Amais de axudar a previr enfermidades, demostrouse que os adolescentes que practican deporte regularmente consomen menos drogas
Beneficioso para o desenvolvemento físico e persoal
Tense discutido moito sobre a influencia do deporte no crecemento infantil. Algúns expertos sinalan posibles prexuízos para o organismo, xa que o corpo dun neno é delicado e está en pleno crecemento, e os adestramentos excesivamente duros e os inevitables microtraumatismos poderían influír negativamente nel. Pero ninguén conseguiu demostrar este extremo e si, pola contra, as vantaxes que reporta a práctica deportiva regular desde a infancia. Ademais, é máis doado inculcar hábitos saudables cando os rapaces son aínda novos que eliminar hábitos malos ou autodestructivos na idade adulta. Sedentarismo, tabaquismo, sobrepeso, alimentación pouco axeitada e outras variables están presentes na xénese e desenvolvemento das chamadas enfermidades dexenerativas, que se asocian ós males do mundo desenvolvido: arteriosclerose, artrose, diabete tipo II, etc. Estas patoloxías, aínda que se manifestan na idade adulta, comezan a se xerar na infancia. E é daquela cando se pode comezar a previlas, entre outras maneiras, practicando deporte.
Menos consumo de drogas
Varios estudios realizados no noso país alertan sobre os niveis altos de colesterol na infancia, as taxas crecentes de obesos entre nenos e nenas, e mesmo do incremento de casos de hipertensión arterial entre adolescentes. Detectar estes factores de risco resulta relativamente sinxelo e permite previ-lo seu desenvolvemento desde a infancia.
Pero hai, ademais, outras razóns de peso para promove-la práctica deportiva en rapaces novos. O consumo de drogas, tanto das socialmente admitidas coma tabaco e alcohol, coma das rexeitadas, coma cannabis, cocaína, heroína, e das de novo deseño que tantos problemas carrexan, presenta índices moito inferiores entre os que practican algún deporte. E cantas máis horas de adestramento e máis novo se comeza coa práctica deportiva, menor é o consumo de drogas. En liñas xerais, pódese afirmar que un adolescente deportista, afeccionado ou federado, presenta menos risco de consumo de drogas.
¿É recomendable a competición?
Pero para que o desenvolvemento do seu corpo e mente se faga de maneira máis equilibrada e harmónica, cando un neno practica deporte cómpre prestarlles atención a dous aspectos: a especialización deportiva e a competición. A especialización, é dicir, a dedicación case exclusiva a unha modalidade deportiva desde moi novos, ten os seus defensores e detractores. Para os primeiros, a capacidade de aprendizaxe do neno é elevada e permítelle asimilar técnicas e crear reflexos mais doadamente. Para os detractores, a especialización resulta prexudicial porque xera desequilibrios no desenvolvemento físico e pode influír negativamente na estructuración da personalidade do neno. Máis discutido aínda é o tema da competición. Para algúns, cumpriría integra-la competición sa, limpa en calquera programa pedagóxico, xa que axuda a estructurar e organizar todo o comportamento dos nenos e adolescentes. Outro argumento esgrimido é que nunha sociedade coma a nosa, a competición debe formar parte do deporte infantil xa que o prepara e educa para o futuro. Outros, pola contra, opinan que a competición esixe un precoz e duro adestramento, xa que a meta actual do deporte contemporáneo é a busca da marca, do vencedor, a calquera prezo.
¿Hai algún deporte desaconsellable?
Numerosos factores poden influír na elección dun deporte, amais das preferencias persoais, pero destaca o papel dos medios de comunicación: os deportes con máis presencia na pantalla teñen máis predicamentos entre os adolescentes.
Os pais pregúntanse a miúdo se determinado deporte resulta bo ou malo para a saúde do neno ou da nena. Non é doado de responder, pois aínda que se demostrou que o deporte é, en xeral, bo para os nenos, non hai estudios concluíntes sobre cómo inflúen disciplinas concretas no crecemento e desenvolvemento infantil. Así e todo, a modo de orientación, expómo-lo que os médicos do deporte admiten sobre esta cuestión, aclarando que a palabra “risco” se utiliza só desde a óptica do crecemento e desenvolvemento.
- Deportes sen risco, considerados beneficiosos:: natación, ciclismo, balonmán, baloncesto, patinaxe…
- Deportes discutibles: tenis, squash, equitación, ximnasia en chan, danza clásica, judo, esgrima, esquí…
- Deportes con risco:rugby, fútbol, salto de trampolín e panca, halterofilia, windsurf, esquí náutico…
A primavera e o verán son épocas propicias para iniciar unha actividade deportiva ó aire libre: marcha, paseo, sendeirismo, natación, monte, bicicleta, etc. Ó tempo o neno aprenderá tamén a amar e gozar da natureza. Pero teña presente que:
- Hai que orienta-lo neno á hora de elixir unha actividade deportiva, pero sempre respectando as súas preferencias.
- ¸ A actividade deportiva ten que se adaptar ás características do neno e á súa constitución corporal.
- Debe practicalo con carácter lúdico, sen que supoña sacrificios nin sufrimentos.
- Pode ter unha compoñente competitiva, pero dentro duns límites, e, desde logo, débese evitar inculcarlle o afán de “se-lo mellor, o primeiro, porque se-lo segundo é un fracaso”. A miúdo e sen se decataren, os pais estimulan o instinto competitivo e están sementando futuras frustracións.
- A actividade deportiva debe contribuír ó desenvolvemento integral do neno. Se se decanta por un deporte especializado, cómpre que o complemente con outras actividades que neutralicen os efectos dunha especialización e que contribúan a evitar desequilibrios e asimetrías físicas. A natación é un complemento ideal para outras actividades.
- O crecemento óseo é unha aventura para o neno, hai que respectalo e evitar deportes que poidan supoñer unha agresión ás cartilaxes de crecemento e ó desenvolvemento equilibrado dos ósos.
- Hai que afacelo a que realice o quentamento preciso, a que prepare o corpo para a actividade que vai desenvolver, e, ó rematala, a que faga relaxación e estiramentos.