Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.
Maternidade a partir dos 35 anos : Máis meditada e responsable, pero non exenta de perigos
O momento da maternidade pódese elixir. A muller dispón desde hai algúns anos de medios para decidir cándo nacerán os seus fillos. A tendencia actual é inequívoca: a chegada dos descendentes posponse
Se nos setenta as mulleres tiñan o seu primeiro fillo na vintena, hoxe é cada vez máis habitual que a muller estree a súa maternidade ben entrada na trintena. A incorporación da muller ó mercado de traballo, con todo o que iso supón -prolonga-la súa educación académica e asentarse, despois, na súa profesión- é a principal razón deste fenómeno. Pero o efecto contrario, o desemprego e a conseguinte imposibilidade de afronta-los gastos que traen consigo os fillos, atópase tamén entre os motivos que explican o atraso na maternidade. As consecuencias evidentes desta tendencia son o descenso no número de fillos, a dificultade da muller para concibir a partir de certa idade e a maior posibilidade de complicacións no embarazo.
O 11% das parellas españolas teñen o seu primeiro fillo cando a muller xa cumpriu os 35 anos. O principal factor que explica este fenómeno é a incorporación da muller ó mercado de traballo, incorporación que non se viu acompañada de cambios estructurais que axuden á muller a compaxinar profesión e tarefas familiares.
As claves do fenómeno
Ademais, o período educacional das mulleres prolongouse para facilita-lo seu acceso ó mercado laboral e, como consecuencia, a estabilidade laboral que ansían para ser nais chega máis tarde, co que o primeiro fillo se atrasa. Ó pospoñe-lo nacemento do primeiro fillo, téñense menos. Ademais, a maternidade a partir dos 30-35 anos vívese de maneira diferente; é máis responsable, son fillos máis desexados e froito dunha decisión máis meditada. Pero en ocasións edúcase a estes fillos de maneira máis permisiva e téndese a sobreprotexelos e a darlles todo o que piden. Ademais, persiste unha concepción da maternidade moi tradicional, polo que os pais, a miúdo, séntense culpables do pouco tempo que poden dedicar ós seus fillos e tratan de compensalo convertendo os nenos nos reis da casa, o que repercute negativamente na súa formación.
Paxinación dentro deste contido
- Non hai ningunha páxina anterior
- Estás na páxina: [Páx. 1 de 3]
- Ir á páxina seguinte Os perigos de pospoñe-la maternidade »