Mochilas escolares con rodas

Cumpren a súa función, pero con diferencias

CONSUMER analizou 7 mostras de carromochilas, ou mochilas con rodas, aínda que unha delas (Mickey) non debe cualificarse como mochila xa que non dispón de tirantes e só se pode utilizar como carro
1 Setembro de 2000

Cumpren a súa función, pero con diferencias

Estudiáronse as súas características de composición e construcción e a información que ofrecen na etiquetaxe. Ademais, someteuse ás sete mostras a diversas probas de resistencia. Tendo en conta os resultados globais, a mellor relación calidade-prezo é Pepsi, a máis barata e con bos resultados aínda que en resistencia ó desgarro é unha das peores (en calquera caso, aprobou tamén nese apartado). De todos modos, Jaimarc e Head son as dúas mellores carromochilas analizadas. Busquets (a máis cara) tamén quedou entre as mellores aínda que a súa resistencia á tracción é só aceptable. É a de construcción máis completa e práctica: presenta reforzada toda a área das costas, a asa é extraíble e os soportes inferiores son metálicos. Mickey (4.595 pesetas), pola súa parte, é algo inferior ás anteriores pero as súas prestacións foron correctas. Safta (5.200 pesetas), e máis acusadamente Brinco (6.450 pesetas), cunhas rodas que se dobraban, comportáronse moito peor que as demais na proba de carga.

En xeral, responden ás expectativas se ben debe facerse consta-la excepción das dúas carromochilas que fallaron na proba de resistencia á carga: Brinco e Safta.

Han ser moi resistentes

Unha carromochila debe soporta-las idas e vindas ó colexio frecuentemente con máis peso do que están deseñadas para soportar. E por verse, ademais, sometidas a un trato non moi delicado (arrástranse, golpéanse, sóbense e baixan ó bus ou ó coche, déixanse en calquera lado…) devén esencial que resulten moi resistentes: deben dura-lo maior tempo posible en boas condicións. Co obxectivo de comprobar este extremo, someteuse ás sete carromochilas a diversas probas de resistencia. A primeira consiste nun ensaio que mide a resistencia que demostran ante o desgarro o tecido co que están fabricadas. Os valores rexistrados variaron moito.

A menos resistente foi Pepsi (só soportou 17,5 Newton de forza), e seguiulle Mickey. Pero ambas valoráronse como aceptables neste apartado. Brinco, Busquets e Safta obteñen unha boa cualificación aínda que foron Jaimarc e Head (aguantou 87 Newton, catro veces máis ca Pepsi) as que mellor superaron a proba.

Tampouco é estraño que un bolígrafo, unha grampadora, un compás, unha tesoira ou calquera útil escolar acabe furando a mochila. Sometéronse no laboratorio a unha simulación da resistencia do tecido á perforación por un obxecto punzante. Volve destacar Head como a máis resistente. Séguelle de cerca Pepsi, e tras elas Jaimarc, Brinco, e Busquets, as tres boas ante a perforación. Mickey e Safta son só aceptables neste aspecto.

Tirantes, asa, cremalleiras e rodas, puntos febles

A carromochila, co uso, tende a romperse polas cremalleiras, cando non son os tirantes os que se descosen ou rompen. Nunha proba de resistencia destas pezas comprobouse cánta forza soportaban antes de romperse. O valor aceptable foi estimado en 130 Newton (unidade de forza) para os tirantes e 260 Newton para as cremalleiras. Tódalas mostras superaron estas forzas, aínda que con diferencias. Destaca Pepsi, con valores moi bos tanto en tirantes como en cremalleiras. Head é a que maior resistencia presenta na cremalleira e ofrece un bo nivel nos tirantes. Tamén aguantan satisfactoriamente estes dous elementos en Jaimarc. Pola súa parte, Brinco, Mickey e Safta teñen as cremalleiras que menos aguantan, aínda que a súa resistencia á forza se entendeu aceptable. Por contra, os tirantes de Brinco e Safta si son resistentes (Mickey carece deles). En Busquets, a cremalleira é moi resistente pero non así os seus tirantes aínda que se atopen dentro do aceptable.

E, cómo non, con frecuencia as mochilas van máis cargadas do adecuado e rodas e tirantes sofren o exceso de peso. Realizouse un ensaio cargando as mochilas con 25 quilos (máis do dobre da carga recomendable para estas carromochilas) e observando a resistencia das partes críticas: asa, tirantes e rodas. Ningunha acusou problemas na asa ou nos tirantes. Sen embargo, en Brinco as rodas quedaron dobradas e en Safta a rodada non era uniforme. As demais non manifestaron problemas. Polo tanto, Safta e Brinco non superaron a proba de sobrecarga. Aproveitémo-la ocasión para comentar que a principal víctima do sobrepeso non é a mochila, senón o lombo do usuario que, cargado con pesos desmedidos, pode ocasionar molestias e mesmo lesións.

Baixo a chuvia e a calor, sen problemas

As sete mostras sometéronse a un ensaio técnico de simulación de chuvia que se usa para analizar mochilas de monte. Mantivéronse durante dúas horas baixo unha idéntica dose de “chuvia” a un elevado nivel de atmosferas de presión. Ningún tecido calou, aínda que se introduciu algo de auga polas costuras e bolsos en tódalas mostras. Tendo en conta a dureza da proba e o uso para o que están deseñadas estas carromochilas, os resultados consideráronse satisfactorios en tódolos casos. Ademais, sometéronse a unha temperatura de 70 graos centígrados durante 4 horas co fin de comproba-lo seu comportamento fronte á calor, e ningunha se deformou, polo que todas superaron con ben o exame.

Con protección, máis cómodas e seguras

A armazón da mochila é de goma espuma en Safta, Busquets, Jaimarc e Brinco, e de plástico ríxido en Pepsi, Head, e Mickey. Entendeuse como mellor a armazón de goma espuma por resultar máis confortable para o usuario que leva a mochila nas costas.

Un detalle importante no confort do manexo deste producto é o reforzo das mochilas na zona dos riles.

A mellor é Busquets, que presenta reforzada a zona dos riles e nas costas. A peor é Mickey, sen reforzo ningún. O resto ten reforzada só a zona dos riles. Ademais dos tirantes e do mango para leva-la mochila como se dun carriño se tratara e libera-las costas deste cometido, agás Pepsi e Brinco, as carromochilas dispoñían dunha asa na zona superior. E (excepto Mickey) dispoñen de tirantes axustables para a función mochila. Na parte inferior, ademais das rodas, todas contan cuns soportes que permiten mante-la mochila en posición vertical. Salvo en Busquets (de metal), estes soportes son de plástico. Busquets é, ademais, a única na que o sistema de tiro (o mango) é facilmente extraíble, polo que pode quedar exclusivamente como mochila. Por outro lado, todas presentaban un correcto acabado e sen defectos apreciables. En resumo, en canto a construcción e características físicas destaca Busquets (a máis cara) polo reforzo nas costas, o mango extraíble e o soporte inferior metálico.

Os materiais exteriores destas carromochilas son, en xeral, unha mestura de plástico e fibras sintéticas: nailon e PVC (en Safta e Mickey), poliéster e PVC (en Brinco e Busquets), poliéster plastificado en Jaimarc, nailon plastificado en Head, e poliéster en Pepsi. As dimensións son similares, cunha altura de entre 40 e 45 centímetros e unha anchura de 30 a 33 centímetros. E a profundidade varía entre 13 e 20 centímetros. A capacidade pola súa parte, varía entre os 17 litros das máis pequenas (Safta, Busquets, e Head) e os 27 litros de Brinco. Mickey, Pepsi e Jaimarc teñen unha capacidade intermedia: entre 22 e 24 litros.

En canto á seguridade, valorouse (de acordo á norma europea EN 071/1), a seguridade de bordos, xuntas, fixacións, elementos ríxidos e pregables. Aspecto importante este, ó tratarse dun producto que vai estar en mans de nenos e mozos, que tódalas mostras cumpren perfectamente.

Etiquetaxe, correcta

A norma de etiquetaxe que corresponde a este artigo é a de productos industriais vendidos ó consumidor final. Non ten lexislación específica (como si a teñen os alimentos, cosméticos e téxtil), e a etiquetaxe das carromochilas debe indicar, como mínimo, a denominación do producto e a identidade (nome e dirección) do fabricante, importador, ou vendedor. Ademais, a norma indica que en determinados casos debe sinalarse a composición (cando a aptitude ó consumo dependa dos materiais empregados na fabricación, ou sexa unha característica determinante da calidade, eficacia ou seguridade do producto), o prazo recomendado de uso e as instruccións de uso, mantemento e seguridade (cando esta información sexa necesaria para un uso correcto e seguro do producto). Nas carromochilas, a información requirida é: denominación e identificación do fabricante. Non parece que a composición sexa determinante para a calidade ou seguridade deste producto. E o resto de apartados non serían de aplicación. Tódalas carromochilas indican os datos do fabricante pero Safta, Head, e Pepsi non sinalan a denominación do producto. Algunhas proporcionan información adicional: Safta, Mickey e Busquets indican a composición dos seus materiais e facilitan instruccións de mantemento, e Safta proporciona instruccións de montaxe.

En síntese

En síntese

  • Analizáronse seis carromochilas para estudiantes e unha (Mickey) que é só carro, ó non te-los tirantes que proporcionan a función mochila.
  • Os prezos variaban entre as 2.995 pesetas de Pepsi e as 8.775 pesetas de Busquets.
  • Comparáronse as súas características de composición e construcción. E mediuse, con ensaios de laboratorio, a resistencia ó desgarro, á perforación, á sobrecarga, á humidade e á calor, á tracción en tirantes e cremalleira, a comodidade para o usuario…
  • Todas satisfán as expectativas, pero Brinco e Safta soportan moito menos peso cás demais. As de mellor calidade global son Jaimarc, Head e Busquets.
  • A armazón de goma espuma (só en Safta, Busquets, Jaimarc e Brinco) proporciona comodidade cando se leva a mochila ás costas. Busquets ten reforzado, ademais da zona dos riles, todo o lombo.
  • En construcción e características físicas destaca Busquets (a máis cara) polo reforzo das costas, o mango extraíble, e o soporte inferior metálico.
  • Pepsi (a máis barata) é una boa carromochila e a mellor relación calidade-prezo das comparadas.

Un a un

Mochilas con rodas, unha a unha

Pepsi (Weelsesason S.L)

  • 2.995 pesetas, a máis barata e a mellor relación calidade-prezo. Capacidade: 24 litros, unha das máis grandes.
  • A menos resistente ó desgarro (aínda que a valoración foi de “aceptable” neste apartado) e soporta ben as perforacións.
  • Cremalleira e tirantes, os máis fortes. A armazón é de plástico ríxido, o que resta comodidade. Carece de asa na parte superior.

Head

  • 4.750 pesetas. Capacidade: 17 litros, das máis pequenas. Unha das dúas mellores.
  • A máis resistente ó desgarro e á perforación. A súa cremalleira e tirantes soportaron moi ben as probas.
  • A armazón é de plástico ríxido, menos cómodo que o de goma espuma.

Jaimarc

  • Custa 5.750 pesetas. Capacidade: 22 litros, intermedia. É unha das dúas mellores en calidade global.
  • Tirantes e cremalleira con bos resultados nas probas de resistencia. Armazón de goma espuma: máis comodidade.

Busquets

  • 8.775 pesetas, a máis cara. Capacidade: 17 litros, una de las máis pequenas. A de mellor construcción.
  • Conta con reforzo de goma espuma en todo o lombo. A única con mango extraíble e soporte inferior metálico (máis resistente).
  • A súa cremalleira é moi resistente, pero podería mellora-la dos seus tirantes.

Mickey

  • 4.595 pesetas. Capacidade: 24 litros, unha das máis grandes. Única que carece de tirantes, polo que non pode utilizarse como mochila.
  • Non é moi resistente ó desgarro, pero aguanta ben a rotura por obxectos punzantes. Sen reforzo para a zona dos riles.
  • A armazón é de plástico ríxido: pouco cómoda.

Safta

  • 5.200 pesetas. Capacidade: 17 litros, unha das máis pequenas. A menor resistencia a perforacións con obxectos punzantes.
  • E as cremalleiras menos resistentes. A armazón é de goma espuma: máis cómoda para levala ás costas.
  • Na proba de sobrecarga, a rodada non era uniforme.

Brinco

  • 6.450 pesetas, a segunda máis cara. Capacidade: 27 litros, a maior. Aguantou ben as probas de resistencia, pero podería mellora-las cremalleiras.
  • Carece de asa na parte superior. A súa armazón é de goma espuma, aínda que só na parte dos riles.
  • Na proba de sobrecarga, a peor: dobráronselle as rodas.