Do patio da escola á Rede dende o cuarto
O máis común é manter a comunicación que comezou ao mediodía no patio da escola, só que dun xeito diferente. A relación nas redes sociais non é tan intensa no plano físico como a presencial (pódense ver, pero non tocar), aínda que ofrece centos de maneiras de comunicarse sen a necesidade física de verse fronte a fronte: vídeo, audio, voz, imaxe, texto, xogos… Esta fórmula non é exclusiva para os amigos da escola, do lugar de veraneo ou da discoteca; hai milleiros de adolescentes máis de todos os recantos do mundo en Internet cos que se poden establecer este tipo de relacións virtuais. Para o adolescente, a rede social é unha prolongación do seu mundo, do grupo onde se sente comprendido e co que se identifica.
O primeiro obxectivo do adolescente cando entra e se inscribe nun destes servizos é conformar a súa páxina persoal e crear así a súa identidade virtual. Nesta páxina ‘colgará’ fotografías coa súa imaxe e coa dos seus amigos, incluirá os vídeos que lle gustan, os enlaces aos seus sitios da Rede favoritos, as cancións que máis escoita e contará as súas experiencias e pensamentos. A partir de aí, atoparase con amigos virtuais cos que interactuar e ampliará o seu espectro comunicativo.
É normal que moitos pais queiran saber que fan os seus fillos nestas redes, en que consisten e con quen falan. Co fin de que este interese non sexa cualificado polos fillos como unha intromisión, convén preguntarlles a eles directamente e que os inviten a observar algunha das súas charlas, sempre con cautela e respecto. En caso de que se neguen, non é recomendable, nin necesario, usar o ordenador filial para ver a páxina persoal do mozo e o que alí escribe. Convén entrar dende outro terminal á páxina xeral da rede social e, dende alí, navegar polas páxinas dos seus membros para ver o seu deseño e os contidos que amosan. En caso de que se trate de redes pechadas ás que non se teña acceso, pódese contactar cos pais dalgúns dos amigos que tamén se comuniquen mediante este sistema co fin de coñecer que fan nestas redes. Pero ante todo non hai que obsesionarse, tampouco se ten un coñecemento exhaustivo do que fan os mozos en cada momento cando van ás discotecas e non por iso se lles prohibe ir.
Aínda que se deron algúns casos en que as redes xuvenís se utilizaron con fins deshonestos por parte de adultos, estes foron moi minoritarios. Ademais, estes servizos contan cun estrito control da privacidade e dos contidos que se publican para evitar que se expoñan mensaxes perniciosas ou que vulneren os dereitos do menor. Os límites de idade, os botóns de aviso de contidos molestos e as cláusulas de responsabilidade son frecuentes.
Polo xeral, a influencia das redes nos seus usuarios é moi positiva. En primeiro lugar, porque os familiariza dun modo lúdico cunhas tecnoloxías que serán nuns anos as súas principais ferramentas laborais. Tamén porque as redes sociais supoñen unha segunda oportunidade para os mozos que no mundo exterior non se dan comunicado co seu ámbito: nas redes, o mozo tímido, con dificultades de relación ou que ten problemas para atopar persoas de interese no seu ambiente pode comunicarse ao seu xeito, sen complexos e para un público moito máis amplo.
Outra das grandes vantaxes das redes é o seu carácter colaborativo. Os mozos comparten contidos de xeito constante e, dese xeito, tamén comparten coñecementos. Mesmo se pasan apuntamentos de clase e consultan dúbidas. É dicir, aprenden a estudar e a traballar en equipo, calidade moi valorada nas empresas. Polo tanto, estas redes, lonxe de illalos, socializan aínda máis aos mozos.
As catro redes sociais que se detallan deseguido son moi semellantes en obxectivos e usos, pero non nas súas estratexias para se defenderen das intromisións molestas ou ilegais.
- Live Spaces: É a rede xuvenil de Microsoft, pensada para os máis novos. Para facerse usuario abonda con inscribirse cun nome, unha conta de correo e un contrasinal. Trátase dunha rede aberta onde se poden ver as páxinas de todos os seus usuarios, salvo que estes indiquen de xeito expreso o contrario. Conta cunhas estritas cláusulas de control de contidos.
- MySpace: Trátase dunha rede onde se aloxan moitos mozos do ámbito universitario e artistas que queren compartir as súas creacións. É tamén unha rede aberta e moi popular porque dela saíron algunhas das estrelas actuais da música. Contén estritas cláusulas de propiedade dos contidos.
- Facebook: Unha rede moi popular entre os mozos caracterizada polas ferramentas que se usan nela, xa que están creadas polos seus mesmos usuarios e son moi doadas de incorporar á páxina persoal propia. Trátase dunha páxina pechada á que se accede por convite expreso de cada contacto, o que pecha en principio a entrada a posibles perigos.
- Tuenti: É moi similar a Facebook, pero en castelán, cun gran éxito entre os internautas españois. O seu estrito control da privacidade e a limitación das relacións entre usuarios por rango de idades dificulta que o adolescente poida poñerse en contacto con persoas non desexadas.