Natureza e tempo libre

Lecer en verde

España, o país coa maior biodiversidade de Europa, ofrece numerosas posibilidades de gozar do tempo libre dun xeito saudable, económico e apto para todas as idades e condicións físicas.
1 Abril de 2009
Img informe listado 587

Lecer en verde

Bo, bonito, barato, saudable e sostible. As paraxes naturais representan unha opción perfecta para divertirse en familia, en parella, en grupo e en solitario do tempo libre. Fronte á crise económica, relaxación e diversión no país coa maior biodiversidade de Europa. Os paseos polos montes ou polos bosques próximos ao lugar de residencia e os percorridos por Parques Naturais e Nacionais as fins de semana a pé ou en bicicleta son as modalidades de lecer máis recorrentes, pracenteiras, sinxelas, ecolóxicas e económicas practicadas por grandes e pequenos. Para se iniciar nestas actividades nada mellor que tomar un dos múltiples camiños que conforman os case 40.000 quilómetros de camiños balizados e homologados que discorren polas canellas reais, vías de tren en desuso, campos, fragas e montes. Os mesmos que, a través dos vales, outeiros e bosques, percorren lugares de interese natural, paisaxístico, cultural e histórico.

Vías pecuarias: tras a ruta da transhumancia

As vías polas que noutrora atravesaba o gando transhumante convértense agora en pistas deseñadas para que o home moderno poida pedalear, pasear ou cabalgar. As canellas navarras, as cabaneiras aragonesas ou os cordeis e as vereas castelás, antigas rutas da transhumancia gandeira, chegaron a ter ata 125.000 quilómetros e a ocupar unha superficie de 425.000 hectáreas, o 1% do territorio español. Non obstante, na actualidade só se conservan 80.000 quilómetros que, amais de serviren para o tránsito de reses, se converteron no sustento doutras prácticas de lecer en plena natureza. Con este fin, diversas Federacións de Montaña promoven a sinalización e equipamento das canellas como rede básica de sendeiros de curto e de longo percorrido. Por outra banda, o Ministerio de Medio Ambiente, en colaboración coas comunidades autónomas, promove a recuperación duns 3.000 quilómetros de vías pecuarias, para o que destina cada ano uns 800.000 euros, e conta cun Programa para a execución de proxectos de clasificación, deslinde, trazado de estremas e sinalización da Rede Nacional. Ademais, os responsables do Ministerio están a considerar a posibilidade de incluíren algúns treitos en Natura 2000, a rede europea de espazos protexidos.

Principais Canellas Reais

  • Canella Real da Prata ou Vizana (500 quilómetros). Comeza entre Asturias e León, no alto de Viganos e morre en Trujillo.
  • Canella Real Leonesa Occidental (700 quilómetros). Arrinca en León e remata en Badaxoz.
  • Canella Real Leonesa Oriental (700 quilómetros). Comeza preto de Riaño e atravesa León e Palencia pasando polas provincias de Segovia, Ávila, Toledo, Cáceres e Badaxoz.
  • Canella Real Segoviana (500 quilómetros). Arrinca da serra de Neila en Burgos e remata o seu percorrido en Granja de Torrehermosa.
  • Canella Real Conquense (350 quilómetros). Discorre polas provincias de Cuenca, Cidade Real e Xaén.
  • Canella Real do Reino de Valencia (250 quilómetros). Comeza na serra de Tragacete, atravesa Cuenca e remata en Valencia.
  • Canella Real Galiana (400 quilómetros). Comeza na serra de Tragacete, atravesa Cuenca e remata en Valencia.
  • Canella Real Soriana Oriental (800 quilómetros). Comeza en Soria e morre en Sevilla.
  • Canella Real Soriana Occidental (700 quilómetros). Cruza diagonalmente o centro norte da península, saíndo de Soria e pasando por Valladolid, Segovia e Ávila.
Respectuosos coa natureza
  • Con independencia da actividade que se realice, cómpre amosar en todo momento un respecto absoluto cara á natureza e ao contorno.
  • As únicas pegadas que se deben deixar nos camiños son as das pisadas ou as das rodeiras da bicicleta. O lixo xerado debe acabar no colector.
  • Hai que respectar e coidar as fontes, os ríos e os outros cursos de auga todos. Non se debe botar neles xabón, deterxente, produtos contaminantes nin refugallos de ningún tipo.
  • Non é recomendable arrincar flores, pólas nin enfastiar a fauna. Moitos animais e plantas están protexidos pola lei.
  • Hai que transitar polos camiños, xa que os atallos deterioran o chan e crean barranqueiras que poden facer desaparecer o sendeiro orixinal.
  • Os cans que vaian acompañando os donos deben estar atados para que non amolen a outros camiñantes nin asusten o gando ou outros animais.

Vías Verdes, sendeiros, Parques Nacionais e Reservas da Biosfera

Vías Verdes

Outra alternativa ecolóxica e de lecer para ciclistas e paseantes son as chamadas Vías Verdes, infraestruturas ferroviarias en desuso reconvertidas en itinerarios cicloturistas e sendeiristas no marco do Programa Vías Verdes (www.viasverdes.com), coordinado pola Fundación dos Ferrocarrís Españois. Na actualidade hai 70 vías verdes, cun percorrido total de 1.700 quilómetros. Pero poden ser moitas máis: España conta con máis de 7.000 quilómetros de liñas ferroviarias sen servizo ou que nunca chegaron a telo ao quedaren inconclusas. A gran vantaxe das Vías Verdes é que garanten a accesibilidade e a universalidade de usuarios, sen limitacións de idade ou de capacidade física.

Estas vías promoven entre os cidadáns unha nova cultura do lecer e do deporte ao aire libre, da mobilidade non motorizada, e a súa gran vantaxe con respecto a outros camiños ou corredoiras é que garanten a accesibilidade e a universalidade de usuarios, sen limitacións de idade ou capacidade física. Non en van, as súas suaves pendentes e amplas curvas non requiren un esforzo físico importante para percorrelas. Ademais, ao estaren situadas en espazos arredados das estradas, ofrecen un alto nivel de seguridade (en caso de atravesar algunha, acondiciónanse pasos a diferente nivel) e propician a integración de todos os cidadáns, especialmente dos que teñen mobilidade reducida, como persoas con minusvalidez, anciáns e nenos. Para evitar posibles conflitos de uso, as Vías Verdes empregan distinto tipo de superficie para camiñantes e ciclistas.

Amais do acondicionamento do trazado ferroviario, inclúen a instalación de servizos e equipamentos complementarios: restauración, aloxamento, alugueiro de bicicletas e cabalos, ecomuseos, etc. Estas instalacións sitúanse, polo xeral, nas antigas estacións ferroviarias.

De ruta polos Parques Nacionais e Naturais e polas Reservas da Biosfera

Nun país tan rico no que atinxe á diversidade natural como é España, os amantes da natureza, das camiñadas e dos valores ambientais teñen a oportunidade e mais o privilexio de poderen gozar dunha enorme riqueza forxada nas fragas, nos montes, nos humedais, nas cotas alpinas e nas paisaxes costeiras que conforman os Parques Naturais e Nacionais, e mais das Reservas da Biosfera do país. Segundo datos obtidos nun estudo realizado por CONSUMER EROSKI para actualizar e completar a Guía de Parques Naturais, Parques Nacionais e Reservas da Biosfera, dispoñible gratuitamente na rede (www.parquesnaturales.consumer.es/), preto de 21 millóns de persoas visitan cada ano estes tesouros da natureza, gozando de máis de sete millóns de hectáreas de espazos naturais dun gran valor ecolóxico e natural, seleccionados pola beleza das súas paisaxes, pola representatividade dos seus ecosistemas ou pola singularidade da súa flora e fauna.

Os sendeiros, quilómetros por recorrer

Un sendeiro é un itinerario deseñado de xeito que, por vales, outeiros, camiños, pistas, carreiros… se poidan visitar lugares considerados de interese paisaxístico, cultural, turístico, histórico ou social. Os sendeiros poden estar balizados -marcados con dúas franxas pequenas de pintura para podelos seguir- ou non balizados – aqueles que non teñen marcas evidentes, aínda que si se poden atopar milladoiros de pedras (pequenos amoreamentos de pedras) que indican certa dirección- aínda que estas marcas non son sempre fiables. En España, o proxecto de Sendeiros está a cargo das Federacións de Montañismo das comunidades autónomas, responsables da sinalización e do mantemento dos itinerarios.

Tipos de sendeiros balizados

  • Sendeiros de Gran Percorrido (GP). Identifícanse cunha franxa branca sobre outra vermella. Sendeiros de varias etapas dunha lonxitude variable, sempre superior aos 50 km.
  • Sendeiros de Pequeno Percorrido (PP). Identifícanse cunha franxa branca sobre outra amarela. Sendeiros dunha lonxitude non superior ás dúas xornadas (entre 10 e 50 km) e que enlazan con algún GR.
  • Sendeiros Locais (SL). Identifícanse cunha franxa branca sobre outra verde. Dunha distancia non superior á media xornada (menos de 10 quilómetros).

Por outra banda, tamén se poden atopar “subtipos” como as Variantes (ramais dun GP), os Enlaces (unión entre dous GP) e mesmo Sendeiros Europeos, de gran lonxitude, que discorren por, polo menos, tres países distintos.

Obxectivo: gozar sen riscos

A pé, en bicicleta ou dacabalo, cómpre planificar o percorrido de acordo á súa lonxitude, duración e dificultade, calibrando se é o axeitado ás condicións físicas do grupo familiar. Toda ruta inclúe un traxecto de volta, polo que é aconsellable gardar forzas.

  • Se o obxectivo é gozar da natureza acompañado de nenos hai que buscar sendeiros circulares, de entre 2 e 5 km.
  • Antes de saír ao campo recoméndase coñecer a previsión meteorolóxica para prever percorridos alternativos se empeora o tempo.
  • Baixo ningún concepto hai que saír das rutas marcadas, nin camiñar baixo condicións climatolóxicas adversas.
  • En caso de sufrir afeccións respiratorias, cardiovasculares ou sensibilidade a determinadas substancias (ácaros, pole ou outros alérxenos), hai que portar en todo momento a medicación prescrita. Nestes casos convén dispor de licenza deportiva e de seguro médico ou de accidente.
  • Unha serie de estiramentos ao final da camiñada evitarán maniotas, agarrotamentos e cambras.

Outras actividades ao aire libre

Algo máis ca paseos

A oferta de ocio das paraxes naturais españolas non se limita a dar paseos a pé ou na bicicleta. A inmensa riqueza natural de España xera un continuo movemento arredor da xestión e do aproveitamento dos seus recursos naturais. Neste ámbito atópanse os chamados Centros de Educación Ambiental (CEA), que, organizados a xeito de Granxas-Escola, Aulas da Natureza, Centros de Interpretación, Museos “para a educación ambiental” ou Centros de Referencia, se foron convertendo nunha potente ferramenta para a educación e para a participación ambiental. No territorio español hai máis de 700 centros deste tipo, que representan unha boa oportunidade de aprender máis sobre a natureza e sobre como se poden combater os seus problemas mediante boas prácticas na vida cotiá. Rutas pola natureza, escolas de verán, obradoiros para reciclar ben os refugallos, empréstito de bicis, cursos para cultivar as plantas, verduras ou para coidar animais, campos de traballo para recuperar e conservar espazos naturais, exposicións, conferencias, etc. son algúns dos servizos que ofrecen os CEA. Os proxectos educativos están dirixidos fundamentalmente a escolares, nenos e mozos, como complemento á formación escolar, aínda que nalgúns casos o público obxecto destas actividades sexa adulto.

Outra opción para gozar do sol, da praia ou do monte, pero de xeito ecolóxico e solidario, enmárcase na participación nalgún dos programas de voluntariado ambiental que propoñen ONG ecoloxistas, institucións e entidades bancarias a través da súa grande oferta de programas deste tipo nos que se traballa na protección ou na recuperación de especies ou de espazos naturais, na denuncia de situacións de degradación ambiental ou no desenvolvemento dunha conciencia ambiental entre a cidadanía, etc.

A pé, en bicicleta ou dacabalo

Sendeirismo, montañismo, tréking… Velaquí as denominacións máis empregadas para definir a paixón de se trasladar a pé dun punto a outro por puro pracer nun contorno natural polo que só se pode transitar andando ou a lombos dun animal. A camiño entre deporte, paseo e viaxe, o sendeirismo gaña cada día máis adeptos, xa que non require unha esixente preparación física e atrae a novos e vellos, aínda que o estado de forma de cada un determinará a dificultade do itinerario. É a modalidade máis atraente porque permite gozar do contorno elixido en familia e experimentar o contacto directo coa natureza dunha maneira sinxela e económica, sen necesidade de realizar longos desprazamentos.

Outro dos plans máis recorrentes para gozar en pontes e fins de semana é pedalear por carreiros, corredoiras e rutas naturais. A razón é que é unha das opcións máis económicas, saudables e respectuosas co medio, xa que permite vivir a natureza sobre un medio tan san e ecolóxico como é a bicicleta.

O equipamento para a práctica do ciclismo de montaña é sinxelo e económico. No mercado pódense atopar bicicletas BTT (bicicletas todo terreo) dende 130 euros. Ademais, para dar as primeiras pedaladas, só se precisan uns tenis, unha camiseta e un pantalón cómodo e deportivo.

O paseo dacabalo é tamén unha maneira relaxante de acceder a lugares recónditos e de gozar de percorridos aos que non se pode chegar no coche nin na bicicleta por seren territorios protexidos. Por iso, aumentou o número de empresas que organizan paseos ecuestres en cabalos mansos adestrados para esta función. Pódese contratar un traxecto curto ou dunha xornada enteira e en ambos os dous casos os profesionais irán acompañando a estes amantes da natureza.

Os paseos dacabalo son aptos para case todas as idades, xa que non é preciso ser un experimentado xinete nin coñecer en profundidade esta modalidade; tan só hai que lles facer caso aos consellos do monitor. Os prezos dependen da duración do percorrido e oscilan entre os 15 euros que pode custar un paseo dunha hora e os 75 euros que se poden chegar a pagar por unha xornada completa.

Binomio lecer-natureza, todo son vantaxes
  • Permite coñecer a natureza dende dentro, o que se reflicte nun maior respecto e sensibilización cara a ela.
  • Potencia unha sa convivencia entre familiares e amigos de calquera idade.
  • Estar lonxe da cidade contribúe a mellorar a osixenación pulmonar.
  • Crea hábitos de vida saudables.
  • Xera sensacións de tranquilidade e sosego.
  • Acadar obxectivos como chegar a unha determinada meta nun determinado tempo ou a través dun camiño algo sinuoso axuda as persoas a fomentaren os seus propios obxectivos e a aumentaren a motivación para desenvolveren diversas actividades.
  • Todas estas saídas son un excelente exercicio cardiovascular e favorecen o bo funcionamento dos sistemas locomotor e respiratorio.