Lentes de sol

Ir á moda sae caro, protexerse cunhas boas lentes de sol non

Logo de analizar 20 lentes de sol, ata as máis baratas superaron todas as probas de protección fronte á luz visible e os raios ultravioletas invisibles
1 Xuño de 2008
Img analisis 2 listado 181

Ir á moda sae caro, protexerse cunhas boas lentes de sol non

Ninguén dubida de que no prezo dunhas lentes de sol inflúe non só a súa calidade, senón tamén a súa marca. O deseño e a exclusividade encarecen as lentes de sol das grandes firmas. Pero, ata que punto?, canto da abismal diferenza de prezos entre unhas e outras lentes lle indica ao consumidor que se atopa ante un produto de mellor calidade que o vai protexer mellor ante os raios solares?

Para comprobalo analizáronse no laboratorio vinte lentes de prezos moi distintos: dende os 12,90 euros de Mango ata os 286 euros de Dior Sete lentes eran de nivel de protección dous (tinguidura media: abonda para actividades ao aire libre) e trece do nivel tres (tinguidura escura: axeitadas para o seu uso en mar e montaña). Adquiríronse en tendas de roupa e en ópticas. Non se estudaron as de tipo cero e un porque apenas protexen da luz solar e as de tipo catro, xa que non serven para conducir e só están recomendadas para a alta montaña. Todas as estudadas cumpren coas esixentes probas que marca a norma europea EN 1836:2006 que regula estes produtos. As vinte filtran a radiación ultravioleta case por completo, son aptas para conducir e superan as probas de resistencia.

A mellor relación calidade-prezo para os usuarios que só precisan unhas lentes para pasear ou conducir é Bershka, do tipo de protección dous e a segunda máis barata (13 euros). Quen precise un nivel de protección superior (por exemplo, para ir ao monte ou á praia) pódese decantar por Indo (69 euros), de clase tres e que demostrou ser a que mellor bloqueaba a luz visible sen chegar a escurecer demasiado a visión.

Calidade das lentes

Comprobouse que as vinte lentes carecen de graduación (o que tecnicamente se coñece como potencia óptica cero). Os cristais de Gant (de nivel de protección dous) e Polaroid (de protección tres) están polarizados, é dicir, eliminan os reflexos de certos ángulos.
As lentes de Bershka, Mango, Ray Ban, Gucci, Guess, Dior e Just Cavalli son degradadas (o que a norma denomina “progresivas”, pero que nada ten que ver cos cristais graduados do mesmo nome). Nestas ópticas a parte superior da lente é máis escura ca a inferior. Así permite mirar ao horizonte con moita luz ao mesmo tempo que se pode dirixir a vista cara a obxectos máis próximos e peor iluminados (útil, por exemplo, para ler).

Ao bloquear parte da radiación visible as lentes reducen a fatiga ocular e melloran a percepción visual. A transmitancia é a proporción de luz que deixa pasar a gafa de sol a través do cristal. Non se pode definir de maneira obxectiva que un filtro máis escuro sexa mellor ca outro máis claro, porque a percepción do usuario depende da luz no ambiente e da súa sensibilidade ocular. Canto maior sexa a porcentaxe, máis luz atravesará a lente. As lentes de protección dúas deixan pasar entre o 18% e o 43% da luz e as do tipo tres, do 8% ao 18%. Just Cavalli (36,6%) e Gucci (32,2%) foron as que menos atenuaron a luz visible, pero entraron dentro do rango permitido. Indo (8,9%) foi a que máis protexía fronte á luz visible. Loewe (10,7%), Massimo Dutti (11,3%) e Hugo Boss (11,4%) amosaron tamén valores baixos de transmitancia á luz, polo que son aptos para situacións de moita luminosidade ou para usuarios moi sensibles á luz solar.

Pero, tan importante como limitar a luz visible, é bloquear os daniños raios ultravioleta, que se dividen en UVA e UVB. A norma é moi estrita neste punto (sobre todo cos raios UVB, que son os máis prexudiciais). As vinte lentes superaron sobradamente esta proba e ofrecían protección case total fronte a esta daniña radiación.

Para que unhas lentes sexan adecuadas para a condución deben ser do filtro 0, 1, 2 e 3 (polo tanto, as vinte analizadas cumpren con este requisito). Pero, ademais, o 20% do total de luz visible que deixan pasar debe estar na franxa do espectro de luz que vai dende os 500 nanómetros (nm) aos 650 nm, no que se atopan a cor vermella, verde e amarela. Tamén é requisito para a condución que a atenuación de cores non sexa excesiva. As vinte superaron estas dúas probas e polo tanto son aptas para seren usadas durante a condución.

As lentes son obxectos susceptibles de sufrir toda clase de caídas e golpes, por iso deben estar construídas para aturar o uso cotián. Para comprobar como resisten o esmagamento, aplicouse sobre as lentes unha forza de 100 newton durante dez segundos, a pesar do cal non sufriron nin fracturas nin deformacións. Tamén se puxo unha vara metálica a 650 ºC durante cinco segundos sobre as lentes, sen que ningunha delas se inflamase.

A proba de avellentamento acelerado consiste en introducir as lentes nunha cámara onde se someten durante 25 horas a unha elevada dose de radiación luminosa e ultravioleta producida por unha lámpada de xenon. As lentes de tipo dous non deben amosar unha diferenza na transmisión da luz despois de ser avellentadas superior ao 8%, e as de tipo tres, do 10%. Todas demostraron uns valores correctos, pero con diferenzas: Tous (6,46%) e Dior (4,74%) tiveron un peor comportamento, mentres que en Bershka (0,42%) e Oris (0,59%) as diferenzas entre o antes e o despois foron mínimas.

Protección ao consumidor

A diferenza da maioría dos produtos duradeiros, as lentes de sol non se venden en paquetes pechados, senón que é o comercio o encargado de lle dar ao consumidor por separado os diferentes elementos dos que consta o produto: as propias lentes, unha funda para o seu transporte, un pano para limpalas e as instrucións de uso, conservación e garantía. En todas as lentes analizadas, agás en Bershka, Xdye e Mango, o comercio non lles entregou aos técnicos de CONSUMER EROSKI as instrucións (ou o fixeron doutras lentes que non se correspondían coas adquiridas), algo ao que obriga a norma. Os fabricantes aseguran que si fai chegar aos comercios este imprescindible documento. Pero este problema poderíase evitar se os fabricantes empaquetasen axeitadamente os seus produtos. Na situación actual, o consumidor que desexe coñecer que grao de protección lle ofrecen os seus lentes debe esixir o manual no establecemento.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 20 lentes de sol de protección 2 (con cristais lixeiramente tinguidos, aptas para o uso ao aire libre) e de protección 3 (con cristais escuros, idóneos para o mar ou montaña) moi diferentes en prezo: dende os 12,90 euros de Mango ata os 286 euros de Dior..
  • As lentes degradadas (Bershka, Mango, Ray Ban, Gucci, Guess, Dior e Just Cavalli) protexen máis na parte superior do cristal ca na inferior: xa que logo, permiten ollar un horizonte luminoso e ler obxectos pouco iluminados sen quitar as lentes.
  • As lentes polarizadas (Gant e Polaroid) eliminan os reflexos de certos ángulos e permiten unha visión máis nítida.
  • Todas son resistentes: aturan enriba un peso de 100 newton, non entran en combustión se se lles aplica unha vara incandescente e case non se degradan se son avellentadas prematuramente baixo unha radiación intensa.
  • As vinte son aptas para conducir porque deixan pasar unha cantidade abonda de luz vermella, verde e amarela.
  • Só tres lentes inclúen a información ao consumidor obrigatoria, se ben algúns fabricantes achacan este fallo aos establecementos onde se adquiriron.
  • A mellor relación calidade-prezo é Bershka, do tipo de protección 2 e a terceira máis barata (13 euros). Indo (69 euros), de clase 3, demostrou ser a que mellor bloqueaba a luz visible sen chegar a escurecer tanto a visión que impedise conducir, polo que é unha boa opción para quen precise un nivel de protección superior.
LENTES DE SOL DE FILTRO 2
Marca Modelo Prezo Filtro progresivo Lente polarizada Transmi- tancia luminosa (1)% Transmi- tancia UVA (2)% Transmi- tancia UVB (3)%
Berhska 4609 12,95 Non 27,4 0,06 0,08
Ray Ban 3311 122,43 Non 28,2 0,06 0,01
Gucci 2930/S 257,20 Non 32,2 0,06 0,01
Gant Havasu SI-3P 143 Non 18,8 0,01 0,01
Guess GU6357 147 Non 25,2 0,03 0,06
Dior Diorito 2 LRVJN 286,40 Non 22,6 0,13 0,09
Just Cavalli JC144S U32 158,40 Non 36,6 0,07 0,11

Lentes de sol
DE FILTRO 2
Marca Coeficientes de atenuación visual vermello-verde-azul amarelo Transmi- tancia entre 500 y 600 nm (luz dos semáforos)% Resistencia mecánica Resis- tencia á inflama- bilidade Resistencia ao avellentamento (4)%
Berhska 1,13 0,98 1,14 1,02 21,5 Correcto Correcto 0,42
Ray Ban 1,24 0,91 0,95 1,13 23,32 Correcto Correcto 1,13
Gucci 1,00 1,01 1,08 0,99 30,02 Correcto Correcto 3,13
Gant 0,97 1,01 1,02 0,99 30,3 Correcto Correcto 1,36
Guess 1,23 0,97 1,23 1,03 20,01 Correcto Correcto 1,31
Dior 1,32 0,92 1,11 1,11 17,45 Correcto Correcto 4,74
Just Cavalli 1,4 0,89 1,01 1,17 29,89 Correcto Correcto 2,65

Lentes de sol
DE FILTRO 3
Marca Modelo Prezo Filtro progresivo Lente polarizada Transmi- tancia luminosa (1)% Transmi- tancia UVA (2)% Transmi- tancia UVB (3)%
Indo 5089 CA-1537 69 Non Non 8,9 0,01 0,00
Springfield 87254 15,95 Non Non 12,0 0,02 0
Massimo Dutti 4501 501 68,25 Non Non 11,3 0,01 0,01
Hugo Boss 0063/S 194,25 Non Non 11,4 0,01 0
Oxydo X-Steel2 6LBN2 95,57 Non Non 13,3 0,01 0
Tous STO585 89 Non Non 12,2 0,02 0,01
Loewe SLW276 169 Non Non 10,7 0,01 0
Xdye XDM855 19,95 Non Non 15,7 0,03 0,01
Mango 63634035 12,90 Non 16,1 0,18 0,08
Oris A126 COL01 29,50 Non Non 16,8 0,01 0
Furla SU4621 131 Non Non 12,8 0,04 0,03
Carolina Herrera 212-2388 150 Non Non 16,0 0,02 0
Polaroid 4811 71,50 Non 15,3 0,02 0,01

Lentes de sol
DE FILTRO 3
Marca Coeficientes de atenuación visual vermello-verde-azul amarelo Transmi- tancia entre 500 y 600 nm (luz dos semáforos)% Resistencia mecánica Resis- tencia á inflama- bilidade Resistencia á radiación
%
Indo 0,91 1,09 1,33 0,88 6,30 Correcto Correcto 2,44
Springfield 1,14 0,98 1,17 1,03 11,25 Correcto Correcto 1,91
Massimo Dutti 0,94 1,09 1,3 0,88 7,72 Correcto Correcto 1,25
Hugo Boss 1,13 0,98 1,12 1,04 10,54 Correcto Correcto 4,32
Oxydo 0,98 1,04 1,22 0,95 10,40 Correcto Correcto 2,76
Tous 1,59 0,82 1,03 1,27 8,14 Correcto Correcto 6,46
Loewe 1,05 0,96 1,15 1,04 9,32 Correcto Correcto 2,38
Xdye 1,12 0,99 1,08 1,02 14,48 Correcto Correcto 1,79
Mango 1,36 0,95 1,35 1,06 10,95 Correcto Correcto 2,84
Oris 0,9 1,07 1,10 0,93 13,41 Correcto Correcto 0,59
Furla 1,17 1 1,29 1,02 10,96 Correcto Correcto 2,27
Carolina Herrera 1,07 1,01 1,14 1 14,39 Correcto Correcto 2,66
Polaroid 1,05 0,97 0,96 1,05 22,88 Correcto Correcto 2,52

(1) Transmitancia non visible: Trátase do factor de transmisión non visible tal e como o define a norma EN 1836:2005. Canto menor é o seu valor maior é o grao de protección fronte á luz visible.

(2) Transmitancia UVA: Trátase do factor de transmisión do UVA solar tal e como o define a norma EN 1836:2005. Canto menor é o seu valor maior é o grao de protección fronte á radicación UVA.

(3) Transmitancia UVB: Trátase do factor de transmisión do UVB solar tal e como o define a norma EN 1836:2005. Canto menor é o seu valor maior é o grao de protección fronte á radicación UVB.

(4) Resistencia ao avellentamento: canto menor sexa o valor, menos se deteriora a lente logo dun avellentamento acelerado.

Unha por unha

Unha por unha, 20 lentes de sol

Berhska 4609

  • Prezo: 12,95 euros.
  • A mellor relación calidade-prezo. Filtro progresivo. As que mellor aturan o avellentamento forzado.

Ray Ban 3311

  • Prezo: 122,43 euros.
  • Filtro progresivo. Entre as de tipo 2, das que menos radiación UVB deixan pasar.

Gucci 2930/S

  • Prezo: 257,20 euros.
  • Filtro progresivo. Entre as de tipo 2, das que menos radiación UVB deixan pasar.

Gant Havasu SE-3 P

  • Prezo: 143 euros.
  • Lente polarizada. Das que menos radiación UVA e UVB deixan pasar.

Guess GU6357

  • Prezo: 147 euros.
  • Filtro progresivo. As que máis radiación UVA deixan pasar das de tipo 2.

Dior Diorito 2 LRVJN

  • Prezo: 286,40 euros. As máis caras.
  • Filtro progresivo. As de tipo dous que peor aturan o avellentamento forzado

Just Cavalli JC144S U32

  • Prezo: 158,40 euros.
  • Filtro progresivo. As que máis luz visible e radiación UVB deixan pasar.

Indo 5089 CA-1537

  • Prezo: 69 euros.
  • Outra opción interesante. A mellor relación calidade-prezo entre as lentes de tipo 3.Das que menos radiación UVA e luz visible deixan pasar. Bloquean completamente os raios UVB.

Springfield 87254

  • Prezo: euros 15,95.
  • Bloquean completamente os raios UVB.

Massimo Dutti 4501 501

  • Prezo: 68,25 euros.
  • Das que menos radiación UVA deixan pasar.

Hugo Boss 0063/S

  • Prezo: 194,25 euros.
  • Das que menos radiación UVA deixan pasar. Bloquean completamente os raios UVB.

Oxydo X-Steel2 6 LBN 2

  • Prezo: 95,57 euros.
  • Das que menos radiación UVA deixan pasar. Bloquean completamente os raios UVB.

Tous STO585

  • Prezo: 89 euros.
  • As que peor aturan o avellentamento forzado.

Loewe SLW276

  • Prezo: 169 euros.
  • Das que menos radiación UVA deixa pasar. Bloquean completamente os raios UVB.

Xdye XDM855

  • Prezo: 19,95 euros.
  • Non destacan especialmente en ningún apartado.

Mango 63634035

  • Prezo: 12,90 euros. As máis baratas.
  • Filtro progresivo. Das vinte, as que máis radiación UVA deixan pasar e, das de tipo 3, as que menos protexen fronte á radiación UVB (pero cumpren de sobra coa norma).

Oris A126 COL01

  • Prezo: 29,50 euros.
  • Das que menos radiación UVA deixan pasar. Bloquean completamente os raios UVB. As de tipo 3 que mellor aturan o avellentamento prematuro.

Furla SU4621

  • Prezo: 131 euros.
  • Non destacan especialmente en ningún apartado.

Carolina Herrera 212-2388

  • Prezo: 150 euros.
  • Bloquean completamente os raios UVB.

Polaroid 4811

  • Prezo: 71,50 euros.
  • Lente polarizada.