Maletas pequenas de viaxe, con rodas

As caras non son mellores

Analizáronse 8 maletas de viaxe trollei, ou tipo executivo, de pequeno tamaño, con rodas e tirador para unha maior comodidade de desprazamento e cunha capacidade de entre 23 e 30 litros.
1 Maio de 2001

As caras non son mellores

Analizáronse 8 maletas de viaxe trollei, ou tipo executivo, de pequeno tamaño, con rodas e tirador para unha maior comodidade de desprazamento e cunha capacidade de entre 23 e 30 litros. Os prezos oscilaban entre as 7.000 pesetas de Kelkos e Zanni e as 4.000 pesetas de Valisa. O laboratorio realizou diversas probas para contrasta-la calidade e durabilidade: por unha banda, a resistencia de rodas, asas e pechadura, e por outra, a resistencia á perforación, ás caídas, a destinxir e á chuvia. Ademais, comprobouse o tipo de peche (con ou sen cadeado), de tirador (integrado e/ou regulable), a existencia e cantidade de bolsos e o acabado dos materiais.

A principal conclusión é que só dúas, Gabol e Zanni, superaron o exame na súa totalidade. O resto fallaron nas probas de resistencia. De tódolos xeitos, os resultados poden considerarse aceptables para este producto, xa que en tódalas mostras o sistema de rodaxe (agás en John Travel), a solidez do tecido e a resistencia das pechaduras e asas foron satisfactorios. A deficiencia máis común -fallaron cinco das oito maletas- foi a de resistencia ás caídas (unha proba esixente, hai que dicir), xa que se produciron algunhas roturas: entre outras, do tirador, do soporte da roda e do protector lateral.

Tamén se comprobou que os sistemas de peche lle proporcionan pouca seguridade ó usuario, xa que se abren facilmente. Outro ámbito de mellora é a etiquetaxe: tres das oito maletas non informan de qué material están fabricadas, co que incumpren a normativa vixente para estes productos.

A mellor é Zanni (unha das dúas máis caras, 7.000 pesetas), pero a mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Gabol (boa calidade e a segunda máis barata, 4.300 pesetas).

Peso e capacidade

O peso destas maletas de viaxe variou entre os 3,2 quilos da máis lixeira (Gabol) ata os 4,1 quilos da máis pesada (Zanni). Unha diferencia pouco relevante, tratándose de maletas que se transportan sobre rodas. Entre as máis liviás figuran tamén John Travel e Yensal, mentres que Valisa e Rodelle superan os 3,8 quilos. No tocante á capacidade, as maiores son Valisa e Kelkos, con 30 litros, seguidas de Zanni e Gabol (28 litros). Nunha posición intermedia sitúase John Travel, con 26 litros. As de menor capacidade son Rodelle, CD e Yensal, as tres con menos de 25 litros.

As rodas e o sistema de tiro

Para maior comodidade do usuario, convén que o sistema de tiro destas maletas estea integrado na súa estructura. Só Yensal, John Travel e Rodelle non teñen o tirador integrado. En Kelkos e Gabol o tirador é, ademais, regulable, o que incide positivamente na súa ergonomía de uso. Pero en Yensal o mecanismo que regula o tirador non funcionaba correctamente, ó non fixa-las súas posicións. Para medi-la resistencia das rodas cargouse cada maleta cun peso superior ó que transportan en condicións normais de uso (uns 10 quilos) e recorreuse con elas unha distancia de 250 metros sobre unha superficie irregular. De seguido, comprobouse se se producía rotura ou desgaste irregular das rodas ou se había desprendementos do eixe. A solidez das rodas e a propia rodadura foron correctas, agás na maleta John Travel: non se produciron roturas, pero a superficie de contacto das rodas non quedou uniforme trala proba, xa que só contactaba co chan a parte interior das rodas.

Para avalia-la resistencia das asas para transporte vertical e horizontal (nas mostras que tiñan este tipo de asa) sometéronse as asas a unha carga estática de 10 quilos durante 6 horas. Tódalas maletas acadaron un bo resultado, do que se conclúe que as asas son resistentes. Comprobouse tamén a resistencia ó uso de cada pechadura mediante un ensaio de fatiga. Todas superaron a proba.

Resistencia ó destinxido e á chuvia

Comprobouse a resistencia ó destinxido dos tecidos interior e exterior con auga, alcohol e acetona. En Rodelle e Valisa destinxiu lixeiramente o tecido interior cando se impregnou de alcohol e acetona. O tecido exterior comportouse correctamente en tódolos casos. As outras seis maletas non presentaron problemas neste ensaio.

Por outra banda, sometéronse as oito maletas a un arco de chuvia (3.5 bares de presión) durante 30 minutos. Trátase dunha proba demasiado esixente para un producto tan convencional coma este, pero moi útil para compara-lo comportamento de cada maleta ante a chuvia. Só Rodelle e Valisa aguantaron media hora sen que a auga penetrase no seu interior. Nas maletas Kelkos e Zanni a auga entrou cando transcorreran 15 minutos de irrigación. As de Yensal, CD e Gabol aguantaron 10 minutos e John Travel, a peor nesta proba, só aturou 5 minutos sen se mollar por dentro.

Falta información nas etiquetas

A etiquetaxe destes productos está regulada polo RD 1468/1988 de productos industriais destinados á venda directa ós consumidores e usuarios e pola Orde do 15 de febreiro de 1990 que regula a etiquetaxe informativa de marroquinería e artigos de viaxe. A información que deben ofrecer estas maletas é a súa composición e a identificación do fabricante ou importador. A norma di que serán obrigatorias as instruccións de uso e mantemento se son precisas para un uso correcto e seguro do producto. Non semella ser este o caso, por resultaren estas maletas bastante elementais na súa utilización.

O importante é que CD, Rodelle e Zanni non informan da composición dos materiais cos que se fabricou a maleta. O resto indicaban toda a información requirida.

Elementos e acabados falan da calidade

As pechaduras son do tipo “cadeado con chave”, e en seis maletas comprobouse que eran de moi doada apertura, xa que se podían abrir cun arame ou coas chaves doutras maletas. A excepción constitúena Zanni e Kelkos, que esixen o coñecemento dunha combinación para a apertura, no primeiro caso da pechadura e no segundo do cadeado. Estes dous modelos son os únicos cun peche que lle proporciona un mínimo de seguridade ó usuario da maleta.

Por outra banda, todas contan con bolsos exteriores. A maioría ten un ou dous. As máis xenerosas, con seis bolsos, son Rodelle (catro na parte frontal e dous na lateral) e CD, con catro laterais, un frontal e outro posterior, estes dous últimos con cremalleira.

No tocante ás patas para o apoio horizontal das maletas, CD, Rodelle e Valisa son as únicas que non as posúen, aínda que Valisa presenta na súa zona lateral uns pequenos reforzos de goma. CD, pola súa banda, non está deseñada para ser transportada en sentido horizontal, xa que non dispón de asa nesa posición. Rodelle si ten asa para leva-la maleta horizontalmente.

Todas presentan un revestimento de tea, gomas elásticas para a suxeición do xénero que se transporta e algún bolso interior. Yensal, Kelkos, Rodelle e Gabol tiñan un acolchado ou prancha semirríxida para protexeren o contido das presións das barras de tiro.

A valoración do acabado é boa nestas catro mostras, e tan só regular en Valisa, xa que soamente conta con revestimento téxtil no fondo, e nos laterais o plástico está ó descuberto. Nas outras tres maletas, o acabado pode considerarse aceptable.

Resistencia á perforación e ós golpes

Para establece-lo grao de posibilidade de que un obxecto punxente fure as maletas, realizouse unha proba de perforación cun dinamómetro, efectuando tres medidas nas zonas presumiblemente máis débiles do tecido. A maleta máis resistente é Zanni, seguida de Kelkos e Valisa. As menos resistentes á perforación foron Gabol e CD, aínda que os técnicos de laboratorio consideraron aceptable este valor, por ser semellante ó dunha mochila. Polo tanto, as oito son resistentes abondo á perforación por un obxecto punxente.

Para avalia-la solidez das maletas, o seu comportamento ante os golpes que acaban recibindo ó longo da súa vida en uso, sometéronse a varios tipos de caída: unha libre de 5 metros nunha escaleira; unha caída vertical desde 0,5 metros para proba-la resistencia das rodas; unha desde 2 metros desde a parte frontal e a traseira da maleta. E, para rematar, deixáronse caer de lado, tamén desde 2 metros. Todas estas probas se realizaron cunha carga de 10 quilos no interior de cada maleta. O mellor comportamento tivérono John Travel, Gabol e Zanni, que non sufriron estrago ningún tras esta esixente proba de resistencia. En Yensal, na caída sobre a parte frontal e traseira produciuse unha rotura no mecanismo que estende e prega o tirador, pero este mecanismo continuabafuncionando correctamente. En CD, na caída sobre o lateral rompeu o soporte plástico dunha roda, pero sen que isto chegase a afectar ó funcionamento da roda. En Kelkos unicamente se produce unha pequena rachadura da tea pola costura (que afecta só á estética) na caída sobre o lateral. En Rodelle, na caída libre desde 5 metros produciuse unha pequena rotura no soporte plástico dunha roda. E na caída sobre o lateral, a rotura total do soporte plástico da outra roda. Pero, malia a estas continxencias, a rodadura continuaba correcta.

Para rematar, en Valisa, na caída libre romperon os protectores laterais de plástico na zona das rodas. E na caída sobre o lateral rompeu a suxeición inferior do soporte dunha roda. Pero ningunha destas roturas afectaban ó funcionamento das rodas. En resumo, as rupturas dos ensaios de resistencia á caída non afectan ó funcionamento das maletas, polo que a súa solidez é en tódolos casos aceptable. En John Travel, Gabol e Zanni mesmo se pode cualificar de satisfactoria.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • En todas, o sistema de rodaxe (agás en John Travel), a solidez do tecido e a resistencia da pechadura e asas foron satisfactorios.
  • A deficiencia máis común -fallaron cinco maletas- foi a de resistencia ás caídas. Pero era unha proba moi dura para este tipo de maletas.
  • Os sistemas de peche case non proporcionan seguridade, xa que seis maletas se abren moi facilmente.
  • Tres das oito maletas estudiadas incumpren a norma de etiquetaxe: non informan de qué material están fabricadas.
  • Zanni (7.000 pta) e Gabol (4.300 pta) son as mellores. Zanni ten un tecido máis resistente e é máis impermeable, pero Gabol (a mellor relación calidade-prezo neste comparativo) é tamén boa, cumpre nesas prestacións e sae moito máis barata.

Un a un

Unha por unha, oito maletas

Gabol

  • 4.300 pta, a segunda máis barata. A mellor relación calidade-prezo. Boa calidade xeral (só Zanni é globalmente mellor), superou satisfactoriamente tódalas probas de resistencia.
  • Bo acabado do interior. Capacidade: 28 litros, unha das de maior tamaño. E das menos pesadas: 3,22 quilos.

Zanni

  • 7.000 pta, unha das dúas máis caras. A de mellor calidade, superou satisfactoriamente tódalas probas de resistencia.
  • É a máis pesada (máis de 4 quilos), pero tamén a de maior capacidade, 30 litros.
  • Pechadura segura, de combinación. A de tecido máis resistente á perforación.

Yensal

  • 5.000 pta. Ben nas probas, agás na resistencia á caída: rompeu o plástico do tirador.
  • A de menos capacidade (23 litros). Bo acabado do interior. O tirador non é integrado e non funciona o regulador.
  • Na resistencia á perforación do tecido foi unha das peores, aínda que se estimou suficiente.

Valisa

  • 4.000 pta, a máis barata. Unha das de maior capacidade, con 30 litros. Destinxe algo no interior, pero é unha das máis
    impermeables.
  • Na proba de caída sofre roturas no protector lateral e no soporte das rodas, pero segue funcionando. Boa resistencia do tecido á perforación.
  • O peor acabado do interior, aínda que non é malo.

CD

  • 5.995 pta. Unha das máis pequenas, con só 24 litros de capacidade. Peso intermedio: 3,4 quilos.
  • Tirador integrado. Ben en tódalas probas, non sendo na caída lateral: rotura do soporte da roda.
  • Unha das menores resistencias á perforación, aínda que abonda.

Kelkos

  • 7.000 pta, unha das dúas máis caras. E das de maior capacidade (30 litros).
  • Segura: cadeado con combinación. Mando integrado e regulable. Boa resistencia do tecido á perforación.
  • Na proba de caída lateral, rachadura na costura da tea. Bo acabado do interior.

John Travel

  • 4.990 pta. Capacidade: 26 litros. Unha das máis lixeiras, con 3,25 quilos.
  • É a única que falla na proba de rodadura. A de menor resistencia á chuvia, pero bos resultados na resistencia ás caídas e á perforación.

Rodelle

  • 6.990 pta. Capacidade, das menores: 24 litros. Das máis pesadas, case 4 quilos. Tirador non integrado nin regulable.
  • Moi boa impermeabilidade. Destinxe algo o tecido interior. Na proba de caída libre rompeu o soporte da roda. Bo acabado interior.