Zonas históricas urbanas: Analizadas 144 rúas das zonas antigas de 18 cidades para comprobar a súa habitabilidade

Os cascos históricos suspenden en servizos e infraestruturas

Só Zaragoza, Valladolid, Pamplona, Madrid e Barcelona acadan un 'ben'. As maiores deficiencias atopáronse na Coruña, en Alacante, Córdoba, Murcia, Oviedo e Valencia
1 Xuño de 2008
Img temap 315

Os cascos históricos suspenden en servizos e infraestruturas

/imgs/20080601/tema-portada.01.jpgO casco histórico dunha cidade é o seu corazón e o seu emblema. Así e todo, os seus residentes non gozan por iso dunha situación privilexiada. Pola contra, é habitual que a vida urbana transcorra de costas a estes enclaves. Escasa dotación de servizos, infraestruturas insuficientes ou problemas de accesibilidade son algúns dos síntomas que CONSUMER EROSKI puido constatar no estudo realizado en 18 capitais españolas.

Os técnicos desta revista visitaron e examinaron oito das rúas máis representativas dos centros antigos de Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Logroño, Zaragoza, Vitoria, Valladolid, A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga e Murcia. En cada unha delas estudouse o seu nivel de habitabilidade, é dicir, se a persoa que reside alí conta coas infraestruturas e equipamentos adecuados para vivir cun mínimo de comodidade e cubrir as súas necesidades máis básicas. A avaliación in situ complementouse cun cuestionario remitido aos concellos (que os de seis cidades rexeitaron contestar). Paralelamente, foron enquisados 1.000 residentes destes centros para coñecermos as súas impresións sobre a zona na que viven.

Segundo se desprende das notas finais do estudo, as zonas vellas non se poden asociar ao paradigma da habitabilidade. A valoración global non pasa dun mediocre ‘aceptable’. As maiores carencias, sancionadas cun rotundo ‘mal’, atopáronse na dotación de servizos (infraestruturas comerciais, de alimentación, educativas, sanitarias, sociais, institucionais, deportivas, esparexemento ou zonas verdes…). Tampouco pasaron do ‘aceptable’ a limpeza e mantemento, mobilidade, accesibilidade e mobiliario urbano.

Por cidades, ningunha supera o ‘ben’. De feito, só cinco acadan esta valoración (Barcelona, Madrid, Pamplona, Valladolid e Zaragoza), mentres que sete quedan no ‘aceptable’ (Bilbao, Granada, Logroño, Málaga, San Sebastián, Sevilla e Vitoria). O resto suspende cun ‘regular’ (A Coruña, Alacante, Córdoba, Murcia, Oviedo e Valencia).

As respostas dos 1.000 veciños dos cascos históricos enquisados por esta revista (100 en Madrid e Barcelona, e 50 no resto das cidades) referendan estas valoracións. Seis de cada dez mostráronse moi críticos coa limpeza da zona, en idéntica proporción denunciaron o descoido e a ausencia de zonas verdes, o 46% considerou que o estado dos inmobles é lamentable e un de cada tres criticou a carencia de servizos.

Máis hostalaría ca zonas infantís ou centros de saúde

Moitas das zonas antigas das cidades convertéronse en meros centros de ocio e diversión durante as fins de semana. Multitude de bares, locais de copas e discotecas (especialmente nas rúas de Bilbao, Málaga, Valencia, Valladolid e Zaragoza) inundan rúas nas que, pola contra, resulta menos sinxelo atopar unha farmacia, unha panadaría, un centro para a terceira idade ou un espazo acondicionado para que xoguen os cativos. De aí a cualificación media de ‘mal’ que se reflicte nas conclusións do estudo. Só Zaragoza e Pamplona eluden o suspenso neste apartado. No lado oposto, as rúas estudadas en Alacante e Córdoba reciben un ‘moi mal’. Os veciños de 138 das 144 rúas analizadas non contan cun centro de saúde próximo. O 66% non dispón tampouco de farmacias nos arredores (fallan sobre todo Alacante e Logroño fronte ás atopadas en sete rúas de Zaragoza).

Boa parte dos cidadáns que viven nos centros históricos teñen máis de 65 anos. Salvo na Coruña, Madrid, Pamplona, San Sebastián, Valencia, Vitoria e Zaragoza, no resto das zonas históricas estudadas os veciños de maior idade deben trasladarse a outros barrios para gozar dos servizos dun centro para a terceira idade. Unha situación similar constatouse cos residentes máis pequenos: só se atopou unha zona de xogos infantís nalgunha das rúas estudadas en Zaragoza, Logroño, Pamplona e Barcelona. Ademais, estes nenos desprázanse cada mañá a outros barrios para asistiren á escola.

Por outra banda, Vitoria é a única cidade que alberga equipamentos culturais na metade, polo menos, das rúas analizadas (en Bilbao, Córdoba e San Sebastián, nin rastro); nin Alacante nin Valencia nin Vitoria dispoñen de sucursais bancarias en ningunha das vías escollidas; Barcelona e mais a capital guipuscoana destacan por contar co maior número de aloxamentos turísticos situados no casco histórico, e só en Zaragoza os técnicos de CONSUMER EROSKI atoparon nas oito rúas elixidas sinais con información turística.
Tamén escasean os quioscos de venda de prensa e revistas (só hai en 23 das 144 rúas examinadas) e os estancos (en unha de cada catro rúas).

Amais do seu papel destacado en equipamento cultural, as oito rúas analizadas no centro antigo da capital alavesa son as que teñen máis zonas verdes (os técnicos da revista observaron espazos verdes para o esparexemento en tres da oito vías vitorianas), e unha das dúas únicas (xunto con Málaga) que conta con aseos públicos. Mentres os malagueños e visitantes deben aboar 0,20 euros para utilizalos, os de Vitoria son gratuítos. Non obstante, o seu estado de limpeza era moi deficiente.

Só na metade das 144 rúas se localizaron establecementos de alimentación. Só se observaron panaderías e carnicerías en catro rúas de Vitoria, en dúas de Pamplona e Zaragoza, e en unha de Barcelona, Bilbao, Logroño, Murcia e Sevilla. Peixerías atopáronse en dúas vías zaragozanas e noutras dúas, repartidas entre Pamplona e Vitoria; e froiterías no mesmo número de rúas de Zaragoza e tamén en dúas da Coruña, Bilbao, Córdoba, Málaga, San Sebastián e Valencia. Para comer, o mellor é achegarse aos numerosos restaurantes que hai nas zonas vellas de Zaragoza, Madrid e San Sebastián.

Pouco mobiliario urbano e mal conservado

O mobiliario urbano é un apartado fundamental que, amais de mellorar a imaxe das cidades, axuda a mantelas limpas. Papeleiras, colectores e sumidoiros evitan o lixo que estraga o pavimento e que xera unha sensación de abandono. Non obstante, estes elementos, ao igual ca árbores e bancos, están moi lonxe de ser abundantes nos cascos antigos. Só Zaragoza obtivo neste caso unha valoración de ‘moi ben’. As maiores deficiencias atopáronse en cidades como A Coruña, Murcia, Oviedo e Valencia, que suspenderon cun ‘regular’.

Nas oito rúas visitadas en Alacante só se atoparon dúas papeleiras, a diferenza das 35 observadas en Zaragoza. A capital aragonesa tamén sobresae entre o resto de cidades en materia de rede de sumidoiros, xa que os 38 que se contaron estaban en perfecto estado e non supuñan un perigo porque estaban ben pechados. Pola contra, dos 40 estudadas en Valencia, máis da metade tiñan algún defecto que os facía inservibles.

O equipamento de bancos e árbores foi un dos apartados nos que suspenderon a maioría das cidades. Como sempre, Zaragoza contaba cun bo número e o seu estado de mantemento era óptimo. De novo, Valencia destacaba negativamente por non ter apenas bancos nin árbores. Ademais, a súa limpeza deixaba moito que desexar.

Para rematar, Zaragoza, Madrid, Alacante, Barcelona, Granada, Valencia e Logroño sobresaen na dotación de fontes de auga potable, ornamentais e de pivotes que separan o tráfico da zona destinada aos peóns. Os técnicos desta revista só viron fontes de auga potable nunha ducia de rúas históricas (tres en Alacante, dúas en Córdoba, Logroño e Valencia, e unha en Vitoria, Granada e Barcelona). As de Valencia, ademais, estaban en mal estado e a metade delas nin funcionaban. No tocante ás fontes ornamentais situadas nestes centros antigos, Málaga e Murcia seguen o ronsel de Valencia: estes elementos decorativos necesitan unha boa sesión de limpeza en ambas as dúas cidades.

Case o 60% das rúas estudadas non dispuñan de sinais ou paneis de situación. En concreto, non se atopou ningún na Coruña, en Bilbao nin en San Sebastián. Dentro dese 40% dos casos que si dispuñan deste tipo de paneis, os de Vitoria supuñan un obstáculo ou risco para o viandante e, ao igual ca os de Málaga, tiñan algún elemento perigoso (fragmentos saíntes sen base no chan ou con esquinas ou arestas).

Limpeza e mantemento de vivendas e pavimento

/imgs/20080601/tema-portada.02.jpg
A limpeza e o mantemento das vivendas e mais do pavimento dos cascos históricos é unha tarefa fundamental para preservar a súa beleza e habitabilidade. Non obstante, os técnicos desta revista observaron o abandono e desleixo que sofren estes lugares en moitas cidades, en especial na zona antiga de Valencia (‘mal’). Nalgunhas das rúas visitadas na Coruña, Logroño, Murcia, Málaga e Vitoria (todas elas reciben un ‘regular’) tamén se atoparon vivendas nun estado de conservación pésimo, ao contrario ca en Pamplona e Zaragoza, onde a maior parte dos inmobles teñen moi bo aspecto. Madrid, Valladolid, Alacante e Sevilla comparten coas dúas anteriores a valoración de ‘ben’.

Na Coruña, a maior parte das fachadas daqueles edificios con síntomas evidentes de abandono estaban ennegrecidas. As atopadas en Málaga tiñan os cables da luz en mal estado ou descolgados, os canos estaban rotos e as fachadas sufrían humidades. Nas rúas visitadas en Murcia observáronse portas de portais deterioradas e tellas rotas a punto de caer, así como outros elementos nos balcóns que poderían desprenderse en calquera momento.

Ademais, no 30% dos casos estudados no informe atopáronse soares abandonados, aínda que a maior parte deles non resultaban un perigo e estaban correctamente valados. Non obstante, de novo Málaga volve destacar polo lixo e polo soar sen valado que se visitou.

No tocante ao pavimento, o seu estado era deficiente nalgunhas vías de Valencia, Málaga e Murcia. Pola contra, en Pamplona e Sevilla as rúas atopábanse nun estado óptimo e sen elementos (como lixo, grava, area, etc.) que representasen un risco para o viandante. Con todo, no 22% das rúas estudadas o pavimento era esvaradío e en ningunha delas se observou algún sinal que o indicase para evitar caídas.

Mobilidade: escaseza de paradas de autobús ou de taxi

A mellora das conexións entre o casco antigo e o resto de zonas é unha das tarefas pendentes en moitas cidades, aínda que as diferenzas entre as 18 analizadas son notables: do ‘moi ben’ de Zaragoza ou do ‘ben’ de Pamplona, Valladolid, Madrid, Málaga e Barcelona, aos suspensos de Valencia, Oviedo, Murcia ou ao ‘regular’ da Coruña. O resto recibiu un ‘aceptable’.

A prioridade nos cascos históricos das cidades correspóndelle ao peón. Das 144 rúas estudadas, 89 eran de uso exclusivo para os viandantes. Isto explicaría que no 86% non se atopasen paradas de autobuses, e só nun 5% se atopasen de taxis. Ningunha das rúas estudadas dispuña de carril-bici e só o 6% contaba con aparcadeiro para bicis (son Barcelona, Córdoba, Pamplona, Sevilla, Valladolid e Zaragoza).

Un dos problemas máis salientables na sociedade actual é a falta de aparcamentos nas cidades. Só unha de cada dúas rúas non peonís estudadas dispuña de aparcamentos. As carencias agudizábanse en Alacante, Córdoba, Valencia e Vitoria, xa que ademais ningunha delas contaba con aparcadoiros subterráneos alternativos.

A sinalización das 55 vías transitables tampouco era a desexada, posto que case unha de cada tres non estaban equipadas co necesario sinal do sentido de circulación (as peores: Alacante, Córdoba, Málaga e Vitoria), e no 86% dos casos nin sequera se indicaba a velocidade máxima permitida (de novo, fallaban Alacante, Córdoba, Granada, Málaga, Oviedo, Sevilla, Valencia, Valladolid e Vitoria). Para rematar, as rúas transitables analizadas suspendían en accesibilidade, posto que o 77% delas non contaban con prazas para persoas con algún tipo de minusvalidez.

En materia de accesibilidade, ningunha das 144 rúas incluídas no informe dispuñan de ningún sistema mecánico para axudar aos peóns a salvar os posibles desniveis. Só se atoparon ramplas mecánicas nunha rúa de Vitoria. Malia a estar en funcionamento, a ter varandas de cristal ou chapa metálica a xeito de protección e a contar con carteis de sinalización, o seu estado de limpeza e mantemento non pode pasar por bo (había cristais rotos, lixo, pintadas…).

As rúas estudadas en Madrid e Valladolid son as que teñen os bordos máis altos, mentres que as beirarrúas de Córdoba son as máis estreitas, polo que non poden cruzar dúas persoas ao mesmo tempo.

Só dispuñan de xardíns once das 144 rúas visitadas (en Alacante, Granada, Vitoria, Madrid, Pamplona e Valencia) e en ningunha das rúas visitadas na Coruña, Bilbao e San Sebastián se atopou nin unha soa árbore (estas dúas últimas cidades, ao igual ca Vitoria, tampouco dispoñen de xardineiras nestas rúas, como acontece en Pamplona, Murcia e Granada). Árbores non faltaban nas rúas visitadas en Valencia, pero o seu estado de conservación e limpeza, ao igual ca o da metade das súas xardineiras, era deficiente.

Os residentes, críticos co estado dos cascos históricos

/imgs/20080601/tema-portada.03.jpg
CONSUMER EROSKI quixo coñecer de primeira man a opinión dos residentes sobre os cascos históricos nos que viven e desenvolven boa parte do seu día a día. Foron enquisadas 1.000 persoas (100 en Madrid e Barcelona, 50 no resto de capitais visitadas). Na visión destas cidades predominan máis as sombras ca as luces, en especial nos apartados de limpeza, conservación de inmobles, dotación de servizos e zonas verdes. De feito, a nota media que lle conceden a estas zonas é, nunha valoración de cero a dez, dun conciso 6. Os máis satisfeitos, os enquisados en Pamplona (8 puntos sobre 10), Logroño, Murcia, Oviedo, Valladolid e Bilbao (todos eles con 7 puntos sobre dez). Os máis descontentos, os de Barcelona e Sevilla (4 puntos):

  • Limpeza: O 61% dos 1.000 enquisados suspenderon a limpeza do seu casco histórico cun ‘regular’ ou cun ‘mal’. Os motivos foron tres: “límpase con pouca frecuencia”,”hai moitas pintadas, carteis e todo tipo de danos”; e “todo está moi porco e cheira moi mal”.
  • Servizos: Un de cada tres veciños consultados queixáronse da dotación de servizos dos cascos históricos. En Vitoria (o 54% das persoas preguntadas) e en Granada (un 65%) amosáronse especialmente descontentos.
  • Mobilidade e accesibilidade: O 41% dos enquisados afirmou que as rúas nas que viven non son accesibles para persoas con algún tipo de minusvalidez ou maiores.
  • Seguridade: Certas rúas ou zonas dos cascos antigos das cidades convertéronse nun foco de delincuencia. De aí que moitos veciños, tanto destes barrios históricos coma doutras partes das cidades, aludan á inseguridade destas rúas. Entre os máis descontentos: os residentes na zona vella de Barcelona, Vitoria, Córdoba e Sevilla. Os máis confiados: granadinos e valisoletanos.
  • Rehabilitación integral: A metade dos enquisados considera necesaria unha reforma dos cascos históricos. Os máis satisfeitos co estado actual das rúas nas que viven: os residentes en San Sebastián e Valladolid; zaragozanos e alacantinos son os máis críticos. Postos a facer reformas, as porcentaxes apenas varían pero destacan os que apostan por mellorar rúas e vivendas.

Comparando con outras zonas da cidade: Os enquisados amósanse en xeral pouco satisfeitos dos resultados da comparación entre o seu barrio e o resto de zonas da cidade na que viven:

  1. Servizos: Polo menos a metade dos residentes preguntados considera que está igual ca outras zonas da cidade, pero un 30% opina que a dotación de infraestruturas é peor na zona vella.
  2. Vivendas: Un 46% considera que o estado das súas casas é lamentable, en especial os malagueños, alacantinos, coruñeses e zaragozanos.
  3. Rúas: A maioría asegura que o estado das rúas é similar ao do resto de vías da súa cidade.
  4. Limpeza: Para un de cada dous veciños consultados, a limpeza e o mantemento das rúas nas que viven apenas se distinguen das doutros barrios. Agora ben, un 30% afirma que o desleixo é maior no centro histórico. Os de Oviedo son os que menos se queixan neste apartado.
  5. Accesi- bilidad e: Un 48% defende que a accesibilidade nestas zonas é mala, sobre todo en Alacante e Granada.
  6. Zonas verdes: Seis de cada dez enquisados critican que a dotación de zonas verdes é peor no casco histórico.

O casco antigo ideal

O centro histórico non só debe ser un escenario preparado para os turistas. As persoas que residen nas rúas máis antigas da cidade deberían ser a prioridade nos seus proxectos de recuperación. Por iso, o casco antigo ideal tería que dispor de:

  • Oficinas administrativas: É beneficioso que o cidadán perciba que entre a Administración e el se establece unha relación próxima e que o casco antigo tamén é importante.
  • Centros de saúde e farmacias: Trátase dun servizo fundamental para que o residente no casco histórico conte cun mínimo de calidade de vida e non teña que facer as súas xestións médicas no outro lado da cidade.
  • Centros para a terceira idade: O avellentamento da poboación é xeral, pero aínda maior nos cascos históricos.
  • Centros educativos, de lecer, culturais e bibliotecas municipais: A dimensión cultural e educativa xoga un papel moi importante para dinamizar e cohesionar a vida do casco antigo.
  • Zonas verdes e parques infantís: Ao igual ca no resto da cidade, os espazos públicos de reunión melloran a calidade de vida na cidade.
  • Rúas peonís: Fomentan a vida social nas rúas do barrio.
  • Mobilidade: Os veciños do casco histórico deben dispor de paradas de autobús, tranvía ou metro que os leven ao lugar da cidade que precisen. Ademais, para fomentar o transporte sostible é conveniente instalar aparcadoiros de bicis.
  • Vivendas e pavimento en bo estado: O casco histórico de moitas cidades conserva vellas construcións e pavimento que precisan ser rehabilitados.
  • Mobiliario urbano: Ao igual ca noutros barrios da cidade, un casco antigo precisa de farois que proporcionen a necesaria iluminación, papeleiras que axuden a conservar en bo estado as rúas, pivotes ou morróns que separen o tráfico (se a rúa non é peonil) dos viandantes, bancos…
  • Limpeza: Os cascos históricos deben ter papeleiras, colectores de recollida selectiva de lixo e os equipos de limpeza deben limpar a zona con regularidade.
  • Accesi- bilidad e: O máis habitual é que as estruturas dos cascos históricos sexan irregulares, con ramplas e escaleiras inaccesibles para persoas maiores ou con algún tipo de minusvalidez. Por iso, o Goberno municipal debe instalar sistemas (ramplas ou escaleiras mecánicas e ascensores) que lle permitan a esta parte da poboación salvar este tipo de obstáculos.

Os cascos históricos, cidade por cidade e táboa comparativa

  • A CORUÑA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.04.jpgValoración: REGULAR
    • O mellor: Acada unha valoración positiva no apartado de mobilidade e accesibilidade nestas vías da parte histórica da cidade.
    • O peor: A ausencia dos servizos máis básicos para os seus residentes e o mal estado de mantemento dos seus edificios. O Concello é inaccesible.
  • ALACANTE:
    • /imgs/20080601/tema-portada.05.jpgValoración: REGULAR
    • O mellor: O mantemento das súas rúas e edificios. É das poucas que conta con xardíns nesta zona e, ademais, permanecen ben coidados.
    • O peor: A que menos servizos para o residente ofrece (nin sequera un pequeno establecemento de alimentación nas oito rúas visitadas). Só se viron dúas papeleiras e nas rúas non peonís non había case prazas de aparcamento.
  • BARCELONA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.06.jpgValoración: BEN
    • O mellor: Sinalización de paradas de transporte público próximas: un punto positivo no apartado de mobilidade, accesibilidade e mobiliario urbano do casco antigo.
    • O peor: Só se atopou unha zona de xogos infantís nas oito rúas e apenas se atoparon establecementos de alimentación.
  • BILBAO:
    • /imgs/20080601/tema-portada.07.jpgValoración: ACEPTABLE
    • O mellor: A conservación dos edificios, a maioría sen indicios de desleixo e moitos deles rehabilitados. Ademais, sobresae por ser unha das zonas comerciais máis activas e por ter paradas de transporte urbano moi próximas.
    • O peor: A axitación nocturna, e non só as fins de semana. En ningunha das oito rúas visitadas se atopou un centro educativo nin unha árbore.
  • CÓRDOBA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.08.jpgValoración: REGULAR
    • O mellor: Unha das poucas cidades con aparcadoiro para bicis no casco antigo. Ademais, todas as bicicletas se atopaban estacionadas neles.
    • O peor: A escasa dotación de servizos (tales como comercios de alimentación ou espazos culturais). Ademais, todas as obras (tanto en rúas coma en edificios) observadas carecían dos pertinentes valados para garantir a seguridade dos usuarios da vía.
  • GRANADA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.09.jpgValoración: ACEPTABLE
    • O mellor: A mobilidade e accesibilidade. Os veciños das rúas peonís (sete das oito estudadas) case non teñen que aturar o tráfico.
    • O peor: A maioría dos morróns e pivotes destas rúas estaban tirados no chan ou desprendidos da base.
  • LOGROÑO:
    • /imgs/20080601/tema-portada.10.jpgValoración: ACEPTABLE
    • O mellor: Boa dotación de mobiliario urbano, en especial, fontes de auga potable e ornamentais.
    • O peor: Limpeza mellorable das súas rúas.
  • MADRID:
    • /imgs/20080601/tema-portada.11.jpgValoración: BEN
    • O mellor: É unha das poucas capitais que ten centro de saúde ou espazo de reunión para persoas da terceira idade nestas rúas antigas.
    • O peor: O importante volume de tráfico que sofren as oito rúas analizadas.
  • MÁLAGA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.12.jpgValoración: ACEPTABLE
    • O mellor: Unha das dúas cidades, xunto con Vitoria, que dispón de aseos públicos nestas rúas e que, ademais, os mantén en bo estado de limpeza. Boa dotación de mobiliario urbano.
    • O peor: O desleixo en labores de limpeza das rúas (pavimentos porcos e soares abandonados), amais das humidades, canos rotos ou cables da luz descolgados polas fachadas. Abundancia de bares de copas e discotecas.
  • MURCIA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.13.jpgValoración: REGULAR
    • O mellor: A mobilidade e accesibilidade.
    • O peor: Equipamento en servizos escaso, monumentos porcos, pavimento en mal estado e perigoso para os viandantes.
  • OVIEDO:
    • /imgs/20080601/tema-portada.14.jpgValoración: REGULAR
    • O mellor: A limpeza das súas rúas.
    • O peor: Atopáronse coches estacionados en zonas prohibidas e o 20% dos vehículos de repartición observados estaban a circular ou aparcados en zona peonil fóra das horas de carga e descarga.
  • PAMPLONA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.15.jpgValoración: BEN
    • O mellor: Unha das cidades con maior número e variedade de servizos e equipamentos para os que viven alí. Ademais, os inmobles locen un estado de mantemento moi bo.
    • O peor: Aínda que acada o aprobado, a mobilidade e accesibilidade é o apartado máis mellorable.
  • SAN SEBASTIÁN:
    • /imgs/20080601/tema-portada.16.jpgValoración: ACEPTABLE
    • O mellor: O bo estado de mantemento das súas vivendas e do seu pavimento (sen fochas, pozas, etc.).
    • O peor: Máis orientado cara ao turista CA cara ao residente.
  • SEVILLA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.17.jpgValoración: ACEPTABLE
    • O mellor: a limpeza e o mantemento das rúas e dos edificios.
    • O peor: Deficiente equipamento comercial das súas rúas. Non se viron centros para a terceira idade nin tampouco parques infantís.
  • VALENCIA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.18.jpgValoración: REGULAR
    • O mellor: Boa dotación de comercios para poder realizar as compras diarias sen saír do barrio.
    • O peor: O seu deficiente estado de limpeza e mantemento. Suspende tanto no estado do pavimento (había lixo e elementos perigosos) como no das vivendas (observáronse moitas pintadas e carteis).
  • VALLADOLID:
    • /imgs/20080601/tema-portada.19.jpgValoración: BEN
    • O mellor: Boa limpeza e mantemento do seu barrio antigo. Boa dotación de mobiliario urbano (papeleiras, farois e rede de sumidoiros).
    • O peor: Excesiva presenza de locais de copas, restaurantes e discotecas.
  • VITORIA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.20.jpgValoración: ACEPTABLE
    • O mellor: A liña de autobuses urbanos destinada unicamente para moverse polas rúas do casco antigo da cidade.
    • O peor: Sobreabundancia de bares de copas e discotecas, que non axudan a mellorar a habitabilidade nin a manter as súas rúas limpas.
  • ZARAGOZA:
    • /imgs/20080601/tema-portada.21.jpgValoración: BEN
    • O mellor: Un dos poucos barrios antigos analizados equipado convenientemente con papeleiras, bancos, árbores e fontes (de auga potable e ornamentais), elementos que axudan a manter as rúas limpas e habitables.
    • O peor: Malia ter un casco histórico envexable, Zaragoza debe mellorar no apartado de ‘servizos’. Abundan os bares de copas e discotecas.