Os refrescos, mellor light: non achegan calorías e saben parecido
As bebidas refrescantes máis consumidas comparten, no esencial, unha fórmula ben sinxela: auga carbonatada, “con burbullas”, e azucre ou, nos refrescos light ou baixos en calorías, edulcorantes. O que distingue uns refrescos doutros en sabor, cheiro, cor e aparencia é o que se lle engade a esta auga doce: zumes de froita (laranxa, limón…) ou extractos vexetais (cola, quinina…), e mais aditivos moi diversos (conservantes, acidulantes, colorantes).
CONSUMER EROSKI levou ao laboratorio e someteu a cata 17 bebidas refrescantes, entre elas 5 colas (das marcas Coca-Cola e Pepsi), 6 refrescos de laranxa (Kas, Fanta e Schweppes), 3 tónicas (Schweppes e Nordic Mist), dous bitter (ambos os dous, Kas) e unha gasosa (La Casera). Nove mostras son baixas en calorías, xa que substitúen os azucres por edulcorantes con nula achega calorífica.
As versións light custan só un chisco máis ca as azucradas: 1,47 euros o litro de media, fronte a 1,45 das normais. Coca-Cola é un 13% máis cara ca Pepsi e, entre os seis refrescos de laranxa hai pouca diferenza de prezo. Nas tónicas, Nordic Mist (sae a 2 euros o litro) é un 20% máis cara ca a Schweppes normal. O bitter sae a case 2,5 euros o litro.
Nas bebidas con burbullas (sono as 17 analizadas), o gas carbónico ou CO2 (representa entre un mínimo do 0,4% -nos refrescos de laranxa- e un máximo do 0,8% na gasosa) alixeira e suaviza a percepción dos sabores -doce nas colas e refrescos de laranxa, amargo en bitter e tónicas- nas papilas gustativas, de tal xeito que ao final do trago predomina unha sensación fresca e agradable. Ademais, as burbullas potencian os aromas do refresco e a súa acidez. Así e todo, a bebida que mellor e dun modo máis saudable calma a sede é a auga.
Que se mirou na análise
A única irregularidade importante afectou a Bitter Kas, que non declaraba na etiqueta benzoato sódico na súa lista de ingredientes, cando é un aditivo que a análise descubriu nesta mostra. Pero tamén se anotaron máis incumprimentos de norma: na etiquetaxe de Pepsi light, Tónica Schweppes e Tónica Schweppes light non figura no mesmo campo visual toda a información obrigatoria, e Kas Naranja Light indica a súa composición nutricional de xeito lineal e non en táboa, cando o pode facer ao dispoñer de espazo.
O laboratorio realizou numerosas medicións: volume real fronte ao declarado, cantidade de azucres ou, se é o caso, edulcorantes, graos Brix, CO2, conservantes, colorantes artificiais, o acidulante ácido fosfórico e benceno (un canceríxeno que pode xurdir pola reacción dun conservante coa vitamina C), quinina na tónica, e cafeína nas colas. Os resultados foron dispares pero sempre correctos en tanto que conformes ao establecido pola norma.
Optar polas versións light dos refrescos é intelixente: achegan cero calorías, mentres que os tradicionais conteñen entre as 30 calorías cada cen mililitros do bitter e as 45 de Fanta laranxa e Pepsi. Unha lata de Coca-Cola (33 centílitros de bebida) achega 126 calorías, mentres que unha Zero ou Light da mesma marca achega cero calorías.
O aspartamo E951 e outros edulcorantes destes refrescos (E954 Sacarina, E952 Ácido ciclámico e E950 Acesulfamo), segundo o saber científico actual, non prexudican a nosa saúde; ademais, as cantidades que conteñen estes refrescos (mediuse o aspartamo) son razoables. Para superar a inxestión diaria que as autoridades sanitarias entenden excesiva de aspartamo, un adulto tería que consumir nun día 8 litros do refresco que en maior proporción o contiña.
A cata ou análise sensorial, realizada por 30 consumidoress, fíxose de modo separado, por familia de produto. Coca-Cola e Pepsi Light foron mellor valoradas que Coca-Cola Light e Coca-Cola Zero, mentres que Pepsi normal ocupou unha posición intermedia nas preferencias dos catadores. Nos refrescos de laranxa, os mellores foron Fanta e Schweppes, e os menos apreciados, as versións light destas dúas marcas. As dúas mostras de Kas acadaron valoracións intermedias. Entre os bitter, os dous de Kas, quedou mellor a versión light. E entre as tónicas non se percibiron diferenzas salientables, se ben Schweppes obtivo mellor puntuación ca as outras dúas mostras. A gasosa obtivo unha puntuación mediocre.
Cafeína e quinina
A tónica está composta por auga e gas carbónico ou auga gasificada, azucres ou edulcorantes, aditivos e extracto vexetal de quinina, alcaloide amargo -extráese da codia dunha árbore, o quino- con efectos tonificantes sobre o sistema nervioso. Permítese un máximo de 100 miligramos de quinina por litro, e a análise deu valores de 27 mg/l nas dúas de Schweppes e de 60 mg/litro en Nordic Mist.
A cafeína dos refrescos de cola procede do extracto de noz de cola, froito tropical que a contén de modo natural. A cafeína é unha substancia estimulante que en doses moderadas (non máis de 200 miligramos ao día) favorece o traballo intelectual e a actividade muscular. Cantidades maiores poden provocar ansiedade e insomnio. Nos nenos, os efectos da cafeína son maiores. Nos cinco refrescos de cola, a media foi de 11 miligramos de cafeína cada cen mililitros; o té negro contén o dobre, un refresco enerxético como Red Bull, o triplo; e o café filtrado, sete veces máis.
Rexistráronse diferenzas no contido en cafeína: Coca Cola Light ten 12,2 mg/100 ml e Pepsi Light 11,4 mg/100 ml, mentres que a normal de Coca-Cola e a Zero quedan en 9,3 mg/100 ml e Pepsi normal chega a 10,6 mg/100 ml. Así, Coca-Cola Light ten un 35% máis cafeína ca as outras dúas colas da súa mesma marca. Tamén se comprobou que esta é a única diferenza significativa na fórmula entre os tres refrescos de Coca-Cola non caloríficos (a Ligth e a Zero), excepción feita dalgúns aditivos.
As colas teñen, ademais, ácido fosfórico, aditivo acidulante e antioxidante. A inxestión excesiva de fósforo relaciónase coa descalcificación dos ósos. A cantidade admitida en refrescos é de 700 miligramos por litro. A dos cinco estudados atópase no intervalo de 478-546 mg/l, dentro do permitido.
Zume de laranxa nos refrescos
As bebidas refrescantes de zume de laranxa deben conter un mínimo dun 8% de zume de laranxa a base de concentrado. Non é posible determinar en laboratorio a cantidade de zume nestes refrescos, pero si a de azucre. O zume de laranxa achégalle poucos azucres ao produto: nos refrescos de laranxa light a proporción de azucre é de entre 7 e 8 gramos por litro, cando nos convencionais é de entre 83 e 116 gramos por litro. Un refresco de laranxa achega unhas 42 calorías cada cen mililitros, a mesma ca a do zume de laranxa, pero o zume contén vitaminas e minerais dos que os refrescos carecen.
Conservantes e colorantes
A análise centrouse na busca de colorantes artificiais, os máis controvertidos. Detectáronse catro. Kas laranxa e Kas laranxa light utilizan tartrazina E-102 e Amarelo Ocaso E-110, mentres que Bitter Kas e Bitter Kas light optan por carmoisina E-122 e Ponceau 4R E-124. As cantidades están debaixo do límite establecido, pero en lugar destes colorantes artificiais poderíanse empregar os naturais, como fan as outras mostras analizadas.
Nove dos 17 refrescos engaden conservantes, ácido sórbico (permítese 300 mg/l) e o ácido benzoico (ata 150 mg/l), en todos os casos, en cantidades dentro do establecido pola lexislación.
Os refrescos e a saúde
Acidulantes e ósos. Os “refrescos” de cola conteñen ácido fosfórico. O seu consumo habitual supón unha achega extra de fósforo, cando cantidades elevadas de fósforo teñen efecto desmineralizante dos ósos. O exceso de fósforo relaciónase coa descalcificación dos ósos.
Azucre e carie. A acidez e o alto contido en azucres simples dos refrescos deterioran o esmalte, favorecendo a aparición de carie.
Azucre e obesidade. Beber unha lata de refresco equivale a inxerir tres sobres de azucre, entre 100 e 130 calorías.
Burbullas e aerofaxia. Os refrescos con gas poden producir aerofaxia, acumulación de gases no estómago e no intestino, o que dificulta a dixestión. Mellor os refrescos sen gas.
A cafeína excita. Cantidades superiores a 200 mg/día poden causar ou acentuar a ansiedade e o insomnio. Unha lata de cola contén 30-40 mg de cafeína. Café e té tamén teñen cafeína. En nenos, as doses que non convén superar son menores.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- CONSUMER EROSKI levou a laboratorio e someteu a cata 17 bebidas refrescantes: 5 colas (Coca-Cola e Pepsi), 6 refrescos de laranxa (Kas, Fanta e Schweppes), 3 tónicas (Schweppes e Nordic Mist), dúas bitter (ambos as dúas, Kas) e unha gasosa (La Casera), comercializadas en latas de 33 centílitros (de 25 cl en Nordic Mist), agás os bitter, en botella de cristal de 20 cl, e a gasosa, en botella de plástico de 50 cl. Nove mostras son baixas en calorías, xa que substitúen os azucres por edulcorantes que non achegan calorías.
- Os máis caros son os bitter (saen a 2,45 e 2,48 euros o litro), mentres que o máis barato foi a gasosa: 0,93 euros/litro. Os refrescos de laranxa saían de media a 1,12 euros/litro; os de cola a 1,37 e as tónicas a 1,79 euros/litro. Os light custan, de media, só dous céntimos máis ca os tradicionais.
- O que máis distingue a estes cinco tipos de refresco é o que conteñen amais de auga adozada (con azucre ou con edulcorante) e carbonatada, é dicir, a cola, o zume de laranxa procedente de concentrado, os extractos vexetais do bitter e mais a quinina da tónica. Tamén é diferente o despregamento de aditivos utilizado en cada tipo de refresco.
- Bitter Kas non declaraba benzoato sódico (conservante) na súa lista de ingredientes, pero a análise revelou que os contiña.
- Todas as medicións (volume real, azucres, edulcorantes, graos Brix, quinina, cafeína, CO2, conservantes, colorantes artificiais, ácido fosfórico, benceno -canceríxeno que pode xurdir pola reacción dun conservante coa vitamina C-) ofreceron resultados conforme ao establecido pola norma.
- Coca-Cola light ten un 30% máis cafeína ca Coca-Cola e ca a Zero, e un 15% máis ca Pepsi.
- Os light achegan cero calorías, mentres que os tradicionais conteñen entre as 30 calorías/100 ml do bitter e as 45 de Fanta laranxa e Pepsi.
- Un dos edulcorantes máis empregado nos refrescos é o aspartamo, que segundo o saber científico actual é inocuo para a saúde. Para superar a cantidade diaria que se considera excesiva, un adulto de 55 quilos tería que inxerir 8 litros do refresco que máis asparatamo tiña neste comparativo. Os que padecen fenilcetonuria non poden inxerir aspartamo.
- Un consumo frecuente de refrescos, mesmo light, pode prexudicar o equilibrio da dieta e, polo seu sabor azucarado, fomentar a obesidade, particularmente en nenos e mozos.
- Ao se tratar de cinco produtos distintos (polo tanto, dificilmente comparables) e, ademais, carentes de interese nutritivo, CONSUMER EROSKI considerou máis axeitado non outorgar galardóns de mellor relación calidade-prezo neste comparativo.
Produto | Pepsi Light | Coca cola Light | Coca cola Zero | Coca cola |
---|---|---|---|---|
Denominación de venda | Bebida refrescante aromatizada | Bebida refrescante aromatizada | Bebida refrescante aromatizada | Bebida refrescantede extractos |
Formato (litros) | 0,33 | 0,33 | 0,33 | 0,33 |
Prezo (Euros/litro) | 1,28 | 1,45 | 1,43 | 1,42 |
Etiquetaxe | InCorrecta | Correcta | Correcta | Correcta |
Volumen medido (litros) | 0,34 | 0,33 | 0,33 | 0,33 |
CO2 (g/l) 1 | 7,2 | 7,6 | 7,4 | 6,5 |
Graos Brix 2 | 0,4 | 0,3 | 0,4 | 10,4 |
Azucres totais (g/100ml) | Non engade | Non engade | Non engade | 10,6 |
Valor calorífico (cal/100ml) | 0 | 0 | 0 | 42 |
Cafeína 3(mg/l) | 114 | 122 | 93,1 | 93 |
Quinina 4(mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Edulcorantes | ||||
Aspartamo 5(E951) (mg/l) | 269 | 93,2 | 96,7 | NON PROCEDE |
Conservantes | ||||
Ácido sórbico mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Ácido benzoico (mg/l) | 139 | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Acidificantes | ||||
Acido Fosfórico (mg/l) | 491 | 498 | 478 | 534 |
Colorantes artificiais | ||||
Tartrazi (E102) (mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Amarelo ocaso (E110) (mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Carmoisina (E122) (mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Ponceau 4R(E124(mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Benceno 6(µg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Cata (de 1 a 9) | 6,6 | 6,1 | 5,8 | 7,0 |
Produto | Pepsi | Kas laranxa Light | Fanta laranxa Baixa en calorías | Schweppes Spirit laranxaLight |
---|---|---|---|---|
Denominación de venda | Bebida refrescante de extractos | Bebida refrescante de zume de froitas con edulcorantes | Bebida refrescante aromatizada | Bebida refrescante aromatizada |
Formato (litros) | 0,33 | 0,33 | 0,33 | 0,33 |
Prezo (Euros/litro) | 1,25 | 1,11 | 1,12 | 1,17 |
Etiquetaxe | Correcta | InCorrecta | Correcta | Correcta |
Volumen medido (litros) | 0,34 | 0,34 | 0,33 | 0,33 |
CO2 (g/l) 1 | 7,9 | 4,6 | 4,8 | 4,1 |
Graos Brix 2 | 11,3 | 1,5 | 1,3 | 1,5 |
Azucres totais (g/100ml) | 11,2 | 0,8 | 0,8 | 0,7 |
Valor calorífico (cal/100ml) | 45 | 3 | 3 | 3 |
Cafeína 3(mg/l) | 106 | NA | NA | NA |
Quinina 4(mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Edulcorantes | ||||
Aspartamo 5(E951) (mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | 81,8 | 75,4 |
Conservantes | ||||
Ácido sórbico mg/l) | NON DETECTADO | 144 | 164 | 121 |
Ácido benzoico (mg/l) | NON DETECTADO | 3,4 | NON DETECTADO | 3,4 |
Acidificantes | ||||
Acido Fosfórico (mg/l) | 546 | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Colorantes artificiais | ||||
Tartrazi (E102) (mg/l) | NON DETECTADO | 4 | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Amarelo ocaso (E110) (mg/l) | NON DETECTADO | 0,9 | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Carmoisina (E122) (mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Ponceau 4R(E124(mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO |
Benceno 6(µg/l) | NON PROCEDE | NON DETECTADO | NON PROCEDE | NON DETECTADO |
Cata (de 1 a 9) | 6,5 | 5,6 | 5,4 | 5,5 |
Produto | Fanta laranxa | Schweppes Spirit laranxa | Kas laranxa | Tonica Schweppes Light |
---|---|---|---|---|
Denominación de venda | Bebida refrescante de zumo de frutas | Bebida refrescante de zumo de frutas | Bebida refrescante de zumo de frutas | Bebida refrescante aromatizada |
Formato (litros) | 0,33 | 0,33 | 0,33 | 0,33 |
Prezo (Euros/litro) | 1,12 | 1,14 | 1,09 | 1,72 |
Etiquetaxe | Correcta | Correcta | Correcta | InCorrecta |
Volumen medido (litros) | 0,33 | 0,32 | 0,33 | 0,33 |
CO2 (g/l) 1 | 4,7 | 4,4 | 4,5 | 6,6 |
Graos Brix 2 | 11,7 | 11,2 | 13,8 | 0,6 |
Azucres totais (g/100ml) | 11,6 | 10,5 | 8,3 | Non engade |
Valor calorífico (cal/100ml) | 46 | 42 | 33 | 0 |
Cafeína 3(mg/l) | NA | NA | NA | NON PROCEDE |
Quinina 4(mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | 28 |
Edulcorantes | ||||
Aspartamo 5(E951) (mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Conservantes | ||||
Ácido sórbico mg/l) | 173 | 132 | 130 | NON DETECTADO |
Ácido benzoico (mg/l) | NON DETECTADO | 3,3 | 3,7 | NON DETECTADO |
Acidificantes | ||||
Acido Fosfórico (mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Colorantes artificiais | ||||
Tartrazi (E102) (mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | 5 | NON PROCEDE |
Amarelo ocaso (E110) (mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | 1 | NON PROCEDE |
Carmoisina (E122) (mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON PROCEDE |
Ponceau 4R(E124(mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON PROCEDE |
Benceno 6(µg/l) | NON PROCEDE | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON PROCEDE |
Cata (de 1 a 9) | 6,7 | 6,4 | 6,2 | 5,7 |
Produto | Tonica Schweppes | Tonica Nordic Mist | Bitter Kas Light | Bitter Kas | La Casera |
---|---|---|---|---|---|
Denominación de venda | Bebida refrescante de extractos | Bebida refrescante de extractos | Bebida refrescante aromatizada | Bebida refrescante de extractos | Gaseosa |
Formato (litros) | 0,33 | 0,25 | 0,2 | 0,2 | 0,5 |
Prezo (Euros/litro) | 1,66 | 2 | 2,48 | 2,45 | 0,93 |
Etiquetaxe | InCorrecta | Correcta | Correcta | InCorrecta | Correcta |
Volumen medido (litros) | 0,34 | 0,25 | 0,21 | 0,2 | 0,5 |
CO2 (g/l) 1 | 6,5 | 6,5 | 6,2 | 5,5 | 8 |
Graos Brix 2 | 9,1 | 9 | 0,4 | 8,8 | 0,1 |
Azucres totais (g/100ml) | 8,9 | 8,9 | Non engade | 7,5 | Non engade |
Valor calorífico (cal/100ml) | 36 | 36 | 0 | 30 | 0 |
Cafeína 3(mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Quinina 4(mg/l) | 27 | 60 | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Edulcorantes | |||||
Aspartamo 5(E951) (mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Conservantes | |||||
Ácido sórbico mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | 136 | 124 | NON DETECTADO |
Ácido benzoico (mg/l) | NON DETECTADO | NON DETECTADO | 47,5 | 44,4 | NON DETECTADO |
Acidificantes | |||||
Acido Fosfórico (mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Colorantes artificiais | |||||
Tartrazi (E102) (mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON PROCEDE |
Amarelo ocaso (E110) (mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON DETECTADO | NON DETECTADO | NON PROCEDE |
Carmoisina (E122) (mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | 19,6 | 20,9 | NON PROCEDE |
Ponceau 4R(E124(mg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | 6,4 | 6,4 | NON PROCEDE |
Benceno 6(µg/l) | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE | NON PROCEDE |
Cata (de 1 a 9) | 6,3 | 5,3 | 6,7 | 5,3 | 5,4 |
1) CO2 (anhídrido carbónico): Os fabricantes engádenlle á auga CO2 para darlles a característica burbullante ás bebidas.
2) Graos Brix: Os graos Brix reflicten a cantidade de sólidos solubles disoltos na auga. Referímonos principalmente aos azucres engadidos (sacarosa) á auga e, no caso de conter zume de froitas, tamén se contabiliza a cantidade de azucre presente no zume engadido.
3) Cafeína: composto alcaloide típico das bebidas de cola. A cafeína tamén éstá presente no café, no té e nas bebidas enerxéticas. Enténdese excesiva unha inxestión de cafeína superior a 200 mg/día.
4) Quinina: composto alcaloide presente nas tónicas. A normativa vixente admite un máximo de ata 100 mg de quinina por litro.
5) Aspartamo: Aditivo artificial de elevado poder edulcorante, é unhas 200 veces máis doce ca o azucre. Enténdese excesiva unha inxestión diaria de aspartamo superior a 40 mg por cada quilo de peso da persoa.
6) Benceno: A combinación de ácido ascórbico (vitamina C) xunto co benzoato sódico (un conservador) pode propiciar a formación de benceno, un canceríxeno.
Un a un
Un per un, 17 refrescos
Coca-Cola
- Lata de 0,33 litros. Sae a 1,42 euros o litro.
- Achega 42 calorías cada cen mililitros, case o mesmo ca Pepsi (45). Como as outras catro colas, contén ácido fosfórico, un acidulante, en cantidade (534 mg/l) inferior á admitida (700 mg/l).
- Na cata logrou 7 puntos, e foi unha das colas máis preferidas. Gustou pola súa “dozura”, pero foi criticada por “pouco sabor a cola”.
Pepsi
- Lata de 0,33 litros. Sae a 1,25 euros o litro, a cola máis barata.
- Achega 45 calorías cada cen mililitros, case o mesmo ca Coca Cola (42). Como as outras colas, contén ácido fosfórico, un acidulante, en cantidade (546 mg/l) inferior ao límite admitido (700 mg/l).
- Na cata logrou 6,5 puntos. Non recibiu eloxios nin críticas salientables.
Pepsi light
- Lata de 0,33 litros. Sae a 1,28 euros o litro.
- Etiquetaxe incorrecta: non figura no mesmo campo visual a información obrigatoria. Achega enerxética inapreciable. Un 6% máis de cafeína ca Pepsi normal e un 6% menos ca Coca Cola Light. A cola con máis aspartamo. A única con conservante (ácido benzoico). Contén ácido fosfórico.
- Na cata obtivo 6,6 puntos e foi unha das colas máis preferidas. Gusta pola súa “efervescencia”, pero foi criticada por “pouco sabor”.
Coca-Cola Zero
- Lata de 0,33 litros. Sae a 1,43 euros o litro.
- Achega enerxética inapreciable. Ao igual ca as outras colas, contén ácido fosfórico, un acidulante, en cantidade (478 mg/l) inferior ao límite admitido (700 mg/l).
- Na cata acadou 5,8 puntos. Gustou a súa cor.
Coca-Cola light
- Lata de 0,33 litros. Sae a 1,45 euros o litro, é a cola máis cara.
- Achega enerxética inapreciable. Ten un 30% máis de cafeína ca Coca Cola normal e ca a Zero. Como as outras catro colas, contén ácido fosfórico, un acidulante, en cantidade (498 mg/l) inferior ao límite admitido (700 mg/l).
- Na cata logrou 6,1 puntos. Non recibiu eloxios nin críticas destacables.
Fanta laranxa
- Lata de 0,33 litros, sae a 1,12 euros o litro.
- Declara un 8% de zume de laranxa a base de concentrado.
- Achega 46 calorías cada cen mililitros, case o mesmo ca Schweppes (42), e algo máis ca Kas (33). Un zume de laranxa ten as mesmas calorías, pero achega vitaminas e minerais, que os refrescos non conteñen.
- Na cata acadou 6,7 puntos e foi un dos máis preferidos. Gustou pola súa “dozura” e “cor”, pero foi criticada por “pouco sabor”.
Schweppes Spirit laranxa
- Lata de 0,33 litros, sae a 1,14 euros o litro.
- Declara un 8% de zume de laranxa a base de concentrado.
- Achega 42 calorías/100 ml, case o mesmo ca Fanta (46) e máis ca Kas (33). Un zume de laranxa ten as mesmas calorías, pero achega vitaminas e minerais.
- Na cata obtivo 6,4 puntos e foi un dos máis preferidos. Foi eloxiado polo seu “sabor” e “cor”, pero criticado por “ácido” e pola súa efervescencia.
Kas laranxa
- Lata de 0,33 litros, sae a 1,09 euros o litro, o máis barato dos refrescos de laranxa.
- Declara un 8% de zume de laranxa a base de concentrado.
- Achega 33 calorías/100 ml, o de laranxa que menos, xa que Schweppes achega 42 e Fanta 46. Un zume de laranxa achega 42 calorías/100 ml, pero tamén achega vitaminas e minerais. Emprega dous colorantes artificiais.
- Na cata obtivo 6,2 puntos e no tocante a preferencias quedou en posición intermedia. Gustou pola súa “efervescencia”, pero tamén foi criticado por “cor clara”.
Kas laranxa light
- Lata de 0,33 litros, sae a 1,11 euros o litro.
- Declara un 8% de zume de laranxa a base de concentrado. Achega só 3 calorías/100 ml, procedentes do zume.
- Usa dous colorantes artificiais. Considérase máis conveniente o uso de colorantes naturais.
- Na cata acadou 5,6 puntos e en preferencias quedou en posición intermedia. Gustou o seu sabor, aínda que algúns consumidores sinalaron “pouco sabor a laranxa”.
Fanta laranxa baixa en calorías
- Lata de 0,33 litros, sae a 1,12 euros o litro.
- Declara un 8% de zume de laranxa a base de concentrado.
- Achega enerxética case nula, 3 calorías cada cen mililitros, procedentes do zume de laranxa.
- Na cata obtivo 5,4 puntos e foi un dos dous menos preferidos. Gusta pola súa “cor”, pero foi criticado por “sabor residual que deixa”.
Schweppes Spirit laranxa light
- Lata de 0,33 litros, sae a 1,17 euros o litro, o máis caro dos refrescos de laranxa.
- Declara un 8% de zume de laranxa a base de concentrado. Achega 3 calorías/100 ml, procedentes do zume de laranxa.
- Na cata obtivo 5,4 puntos e foi un dos menos preferidos. Gusta polo seu “sabor” e “cor”, pero foi criticado por “sabor raro”, “pouco sabor, “efervescencia” e “sabor residual que deixa”.
Bitter Kas light
- Botella de cristal de 0,20 litros, sae a 2,48 euros o litro, o dobre ca os refrescos de laranxa e de cola.
- Achega enerxética: cero calorías. Contén dous colorantes artificiais. Considérase máis conveniente o uso de colorantes naturais.
- Na cata acadou 6,7 puntos, foi máis preferido ca o bitter da súa mesma marca en versión normal, e gustou por “doce”, “sabor intenso” e “efervescencia”.
Bitter Kas
- Botella de cristal de 0,20 litros, sae a 2,45 euros o litro.
- Achega 30 calorías/100 ml, menos ca as colas e parecido aos refrescos de laranxa.
- Etiquetaxe incorrecta: non declara na súa lista de ingredientes o benzoato (conservante autorizado), cando a análise revelou que o contén (44 mg/l).
- Usa dous colorantes artificiais. Considérase máis conveniente o uso de colorantes naturais.
- Na cata acadou 5,3 puntos e gustou pola súa “cor”.
Tónica Schweppes
- Lata de 0,33 litros, sae a 1,66 euros o litro.
- Achega 36 calorías/100 ml, menos ca as colas e parecido aos refrescos de laranxa.
- Etiquetaxe incorrecta: non figuran no mesmo campo visual denominación de venda, volume neto e data de consumo preferente.
- Na cata obtivo 6,3 puntos e gustou por “sabor intenso”, “punto de acidez”, “efervescencia” e “sabor que deixa”, pero foi criticada por “pouco sabor”.
Tónica Schweppes light
- Lata de 0,33 litros, sae a 1,72 euros o litro.
- Etiquetaxe incorrecta: non figuran no mesmo campo visual denominación de venda, volume neto e data de consumo preferente.
- Achega enerxética: cero calorías.
- Na cata obtivo 5,7 puntos: gustou polo seu “sabor”, pero foi criticada por “dozura” e “pouca efervescencia”.
Tónica Nordic Mist
- Lata de 0,25 litros, sae a 2 euros o litro, é a tónica a máis cara.
- Achega 36 calorías/100 ml, menos ca as colas e parecido ca os refrescos de laranxa.
- Ten o dobre de quinina ca as outras dúas tónicas, pero bastante menos ca o máximo admitido.
- Na cata obtivo 5,3 puntos: gustou polo seu “sabor”, pero foi criticada por “moi amarga”.
Gasosa La Casera
- Lata de 0,5 litros, sae a 0,93 euros o litro, é o refresco máis barato dos 17 comparados.
- Achega cero calorías.
- O refresco máis carbonatado: 8 gramos de CO2 cada litro (permitido ata 10 g/l), cando as colas teñen uns 7 g/l, as tónicas 6,5 g/l, o bitter 6,5 g/l e os refrescos de laranxa, entre 4 e 5 gramos de CO2 por litro.
- Na cata obtivo 5,4 puntos: gusta polo seu “sabor”, pero foi criticada por “insípida” e “amarga”.