Teletraballo

Virtudes e defectos de traballar en pixama

O teletraballo contribúe a promover a dirección por obxectivos e a flexibilidade horaria, ao mesmo tempo que concilia vida laboral e familiar
1 Xuño de 2008

Virtudes e defectos de traballar en pixama

O traballo en pixama resulta cada vez menos chocante. Ata hai ben poucos anos, o desenvolvemento do emprego dende o teu propio lar era case impensable para os traballadores en nómina por conta allea. Pero a revolución tecnolóxica pulverizou os esquemas tradicionais. Na actualidade abonda con que a actividade non requira a presenza física continuada do empregado, e que a empresa lle facilite un ordenador portátil con Internet e un teléfono móbil onde estar localizado para poder traballar sen saír de casa.

O concepto de teletraballo como traballo a distancia mediante o uso de telecomunicacións xorde nos anos 70 coa crise do petróleo, co obxectivo de evitar desprazamentos en automóbil e, deste xeito, aforrar enerxía. Agora ben, actualmente o teletraballo representa un novo xeito de organización das empresas, e unha ferramenta eficaz para conciliar a vida laboral e a familiar. Así e todo, e aínda que en España dende 1999 ata o 2006 se pasou dun 13% a un 50% de empresas nas que algúns empregados optaban polo teletraballo -segundo datos da “Guía de Boas Prácticas da Empresa Flexible e Responsable” elaborada polos profesores Nuria Chinchilla e Steven Poelmans-, aínda son poucos os traballadores, un 8%, os que traballan na súa propia casa. Esta porcentaxe está ben lonxe da dos Estados Unidos ou da dos países nórdicos, onde o 25% da poboación activa elixe o teletraballo como opción laboral.

A flexibilidade horaria e a posibilidade de conciliar a vida laboral coa familiar e coa social supoñen os principais atractivos para o traballador. O que decanta ás empresas por esta opción é que os teletraballadores aseguran unha maior produtividade (se traballan por obxectivos) e que o custo do posto de traballo se reduce ata nun 50%. Non obstante, aínda que á primeira vista todo son vantaxes, un estudo elaborado por profesores da Durham Business School revela que, se ben os teletraballadores sofren en menor proporción estrés laboral, tamén se amosan moito máis inseguros sobre as súas posibilidades de progresar na súa carreira laboral e botan de menos o ambiente que se respira nos centros de traballo e a relación cotiá cos seus compañeiros. Pola súa banda, os empresarios aínda albergan certas dúbidas sobre o grao de implicación e compromiso que manteñen os teletraballadores coa empresa.

Aspirantes a teletraballador

En principio, calquera profesional por conta propia ou allea, a tempo parcial ou en xeira completa, pode formar parte desta comunidade de teletraballadores. Pero non todas as profesións permiten a flexibilidade necesaria para desempeñar os labores dende o propio fogar. En liñas xerais, as actividades máis accesibles ao teletraballo son aquelas que xeran, converten, difunden, comparten e acceden a información, como os documentalistas, analistas de sistemas, programadores informáticos, tradutores, contables, xornalistas ou axentes de seguros, entre outros profesionais. Tamén recorren ao teletraballo os axentes inmobiliarios, os xuristas, os corredores de seguros e de bolsa (axentes ou vendedores) e os auxiliares administrativos.

Non obstante, moitos traballadores rexeitan esta alternativa. Hai que ser disciplinado e romper barreiras culturais como a de acudir todos os días á oficina. O aspirante a teletraballador debe dominar o tipo de tarefa que realiza, ter autodisciplina laboral e coñecementos básicos de informática e comunicacións. Entre as súas aptitudes atópanse tamén a automotivación, a adaptabilidade, a planificación, a autoconfianza e a iniciativa, entre outras.

O teletraballo tamén abriu importantes expectativas de ocupación para sectores sociais con especiais dificultades de inserción laboral, como é o caso das persoas con restricións graves de mobilidade, por permitir obviar os inconvenientes derivados da necesidade de trasladarse ao lugar habitual de traballo. O mesmo acontece con outros grupos que aturaron décadas de discriminación no ámbito laboral, como as nais, que atopan no teletraballo, cos seus horarios flexibles, unha oportunidade para continuaren a súa carreira profesional sen descoidaren a súa familia e vida persoal. Así e todo, moitas mulleres atopan nesta elección laboral importantes inconvenientes: a fusión dos eidos laboral e doméstico pode facer que moitas limiten as súas saídas ao exterior e se retraian máis do normal.

Conciliar vida familiar e traballo

Mentres que hai medio século o 92% dos traballadores europeos lle concedían máis importancia á súa vida profesional ca á privada, no século XXI o 54% outórgalles máis transcendencia ás cuestións persoais, tal e como recolle a última enquisa sobre teletraballo realizada polo portal de emprego Monster. Na mesma liña manifestábase no 2004 o Parlamento Europeo, que establecía nunha das dez consignas recollidas na acta do 9 de marzo a obriga de destacar a importancia do traballo a distancia, cando este sexa posible, para que os traballadores, homes e mulleres, poidan cumprir as súas obrigas profesionais, familiares e educativas e se acade un equilibrio entre os seus propios intereses e os intereses da empresa.

A pesar de todo iso, España é un dos países europeos que menos inviste en axudas á familia cun 0,8% do PIB, segundo o “Estudo Anual Cátenon de Satisfacción Laboral e Calidade de Vida 2007”. Segundo esta investigación, as medidas de conciliación das empresas española son insuficientes, e só un 5% destas compañías ofrece gardarías para os seus empregados e só un 10% asume a flexibilización horaria que demandan tres de cada catro traballadores.

Ante este panorama, o teletraballo revélase como a mellor opción para conciliar vida laboral e familiar, de xeito especial nos casos de persoas con familiares dependentes (nenos ou maiores), con problemas de mobilidade ou con residencias afastadas, ao unir nun mesmo espazo a familia e o traballo.

Nunha experiencia realizada no 2004 por Telefónica I+D, o 90% dos implicados consideraba que o teletraballo mellora a conciliación da vida familiar e laboral e ningún cría que a dificulta. Todos coincidiron na aceptación favorable do teletraballo polo contorno familiar, e valoraron, nunha escala do un ao cinco, a adecuación do teletraballo á vida persoal cun 4,5.

Non obstante, a delgada liña que divide casa e traballo pode orixinar conflitos no seo familiar pola intromisión das responsabilidades familiares no traballo e polo perigo de adicción pola falta de horario fixo, entre outros factores. A solución aos posibles problemas pasa por traballar regularmente uns días na casa e outros na oficina. Esta opción eleva ao máximo os beneficios do teletraballo, xa que hai unha maior concentración e flexibilidade para a familia, e reduce ao mínimo os problemas de illamento social e o mantemento de relacións cos directivos e compañeiros.

Telecentros, a medio camiño entre a casa e a oficina

Unha posibilidade intermedia entre traballar na casa e na oficina son os chamados telecentros, ou centros de recursos compartidos, que reúnen case todas as vantaxes dos dous anteriores, e case ningún dos seus inconvenientes. Estes espazos públicos, patrocinados en xeral por concellos e comunidades autónomas, están dotados co equipamento necesario para dispoñer de acceso gratuíto e de calidade a Internet e ás novas tecnoloxías, co que se libera o traballador de investir en equipos e programas informáticos que quedan obsoletos decontado. O usuario conta cun apoio técnico de gran valor e, ademais, permíteselle traballar nun ambiente libre de interrupcións familiares e/ou persoais.

Situados de xeito preferente en zonas rurais de difícil acceso ás novas tecnoloxías e en núcleos urbanos desfavorecidos, os telecentros están á disposición tanto dos traballadores dunha empresa privada coma de profesionais liberais ou pequenas empresas. Nestes telecentros é habitual que se concentren varios teletraballadores, sen que teñan relación profesional entre eles. Cada un dedícase ao seu propio traballo de xeito independente, aínda que iso non é óbice para que poidan consultarse dúbidas ou tomar un café xuntos, o que facilita as relacións humanas e profesionais.

Baleiro legal

A Lexislación española non contempla dun modo expreso o teletraballo, pero tampouco o prohibe. En España, o feito de que un traballador preste os seus servizos na empresa a través da fórmula do teletraballo non implica unha serie de deberes e dereitos adicionais na relación teletraballador-empresario, e ha de rexerse en principio polo art. 13 do Estatuto dos Traballadores.

O que si está vixente dende xullo do 2002 é un Acordo Marco Europeo sobre teletraballo, co que se pretende que os teletraballadores se beneficien da mesma protección ca os asalariados que traballan nos locais da empresa, e que regula a definición e campo de aplicación do teletraballo, o carácter voluntario, as condicións de emprego, a protección de datos, a vida privada, os equipamentos, a saúde e a seguridade, a organización do traballo, a formación, e os dereitos colectivos, así como o seu seguimento. Este acordo equipara flexibilidade e seguridade e reforza a calidade dos empregos, posto que vincula o teletraballo a un contrato e iguala o trato destes traballadores cos asalariados que traballan nos locais da empresa.

Modalidades do teletraballo

  • No propio domicilio. Este é o tipo de traballo con maior potencial de crecemento.
    • Por conta propia. Característico dos profesionais que realizan tarefas relacionadas co manexo de datos ou que supoñen un labor de estudo e deseño. Un dos factores do seu desenvolvemento é a externalización, é dicir, a subcontratación doutras empresas ou de profesionais independentes para realizar tarefas non directamente relacionadas coa actividade principal da empresa.
    • Por conta allea. Pode responder a necesidades do traballador ou a unha política propia da empresa. Nesta modalidade é frecuente que os traballadores alternen o teletraballo coa asistencia á oficina, traballando dous ou tres días á semana dende casa, e dedicando os outros días a reunións e traballo na empresa.
  • Centros de teletraballo ou telecentros. Un telecentro é unha oficina que dispón de recursos compartidos e que conta para iso coas instalacións de telecomunicacións e dos equipos informáticos necesarios para poder desenvolver as súas actividades laborais.
  • Teletraballadores móbiles ou itinerantes. Nesta modalidade encádranse os traballadores que necesitan desprazarse con frecuencia para mellorar o servizo que lles prestan aos seus clientes, como os profesionais que se dedican ao mantemento de equipos informáticos, viaxantes de comercio, reporteiros, consultores, etc. Por este motivo, é moi importante a utilización de redes telefónicas e conexións de ordenador en liña para manter o contacto coa empresa mentres desenvolven a súa actividade profesional.

Vantaxes e desvantaxes do teletraballo

Vantaxes do teletraballo

Para o traballador

  • Maior flexibilidade do horario laboral. Permítelle organizar as súas horas de traballo e adaptalas ás súas necesidades persoais.
  • Maior autonomía. Ás persoas cun carácter independente e ás que lles gusta asumir responsabilidades, o teletraballo permítelles gozar dun maior grao de autonomía.
  • Favorece a integración laboral das persoas con minusvalidez.
  • Aforro. Realízanse menos desprazamentos, o que supón un aforro de tempo e de cartos. Tamén diminúen os gastos por reducir o vestiario formal e as comidas fóra da casa. Ademais, como non cómpre acudir acotío á oficina pódese vivir nun lugar no que a vivenda sexa máis económica.

Para a empresa

  • Incrementa a flexibilidade, interna e mais externa. A flexibilidade enténdese nas organizacións como unha necesidade para captar e reter talento.
  • É unha maneira rendible de promover a conciliación.
  • Redúcese o absentismo laboral.
  • Redución dos custos fixos das empresas (menos espazo nas oficinas, aforro de luz, enerxía, transportes, alugueiro e equipamento de oficina).
  • Maior produtividade por mor da implantación do traballo por obxectivos, por efectividade, por resultados. Segundo diferentes estudos, a produtividade do teletraballador pode incrementarse entre un 20% e un 30%.
  • Proporcionalles ás empresas un achegamento ao cliente (o tempo de resposta a un pedido é moito máis rápido co teletraballo) e mais unha mellor capacidade de reacción, eficacia, calidade de servizo e imaxe propia.
  • Redúcense os problemas de convivencia entre empregados.
    Facilita a expansión xeográfica.

  • Diminúe o absentismo laboral, os espazos de tempo mal aproveitados, trabállanse máis horas, de máis calidade e con maior motivación, etc.

    Desvantaxes do teletraballo

    Para o traballador

    • A falta de ambiente laboral pode resultar unha desvantaxe: soidade, falta de apoio, comunicación… Todo isto conduce á perda de motivación, de valores de equipo, de ganas de traballar e de produtividade.
    • Diminúelle as prestacións e proteccións sociais ao traballador, sobre todo cando se trata dun empregado por conta propia.
    • Xera un sentimento de inseguridade laboral e social, e pode causar unha sensación de desprotección ante o desamparo dunha normativa especifica que cubra riscos de accidentes de traballo, enfermidades, etc.
    • Hai un temor a que a súa menor presenza na empresa signifique unha perda de oportunidades de promoción na organización.
    • Pode xerar sedentarismo, xa que se diminúen os traslados e movementos.
    • Téndese dun xeito irreversible á individualización.
    • O teletraballo esixe autodisciplina e organización, así como asumir que cómpr descansar para garantir un rendemento óptimo.
    • Debe ter unha formación continua nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación para non quedar á marxe do mercado laboral.
    • Risco de intromisión das responsabilidades familiares no traballo.

    Para a empresa

    • O illamento do traballador inflúe no seu rendemento, o que pode significar un menor índice de produtividade para a empresa.
    • Redúcense os contactos persoais, e mesmo chegan a desaparecer, o que restrinxe ou elimina os intercambios de ideas produtivas, reduce a interacción social e dificulta a difusión da cultura empresarial, incidindo na capacidade operativa dun grupo de traballo.
    • Pódense crear conflitos derivados da lealdade dos teletraballadores se teñen acceso aos bancos de datos da compañía.
    • Nalgúns casos, as compensacións monetarias poden superar o custo total do traballador a tempo completo na oficina.