Dieta, un factor de protección para a pel

Esta época do ano invita a elaborar sinxelos menús estivais cunha alta presenza de alimentos ricos en nutrientes con efecto fotoprotector, antioxidante e favorecedor para mostrar unha pel nova.
1 Xuño de 2013
Img alimentacion listado 895

Dieta, un factor de protección para a pel

A pel é un fiel reflexo do noso propio estado de saúde e do propio envellecemento do organismo. A nutrición e o efecto dos nutrientes na pel sempre foi un tema relevante para os científicos, os médicos e os nutricionistas. Vitaminas, antioxidantes, ácidos graxos esenciais e certos extractos de plantas teñen atributos potenciais para o coidado e a protección da pel. Os recoñecidos efectos antiinflamatorios, antioxidantes, rexenerantes ou revitalizantes dos diversos compoñentes utilízanse na industria farmacolóxica, médica e alimentaria para trasladar a mensaxe do coidado da pel, ben como axentes aplicados por vía tópica ou como complementos orais, nun intento de prologar a aparencia dunha pel nova. No verán, o coidado da pel é máis importante polo efecto daniño da exposición ao sol e ao cloro das augas.

Unha mala nutrición envellece e seca a pel

O envellecemento da pel débese a dous procesos clínica e bioloxicamente independentes. O primeiro, o envellecemento cutáneo intrínseco, o propio da idade, afecta a pel no mesmo patrón que a todos os órganos. O segundo proceso débese a factores externos que fan que se vexa a pel envellecida como resultado da influencia do medio (contaminación, exposición intensa e prologada ao sol e aos raios ultravioleta…), do tabaco, da falta de sono e dunha mala nutrición (exceso de calorías e de graxas e déficit de nutrientes dermoprotectores). As investigacións en nutrición propoñen a achega por medio de alimentos de antioxidantes (carotenoides, flavonoides, resveratrol), vitaminas (A, C), ácidos graxos omega-3 e lactobacilos, como axentes capaces de promover dende o interior a saúde da pel e a beleza.

Vitamina C

A vitamina C é un cofactor para os encimas que fixan a estrutura do coláxeno, compoñente que lle dá estabilidade e tersura á pel. A deficiencia de tal vitamina reflíctese na pel en forma de fraxilidade e lesións cutáneas, queratose ou grans ou protuberancias na pel, facilidade de hematomas ou lenta cicatrización das feridas. O método seguro de garantir a súa achega é comer máis froitas e verduras frescas, nas que abunda esta vitamina: cítricos, froitos vermellos (grosellas, moras, arandos, framboesas, amorodos), guaiaba, pementos e aderezar as comidas con perexil fresco. Pola contra, o uso da vitamina C nos produtos cosméticos de uso tópico non garante con seguridade e eficacia o efecto foto-protector que se lle adxudica, xa que esta vitamina é moi inestable e degrádase baixo a presenza de osíxeno, mesmo antes da aplicación tópica á pel. Ademais, moitas destas preparacións nin sequera teñen o derivado activo da vitamina C, o ácido L-ascórbico.

Ácidos graxos omega-3

Estes ácidos graxos esenciais regulan a inmunidade e inhiben a produción de compoñentes inflamatorios, que na pel se reflicte nunha maior tendencia a problemas da pel tipo dermatite, eccemas, cabras etc., pola súa incorporación á epiderme (a capa máis externa da pel). Ademais, no verán son máis comúns as reaccións alérxicas ou de hipersensibilidade por exposición ao sol, que cursan con procesos inflamatorios e que deixan a pel marcada. Por iso, interesa o consumo de peixes azuis de tempada (anchoas, sardiñas, atún, bonito…) e de marisco ben fresco como fonte de omega-3. Outros compostos coma os polifenois, presentes en froitas con cor (uvas, granadas, ameixas…), tamén bloquean a síntese de mediadores inflamatorios e, polo tanto, deberían ter un oco nos menús estivais.

Carotenoides e vitamina

O betacaroteno, o licopeno, a luteína e a zeaxantina son nutrientes cunha actividade fotoprotectora demostrada. Segundo explican os doutores Honeyman, Gaete e Arias, no informe O rol dermoprotector da nutrición, “o betacaroteno está presente na derme e na epiderme (as capas máis superficiais da pel) e a exposición solar diminúe os seus valores plasmáticos”.

Para lograr tal efecto, débense comer froitas e hortalizas de cores alaranxadas, avermelladas ou amarelas intensas -cenoria, cabaza, pataca doce, mango, melocotón, albaricoque, melón de polpa amarela-laranxa- e tamén verduras verdes, como brócoli, espinacas, endivias e leituga.

Lactobacilos

Dentro dos probióticos, hai que salientar os lactobacilos que, segundo a OMS, son “un tipo de microorganismos que, administrados vivos en cantidade suficiente, exercen un efecto fisiolóxico beneficioso no hóspede”. A súa acción reflíctese na pel de xeito indirecto: teñen un efecto modulador da inmunidade na mucosa intestinal e regulan a resposta alérxica en pacientes atópicos (dermatite atópica, eccema, algúns tipos de psoríase…). Non obstante, o efecto protector depende da cepa e da dose utilizada, polo que a recomendación de consumo para conseguir tal efecto deberíaa facer o especialista.

Antioxidantes para a pel, con mesura

O consumo de froitas e verduras frescas como excelente e incomparable fonte natural de antioxidantes é, polo momento, o método máis seguro e saudable para manter unha pel nova, tersa e hidratada. A esta conclusión chegan investigadores alemáns na revisión máis recente sobre a relación entre a nutrición e o envellecemento da pel publicada na revista Dermato Endocrinology, en xullo de 2012. Segundo os autores, os resultados dos distintos ensaios apuntan a que “unha estratexia prometedora para mellorar a protección da pel contra o estrés oxidativo é apoiar a produción endóxena de antioxidantes con produtos que conteñen antioxidantes e que normalmente están presentes na pel”. Non obstante, os autores advirten que non se debe caer nun consumo permanente de altas doses de antioxidantes illados, senón que isto debe complementar unha dieta sa, xa que en doses elevadas os antioxidantes inxeridos poden provocar o efecto contrario ao esperado e comportarse como prooxidantes, acelerar o envellecemento da pel e predispoñer trastornos ou enfermidades dermatolóxicas.