A convivencia entre os visitantes e os destinos
Este tipo de turismo concédelles especial importancia a aspectos coma a calidade da paisaxe, a tranquilidade, a sostibilidade, autenticidade ou patrimonio artístico local.
Paisaxes degradadas, contaminación, consumo excesivo de recursos e enerxía, alteración da vida natural, etc. Aínda que non o pareza, estamos falando de turismo, máis concretamente dos problemas que, directa ou indirectamente, desencadeou desde que non hai máis de 50 anos viaxar pasou de se-lo privilexio duns poucos a se converter nun fenómeno de masas. Un turismo de sol e praia, de chiringos e discotecas de verán, de parques temáticos, etc.
Como resposta a este escuro panorama naceu, hai tan só uns vinte anos, un tipo de turismo diferente que ten como principais atractivos a natureza, as culturas tradicionais e un maior ou menor grao de aventura, e como destinos principais os Espacios Naturais Protexidos. É o chamado ecoturismo ou turismo verde, no cal entran en xogo aspectos como calidade da paisaxe, tranquilidade, sostibilidade, autenticidade, busca de tradicións, patrimonio artístico local, etc.
O ano 2002 foi declarado Ano Internacional do Ecoturismo (AIE). Segundo unha enquisa da Organización Mundial do Turismo realizada a 300 tour-operadores de España, Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia, EEUU e Canadá, entre un 2% e un 4% do total de turismo foi ecolóxico no ano 2000. Sen embargo, o volume total foi máis alto, pois a maioría dos ecoturistas non acoden a axencias. En cifras económicas, e centrándonos no noso país, dos 36.000 millóns de euros de beneficios do sector turístico español no ano 2000, 1.300 millóns de euros procederon do ecoturismo, o que supuxo un incremento do 18% con respecto ó ano anterior, mentres que o turismo de sol e praia só medrou un 4%.
Así e todo, é errada a idea xeneralizada de que o ecoturismo supón -sobre todo para os países máis desfavorecidos- unha importante fonte de ingresos. Segundo un informe da Fundación Ford para a UNESCO de novembro do 2001, a repercusión positiva dos proxectos de ecoturismo (albiscar animais ou flora, parques naturais, etc…) limítase a uns cantos empregos pouco cualificados. Este estudio revela tamén que o diñeiro gastado polos turistas ecolóxicos vai parar ás compañías aéreas internacionais, ós hoteis, ás axencias de viaxe e ós bens de consumo importados dos países occidentais e cos que os viaxeiros están máis familiarizados. O Banco Mundial estima que o 55% do gasto turístico realizado en países en vías de desenvolvemento reverte nos países do norte, aínda que existen outros especialistas que cifran esta porcentaxe no 90%.
Turismo responsable
A Unión Mundial para a Natureza define o ecoturismo como “a actividade turística responsable co ambiente consistente en viaxar ou visitar áreas naturais, sen perturbar, co fin de gozar, apreciar e estudia-los atractivos naturais (paisaxe, flora e fauna silvestres) das devanditas áreas, así como calquera manifestación cultural, do presente e do pasado, que poida atoparse alí, a través dun proceso que promove a conservación, ten baixo impacto ambiental e cultural e propicia un involucramento activo e socioeconomicamente benéfico das poboacións locais”.
Conceptos coma o respecto ambiental, a protección da biodiversidade, o consumo minimizado de recursos, a contribución á mellora da calidade de vida da poboación local e a incorporación de compoñentes educativas e interpretativas son inherentes a este xeito de entender e practica-lo turismo, que ano tras ano vai gañando adeptos.
Tipos de ecoturistas
Turistas de baixa motivación. Viaxeiros de folleto turístico, que visitan un Parque Nacional ou as cataratas do Iguazú porque son unha oferta engadida a un paquete pechado de vacacións.
Ecoturistas de media motivación. Gústalle-la natureza como lugar recreativo, de descanso e de goce, pero sen máis pretensións. Non é raro atopalos practicando deportes ó aire libre, como sendeirismo ou equitación.
Ecoturistas de alta motivación. Visitan a miúdo os Espacios Naturais Protexidos en busca de fauna e flora específica (coleccionistas).
Ecoturistas científicos. Compoñen o grupo menos numeroso. Máis ca turístico, o seu obxectivo é profesional. O obxecto das súas viaxes é o estudio da natureza.
Destinos ecoturistas sen saír da casa
- Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido (Huesca). Rebezos e voitres barbados.
- Parque Nacional de Aigüestortes e Reserva Nacional do Alt Pllars-Arán (Lleida). Bosques caducifolios, rebezos, pitas do monte e pitos negros.
- Parque Nacional dos Picos de Europa (Asturias, Cantabria e Castela-León). Bosques caducifolios e rebezos.
- Parque Natural de Somiedo (Asturias). Bosques de faias, oso pardo, corzos, pitas do monte, lobos e pitos negros.
- Reserva Natural Integral de Muniellos (Asturias). Carballos, oso pardo, gato bravo, pitas do monte, londras e martas.
- Parque Rexional da Serra de Gredos (Ávila). Carballos, piñeiros silvestres e cabra montesa.
- Parque Natural da Serra de Cazorla, Segura e as Villas (Xaén). Bosques de piñeiros, cabra montesa e aguia real.
- Parque Natural da Serra das Neves (Málaga). Pinsapo, abeto mediterráneo, caxigos, cabra montesa e aguia real.
- Parque Nacional de Cabañeros (Ciudad Real e Toledo). Aciñeiras, sobreiras, cervos, corzos, xabarís, linces, aguias imperiais e voitres negros.
- Parque Natural de Monfragüe (Cáceres). Sobreiras, breixo, érbedos, aguias imperiais, cegoñas negras e linces ibéricos.
- Parque Natural da Serra de Hornachuelos (Córdoba). Aciñeiras, sobreiras, cervos, xabarís, gato bravo e rabisacos.
- Parque Natural das Sobreiras (Cádiz e Málaga). Sobreiras (é o bosque de sobreiras máis extenso de Europa), caxigos, rododendros, loureiros e corzos.
- Parque Nacional de Doñana (Huelva). Taraxes, espadanas, carrizos, aguia imperial, lince ibérico e aves de humedais e costas.
- Parque Natural Marítimo-Terrestre Cabo de Gata-Nijar (Almería), Paraxe Natural Deserto de Tabernas (Almería) e Parque Rexional de Calblanque, Monte das Cinzas e Pena da Aguia (Murcia). Poboacións esteparias, esparto, albardín, palmito, sabina moura, ortega, sisón, ourizo moruno, tartaruga moura, falcón peregrino, moucho real.
- Parque Natural do Carrascal da Font Roja (Alacante). Aciñeiras, freixos de flor, pradairos, xabaril, gato bravo, rabisacos, teixos, tourón, leirón careto, donicelas.
- Reserva Natural da Lagoa de Fonte de Pedra (Málaga). Flamencos, grous, pagaza piconegra, gaivota bicofino.
- Reserva Natural das Lagoas de Villafáfila (Zamora). Avetardas, ganso común, lavanco, parrulo asubión, parrulo cucaracha.
Decálogo do Ecoturista
- Goce sen degradar. Observe sen interferir nin agredir.
- Axude a preserva-lo medio. O ecoturista é, por definición, un turista activo.
- Faga da súa experiencia turística unha clase ambiental. Reflexione e aprenda.
- Implíquese todo o ano, non só nas vacacións.
- Comprobe que a actividade na que se vai embarcar é realmente respectuosa co medio natural e lle vai proporcionar coñecemento. Asegúrese do compromiso ambiental da empresa ou organización coa que viaxe.
- Denuncie ante os organismos ou autoridades competentes se ve unha mala práctica no lugar onde se atope.
- Reduza o seu lixo. Reutilice e recicle (e non só cando estea de turismo).
- Prescinda do coche e do avión todo o posible. Utilice o transporte público. E tamén as pernas e a bicicleta sempre que poida.
- Apoie o desenvolvemento das comunidades tradicionais que visite; merque os seus productos, probe a gastronomía local, coñeza o seu patrimonio histórico e cultural.
- Conciencie ás persoas do seu contorno. Se a experiencia foi boa e enriquecedora, fágallelo saber ós seus familiares, amigos e compañeiros de traballo.
O Camiño de Santiago
Os comezos medievais da peregrinación á tumba do apóstolo teñen sen dúbida un carácter místico, pero precisamente ese recollemento individual, o efémero da estancia en cada lugar e a contemplación a través dos quilómetros andados das manifestacións culturais, converten o agora tan de moda Camiño de Santiago, nun exemplo de ecoturismo sen pretendelo. Trátase de non invadir, senón de respecta-las paraxes, de gastar enerxías propias pero nunca roubarllas á natureza, de andar humildemente quilómetros admirando os ecosistemas, as arquitecturas, a gastronomía, os acentos, as xentes que aparecen ó paso do camiñante, e prevalecen á súa marcha. O espírito mantense no século XXI, aínda que a popularidade e as melloras incrementaron o tráfico entre os 750 quilómetros que separan Roncesvalles da capital galega. Atendendo a esta demanda, e co escrupuloso respecto do concepto tradicional, a segunda versión on-line da guía monográfica consumer (https://caminodesantiago.consumer.es/) ofrece desde xullo deste ano os datos actualizados dos 113 albergues onde se acolle ós peregrinos. Ampliouse a información útil coa inclusión de noticias, datos prácticos para chegar a Roncesvalles e saír de Santiago, enlaces interesantes en Internet, unha calculadora para coñece-lo orzamento dun camiñante, consellos para os peregrinos, e dous lugares interactivos: unha galería de fotos enviadas polos protagonistas do Camiño: os peregrinos, e os comentarios, anotacións e relatos daqueles que queiran compartilos cos internautas.
Coa creación en 1872 do primeiro gran Parque Nacional dos Estados Unidos, o sobradamente coñecido Yellowstone, comezou a se xesta-lo que hoxe coñecemos como ecoturismo. Xa daquela se estableceron como obxectivos do Parque a conservación das últimas paraxes virxes do país, e a súa visita ordenada para educación e goce recreativo dos cidadáns.
Os primeiros Parques Nacionais do noso país, Ordesa e Covadonga, datan de 1918, se ben a súa visita foi limitada ata ben entrada a década dos 80. É nestes anos, coa nova vertebración do Estado Español en Comunidades Autónomas, cando se dispara a creación de Espacios Naturais Protexidos (ENP), baixo distintas denominacións e figuras legais: Parques Naturais, Reservas, Biotipos, Paraxes, Monumentos Naturais, Reservas da Biosfera, etc.
Este interese por parte de autoridades e institucións por conserva-lo patrimonio natural do noso país coincide no tempo co espertar dunha nova conciencia ecolóxica dos cidadáns preocupados pola incesante degradación da Natureza.
En Europa foron fundamentais no desenvolvemento do ecoturismo os programas Leader, que, desde 1992, veñen financiando novos productos ecoturísticos no ámbito rural das comarcas europeas de economía deprimida coma as españolas, portuguesas, gregas e italianas.