan as distintas conversas e renuncien a utilizar o audiófono. Pola contra, os que optan por utilizar os dous dende o primeiro, así que se afán, non renuncian a eles agás en contadas excepcións.
Prezos e axudas
Os prezos dos audiófonos salientados oscilan entre os 600 euros por unidade (os de baixa gama) e os 3.000 euros (alta gama), unha diferenza que se debe máis á súa tecnoloxía ca á súa forma. A constante evolución neste eido fai que os usuarios se vexan obrigados a renovalos cada catro ou cinco anos.
Pero o esforzo económico non remata coa compra do aparello. A este desembolso inicial -por partida dobre se se necesitan dous audiófonos- hai que engadir os gastos dos moldes dos audiófonos, que se mudan cada dous anos e que custan uns 54 euros cada un; os das pilas -que se recambian cada dúas semanas e valen seis euros por audiófono-; e os dos produtos de utilización cotiá para a súa hixiene e mantemento e mais os das pastillas limpadoras que se utilizan unha vez á semana para evitar a acumulación de cerume e humidade nos aparellos, o que imposibilitaría a entrada e saída do son e o seu correcto funcionamento.
As subvencións que nestes momentos se prevén en España para afrontar estes gastos son mínimas. A Seguridade Social proporciónalles axudas aos nenos con xordeira ata os 16 anos se se demostra que sofren unha minusvalidez superior a unha perda de 40 decibelios. Fóra deste criterio, as axudas para persoas de máis idade son anecdóticas.
Andalucía dispón dun programa que lles permite aos maiores de 65 anos obter audiófonos en certos centros auditivos habilitados. En Cataluña pódense solicitar axudas a través do Programa Unificado de Axudas (PUA) aos minusválidos. Para iso, un especialista en otorrinolaringoloxía realiza o diagnóstico da deficiencia, que debe ser superior ao 33%, e cubre un impreso de Prescrición de Artigos Ortoprotéticos (PAO) onde consta que o paciente precisa audiófonos. Tras a validación administrativa da PAO, o afectado pode acudir ao centro auditivo onde se vaian adquirir as próteses, no que se lle restará a cantidade subvencionada -uns 900 euros por audiófono sobre un prezo de 3.000 euros e unha pequena cantidade por cada molde-. Pero os gastos das pilas e do mantemento corren a cargo do usuario.
Ante a escaseza de axudas oficiais, os centros auditivos ofrecen distintos sistemas de financiamento cunha garantía que cobre os cinco anos de vida media aconsellada dos audiófonos. Esta garantía proporciona cobertura se os aparellos caen ou rompen, pero non se se perden.
Por outra banda, os centros de audioprótese inclúen no prezo dos audiófonos as audiometrías e as revisións que son necesarias cada seis meses e que inclúen unha limpeza dos aparellos e mais as adaptacións e graduacións que se precisan cada vez que hai flutuacións na audición.
- Acuda a un especialista titulado en audioprótese.
- O criterio na elección do audiófono non debe ser estético senón que cómpre escoller o que facilite unha maior comprensión.
- Convén adquirir dous audiófonos á vez cando os dous oídos estean afectados, en vez de se conformar cun e deixar a compra do segundo para máis adiante.
- Dous audiófonos non teñen por que custar o dobre ca un.
- Ante a dúbida, convén probalos temporalmente antes de quedar con eles de xeito definitivo.
- Consulte a opinión do otorrinolaringólogo.
- Pense que se “ve” máis a xordeira ca o audiófono.
Fonte: Carlos Torres, audioprotesista de AUDIRE. Clínica Audiolóxica.