Os animais esixen coidados e atencións que non sempre lles damos
Os animais póñennos en contacto directo cun ser vivo rico único e irrepetible en necesidades, apetencias, gracias e todo tipo de detalles. Ademais, con frecuencia, os animais domésticos inducen a pasear a persoas pouco predispostas a facelo, e mesmo poden constituírse en valiosa axuda para quen padece problemas psicolóxicos ou longas enfermidades. Transmiten un efecto tranquilizante e, segundo actuais investigacións, coa súa presencia producen en certas persoas unha diminución na presión arterial e no nivel de ansiedade.
“Son unha gozada” exclamaría convencido o neno ó que acaban de regala-lo ansiado e solicitadísimo cadelo, pero ¿como nos portamos coas nosas mascotas? ¿Alimentámolas e mantémolas adecuadamente, levámolas periodicamente ó veterinario, proporcionámoslles un espacio e un tempo suficiente para a súa diversión e relacións con outros animais da súa especie…? Mediante unha enquisa a nivel nacional a 626 persoas que posúen unha ou varias mascotas, CONSUMER achegouse ás actitudes e comportamentos dos que posúen animais de compañía, tanto nas grandes cidades (Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia e Bilbao) como en urbes medianas (Pamplona, A Coruña, Santander, Badaxoz, Xaén…), pequenas (Aranda de Duero, Calpe, Chipiona, ou Éibar), e en pequenas poboacións (como Agurain, Arévalo ou Carboneras) e mesmo en varios lugares de menos de 2.000 habitantes, como Quel (A Rioxa) ou Mayorga (Valladolid). Non é esta, a de ónde reside o propietario dun animal de compañía, unha cuestión intranscendente. Ó contrario: ó longo de toda a enquisa compróbase que, en xeral, nas grandes cidades os donos das mascotas son máis escrupulosos coa alimentación e co coidado sanitario dos animais, mentres que este esmero decrece conforme o fai o número de habitantes da localidade. Dous exemplos para esta aseveración: se, de media, só un 4% dos propietarios dun can carecen da cartilla sanitaria correspondente, esta proporción triplícase, chegando ó 12% nas poboacións de menos de 2.000 habitantes. E o segundo: se nas grandes cidades só o 27% dos enquisados dá frecuentemente ó seu can restos de comida (segundo os expertos, é mellor alimentalos exclusivamente con pensos), a proporción dispárase ata o 64% cando estes viven nunha poboación pequena.
O animal de compañía preferido segue sendo, sen dúbida, o can (posuíano o 56% dos enquisados), seguido dos paxaros (25%) e o gato (22%). Nas grandes cidades proliferan, respecto a núcleos urbanos máis pequenos (nos que case son inexistentes), tartarugas, hámsteres, cobaias e especies exóticas como a iguana e o esquío. O control sanitario que exerce sobre o animal o seu propietario difire moito segundo a mascota de que se trate e de ónde resida co seu dono (na cidade ou nun lugar pequeno). En concreto, os cans cóidanse moito mellor cós gatos: tan só o 4% dos donos de cans non posúen cartilla sanitaria do seu can, fronte ó 39% de propietarios de gatos que admiten non contar con esa cartilla. A proporción de gatos sen cartilla elévase ata o 67% nos lugares pequenos. Algo similar sucede coas vacinas. Entre quen posúe gatos, sete de cada dez vacínanos, pero en localidades con menos de 2.000 habitantes só tres de cada dez cumpren con esa medida preventiva tan recomendable. Os cans son vacinados maioritariamente: en máis do 90% dos casos, pero esta porcentaxe descende notablemente nas pequenas localidades.
Cómo son alimentadas as mascotas
A maioría dos propietarios de gatos (84%) danlles pensos preparados, a mellor maneira de alimentalos, xa que conteñen todo o que nutritivamente necesitan e afórranlles os moi diversos problemas que lles causa a inxestión de sobras da nosa comida. Estes pensos son menos utilizados nas localidades pequenas, aínda que tamén están moi estendidos nelas (61%), se ben é onde máis sobras de comida se dan ós gatos. O mesmo ocorre cos cans: un 83% dos enquisados di que alimenta o seu can con pensos, consumo que está moi implantado en cidades e en pequenas localidades (algo menos). Agora ben, os donos de cans que habitan en grandes cidades facilítanlles sobras de comida en só un 27% dos casos, mentres que nas pequenas localidades esta proporción alcanza o 64%.
Outra conclusión é que o can é o animal máis caro de manter: de media, máis de cinco mil pesetas ó mes. Séguelle o gato, que sae a unhas 3.300 pesetas. E a tartaruga é a máis barata: 615 pesetas ó mes. Por outro lado, este pasado verán amigos e familiares foron o recurso máis común para os que viaxaron e non levaron o seu animal de compañía. A outra alternativa máis habitual foi deixa-lo can (20% dos casos) ou o gato (36%) só na casa. O recurso a centros especializados que acollen e atenden a animais de compañía (cun custo aproximado de 1.000 pesetas o día) é aínda moi minoritario: 4% en cans e 1% en gatos.
Ben aceptados na casa
A metade dos entrevistados por CONSUMER asegura, por outra parte, que no espacio onde reside non contan con suficientes espacios verdes para o paseo e esparexemento dos seus cans. E só unha cuarta parte afirman que o seu animal de compañía lles xera problemas no seu fogar. Os máis comúns son estragos no mobiliario, sucidade e diminución da liberdade persoal. Outro dato interesante: a muller encárgase de atender a diario a mascota familiar en dobre proporción que o home.
Esta enquisa, por último, detectou algúns hábitos incorrectos entre propietarios de mascotas. Vexamos algúns: un 25% dos que teñen aves instala a gaiola na cociña, o lugar menos adecuado. A metade dos que posúen un hámster ou unha cobaia non lle facilita unhas pedras para que poida roer e evitar así o crecemento desproporcionado dos seus dentes. E un 32% dos que teñen peixes recoñece que nalgunha ocasión estes padeceron fungos, o que indica falta de hixiene no acuario.
O número de cans sen rexistrar no concello da localidade onde residen os seus donos (o 46% dos enquisados) supera ó dos que están censados (o 41%), o que indica que as autoridades municipais non controlan a un bo número de cans, nin, por suposto, conta con información sobre as razas á que pertencen. E iso ocorre a pesar de que practicamente ningún dos propietarios de cans enquisados discuta a necesidade e a obrigatoriedade legal de rexistra-los cans, e de que un 2% deles recoñece que o seu can está cualificado de perigoso. Por outro lado, só un 31% asegura que o seu can porta un microchip electrónico coa súa identificación. O uso deste sistema está máis xeneralizado nas grandes cidades (53%) ca nas localidades pequenas (9%). A obrigatoriedade deste microchip varía segundo comunidades autónomas, pero a súa utilización garante o rexistro do animal no concello correspondente. O veterinario que coloca o microchip electrónico ó can transmite as súas características ó concello. O prezo medio deste microchip é de 4.562 pesetas.
Ós municipios correspóndelle-la elaboración dun censo municipal de cans, coa finalidade de controlar e localizar cada animal. Porque son os concellos os que se encargan de retirar da circulación os animais extraviados ou abandonados para que non representen un perigo para outros animais nin para os veciños. A autoridade municipal poderá confiscalos cando existan indicios de maltrato ou tortura, e ordena-lo seu illamento se se lles diagnostica algunha enfermidade transmisible ó home. Tamén ten a potestade de emitir unhas taxas pola tenencia e goce de mascotas co fin de obter recursos para sufraga-los servicios municipais destinados ós animais domésticos.
O can, a mascota preferida
Máis da metade das persoas que posúen un animal doméstico teñen un can como mascota. A segunda especie con máis adeptos son os paxaros (o 25% dos enquisados) e o terceiro posto ocúpano os gatos (22%). Os cans e os gatos son, con moita diferencia, os animais máis frecuentes en poboacións pequenas. O resto de mascotas (hámsteres e cobaias, especies exóticas e tartaruga) son case exclusivas de familias que viven en urbes máis poboadas.
Por outro lado, o 64% das persoas entrevistadas ten un só animal, mentres que o 16% conta con dous e o 7% con tres. Pero é moi común que as mascotas dun fogar sexan da mesma especie: só o 12% dos que posúen mascotas goza de dúas especies diferentes de animais e só un 3% chega a ter tres. O gato sen pedigree é o máis abundante entre os amantes dos felinos (un 50%), seguido do siamés (32%) e o persa (12%). Entre os cans, tamén os que carecen de pureza de raza demostrable predominan (33%), seguidos do pastor alemán (10%). As razas consideradas perigosas, como dogo, presa mallorquino, doberman e o rotwailler, a penas representan o 2% do total de cans no noso país, segundo os datos da enquisa de CONSUMER.
Xa noutra especie, o canario é o rei das aves (49%), diante do periquito (27%), o loro (6%) e o xílgaro (4,5%). Máis da terceira parte das persoas que teñen un acuario descoñece a qué especie pertencen os seus exemplares. Entre os que contestaron, un 17% aseguraron que posuían peixes de auga fría, mentres que un 24% eran de auga quente. Por outro lado, dous de cada tres propietarios de tartarugas aseguraron que a súa especie é de auga, mentres que un 25% dixeron que era de terra.
Deixa-la mascota nunha residencia, unha rareza Os amigos e familiares son o recurso máis habitual entre os que desexan ir de viaxe e non levan a súa mascota (70% no caso das persoas con cans e 48% nas que teñen gatos). A outra alternativa máis común é deixa-lo can só na casa (20%), o mesmo que cos gatos (o 36%). Esta segunda opción é a máis habitual nos que viven en localidades pequenas, mentres que a primeira é a favorita dos habitantes das grandes urbes. Agora ben, dos que deixan soa a súa mascota, o 10% faino coa tranquilidade de que alguén pasará pola casa na súa ausencia. A opción das residencias para mascotas está moi pouco estendida, e é algo máis frecuente nos cans (4%) ca nos gatos (1%). O seu uso é case exclusivo, en ambos casos, dos donos de mascotas que viven en grandes cidades. Viaxar con mascota
O Código de Circulación establece que os animais non viaxarán no asento dianteiro do coche. Farano só no traseiro e cunha protección que impida o paso á parte dianteira. Pero segundo o medio de transporte, pode varia-la norma. Só os cans-guía poden acompañar sempre o seu propietario. Os autobuses, metro e trens de proximidades teñen prohibido o acceso de animais, coas excepcións que o conductor ou revisor determinen baixo a súa propia responsabilidade. En trens de longo percorrido e barcos, están permitidos os animais de compañía, pero deben viaxar no departamento de equipaxes e no interior dunha gaiola especial para eles. Cada empresa de transporte é máis ou menos tolerante cos animais de pequeno tamaño (menos de cinco quilogramos) e pode permitir que estes acompañen o propietario no seu asento, pero o revisor ten a potestade de anular este privilexio. O avión é o medio que maior aceptación mostra ante as mascotas de pequena talla, e as de maior peso deberán facturarse coa equipaxe. O responsable da aeronave terá, en caso de dúbida, a última palabra e decidirá se o animal viaxa co seu dono ou debe ir na bodega coa equipaxe. A UE esixe, para a circulación dos animais de compañía entre os diversos países comunitarios, a cartilla sanitaria co certificado de vacinación antirrábica, o certificado oficial de saúde en calquera dos idiomas oficiais e a identificación por un dos métodos que recoñece a UE: tatuaxe ou chip.
Con só un can, que non é de raza e sae a 5.000 pesetas ó mes
No noso país, o propietario máis habitual dun animal de compañía responde ó seguinte perfil: – Posúe un can que non é de raza – Gasta en manutención e atención sanitaria unhas 5.000 pesetas ó mes – Considera que nas cidades non hai espacios verdes suficientes para paseo e esparexemento do seu can – Se pensa ir de vacacións sen o seu can, prescinde das residencias para mascotas e opta por deixalo ó coidado de amigos ou familiares, ou só na casa – Coida ben do seu can: a inmensa maioría ten a súa propia cartilla sanitaria e é vacinado cando o require – Aliméntao con pensos, aínda que en localidades pequenas recórrese moito ás sobras de comida – Quen o atende diariamente é unha muller duns 40-50 anos – En xeral, está satisfeito do seu animal de compañía, pero se tivera que queixarse de algo mencionaría os estragos no mobiliario, a sucidade que xera na vivenda e a diminución de liberdade persoal que entraña a súa atención.
Cuando adquiera un animal de compañía…
- Esixa a factura
- Solicite garantías. A garantía é a responsabilidade adquirida polo vendedor fronte ás posibles anomalías ou defectos ocultos do animal. Deben garantirlle que a mascota está libre de enfermidades hereditarias ou de orixe infecciosa durante un período de tempo prudencial: de dez a quince días para enfermidades infecto-contaxiosas e de por vida para os defectos hereditarios. Pode esixir unha indemnización ou rescindi-lo contrato de compravenda no caso de adquirir un cachorro enfermo, pois a súa intención era a compra dun animal en perfecto estado de saúde. As garantías que lle ofrecen deben constar por escrito, preferiblemente na mesma factura.
- Ollo co pedigree. O certificado de orixes é un documento emitido pola Real Sociedade Central de Fomento das Razas Caninas, no que figuran os ascendentes do animal, identificando os seus pais, avós e bisavós, tanto paternos como maternos. Acredita tamén a súa calidade xenética. Se lle están vendendo (e cobrando) un can ou gato como de pura raza, que o demostren.
- A cartilla sanitaria, en regra. É un documento individualizado para cada animal, cumprimentado por un veterinario. Deben figurar, nel, tódalas súas vacinas e as incidencias relevantes do seu historial clínico ata o mesmo momento da súa venda. Calquera omisión ou defecto de forma na súa cumprimentación, invalídaa, e o carné perde todo o seu valor.
- Todos estes documentos son papel mollado se o animal non ten unha identificación ou marca inequívoca que o distinga e o determine como único e singular. Non hai certeza de que a documentación que nos entrega o vendedor pertenza ó animal que desexamos comprar se eses documentos describen moi vagamente o animal e este responde de igual modo á descrición da cartilla.
Cómo se-lo mellor amigo da nosa mascota e dos nosos veciños: dez regras
- Vixíe ónde fan as súas necesidades e, no seu caso, retíreas.
- Non a abandone en vacacións nin a deixe en mans de persoas que non gusten dos animais.
- Non leve o can solto pola rúa. Algunhas persoas téñenlle medo. E, ademais, poden provocar accidentes ou perderse.
- Non todo é alimentación e coidado sanitario: intente que a súa mascota se divirta, que o pase ben. Gústalles moito xogar con outros animais da súa mesma especie. Procure que isto ocorra.
- Procure non acudir a festas ou reunións coa súa mascota; non é un ambiente adecuado.
- Evite que ladre ou miañe sen motivo. A moitas persoas, estes ruídos resúltanlles molestos.
- Non regale cachorros impulsivamente. E se se trata dunha mascota para un neno, hai que pedir permiso previamente ós pais.
- Non compre un animal sen pensalo cando menos dúas veces. A súa atención correcta require esforzos, tempo, dedicación e algúns cartos. Valóreo (todo xunto) antes de decidir.
- Non o alimente con restos de comida. Os pensos preparados son unha alternativa moito mellor, aínda que saian máis caros.
- Leve un rigoroso control de vacinación e atención veterinaria, se o seu animal o require.
Ficha Técnica i táboa comparativa
- O obxectivo deste informe era sondar cómo viven os animais de compañía no noso país e cómo se comportan respecto a eles os seus propietarios
- Realizáronse 626 enquisas telefónicas a persoas que teñen na súa casa un animal doméstico. Técnicos de CONSUMER entrevistáronos seguindo un cuestionario elaborado tras consultas a veterinarios e especialistas en diversas especies animais.
- Realizáronse enquisas en localidades de máis de 250.000 habitantes (Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla e Bilbao), de entre 50.000 e 250.000 habitantes (A Coruña, Santander, Pamplona, Albacete, Badaxoz, Xaén, Lorca, Ciudad Real, Xirona e Tarragona; de 10.000 a 50.000 habitantes: Calpe (Alicante), Aranda de Duero (Burgos), Chipiona (Cádiz), Burriana (Castellón), Lucena (Córdoba), Éibar, Huesca, Bembibre (León), Pinto (Madrid) e Llanes (Asturias); de 2.000 a 10.000 habitantes: Agurain (Álava), Carboneras (Almería), Arévalo (Avila), Santa Margalida (Baleares), Casar de Cáceres (Cáceres), Quintanar del Rey (Cuenca), Huescar (Granada), Cabanillas del Campo (Guadalaxara), Alonso (Huelva) e Mollerusa (Lleida); e de menos de 2.000 habitantes: Quel (A Rioxa), Pedrafita do Cebreiro (Lugo), Cortegada (Ourense), Alar del Rey (Palencia), Cantalpino (Salamanca), Cabezuela (Segovia), Cabrejas del Pinar (Soria), Albarracín (Teruel), Camuñas (Toledo) e Mayorga (Valladolid).
- As entrevistas realizáronse entre o 24 e o 25 de xuño de 2000.
- A mostra estatística recolleu un total de 745 animais nas 626 enquisas realizadas que se agrupan así por especies: cans (351), paxaros (156), gatos (139), peixes (41), tartarugas (31), hámsteres (13), animais exóticos (11) e cobaias (3).