Cirurxía sen cicatrices
Máis rápida, cómoda e segura. Non se trata da promoción dunha aeroliña, nin dunha marca de coches, senón das vantaxes da Cirurxía Mínima Invasiva (CMI). Dende que se deu a coñecer a mediados dos anos 80, esta práctica foise abrindo camiño con paso firme e continuado entre as alternativas cirúrxicas para resolver problemas de saúde cada vez maiores. Se ao primeiro as súas posibilidades se limitaban a apéndice, vesícula, próstata e cadeiras, agora xa é posible extirpar órganos e vísceras, cando non tumores, tanto benignos como malignos.
O obxectivo desta técnica é simple: trátase de acceder ao interior do corpo humano a través de cortes moi pequenos. O uso de tecnoloxías de visión e de instrumental adaptado, xunto cun mellor aproveitamento dos ocos e baleiros internos que todo corpo humano contén, fixeron o resto.
O seu maior beneficio: a recuperación do paciente é máis rápida e menos dolorosa. A diferencia da cirurxía clásica ou aberta, na que son necesarias grandes incisións para acceder á parte do corpo que se desexa intervir, abonda con realizar cortes de reducidas dimensións por onde se introducen endoscopios (tubos flexibles provistos dunha cámara nun extremo e que están conectados a un monitor onde se visualiza a zona a tratar), amais de distintos sistemas ópticos.
As técnicas pouco invasivas experimentaron tal desenvolvemento, de xeito especial en intervencións do aparello dixestivo, que nestes momentos a colescistectomía (extirpación da vesícula biliar) laparoscópica se converteu nunha das técnicas máis utilizadas. Nos EE.UU. representa xa o 65% de todas as intervencións de colescistectomía, e en Europa comézanse a rexistrar proporcións similares. Segundo unha enquisa nacional da Asociación Española de Cirurxiáns, o 89% das extirpacións de pedras da vesícula -colelitiase-, o 80% da cirurxía do refluxo gastroesofáxico e o 54% das pancreatites agudas non complicadas realízanse con cirurxía laparoscópica. Malia estas cifras, os expertos están de acordo en que en España as cifras son aínda moi reducidas por falta de tecnoloxía e formación práctica necesaria.
Pero non só o aparello dixestivo e a vesícula se benefician desta técnica. Tamén é moi recorrente noutras especialidades como cardioloxía e cirurxía vascular, uroloxía, xinecoloxía, cirurxía plástica, cirurxía ortopédica e traumatolóxica, neurocirurxía, otorrinolaringoloxía e tamén en pediatría. Estímase que hai polo menos cen procedementos médico-cirúrxicos nos que se poden practicar técnicas de CMI, aínda que só unha parte deles están aceptados polas autoridades sanitarias. Nos EE.UU., a aprobación das distintas variantes foi moi rápida, o que favoreceu a súa extensión. Na Unión Europea, en cambio, o proceso é máis lento e desigual. Malia iso, só o 10% dos 15 millóns de operacións que se realizan cada ano nos EEUU se realizan mediante esta cirurxía pouco invasiva, segundo o informe Technology Forecast Report in Minimally Invasive Surgery. O prognóstico para os países europeos é que nos vindeiros cinco anos arredor do 25% de todas as intervencións que se efectúen serán seguindo directrices de CMI.
Vantaxes para o paciente
As técnicas de Cirurxía Mínima Invasiva gañáronlle terreo nos últimos anos á cirurxía clásica polas vantaxes que lle ofrece ao paciente. Entre as máis destacadas atópanse:
- Menos dor: Unha intervención a través dunha abertura mínima -que pode ir duns milímetros a un ou dous centímetros- tradúcese en menos dor postoperatoria, menos analxesia e menos curas de enfermaría para tratar as feridas.
- Menor risco de infeccións: Dada a menor exposición da zona intervida, tamén se reduce a probabilidade de infección que teñen as feridas de cirurxía aberta.
- Evita a anestesia xeral: Os procedementos de CMI, menos agresivos para o paciente, poden evitar a anestesia xeral. E moitas intervencións pódense efectuar con anestesia local ou sedación.
- Resultado estético: As cicatrices apenas son visibles, razón pola que estas técnicas rexistraron unha gran aceptación no marco da cirurxía estética, entre outras moitas especialidades cirúrxicas.
- Postoperatorio máis curto: A duración do postoperatorio e a permanencia do paciente no hospital son máis breves, o que lle permite acabar de recuperarse na casa, de modo máis confortable, e reincorporarse antes ás súas actividades cotiás.
- Menor tempo en reintervencións: Os procedementos CMI caracterízanse, no caso da cirurxía laparoscópica, pola redución das complicacións tardías da parede abdominal. Iso facilita unha eventual reintervención, se fose necesaria, en menos tempo.
- Menores custos sanitarios e sociais: A consecuencia dun menor postoperatorio, dunha menor permanencia hospitalaria e da máis rápida reincorporación á actividade.
Limitacións técnicas e económicas
Sen perder de vista en ningún momento as numerosas vantaxes, hai que ter en conta que as técnicas de CMI tamén arrastran algúns inconvenientes respecto á cirurxía aberta.
Un dos principais afectan aos cirurxiáns, xa que a formación nesta área é un proceso longo e difícil. Son técnicas moi esixentes e que precisan un grande adestramento. A CMI priva de visión e palpación directas, polo que os cirurxiáns deben aprender a executala dun modo distinto ao convencional. Así mesmo, cómpre ser moi meticuloso na súa práctica, posto que se se produce unha hemorraxia importante, as complicacións para controlala son maiores. Ademais, o proceso de sutura (puntos) pode resultar máis lento e adverso ca noutras cirurxías clásicas.
A todo iso hai que engadir o grande investimento necesario en equipos e instrumentación e a falta de evidencia científica abonda que avale a relación custo-beneficio fronte á cirurxía convencional. Eses gastos hai que confrontalos co aforro en atención e permanencia hospitalaria. Aínda que parece claro que para o paciente o sistema é vantaxoso, hai que demostrar que o é tamén para o sistema sanitario. Os expertos reclaman tempo para iso.
Tipos de Cirurxía Mínima Invasiva
- Endoscopia:
- Consiste en introducir o tubo (endoscopio) pola cavidade bucal ou anal para diagnosticar e tratar lesións. Tamén se utilizan endoscopios para tratar enfermidades da árbore respiratoria e para acceder á zona cerebral por vía nasal.
- Radioloxía intervencionista ou cirurxía endovascular:
- Introdúcese un dispositivo miniaturizado, guiado por técnicas da imaxe como a ecografía, a resonancia magnética, a fluoroscopia ou a tomografía axial computerizada (TAC). Entre estes dispositivos figuran os catéteres, que son tubos longos e moi finos que se introducen en veas e arterias para acceder ao vaso sanguíneo que se desexa tratar. Cando se practica na apertura de vasos obstruídos denomínase anxioplastia. O desenvolvemento destas técnicas supuxo unha auténtica revolución, xa que permiten tratar vasos de órganos tan vitais como o corazón e o cerebro sen os riscos que comporta a cirurxía convencional. Do mesmo xeito, facilitou o tratamento a pacientes maiores ou moi enfermos que foran descartados para unha operación a corazón aberto.
- Laparoscopia:
- Esta é se cadra unha das cirurxías máis populares dos últimos anos. Baséase en intervir practicando pequenas incisións no abdome. Por vía laparoscópica é posible realizar unha cirurxía do apéndice ou apendicetomía; extirpar o bazo (esplenectomía) ou o ril (nefrectomía); intervir hernias inguinais e mesmo operar obesos mórbidos.
- Toracoscopia:
- Realízase mediante pequenas incisións no tórax para examinar o sistema pulmonar, ben sexa para reparar o pulmón colapsado, drenar líquido acumulado ou para extirpar tecido para a súa posterior análise.
- Artroscopia:
- É a técnica empregada por cirurxiáns ortopédicos e traumatolóxicos para atender os problemas articulares en xeonllo, ombreiro e cóbado. A pesar de que nun primeiro momento só era un procedemento diagnóstico, agora tamén é cirúrxico.
Nos dous últimos anos apareceu unha nova variante da Cirurxía Mínima Invasiva, coñecida como NOTES (acrónimo inglés de Cirurxía Endoscópica Transluminal) que aproveita os orificios naturais para acceder a órganos ou tecidos internos. Boca, ano e vaxina son os máis destacados. A técnica, da que se deron os primeiros pasos no 2004, aínda se atopa en fase experimental. Apenas se afrontaron uns poucos casos en todo o mundo e en España os primeiros efectuáronse no 2007. Ata agora, deuse extirpado a vesícula biliar pola vaxina e pola boca, o apéndice pola boca e o ril pola vaxina. En España, son centros pioneiros nesta técnica o Hospital Son Llátzer de Palma de Mallorca e mais o Hospital Clínico de Barcelona.
A NOTES polo de agora non se lle ofrece de modo rutineiro aos pacientes e aínda se practica xunto a outras vías de acceso como a laparoscopia. Ademais, debido a que é unha técnica novidosa, descoñécense os seus resultados a longo prazo. Por esta razón, antes de se someter ao procedemento, ao igual que acontece con calquera outra cirurxía, é conveniente que o paciente se informe ben do tipo de intervención que lle van practicar e da experiencia do equipo de cirurxiáns. Convén ler con detemento o consentimento informado (documento no que se expoñen cales son os beneficios e posibles complicacións, riscos e secuelas da cirurxía) e non descartar unha segunda opinión médica en caso de consideralo necesario.